Habitat Grup Baix Emporda

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

VIDA MARIÑEIRA TRADICIONAL GALEGA : OS PAPEIS DA MULLER E DO HOME

O papel da muller dentro da pesca

O papel tradicional da muller na sociedade mariñeira é variado: non fai falla nin dicir que cumpría coas tarefas tradicionais que se lle ten outorgado á muller, isto é, criadora dos fillos e responsable da súa educación e administradora da casa.

Outra función típica da muller era o da venda do peixe. En canto o barco chegaba ó porto os mariñeiros descargábano e, dende ese momento, desentendíanse del. Era a muller quen tiña que vendelo, ben en lonxas, ben indo de aldea en aldea para trocalo por cartos ou productos agrícolas. Isto convertíaa na dona dos cartos. Tamén da despensa. O home só interviña se se trataba de compras maiores (a casa, unha horta...) ou cando se trataba da compra de aparellos para a pesca.

PuertoCoa chegada dos cataláns e dos almacéns da salga a muller vai adquirir un novo papel, entrando a traballar como empregada, sobre todo nos oficios de espichadora ou de estivadora. Hoxe en día conforman un importante papel como man de obra nas conserveiras.

As atadeiras: o traballo de atadeira ou redeira é un dos de máis peso da muller do litoral de Galicia. A súa función é a de compoñer novas redes ou a de arranxar aquelas que chegan rotas ó porto polo seu uso.

A súa grande habilidade é a de saber manexar rapidamente as agullas para adianta-lo máximo posible á hora de traballar cos panos das redes. Estes estaban feitos sobre de liño, cánabo, algodón ou ticum.

Pero non só era ese o seu traballo, tamén se encargaban do duro traballo de pisa-la casca para lle dar tinta ás redes. Este era un labor que se realizaba nos píos dos cascadoiros e que tiña por obxecto obter unha tinta que se botaba en auga a ferver. Logo, no resultante, somerxíanse as redes, de fibras naturais, para que quedasen protexidas fronte ó efecto abrasivo da auga do mar


O papel do home dentro da pesca

Dende neno, e xa nos seus xogos, o home que nace nunha vila do litoral galego vaise ir preparando para a vida que lle agarda: saltando dende as gamelas, iniciándose na pesca nos peiraos, xogando con barquiños de madeira ou familiarizándose co mundo dos barcos, as artes e resto dos aparellos mariñeiros.

O rapaz do barco: dende os 7-8 anos comeza a enrolarse e pasa a formar parte da tripulación do barco. O seu traballo era variado e, dende logo, moi duro: limpalo, levar leña para a cociña, aprovisionalo de patacas. Era o criado do resto da tripulación. Como pagamento o único que recibía era a aprendizaxe do oficio e o dereito de pescar para si. Segundo ía mellorando no seu coñecemento pasaría a pescar para a comunidade, participando entón no reparto de ganancias. Íaselle subindo conforme progresaba ata que xa, por decisión colectiva, pasaba á categoría de mariñeiro.

O patrón: para selo non só facía falla ser un bo mariñeiro, senón tamén había que te-los medios económicos suficientes para mercar un barco. Tamén era imprescindible que tivera coñecementos sobre a superficie dos fondos mariños, indispensable para coñecer onde pescar cada tipo de peixe ou saber dos mellores sitios para a pesca. Para isto necesitaban unha moi boa memoria ou recorrer ós derroteiros. Ademais, valorábase moito ter dotes de mando, saber levar con seguridade a tripulación, os aparellos e o propio buque, ou ser xusto cos mariñeiros ó seu cargo.

O mariñeiro: Ser mariñeiro implica un coñecemento total do traballo no barco. O seu traballo no mar varía segundo o tipo de peixe ó que se estivera indo. Pero, ademais da actividade a bordo, debería colaborar en traballos que se teñen que facer en terra: limpeza dos aparellos, arranxo das redes (semellante ó feito polas atadeiras) ou transporte destas do barco ás tendedeiras e viceversa. A súa máxima aspiración dentro da escala social era chegar a ser dono do seu propio buque, ou o que é o mesmo: ser patrón.

Cando o barco chegaba a porto o primeiro que se facía era apartar unha certa cantidade de peixe ó que se chamaba "o peixe de comer". O reparto era responsabilidade do patrón e cada tripulante podería vendelo ou levalo para a súa casa. O resto vendíase polas canles normais de comercialización.

Reparto das ganancias: o día do reparto das ganancias era sábado ou domingo. Facíanse ben nunha taberna, ben na casa do patrón. Na pesca traballábase "á parte", é dicir, cóbrase unha parte da pesca recollida. Para iso, fanse dúas partes: unha chamada "monte maior", que é para os gastos do barco, e outra chamada "monte menor", que é para os tripulantes. Este monte menor repartíase en partes, ada unha denominada "quiñón", segundo o número de mariñeiros e as partes que cobraba cada un variaban segundo cada porto.

 

Fonte de información: www.crtvg.es