Reparación inversores tensión energia solar Valencia

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

?memoria de Manuela Via? (1929-2013)

VALENT? PAZ ANDRADE

LEMBRANZA NO D? DAS LETRAS GALEGAS (17 DE MAIO DE 2012)

Anxo S. Porto Ucha

Raquel V?quez Ramil


Valentín Paz Andrade naceu o 23 de abril de 1898 no barrio do Socorro da parroquia de Lérez (Pontevedra). Cando o pequeno Valentín abriu os ollos por primeira vez, España afrontaba a guerra contra os Estados Unidos e a perda das últimas colonias, Cuba e Filipinas. O 98 foi o ano do "Desastre", o ano da humillación de España, o ano da pena. Por tanto, Valentín naceu nun momento axitado, revolto, aínda que Lérez era daquela un lugar tranquilo, a sombra do fastoso mosteiro de San Bieito, onde noutro tempo encontraron acougo Benito Feijoo e o padre Sarmiento.
Foron os pais de Valentín Francisco Paz Cochón, concelleiro de Pontevedra, e Matilde Andrade Tojeiro. O matrimonio tivo tres fillas máis: Matilde, Carmen e Castora, que morreu moi nova. Valentín sufriu a primeira e fondamente dolorosa perda da súa vida coa morte da súa nai, Matilde, en 1906. Moitos anos despois recordaba o pasamento con sentidas palabras:

A morte de miña nai foi a primeira desdita que os fados xogaron contra mín… Un primeiro de decembro, cando un reló de pé que trouxeran do convento daba as doce da noite, miña nai convertíase en lembranza viva. Ou naquela sombra que mesmo hoxe, ás veces, sinto mexerse á miña veira (1).

Paz Andrade criarase nun ambiente de clase media acomodada, entre o mundo rural de Lérez e o aire urbano de Pontevedra, protexido polas tías paternas, que o coidaban con desvelo e querían consagralo a vida eclesiástica, aínda que o xove Valentín amosou moi cedo a vontade de estudar e integrarse plenamente no mundo. Foi a súa primeira mestra Dolores Cimadevila, casada co seu tío Xoán Bautista Andrade (2 ), home que deixou fonda pegada en Valentín, o orientou cara a literatura e marcou definitivamente a súa traxectoria presentándolle a Castelao en 1916.
Tras cursar estudos na academia Balmes e no instituto de segunda ensinanza de Pontevedra, Paz Andrade trasládase a Santiago para cursar a carreira de Dereito, se ben as súas tías, sempre preocupadas polo porvir do "vinculeiro" teimaban en que estudase Mediciña. Cando chega a cidade do apóstolo, en 1917, está agromando o movemento nacionalista animado polas Irmandades da Fala. Valentín, da man de Castelao, participa na II Asemblea Nacionalista Galega e é nomeado presidente do Grupo Autonomista Galego de Estudantes, cuxo lema será o logo famoso slogan "Terra a Nosa".

Nesta época establece estreitas relación con Antón Vilar Ponte, Losada Diéguez, Rafael Dieste, Camilo Díaz Baliño, Xoán Vicente Viqueira… as figuras máis senlleiras do galeguismo do primeiro terzo do século XX (3). Valentín está lonxe dos estudantes "calavera" descritos con tanto éxito por Pérez Lugín na súa novela La casa de la Troya (4) e vólcase nos estudios e no periodismo, colaborando nos periódicos de Pontevedra La Correspondencia Gallega e Alma Galaica, e a partir de 1920 en A Nosa Terra, órgano de expresión das Irmandades da Fala dirixido por Vilar Ponte.

Valentin Paz Andrade


Fig. 1.- Ilustración propagandística realizada por Castelao para promocionar o xornal Galicia.

En 1921 Paz Andrade remata a carreira de Dereito e comeza a exercer a avogacía en Pontevedra, sendo o seu primeiro caso a defensa dun caso de homicidio na Audiencia de Pontevedra. Pero case de inmediato Valentín é chamado a filas (5) e embarca en Vigo como soldado de cota con destino á fronte de África, desde onde envía crónicas de guerra ó xornal coruñés El Noroeste. En febreiro de 1922 é repatriado á península por enfermidade: e trasladado primeiro a Murcia e, logo, a Vigo e A Coruña, onde afonda as súas relacións cos irmáns Villar Ponte e os membros das Irmandades da Fala; a experiencia no exército deixará fonda pegada nel e será o tema dunha novela aínda inédita, Soldado da morte. Paz Andrade, tras a experiencia africana, coida que non basta coas páxinas de A Nosa Terra nin co pulo de Nós e emprégase a fondo para crear un novo medio de expresión, o xornal Galicia, financiado polo cónsul honorario de Chile na Coruña Ernesto Cádiz Vargas; o primeiro número saíu á rúa o 25 de xullo de 1922 (6). O xornal deu cabida a numerosos artigos en galego e contou, de forma esporádica ou permanente cun importante grupo de colaboradores; e así, a publicación viu nacer varias series gráficas e literarias de Castelao como Cousas da Vida, Os Homes, Os Cegos, Retrincos, as Lerias de Vicente Risco, crónicas de Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Antón e Ramón Vilar Ponte ou Luís Ksado (7).

A censura de prensa imposta pola Ditadura de Primo de Rivera a partir de 1923 mediatizou a vida do xornal, causándolle non poucos desgustos a Paz Andrade, que soportou multas (algunhas redimidas por subscrición popular entre as xentes de Vigo) e arrestos. Aínda así, até o seu peche definitivo o 17 de setembro de 1926, o xornal destacou como órgano de expresión do nacionalismo galego e canle de liberdades. Tras a aventura periodística Paz Andrade volcouse na súa profesión de avogado, facéndose cargo do asesoramento da Sociedade de Armadores de Bouzas La Marítima, tarefa que compaxinou a partir de 1927 ca coordinación da revista quincenal Industrias Pesqueras, patrocinada polo industrial vigués José Barreras Massó. Nesta época Paz Andrade vencéllase cada vez máis ao mundo da pesca, que consideraba eixo de progreso de Galiza, como manifesta no seu libro Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema, publicado en 1928.
En 1930, tras a retirada de Primo de Rivera, as Irmandades da Fala e os galeguistas vigueses, animados por Paz Andrade, inician unha intensa actividade de mitins e propaganda en defensa da identidade nacional galega. O 25 de xullo de 1930 Paz Andrade pronunciou un famoso discurso no Teatro García Barbón de Vigo, titulado "A nosa definición autonomista", no que clamaba:

Nós vimos a construír unha nova Galicia, que sexa como espello da súa propia esencia étnica. Queremos unha Galicia autónoma, señora de si mesma, que sexa oficialmente o que ela é naturalmente (8).

En agosto de 1930 constitúese en Vigo o Grupo Autonomista Galego, presidido por Paz Andrade. Tras a proclamación da Segunda República en abril de 1931, o Grupo intégrase no Partido Galeguista de Pontevedra. Nas eleccións de xuño de 1931 preséntase como candidato a deputado nas listas galeguistas, xunto a Castelao e Ramón Cabanillas, pero solo o primeiro acadou a acta. Cando Castelao foi confinado en Badaxoz, en 1934, pediulle a Paz Andrade que o substituíra na secretaría xeral do Partido Galeguista, pero Valentín declinou a oferta, alegando a súa dedicación a avogacía e as súas clases na Escola Superior de Traballo de Vigo. Aínda mantendo os fortes lazos fraternais con Castelao, Paz Andrade comeza a afastarse do núcleo do galeguismo político para centrarse na súa profesión de avogado e no impulso da industria pesqueira.

En febreiro de 1936 Paz Andrade presentouse as eleccións na Candidatura Republicana de Centro, acompañando a Portela Valladares, mentres que Castelao presentouse polo Partido Galeguista. Paz Andrade non acadou a acta de deputado por Pontevedra, pero o seu xesto significou a baixa efectiva no Partido Galeguista, afín á Fronte Popular. Pouco despois, o 18 de xullo de 1936 prodúcese o alzamento. Valentín pasa os días no seu bufete de Vigo ata que a principios do mes de setembro é desterrado a Verín, onde sufre un frustrado atentado de matóns falanxistas; ao pouco tempo a autoridade gobernativa o traslada a Requeixo de Queixa (Ourense), nos lindes con Zamora, onde experimenta un fondo illamento plasmado no seu libro de poemas Cen chaves de sombra (1937); máis levadeiros serán os desterros subseguintes en Castro Caldelas e en Proba de Trives, onde coñece a Pilar Rodríguez Prada, con quen casará en Ourense en decembro de 1939, tras voltar do máis duro desterro, o sufrido en Villanueva de la Serena (Badaxoz). Proba do seu sufrimento no páramo estremeño son versos como os de "Exilio de fogo":

 

Se me deran a escoller
antre un prendimento e outro,
eu escoller escollera
a cadea no chan noso.
Serena de Extremadura,
non teu exilio de fogo .(9)

 

O 4 de outubro de 1940 naceu en Vigo o único fillo do matrimonio Paz-Andrade Rodríguez, Alfonso Valentín. A familia instálase nun piso da rúa Policarpo Sanz 22, onde Valentín establece o seu bufete de avogado e a partir de 1942 asume a dirección da revista Industrias Pesqueras (10), que non abandonará ata a súa morte, se ben nalgunha ocasión viuse obrigado a firmar os seus artigos con seudónimos: M., Xan Quinto ou Mareiro.

O 7 de xaneiro de 1950 morre Castelao en Buenos Aires, sen volver á súa terra; días despois Paz Andrade publica no xornal La noche de Santiago un sentido artigo en memoria do seu amigo, "Castelao, el hombre y el artista". A morte de Castelao será a inspiración do seu libro de poemas Pranto matricial, publicado en Buenos Aires en 1955, no que plasma a dor pola perda do mestre-amigo:

 

Na matricial Galiza, sempre túa,
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte,
cando ti volvas polo mare… (11)


En xullo de 1950 fúndase a editorial Galaxia en Santiago, sendo Paz Andrade un dos primeiros accionistas. Tras a etapa viguesa dos anos corenta, os cincuenta marcan a aventura americana de Valentín, que viaxa en repetidas ocasións a Uruguai, Arxentina e Santiago de Chile para impartir cursos e pronunciar conferencias nos centros galegos. En 1951 o pontevedrés exiliado Bibiano Fernández Osorio-Tafall (12) o designa para dar cursos de economía pesqueira patrocinados pola FAO en numerosos países, sobre todo de América. Nestes anos de experiencias internacionais, Paz Andrade afonda os seus estudos sobre a pesca e publica títulos senlleiros como Principios de economía pesquera (editado pola FAO e publicado en Santiago de Chile en 1954), El sistema económico de la pesca en Galicia (Buenos Aires, 1958) e, sobre todo, Galicia como tarea (Buenos Aires, 1959), compendio das conferencias dadas en Sudamérica en 1957 sobre a potencialidade de Galicia e os principais atrancos que impedían o seu progreso.

Paz Andrade decidiu poñer en práctica os seus profundos coñecementos sobre a industria pesqueira no ano 1960; e así, co patrocinio de Xosé Fernández López (13) , empresario lucense e vello amigo, impulsa Pescanova S.A., unha empresa armadora novidosa, con buques de gran porte, capaces de conxelar a bordo todo o peixe capturado e de buscar novos caladoiros. Nesta época os barcos pesqueiros aínda non podían afastarse moito da costa porque o sistema de conservación do peixe, o xeo trillado, non permitía viaxes longas; os adicados a pesca do bacallau empregaban o sal como conservante e facían recorridos máis amplos. Pescanova revolucionará o sistema, afianzándose co tempo, a pesar das iniciais reticencias ao consumo de peixe conxelado. O nome da empresa foi idea de Valentín, o mesmo que o nome dos primeiros buques, en homenaxe os castelos de Galicia: Lemos, Andrade, Sobroso, Soutomaior, Pambre, Vilalba e Vimianzo.Hoxe segue a ser unha empresa senlleira no sector dos conxelados, con sede en Chapela (Redondela) e máis de tres mil empregados (14). A faceta empresarial de Paz Andrade culminou en 1969 ca vicepresidencia de Ibercisa, fábrica de maquinaria naval radicada en Vigo. Temos que entender estas iniciativas como parte do seu profundo amor a Galicia, o progreso tiña que vir das mans dos propios galegos posto que:

Non é o mesmo industrializar Galicia, con moitos séculos de historia enriba dela, cunhas condicións naturáis privilexiadas, ca súa situación certamente excepcional xeográficamente no mundo, etc., que industrializar un área semideserta. Primeiro: non se pode vir de fora a industrializar Galicia ca sequedade no ermo metida nos miolos. Para servir a un país o primeiro que se esixe é acertar a interpretalo, percurar que a súa imaxe viva na proiección diacrónica, e respetala logo como premisa ao obrar (15) .

Son anos fecundos para Paz Andrade, nos que compaxina as tarefas de xestión coa literatura, publicando títulos como La anunciación de Valle-Inclán (Buenos Aires, 1967), Sementeira do vento (Vigo, 1968), La marginación de Galicia (Madrid, 1970, esgotado en tres meses) ou El capital como factor de desarrollo de Galicia (A Coruña, 1970). Pero tanta actividade pasa factura, e Paz Andrade sufre unha embolia cerebral en 1970 da que se recuperou ben, pero que serviu de advertencia para dedicar máis tempo ao descanso na súa casa Pousa Nova do Mar, xunto a praia de Samil, dende a que desfrutaba dunha privilexiada panorámica das Cíes e do Atlántico.

Coa morte de Franco, Paz Andrade representou a Galiza na Xunta Democrática e na Comisión Negociadora da Oposición co goberno de Adolfo Suárez (16) . En 1977 foi elixido senador por Pontevedra na Candidatura Democrática Galega.

 

Retrato de paz Andrade feito por Castelao en 1924

 

En 1979 presentouse de novo a senador, pero non acadou o escano. Dedicouse entón a publicar obras de fonda transcendencia como Cen chaves de sombra, A galecidade na obra de Guimãraes Rosa e, sobre todo, Castelao na luz e na sombra, publicada por Edicións do Castro en 1982 e que se pode considerar a súa obra magna, con gran peso autobiográfico. No seu último libro, Galicia labra a súa imagen, publicado por Edicións do Castro en 1985, Paz Andrade criticou as normas ortográficas impostas pola Real Academia Galega (da que era membro numerario dende 1964), avogando polo achegamento ao mundo lusófono.

Paz Andrade morreu en Vigo dunha doenza cardiovascular o 19 de maio de 1987. Foi sepultado no panteón familiar do cemiterio de Lérez, envolto na bandeira de Galicia por expreso desexo seu. A muller e o fillo de Valentín Paz Andrade conservan o seu legado: arquivo, biblioteca persoal, testemuños gráficos e orais, etc., que hoxe son accesibles a todos a través dunha completa páxina web: https://valentinpazandrade.es

 

Bibliografía

- Freixanes, Víctor F., Unha ducia de galegos, Vigo, Galaxia, 1976.
- Portela Yáñez, Charo, Valentín Paz Andrade: vida e obra, Vigo, Xerais, 2012.
- VV.AA., Homenaje a Valentín Paz Andrade, Pontevedra, Deputación de íd., 1991.
- VV.AA., Valentín Paz-Andrade, Vigo, SIPSA, 1999.

 

 

(1) Citado en Charo Portela Yáñez, Valentín Paz Andrade. Vida e obra, Vigo, Ediciós Xerais de Galicia, 2012, p. 14.

(2) Xoán Bautista Andrade (1879-1930) escribiu varios libros de poemas, entre os que destacan Al amor del terruño (1915) e Al desplegarse la rosa (1917).

(3) Fernández del Riego, Francisco (rec.), Pensamento galeguista do século XX, Vigo Galaxia, 1995. Sobre o ideario nacionalista de Xoán Vicente Viqueira véxase o profundo estudo do profesor Ángel Serafín Porto Ucha La Institución Libre de Enseñanza y la renovación pedagógica en Galicia, Sada, Edicións do Castro, 2005, pp. 278-283.

(4) A primeira edición é precisamente de 1915.

(5) O ano 1921 tropeza Paz Andrade co segundo gran Desastre da súa vida, o de Annual: as tropas do líder marroquí Abd el-Krim atacaron ás tropas españolas destinadas no Rif e comandadas polo xeneral Silvestre (abril-maio 1921).

(6) O xornal Galicia xestouse na Coruña. Ernesto Cádiz Vargas, representante dunha firma de nitratos de Chile, era cónsul honorario da cidade e estaba interesado en patrocinar un diario galeguista. Na Coruña había daquela moita conciencia galeguista alentada polas Irmandades da Fala. En principio o periódico íase chamar Atlántico, pero Ernesto Cádiz puntualizou que él era do Pacífico, así que o periódico chamarase Galicia e vaise publicar en Vigo, convertíndose así a cidade nun foco de galeguismo a partir de 1922. O impacto do xornal Galicia, subtitulado Diario de Vigo, na cidade olívica foi inmenso ata o punto de que o seu éxito dictou a ruina do diario La Concordia e compiteu dignamente durante varios anos co decano da prensa galega, o Faro de Vigo.

(7) Xosé Filgueira Valverde, "Valentín Paz Andrade na cultura galega", en VV.AA., Homenaje a Valentín Paz Andrade, Pontevedra, Deputación Provincial, 1991, pp. 26-27. A Fundación Barrié presenta na Coruña a exposición "A Galicia do Galicia (1922-1926)", entre o 2 de maio e o 1 de xuño, en homenaxe a Valentín Paz Andrade.

(8) Portela Yáñez, Charo, Op. cit., p. 21.

(9) "Exilio de fogo", vv. 1-7, Sementeira do vento, Galaxia, Vigo, 1968 [1939]

(10) A revista Industria Pesqueras, vicedecana de la prensa especializada europea, continúa publicándose en Vigo, en edición impresa e dixital, baixo a dirección de Alfonso Paz-Andrade.

(11) Valentín Paz Andrade, "Cando ti volvas polo mare", Pranto matricial, Buenos Aires, Ediciones Galicia, 1955.
Autocaricatura de Alfonso Rodríguez Castelao.

(12) Bibiano Fernández Osorio-Tafall (1902-1990), natural de Pontevedra e profesor de Ciencias Naturais, foi secretario da Misión Biolóxica de Galicia, dependente da Junta para Ampliación de Estudios. En 1930 foi nomeado alcalde de Pontevedra. Membro de ORGA e de Izquierda Republicana, ocupou cargos de responsabilidade política antes da guerra e logo tivo que tomar o camiño do exilio. Foi profesor da Universidade Nacional de México, representante da FAO en diversos países do mundo e subsecretario das Naciones Unidas. Morreu en México.

(13) Xosé Fernández López naceu en Lugo en 1904, estudou Dereito en Santiago e Madrid e militou na Mocidade Céltica, con Fermín Penzol. Á morte do seu pai, en 1931, xunto cos seus irmáns Antonio, Manuel e Concepción fíxose cargo dos negocios familiares de explotación de vacuno, ampliándoos durante a guerra civil e a segunda guerra mundial. Os irmáns Fernández López crearon a empresa Frigolouro en Porriño, Zeltia, Frilugo e Pescanova, entre outras de diversos sectores. Nos anos 50 abriron en Lugo o Colexio Fingoi, na línea da Institución Libre de Enseñanza que coñeceran en Madrid, cando viviron na Residencia de Estudiantes. E no Grupo Femenino da Residencia, a Residencia de Señoritas, estaría Concepción Fernández López (véxase Raquel Vázquel Ramil, Mujeres y educación en la España contemporánea.La Institución Libre de Enseñanza y la Residencia de Señoritas de Madrid, Madrid, Akal, 2012, p. 397).

(14) Na actualidade, Pescanova distribúe os seus produtos nos principais países desenvolvidos: Europa, Estados Unidos e Xapón, e é líder en produtos do mar conxelados en España e Portugal, con cuotas do 23% e do 15%, respectivamente. Conta con 85 buques factoría e con 25 plantas de procesado ubicadas moi preto de onde desenvolve as súas actividades de pesca e acuicultura. Pescanova é uno dos dez primeiros grupos da industria pesqueira mundial.

(15) Víctor F. Freixanes, Unha ducia de galegos, Vigo, Galaxia, 1976, p. 58.

(16) Ramón Piñeiro, "Presencia de Valentín Paz Andrade no Galeguismo", en VV.AA., Homenaje a Valentín Paz Andrade, Pontevedra, Diputación de íd., 1991, p. 93.