Habitat Grup Baix Emporda

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

OS CAMIÑOS DA VIDA

As normas académicas do idioma galego


Publicado no periódico "EL FARO DE VIGO" (Sección Opinión - 26-12-2003)

X. L. MÉNDEZ FERRÍN

Méndez Ferrín

Hoxe precisamente, ás sete da tarde e no salón de actos da Academia Galega, celebrarase un serán de cultura no que a Entidade vai comparecer perante a opinión pública para presentar a edición actualizada das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego. O texto recolle a normativa de 1995 coas mudanzas aprobadas o 12 de xullo do 2003.

Por que se orixinou esta demora de cinco meses? Por causas moi simples, en verdade. A Academia, que segundo a Lei vixente é a autoridade facultada para dictar as normas oficiais do idioma, pretendeu nun principio que a Xunta de Galicia publicase no DOG o corpo completo, isto é: as Normas coas súas modificacións últimas. A Xunta de Galicia dubidou nun principio e resolveu máis tarde que, dada a competencia absoluta e exclusiva da Academia en materia de normativa lingüística, co simple acto de seren promulgadas as Normas por esta institución xa acadaban validez oficial sen máis trámites. Entre dúbidas e consultas, pasaron os meses. Agora xa temos Normas decretadas Urbi et Orbi, sendo neste caso Coruña a Urbe e a Nación Galega o Orbe.

Dado o interese suscitado polos cambios en sectores implicados (sistema educativo, administracións públicas, editoriais e publicacións, medios de comunicación...) xa circulaban copias deles e mesmo no núm. 55 d´A Trabe de Ouro se ofrece o catálogo/resumo de tales mudanzas feito pola propia Academia. Mesmamente unha editorial, O Cumio, parece que imprentou e puxo á venda unha edición non autorizada das Normas completas, o cal levou a cuestión normativa a ser centro dunha certa polémica. A prudencia do Prof. Xosé Ramón Barreiro, presidente da Academia, debidamente asistido pola súa xunta de goberno e máis polo plenario soberano, conduciu do mellor xeito posíbel todo este proceso que estamos a comentar.

En todo caso, velaí as están xa publicadas e ao alcance de todos os interesados, que debian ser todos os galegos e todas as galegas, as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego na súa forma actual. Á marxe das normas seguirán a estar os galegos desleigados na dobre cara que, segundo o caso, adoitan: os que detestan a lingua propia e queren ser Carpetovetónicos e os que non menos detestan a lingua propia e soñan con ser Lusitanos. Ou sexa: os de Francisco Vázquez e aqueles que se agrupan arredor do mito de Carballo Calero na súa derradeira metamorfose suicida.

Este cronista dalle a máis calurosa benvinda ás novas Normas porque entende que melloran ás anteriores en varios aspectos, religan a nosa lingua coa súa tradición non mediatizada pola erosión castelán e aínda a depuran. Con todo, a grande tarefa segue a ser a da recuperación do galego como lingua primeira de todos os habitantes do noso País, e mais a incorporación ao seu uso de todos os homes e mulleres que veñan traballar e vivir na nosa comunidade, procedan de onde procedan.