Habitat Grup Baix Emporda

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Breve reseña sobre o galego fóra das fronteiras de Galicia



Fóra das actuais fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia, o galego -na súa variante oriental- é a lingua autóctona dunhas 80.000 persoas que viven nas zonas occidentais de Asturias, León e Zamora. Ademais, no Val do Río Ellas, no noroeste de Cáceres, 5.000 persoas seguen falando actualmente unhas variedades galegas con trazos arcaizantes e inteferidas polo leonés e o castelán.
Fala galega fóra de Galicia

En Asturias calcúlase que o número de galegofalantes é dunhas 50.000 persoas, orixinarias da zona occidental comprendida entre o río Frexulfe, no concello de Navia e a fronteira con Galicia. O galego é a lingua natural de 16 concellos do occidente asturiano (Tapia, A Caridá, A Veiga, Boal, Eilao, Coaña, Navia, Pezós, Santalla de Oscos, San Martín de Oscos, Vilanova de Oscos, Grandas de Salime, Sto. Antolín de Ibias, Taramundi e Santiso de Abres), pero non conta con ningún recoñecemento estatutario. 

A lei 1/1998 de uso e promoción do bable/asturiano di no seu artigo 2 que a mesma protección deste terá o "gallego/asturiano" nas zonas onde é modalidade lingüística propia. Esta lei afecta ós usos administrativos, escolares, toponímicos, etc, pero a protección para o galego non dá chegado, é papel mollado. O retroceso do idioma é aceleradísimo, propiciado pola castelanización histórica e aguilloado polo asturianismo irracional. A MDGA leva anos traballando pola lingua a pesar da belixerancia do asturianismo e da indiferencia das autoridades galegas.

No Bierzo Occidental o número de galegofalantes anda arredor das 25.000 persoas. O galego é lingua autóctona dos concellos de Candín, Arganza, A Veiga de Espiñareda, Vilafranca, Balboa, Trabadelo, Corullón, Viladecais, Ponte de Domingos Flórez, Carucedo, Sobradelo,Oencia, Barxas, A Veiga do Valcarce e Cacabelos. Tamén son de lingua galega as parroquias occidentais dos concellos de Peranzais e Ponferrada. 

O estatuto de Castela e León, na súa reforma de 1999, expresa que a lingua galega gozará de respecto e protección nos lugares onde se utilice habitualmente. Na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias da Unión Europea, que España asinou e ratificou e que entrou en vigor o 1 de agosto de 2001, España comprométese a garantirlles os dereitos lingüísticos mínimos (escola, administración local, medios de comunicación, toponimia, etc) a aquelas linguas recoñecidas estatutariamente, é dicir, tamén ó galego de Castela-León, sen embargo poucos e timidísimos pasos se teñen dado ultimamente. Isto é debido a que a Junta de Castela-León observa con desconfianza a recuperación do galego nestas áreas e porque a Xunta de Galicia se desentende totalmente da sorte do galego fóra das fronteiras administrativas de Galicia, ignorando así a o estipulado na Lei de Normalización Lingüística e desoíndo os informes da R.A.G. ou do Consello da Cultura Galega. O recente acordo Xunta/Junta para a introducción da lingua galega no ensino primario das escolas do Bierzo está inzado de indecisións medosas da Xunta e de pexas administrativas da Junta. 

A declaración unilateral de cooficialidade levada a cabo polo concello da Veiga de Valcarce foi revogada posteriormente a cambio dunha suculenta millonada para infraestructuras; a razón está en que legalmente non se pode invalidar a cooficialidade do galego, debido ó recoñecemento estatutario e ó compromiso da sinatura da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias que atinxe moi especialmente ó galego en Castela-León.

Nos concellos zamoranos de Porto, Pías, Lubián e Hermisende, así como na parroquia de Calabor (concello de Pedralba de la Pradería) unhas 2.500 persoas seguen a falar na lingua autóctona galega. Esta zona pertenceu historicamente a Ourense ata que no século XIX a incorporaron a Zamora. O alcalde de Lubián, Felipe Lubián, deputado autonómico do PSOE, é unha voz que clama seguido no deserto en defensa da nosa lingua.

Nos concellos norcacereños de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello, a totalidade dos seus 5.000 habitantes falan unhas variedades lingüísticas derivadas do galego traído a este val polos colonos da reconquista. A Junta de Extremadura declarou o 28/10/2000 esta fala como Ben de Interese Cultural e vén promocionando encontros e congresos de especialistas, coleccións de estudios, introducción da fala na escola, etc




FONTE DE INFORMACIÓN: https://vieiros.com (Letras galegas 2002) 

 

 · VOLVER A:  17 DE MAIO: DÍA DAS LETRAS GALEGAS