Habitat Grup Baix Emporda

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

FESTAS ESTACIONAIS : A MALLA

A faena da malla era a festa típica das terras onde se cultivaba o centeo e o trigo. Comezábase por arranxa-la eira, recebándoa onde fora preciso, para deixala lisa e sen fochas. O chamado "paparruallo",  formado de antemán, era estendido cunha vasoira de silvarda, ficando como luído; e mentres non pasaban os días necesarios para que secase, a eira era coma un lugar sagrado onde ninguén podía pisar, nin sequera as galiñas. trigo

Chegado o día da malla, sempre en día de sol de xullo ou de agosto, desfacíanse as medas; pasaban á eira os mollos que as formaban; colocábanse arredor todos de pé, a xeito de valado para que o gran non brincara fóra ; estendíanse  os demais simetricamente encol da eira, facendo así as eiradas, e os malladores colocábanse en dúas ringleiras, fronte a fronte, porque a calor o esixía e a faena o requiría.

Os dun lado empuñaban os mallos facendo xira-los pértegos no aire e deixándoos caer de golpe sobre as espigas, e os do lado fronteiro facían a mesma faena. Deste xeito, cun compás rítmico, ían mallando as espigas ata que soltaban todo o gran.

Non había présas nin bulicio: todo era  grave, solemne e só se oían os golpes compasados dos pértegos. A malla non era  barafunda coma a escasula, nin dionisíaca coma a vendima, nin brincadeira coma a ruada, nin divertida coma o fiadeiro, nin estridente coma o folión.  Tiña moito de festa, pero de festa austera, serena, ordenada, e os malladores semellaban sacerdotes dun antigo rito de traballo.

O espallamento das máquinas malladoras foi a causa de que as mallas foran esmorecendo de vagariño,  e xa non se bota man da cooperación veciñal da roga, a axuda ou o troque, antes obrigados.

Non poucas comarcas galegas posuían eiras de propiedade comunal, gardándose tradicionalmente o sitio que correspondía a cada familia para face-la meda preto; e, no tocante ó seu disfrute para a malla, os veciños avisábanse con antelación e por rigorosa rolda no percorrer dos anos. 

Nalgunhas comarcas existía comunidade para face-la malla. Entre xentes supersticiosas da Capelada (Ortigueira) crese que cando a malla cadraba cun día neboento, víase rubir por entre o neboeiro o trigo das eiras dos  vales próximos.

A Meda: era unha construcción cónica que se facía  comunmente na herdade contigua á casa, ou na eira, para que secara ou conservara o gran mentres non chegaba a malla. 

Pódese dicir que as medas estaban constituídas por trigo e centeo, con palla e gran, pois a cebada cultivábase moi pouco. Cando se ía segando o cereal, este íase  estendendo sobre a mesma leira, formándose logo feixes pequenos ou mollos que se dispoñían en "maragoutos" e eran contados por "dezmas", a cada unha das cales se lle calculaban dous ferrados e medio os anos de colleita ordinaria. 

Logo da sega, cando o gran e a palla se xulgaban xa ben enxoitos, carrexábanse os "maragoutos" á eira e alí facíanse  con gavelas as medas, non desfacéndoas ata o día da malla. 

Antano era unha arte especial,  a da construcción das medas, e o labrego que collía pan de seu  e puña todo o empeño en ca súa meda fose a mellor do lugar, mesmo do contorno, polo esmerado da súa feitura e a perfección da aparencia exterior. 

Nalgunhas comarcas tamén adoitaban facerse medas de millo, conservándolle a cana e a espiga, pero isto non era moi frecuente. Polo xeral, o millo era recolleito,  quitábaselle a palla, metíanse as espigas no canastro ou cabaceiro para que se desloirasen, escasulabanse logo e despois pendurábanse nas solainas ou nos teitos das vivendas, atando as follas unhas con outras para formar mañizos e deixando as espigas a descuberto

Mónica Beatriz Suárez Groba

- Bibliografía consultada:    "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez. 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ