Habitat Grup Baix Emporda

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

RITOS CICLICOS E FESTAS ESTACIONAIS NA CULTURA GALEGA

A ESCASULA

A operación da escasula adóitase facer de noite en locais pechados. É un dos costumes aldeáns máis típicos e xeneralizados en Galicia, sobre todo nas comarcas onde se cultiva o millo, que é na maior parte da nosa terra. As espigas que han pasar ó hórreo despóxanse de tódalas follas e as que han ser penduradas nas Millo a secarsolainas ou pontóns do teito do sobrado descóbrense de todo, deixando unhas poucas follas que se atan entre si polas puntas, co gallo de que, mercé ó arco que deste xeito forman, se poidan pendurar da varanda en mañizos a xeito de acios para que se deloiren.

Como manifestación folclórica, constitúe parte dos nosos estilos consuetudinarios. As mozas do lugar acoden logo do anoitecer á casa do veciño que precisa da súa colaboración, e alí escasulan entre cantigas populares, contos de trasnos e relatos de vellas lendas.

A axuda que prestan as escasuleiras é de balde, aínda que ás veces se os medios económicos do dono o Permiten, adoita agasallalas cunha cea. Á escasula concorren tamén, por inveterado costume e práctica tradicional, os mozos das aldeas da contorna con mentes de lles face-las beiras ás rapazas. Acabada a faena, a mocidade renova as cantigas populares, repinícanse os pandeiros, soan as cónchegas e, ó seu compás, ármase o baile que se alonga ata preto da media noite.

A ESFOLLADA

Nome que dan nalgunhas comarcas á escasula da que se diferencia en que nesta se desfollan completamente as espigas do millo, para que pasen directamente ó canastro.

Preparada a morea das espigas, os que fan a esfollada colócanse arredor, co aliciente dun pote cheo de zonchos (1); e a moza que na desfolla atopa a primeira espiga loira é considerada a  raíña da festa, porque o achado se estima presaxio de fortuna.

Rematando a faena, fáiselle honra ás castañas cocidas, soan as cantigas folclóricas, cóntanse casos e sucedos e nunca falta o resón dalgún retador aturuxo.

A ESPADELADA

Acción dun fato de mulleres que espadelan o liño; chámase tamén espadela, pero así como esta a pode liñofacer unha muller a soas na súa casa, a espadelada é a xuntanza de varias mulleres que se fai na casa do dono do liño para expurgalo.

Son comúns nas comarcas galegas onde o liño se cría en abundancia. Fanse por cooperación prestada ó dono sen máis retribución, xeralmente, cá mantenza e o aliciente tradicional da faena, que adoita acabar con bailes na mesma vivenda onde se espadela, pois a estas xuntanzas, un pouco patriarcais, acoden tamén mozos dos rueiros da contorna. Nelas cóntanse consellas, tánxense pandeiros e castañolas, a mocidade divírtese a seu gosto, convertendo a faena en verdadeira festa de traballo.

Tanto arraizamento acadou este costume folclórico que deu nome ós populares cantos de espadelada que entoan as «espadeleiras», que seguen co ritmo da música o compás das espadelas que maceran o liño.

 

(1) zonchos: castañas cocidas coa tona, con moito fiúncho para que arrecendan ben e co seu sal, que logo se engarzan nun fío a semellanza das doas dos rosarios ou dos colares, e así, en vez de ter que levalas nos petos, van ó pescozo. Antigamente eran tan estimados como o é agora o marrón glacé.

 

Mónica B. Suárez Groba

Fuentes consultadas:  Breviario Enciclópedico, Eladio Rodriguez Gonzalez, Edición Homenaxe a Eladio Rodríguez González (1864 - 1949) Día das Letras Galegas 2001, Biblioteca Gallega, 2001.-

 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ