Habitat Grup Baix Emporda

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

RAMÓN CABANILLAS

poeta e destacada figura do galeguismo

 

RAMÓN CABANILLAS ENRÍQUEZ é o poeta máis importante das Irmandades da Fala e un dos máis sobranceiros das Letras Galegas. Autor prolífico, cultivou principalmente a poesía lírica, narrativa e dramática, nas que tratou desde o tema amoroso ata o social e relixioso.

Ramón CabanillasNaceu en Cambados o 3 de xuño 1876. Tras iniciarse nas letras e no latín foi seminarista. Entre 1889 e 1893 camiñou os claustros de San Martiño Pinario, onde ós 13 anos escoitou por primeira vez as palabras dun mestre enaltecendo a beleza da nosa fala.

O 25 de maio de 1891 as rúas composteláns presenciaron un desfile conmovedor: traídos de Iria Flavia a Cormes, os restos mortais de Rosalía de Castro atravesaron a cidade en procura da igrexa de Santo Domingo. No cortexo, xunto a outros compañeiros, estaba Ramón Cabanillas, ben alleo sen dúbida a que unha gloria semellante á que arroupaba a tan grande poetisa, algún día ía tamén nimbar a súa testa.

Do seminario marchou para asumir tarefas de contabilidade no Concello de Cambados durante 10 anos.

No ano 1910 houbo de emigrar a La Habana, Cuba, onde foi contable de comercio e administrador do Teatro Nacional, propiedade do Centro Gallego. En 1913 sae do prelo en La Habana o seu primeiro libro, "No Desterro", prologado por Basilio Álvarez, e en 1915 edita tamén na capital das Antillas o seu segundo libro, "Vento Mareiro", ambas as dúas obras unha exaltación de Galicia como unidade colectiva.

De volta á Terra, publica en Vilagarcía no ano 1917 "Da Terra Asoballada" e ingresa na Academia Gallega en 1920, aceptando en 1929 a cadeira de representante da Lingua Galega na Real Academia Española. Daquela reside en Madrid, onde frecuenta tertulias con Castelao e outros representantes do movemento político e cultural do Galeguismo.

Tras pasar un tempo no Mosteiro de Samos, volta a Cambados, onde finou o 9 Novembro 1959, ano no que o Centro Gallego de Buenos Aires publicou a súa "Obra Completa", coma homenaxe á sobranceira figura do Vate.

Cabanillas manifesta unha importante inspiración e influencia nos preceptos relixiosos Franciscanos e no movemento agrarista de Acción Gallega, cunha grande preocupación sobre a xustiza social do pobo e dos destinos de Galicia.

Unha das máis importantes e destacadas figuras do Movemento Galeguista, poeta fecundo de técnica variada e rica temática, é particularmente célebre pola composición das sagas artúricas de "Na Noite Estrelecida", editado en Mondariz en 1926, nas que enlaza a tradición celto-artúrica popular de Galicia coa poesía e as tendencias contemporáneas que valoran a identidade céltica de Galicia