Habitat Grup Baix Emporda

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A cociña tradicional galega

En Galicia, a cociña é lugar de reunión de moito enxoval tradicional, centro de relación familiar, testemuña de festas, conversas, tristezas e ledicias, e estancia fundamental en calquera casa rural. Nela tamén a utilidade de arte popular se fai estética. En tamaño e forma varían as distintas partes dunha cociña, segundo sexa a casa e a zona onde se encontre. 

a lareira A lareira ocupa un lugar destacado, e nos días de inverno atrae ós compoñentes familiares. Cóbrese cunha cambota que no interior leva o canizo onde se colgaba a carne da matanza para curar.

Do canizo pendía a gramalleira que sostiña o caldeiro no que lentamente cocía o alimento dos animais. Sobre a leña ía o tradicional pote da comida familiar.

A cociña completa necesita distintos mobles prácticos e de formas ben diferentes. Na artesa amasábase e gardábase o pan, servía ademais de mesa; o banco ou escano colocábase preto da lareira; as olas , os cazos, as tixolas colgábanse na espeteira, mentres que nos alzadeiros se colocaban elementos decorativos. Completaban o enxoval os útiles de barro ou metal para cociñar e gardar alimentos.

Moitos elementos da cociña tradicional galega desapareceron hai anos e actualmente novos elementos e outras necesidades igualaron a cociña rural coa urbana.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de Galicia.