Habitat Grup Baix Emporda

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Oficios artesanais: os cesteiros

CestasO arte da cestería é anterior á cultura dos castros. A súa influencia pódese percibir, segundo algúns arqueólogos, na decoración trenzada das olas castrexas, nas alfaias prehistóricas e nos sinais de barro que cubrían as paredes das casas nas citanias.

Hoxe en día é practicada polo campesiño para uso de seu, o que lle permite inventar ou aproveitar calquera material que o seu contorno lle proporcione. Os cestos fanse tanto na vila como no medio rural. No primeiro caso o cesteiro traballa nun taller fixo. No outro caso é traballo estacional e, por veces, ambulante, que se organiza en dúas temporadas: inverno e verán.

Aínda hoxe en día, cando os costumes cambiaron vertixinosamente, é difícil atopar unha parroquia de Galicia onde non se sigan a facer cestos deste xeito, o cal ademais aporta unha gran riqueza de estilos no traballo.

A materia prima é a madeira de castiñeiro, carballo, bidueiro , cerdeira, colmo (palla de centeo), freixo, salgueiro, etc.; tamén son moi comúns os cestos de vimbios tecidos, sombreiros de palla ou corozas (impermeables de palla e xunco, practicamente desaparecidos), tellados de pallozas e cabaceiros ou canizos de carros, grades para alisar a terra, loros para os xugos, sebes (peches para as fincas), nasas, etc.

A tipoloxía dos cestos en Galicia é enorme, xa que responde ós costumes de cada bisbarra concreta. Cada cesto ten unha utilidade e denominación (chegáronse a recoller máis de 60). Estes son algúns dos Cesteríamáis comúns: paxes de vergas, peselos (Ancares), megos ou gamelos (cestos de vimbio, varas, vergas ou palla, tecidos moi apertados para conter a semente), culeiro (cesto da zona do Ribeiro e outras bisbarras da provincia de Ourense, que mide aproximadamente un metro de altura e ten a parte inferior cadrada abrindo en forma de funil cara a boca, ancha e redonda) que se emprega na vendima e na colleita doutros productos do campo, cesta do palangre (para colocar esta arte de pesca. Os anzois van enganchados no bordo da cesta), patela(cesta de vergas utilizada para transportar o peixe fresco), cestos de colmo (de palla cosida en espiral con casca de silva, que dá como resultado un cesto case impermeable), cestos para a roupa, para o pan, para as patacas, para as conchas, para os ourizos, o cesto para o furón (utilizado para a caza do coello con furón, prohibida na actualidade), etc. 

Os cesteiros teñen un "latín", que se conservou na zona de Mondariz (Pontevedra) e presenta moitos trazos en común co dos arxinas (fala usada polos canteiros). O "verbo", como os cesteiros lle chamaban servía tamén coma engrenaxe da aprendizaxe do oficio... 

Velaquí unha pequena mostra: oreta = auga , chumo = viño, raucha = noite, horxe = madeira

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.

 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ