OS CRUCEIROS EN GALICIA
Os
cruceiros están considerados como unha das manifestacións
máis xenuínas da arquitectura popular galega e a súa orixe remontase segundo
algúns autores á época prehistórica en lugares nos que existían
menhires, e que logo, coa chegada do cristianismo deixaron constancia
da súa existencia pero baixo formas cristianizadas. Aseméllanse, pero o
certo é que non é doado encontrar un igual. A súa presencia nos camiños e
lugares sagrados esténdese por toda a nosa xeografía.
Os cruceiros son
cruces de pedra que se colocan en lugares como son os
cruces de camiños, adros de igrexas,
ermidas, ou incluso en entradas a cemiterios,
sempre en relación con lugares de culto. Tamén se
fala algunhas veces de cruceiros ó referirse ás cruces do
viacrucis. Estas cruces adoitan alzarse sobre unha
plataforma con banzos que é común en Galicia e Irlanda, se ben na
nosa comunidade autónoma tamén existen exemplares de cruceiros sen eles.
Están tamén situados nas encrucilladas de camiños, e
en espacios vencellados con crenzas pagás posteriormente cristianizadas cos
propios cruceiros como os lugares máxicos de curación,
de
reunión de ánimas,
bruxas, etc. Deste xeito estes elementos adquiren un carácter
simbólico sagrado, normalmente coa función
de protección. Outras localizacións comúns
son os lugares onde ocorreu algunha morte.
A presencia destes elementos é normalmente de orixe
devocional, aínda que non faltan tampouco os motivos
rogativos, de
loanza ou de ofrenda como causas da súa
construcción. Normalmente está financiada por algunha persoa que pretendía
gañarse a súa indulxencia ou a da súa parroquia para con Deus; ofrece-la súa
construcción como voto para pedi-la curación dunha enfermidade ou protección
ante unha situación perigosa. Coa mesma finalidade (é dicir a da
protección)se levanta un cruceiro nun campo de feira (para protexe-lo gando)
ou tamén nun lugar onde houbo un acontecemento violento, un crime, para
evitar ca alma errante das víctimas chegue a danar ós viandantes.
O cruceiro é polo tanto un
obxecto sagrado, e o lugar onde está emprazado, un espacio tamén
sagrado. Se partimos desta concepción non nos poden estraña-las prácticas e
costumes diversas que a el se vencellan, coma as ofrendas
en petición dalgunha gracia ou coma testemuña de
agradecemento por algún favor recibo, paradas de enterros ou procesións... E
coma consecuencia destes factores o cruceiro é obxecto de devoción e
respecto, e non só un monumento que sinala o límite de parroquias ou
concellos.
Cada parroquia, cada pobo ten o seu propio cruceiro, ó que os veciños se
senten moi unidos. Ese cruceiro foi posto alí para cumprir unha misión nun
contexto determinado, e se se o priva do seu ámbito natural queda mutilado,
perde o seu valor etnolóxico. Poderemos admirar o seu valor artístico, pero
ese cruceiro nunca poderá ser comprendido na súa totalidade.
"Canta a pedra, durmida e acochada,
da terra nai no garimoso seo,
esperta do seu sono milenario
e quer ser oración e pensamento,
frorece nun varal, estendo os brazos,
e póndose de pé faise cruceiro"
(Ramón Cabanillas)
A xénese e a simboloxía dos cruceiros
Refírese nun dos seus escritos Vicente Risco , indicando que hai cruceiros en
cruces de camiños, (antigos trivios) substituíndo,
se cadra, antigos altares ou
monumentos pagáns dedicados ós Lares Viales
ou ás divindades indíxenas que os precederon, hai
os que son "cruces de término" (nos lindeiros das
freguesías ou de antigos coutos), lembrando a antiga consagración das
fronteiras; hai os que marcan as estacións do "vía crucis", hai os que
recordan unha morte, ou feitos tráxicos como fusilamentos en tempos de
guerras civís ou doutras. Este costume segue aínda hoxe, somentes que as
cruces que se poñen soen ser de ferro ou madeira.
Tamén alude Risco o feito de que en moitos cruceiros aparece unha inscrición
na que se recolle o nome da persoa que o mandou construír, pero o máis
habitual é que apareza soamente a data.
En canto á antigüidade dos cruceiros, Vicente Risco indica que os cruceiros
máis antigos en Galicia son do século XIV, máis os de arte realmente popular
son os barrocos, do século XVII deica hoxe. Estes cruceiros polo regular
todos se asemellan e todos se diferencian, non habendo dous iguais. Teñen
estilos diferentes, pero o máis común é que representen unha crucifixión,
Cristo crucificado e soidade; mentres que no reverso aparece a figura da
Virxe. Estas figuras esculpidas no cruceiro transmiten o sentido da dobre
natureza de Cristo, a divina e a humana, a través da maternidade da Virxe,
do sufrimento na cruz e da súa morte.
As figuras simbólicas principais que se poden atopar nos cruceiros son:
a caveira, moitas con dous ósos
cruzados, que se soen poñer ós pés dos Cristos; a
lúa ós pés da Nosa Señora, os anxos nos
capiteis ou nos pés das imaxes; e a figuración do Pecado
Orixinal. Esta moitas veces redúcese a unha caveira, representación
do home, e unha serpe ou unha
píntega representando o pecado que se poñen ós pés do Cristo, ou no
varal, ou ben no baseamento.
O que se pode considerar como elemento esencial destas construccións é a
cruz, coa imaxe da crucifixión do anverso e a da Virxe (Piedade,
Dolorosa...) no reverso.
Os cruceiros son unha das mostras máis ricas da arquitectura popular galega,
nas que a pedra foi traballada para abrir unha xanela á relixiosidade e á
historia.
Castelao dixo:
"Onde
hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de
pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou
e polo gran sentimento de quen o fixo.
¿Tedes reparado nos nosos cruceiros aldeáns? Pois reparade.
A Virxe das Angustias , enclavada no reverso de moitas cruces de pedra, non é a Piedá dos escultores, é a Piedade creada polos canteiros.
Os nosos canteiros deixándose levar polo sentimento, non podían imaxinar un home no colo da nai.
Para os artistas canteiros, Xesucristo sempre é pequeno, sempre é o Neno,
porque é o Fillo, e os fillos sempre somos pequenos nos colos das nosas
nais.
Reparade nos nosos cruceiros e descubriredes moitos tesouros"...
Mónica Beatriz Suárez Groba
- Bibliografía consultada: "Galicia 2000: A arquitectura popular galega"; Xunta de Galicia
"Etnografía. Historia de Galicia", Vicente Risco.
"Cousas", Afonso R. Castelao.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ