Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Letras Galegas 2004 : Xaquín Lorenzo, "Xocas"

     

A casa


Csa do muiño do río



«O elemento máis interesante de toda a produción popular é, sen dúbida, a casa. Non enche soamente o papel de refuxio contra os ataques do medio ambiente senón que é tamén o aglutinante que une entre si ós membros dunha mesma familia.

O home lígase directamente á casa do mesmo xeito que a casa se xungue á terra, sendo así a vivenda un vencello que liga ó home coa xeografía dun xeito íntimo.
Esta unión faise polos dous elementos que a casa ten en si: o posto pola man do home e o proporcionado pola xeografía.»


«Os elementos da casa», en A Casa, p. 7.



«Nalgunhas casas que se conservan dos séculos XVI, XVII e XVIII, é corrente atopar lumieiras con inscripcións, ben referentes á data de construción, ben contendo algún saúdo —AVE MARÍA— ou algunha fórmula relixiosa —IHS—VIVA MARÍA—. Atópanse tamén nelas as iniciais do dono, algunha alusión ó oficio que na casa se desempeña, ou tamén cruces e símbolos profilácticos.»



«Os elementos da casa», en A casa, p. 18-19.


«A casa cidadá ten un rol distinto da rural. Xa non é unha dependencia fundamental, destinada a recibir en si ós membros da familia. É, pola contra, o sitio destinado exclusivamente a face-lo xantar.
A lareira desaparece e é substituída por un fogón que soamente serve pra cociñar. Carece de tódolos demais elementos da rural, non faltando nunca, en troques, a cheminea.
Ás veces esta cociña corresponde a unha casa de pequeno tamaño e entón úsase tamén de comedor; mais neste caso a cociña pasa a ser un elemento secundario, tan secundario que cómpre recorda-las vivendas urbanas en que a cociña está na escaleira, sendo común a varios viciños que a ocupan por rolda para face-los seus xantares.»


«Casa cidadá», en A Casa, p. 131.


«A fins do século XIX e comezos do XX, en que tan intensa foi a emigración dos nosos campesiños ás Américas, os que tornaban de alá atopábanse mal a xeito ó teren que habitar en demasiada intimidade co resto da familia.
Procuraron unha solución e atopárona facendo construir no extremo do corredor, por medio duns tabiques de táboas, e por veces de ladrillo, unha dependencia que recibiu o nome xeral de alcoba.»


«A casa actual», en A Casa, pp. 102-103.


«A casa grande é a vivenda rural en todo o seu desenrolo e procede directamente da villa romana. Coma ela, ten unha economía pechada, bastándose a si mesma e contando con caseiros, traballadores e criados que constitúen unha verdadeira clientela e forman algo así coma unha prolongación da familia, xa que se senten ligados ós da casa grande por unha serie de vencellos de gratitude e de afecto.»


«A casa actual», en A Casa, p. 131.


«O pazo ten unha orixe xurisdiccional e arrinca dos vellos señoríos, castelos, encomendas, etc., faltando nel o aspecto económico que presenta a casa grande, polo menos como factor fundamental.
Por outra parte, o pazo é un producto culto, anque aproveite os elementos populares, indispensables dado o terreo en que se produce.
É unha vivenda na que o elemento suntuario predomina, sobrepóndose ó utilitario, caíndo, por tanto, no campo da arqueoloxía máis ca no da etnografía.
De todos xeitos, convén advertir que, en realidade, non presenta nada novo no aspecto etnográfico, limitándose á ampliación dos elementos da casa grande.»


«A casa actual», en A Casa, p. 112-113.


«A arqueoloxía móstranos como tipo mais vello de vivenda, quizais xa do neolítico, unhas cabanas circulares, feitas cun entramado de vergas, recubertas interiormente cunha capa de barro, e telladas con colmo.
Restos deste barro, no que se ven claramente as improntas das ponlas que facían o tecido, foron atopados en varios castros que se reparten pola área cultural do N.O. e que demostran a xeneralidade que deberon acada-las construccións deste tipo.»


«Antecedentes da casa actual», en A Casa, p. 59.


«A mais simple habitación que hoxe atopamos é a cabana, usada normalmente de xeito non permanente. Trátase case sempre de refuxio prós pastores nas épocas en que levan o gado á montaña e permanecen con el certa parte do ano.»


«A casa actual», en A Casa, p. 66.


«A gran vantaxe da pallaza está no ben que cumpre os seus fins: o teito, de moita pendente, gran amplitude e feito de palla, garda a calor interior e illa ós seus moradores do frío de fóra; a isto contribúe tamén o feito de aloxa-las cortes, o estrume das cales, ó fermentar, proporciona un foco de calor. O mesmo obxecto, así coma o de opor menos resistencia ó aire, teñen as súas paredes as súas paredes baixas, case sempre sen ventás, xa que soamente ten algunha ó xeito de troneira, presentando unicamente as portas, chamadas ástragos, pró servicio.»


«A casa actual», en A Casa, p. 73.


«A cuberta máis xeral en casas de tipo medio e pequeno é a disposta a dúas augas, aínda en moitas das de plantaredonda. Non obstante, é preciso facer unha salvedade coas cubertas das pallozas, que teñen unha disposición propia (...)
cando a vivenda acada unha certa magnitude, encomenza a usarse o tellado a tres augas, dispoñendo unha das vertentes cara os ventos dominantes.
En vivendas mais complicadas aparece o tellado a catro augas e as disposicións en ángulo, seguindo o desenrolo das dependencias que ten que cubrir.
A cuberta consta, en xeral, de dúas partes: a armadura de madeira e a cuberta propiamente dita. A primeira é sensiblemente a mesma en tódolos casos, variando soamente no grandor; a segunda ten varias modalidades segundo o material de que se compoña.»


«Os elementos da casa», en A Casa, pp. 39-40.


«Debido á forza dos ventos mariñáns, é preciso asegurar ben as tellas das casas costeiras; nelas, en troques das pedras empregadas no interior, péganse de cando en cando cun pouco de barro ou cal. Non soamente quedan así as tellas mais seguras senón que se saca partido para lle dar mais variedade ó tellado, facendo que o cal ou o barro coincida en liñas transversais, que nalgúns casos se completan con outras lonxitudinais feitas con cla, formándose así un cuadriculado branco sobre do fondo encarnado da cuberta.»


«Os elementos da casa», en A Casa, pp. 45.



«As nosas vivendas campesiñas carecen case todas de cheminea. O fume vai saíndo pouco a pouco polas fendas da cuberta e polas portas e fiestras.
Algunhas hai, non obstante, que contan con este aditamento, entre elas as casas grandes e os pazos.
Na vila e na cidade é, pola contra, xeral.
A cheminea consta de tres partes: a campana, a cheminea ou cheminé propiamente dita, e a capa, que non todas levan. A campana ten forma de tronco de pirámide e queda na súa totalidade por baixo do seu tellado. Na casa labrega adoita ser de pallabarro ou de barrotes e cal, quedando vencellada por dous lados á parede e sostida a outra esquina polo cango que forma a aresta, que pende da armadura do tellado. O borde inferior leva unha táboa que serve de estante para pousar nel candía, botellas, louza, etc.»


«Os elementos da casa», en A Casa, pp. 47-49.


«Na actualidade, as pezas de madeira que se atopan na casa fíxanse por medio de cravos mercados nas tendas e fabricados fóra, mais até non hai moito eran os propios ferreiros aldeáns os que forxaban a man. Son aínda moitos os cravos que se atopan nas casas do noso campo, de gran cabeza e longos de abondo, que son produto da industria indíxena. Como é lóxico, o tamaño dos cravos varía segundo o seu destino, figurando entre os meirandes os de piso e, entre os menores, os de barrote, non faltando os de pontón de tamaño fórado corrente.»


«Os elementos da casa», en A Casa, p. 51.


«Hoxe, por seren mais baratos, mercan os nosos campesiños nas tendas tódolos obxectos de fero que precisan, desde os cravos astra os barandais de ferro fundido, perdéndose así unha interesante manifestación da nosa industria popular, coa que se vaitamén algo da alma que informou a nosa cultura ó longo de moitos séculos de depuración.»


«Os elementos da casa», en A Casa, p. 57.



«Os tempos novos, ó plantexar outros problemas e proporcionar outros medios, traen unha chea de modificacións ós xeitos de vivir campesiños, xa que os productos etnográficos, como verdadeiros seres vivos que son, sofren un proceso de adaptación para cumpri-los seus fins nos tempos novos.
(...)
A estrada trouxo ó noso campo os modos do vivir da cidade, a través da vila, e marcou nas casas un sinal característico que lles deu un aspecto híbrido, mistura do campo e da cidade.»



«A casa actual», en A Casa, p. 113.



«A pesares desta onda de modernismo que pesa sobre das nosas vilas, atópanse aínda nelas exemplares interesantes de vivenda que sinalan un sincero desexo de lóxica adaptación da casa campesiña a un novo medio.
Hai vivendas con corredor dianteiro que dan, non a un patio, senón á rúa, tendo o acceso por unha escaleira interior. Os baixos adícanse a algún negocio ou a cortes pró gado e a fachada posterior vai provista de ventás, pequenas ou rachadas, que correntemente dan a un curral ou pequena chousa.»


«A casa actual», en A Casa, p. 115.



«Na cidade atópanse lonxe os centros de produción agrícola, polo que o primeiro elemento que desaparece nela é o relacionado coas ferramentas e co gado, así coma con aqueles produtos que na cidade non se traballan, como o liño, ou non se consomen, como o millo.
En troques, moitas familias da cidade tiñan posesións no campo e del traían moitos productos pró consumo do ano, dispoñendo nas súas casas urbanas das dependencias para os gardar.
Por isto era corrente que as casas tivesen no baixo algunha adega, con portas que permitisen a ventilación, e na que se gardaba, non soamenteo viño, senón as patacas, carnes salgadas, etc., contando tamén algunhas cunha corte prós cabalos de viaxe.»


«A casa actual», en A Casa, p. 118.


«A dependencia esencial nas nosas vivendas campesiñas é a cociña. Ela fai xirar ó seu redor todo o vivir dos moradores, que dependen dela e na que fan a case totalidade da súa estancia mentres permanecen dentro da casa.
A cociña non é soamente a peza destinada a prepara-lo xantar; nela xúntase a familia para comer, recíbense as visitas, fanse as tertulias, rézase o rosario, gárdanse as provisións, procúrase o seu quentor nas noites do inverno e, en moitas delas, dórmese pola noite.»


«As dependencias da casa», en A Casa, p. 123



Fonte: Biblioteca Virtual Galega

 

 

Volver a:     Xocas, homenaxeado das Letras Galegas 2004