Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Xaquín Lorenzo, "Xocas", o homenaxeado das Letras Galegas 2004

A Real Academia Galega elixiu como homenaxeado para o Día das Letras  Galegas de 2004. a Don Xaquín Lorenzo  Fernández, "Xocas"  (Lobeira, 1907 - Ourense 1989).-

Xocas foi un dos etnógrafos máis importantes de Europa no seu tempo e autor de ensaios fundamentais sobre o carro, os trebellos de labranza, ou parroquias do interior ourensán (Velle, Lobeira). 

Discípulo dos Nós da preguerra, vivindo na mesma rúa ourensá ca Risco ou Pedrayo, entrou no Seminario de Estudios Galegos e colaborou coas iniciativas culturais da posguerra (RAG, Museo do Pobo, Galaxia...). 

Xaquín Lorenzo "Xocas"

Xaquín Lorenzo na súa biblioteca de Facós. 1967.

Xocas, homenaxeado das Letras Galegas 2004

 

Entrevista a Xaquín Lorenzo, Xocas (Lugo, marzo 1987)

Xocas, defensor da nosa memoria

O carro

O gado

A alimentación

A casa

O traxe do país

Artes de pesca nos ríos 

 

 

XOCAS NA LEMBRANZA

por XOSÉ LINO VÁZQUEZ-MONXARDÍN BLANCO

Artigo publicado na revista  "RAIGAME",  Nro. 9 ( Dec-99,   editada pola Asoc. Castro Floxo de Ourense e impresa pola Dep. de Ourense) co gallo do décimo aniversario do seu pasamento en 1989.

XOSÉ LINO VÁZQUEZ-MONXARDÍN BLANCO
Ourense, 1933 
Estudiou en Cisneros onde entrou en contacto con Xocas que era xa amigo de seu pai desde os tempos do galeguismo dos anos vinte e trinta. Fixo os estudios de Axudante de Montes en Madrid, foi funcionario da Facenda central e da autonómica e desde os anos sesenta participou na organización de diversas iniciativas culturais galegas. Presidente da Agrupación Cultural Auriense a mediados dos setenta,membro do colectivo Escola Aberta e da Fundación Otero Pedrayo, é na actualidade membro da Fundación do Pedrón de Ouro e da xunta rectora do Museo do Pobo Galego. 

Nace Xaquín Lorenzo Fernández o 26 de xuño de 1907 na rúa da Paz, xusto fronte por fronte do edificio onde vivían uns mozos de 23 e 19 anos chamados Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo.

Vive desde pequeno de a cabalo entre Ourense e as súas terras de procedencia familiar de Lobeira.Seu pai, avogado de estudios pero nunca de exercicio, foi un debuxante de calidade, xornalista oca sional, e impulsor activo de sociedades obreiras. Desde o seu nacemento e o do seu irmán Xurxo en 1910, o pai dedicouse por enteiro á educación e reparación dos fillos,como sempre gustaba de lembrar o “Xocas”. Foi un neno normal e rebuldeiro nunha cidade ben distinta á de hoxe. Desde a Rúa da Paz,xogaba polas aforas da cidade, na “carretera”–hoxe Rúa do Progreso – ou chegaba, por exemplo, ó forno que existía onde hoxe está a Torre de Ourense e onde perdeu as falanxes dos dedos anular e corazón da man dereita, cando os meteu no medio dunha engranaxe da panadería. Bromeaba ás veces, dicindo que o perfil do novo edificio da Torre se correspondía co oco baldeiro dos seus dedos inexistentes. 

Otero Pedrayo –de quen recibiu clases no Instituto que leva o seu nome–, Florentino Cuevillas –quen orientou os seus primeiros traballos e mesmo o animou a dedicarse fundamentalmente á etnografía– e Vicente Risco,foron os seus mestres declarados. Entre eles sempre se gardaron un inmenso respecto –sempre se trataron todos de vostede– a pesar das súas diferencias vitais.

Pero lembremos que cando aparece a revista “Nós”, el conta só con trece anos, polo que non se pode considerar membro desa xeración, aínda que si, o que non é menos importante, o seu colaborador, herdeiro e épígono máis directo.

En 1923 morre seu pai e en 1934 seu irmán Xurxo,co que tiña unha absoluta comuñón de ideas, polo que desde a idade de 27 anos a súa familia directa queda reducida a el e á súa nai Dona Xoaquina. 

Desde que conta vinte anos de idade, comeza a publicar os seus estudios etnográficos, arqueolóxicos e históricos, centrados fundamentalmente ó redor do tema dos aparellos agrícolas como o carro e o xugo, por exemplo, e é admitido en sociedades tales como o Seminario de Estudios Galegos,do que será un impulsor destacado.

A súa vida céntrase no coidado da nai, na lembranza do irmán Xurxo e nos traballos de artellamento cultural de Galicia.En maio de 1930 é nomeado “segredario terceiro” da Irmandade Galeguista en compaña de Otero Pedrayo, Vicente Risco, Cuevillas e o seu irmán Xurxo entre outros; aínda así, tanto por idade como polas circunstancias que lle tocou vivir, a súa adicación ó mundo político foi ben escasa. 

Na Guerra Civil combate do lado que lle cadra –o nacional– e o seu desacordo condúceo, como gustaba de lembrar, disparándolle  ós niños de procesionaria dos piñeiros casteláns, en vez de ós inimigos dos que nel mandaban. Aínda así -ou tal vez por eso- é ferido gravemente no ombreiro esquerdo, a resultas do cal, quedou para toda a vida con molestias recorrentes. 

Pese a ser caballero mutilado, en xullo de 1941 (BOE do 6 de xuño de 1941) incóanlle un expediente de responsabilidades políticas (99/41) en compaña dos seus amigos e mestres Otero, Cuevillas,Trasancos, Leuter e meu pai, entre outros, e do que saíron cunhas condenas bastante leves –multas –,que,ó dicir de Xocas,algúns deles nunca chegaron a pagar.Ante a parálise de calquera posibilidade de actuación política, como o resto do grupo ourensán e en xeral do galeguismo da preguerra, reprégase na actividade estrictamente cultural, centrándose na axuda que podía prestar á xente máis nova que se achegaba ó tema.

Desde 1943 empeza a miña relación persoal con el, no Colexio Cardeal Cisneros onde exercía de profesor e onde o seu talante e a súa formación humana deixou unha grande impronta nos centos de alumnos que pasaron polas súas aulas.A súa charla sempre formativa, máis alá da propia materia escolar, encontraba sempre oco para as referencias a Galicia e para cumprir o seu afán de espallamento da cultura humanística. Nestes anos finais dos corenta e cincuenta traballa incansablemente na que ha ser unha das súas obras máis sobranceiras, o tomo de “Etnografía, culturamaterial” do proxecto editorial “Historia de Galicia” que baixo a dirección teórica de Ramón Otero Pedrayo, acabarían editando en Bos Aires os mecenas da emigración galega.

En 1963 comeza unha nova fase na súa vida: morre súa nai e queda só. Agora o arrimo dos amigos, fundamentalmente Xesús Ferro Couselo e a súa familia,vaille permitir seguir gozando do calor humano para continuar co traballo polas cousas que sentía. Ábrense ademais no tempo novas posibilidades. 

En 1965 forma parte do Patronato Pedrón de Ouro, realmente o primeiro galardón que se outorga en Galicia a xente distinguida polo seu traballo no eido cultural. Cando o seu pasamento, hai dez anos, era o Presidente de Honra de dita Fundación.

En 1967,e xunto con outros veteranos como Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Leuter González, Bieito Fernández, participa na fundación da Agrupación Cultural Auriense, verdadeiro punto de encontro de sensibilidades galeguistas vellas e novas nos anos seguintes. O seu permanente e desinteresado compromiso de colaboración e axuda cos que empezaban, encontrou alí un bo cauce de desenvolvemento. 

En 1968 consegue coa colaboración de moitos dos xa mencionados, a organización regular dunha misa en galego -“a misa dos galeguistas”- que se celebraba o domingo ás nove da mañá na capela do Santo Cristo da Catedral de Ourense. Ó rematar a misa, formábase unha animada tertulia no cafe “Miño” ou en “El Cortijo”,onde os presentes facían xirar as súas conversas ó redor dos temas de actualidade cultural e se ilusionaban cos avances que agromaban no rexurdir da cultura galega daqueles momentos. Mediados os setenta mórrenlle persoas moi achegadas. En 1975 o seu amigo Xesús Ferro Couselo; en 1976 o seu mestre, e por sempre chorado, Ramón Otero Pedrayo; ó ano seguinte, Leuter González e o seu afillado Xesús María Ferro.Como consecuencia desta última desgracia, pon fin a unha das súas afeccións máis persoais: desfaise da grande colección de selos que viña atesourando desde había décadas para deixarlle en herdanza. 

Xocas na súa casa de Facós.Sen embargo, a Galicia que rexorde comeza a darlle alegrías. En 1976 fúndase o Museo do Pobo Galego, como punto de encontro de vellos e novos antropólogos e o seu labor empeza a ser estimado na súa xusta medida. Ocupa desde os inicios o posto de Presidente do Patronato eve medrar durante os trece anos  que lle restan de vida unha idea vellamente agarimada por el desde os tempos do Seminario de Estudios Galegos. Dirixe ó Museo do Pobo Galego. 

Realiza doazóns tales como os valiosos facsímiles das “Cantigas de Santa María” ou do “Libro do Xadrez” de Afonso X, e mesmo o conxunto da súa biblioteca e outros fondos, entre os que se encontran as maquetas de madeira de diversos aparellos agrícolas, outra das súas afeccións máis personais.  

En 1981 regálalle tódalas súas fincas de Facós ós seus aparceiros. Posteriormente vende a súa parte no Colexio Cardeal Cisneros,venda que polas súas condicións lle produce unha grande amargura meses antes do seu pasamento. 

Chégalle a época dos honores. A Galicia autonómica e democrática agradece con homenaxes e recoñecementos públicos a contribución de moitos intelectuais no mantemento dos valores culturais tradicionais e na formación dos seus sinais de identidade. En 1983 é nomeado “Fillo Predilecto da Provincia” e en 1984 a nacente Xunta de Galicia outórgalle, como non podía ser doutro xeito, a medalla Castelao na súa primeira edición. A medalla legouma a min e eu consérvoa como unha xoia polo valor testemuñal de lembranza do esforzo dos homes de “Nós” e dos seus colaboradores. Estas datas sinaladas, entre outras que podiamos escoller, coido que son fitos importantes na vida deste gran traballador e último pígono do grupo xeneracional ourensán coñecido polo nome da revista “Nós”e que nos deixou fisicamente o día 18 de xullo de 1989. 

Aquel grupo de amigos galeguistas de antes,durante e despois da  guerra,sempre se gardaron entre eles un grande respecto e gozaron dunha amizade máis ou menos intensa, por riba de que tivesen as súas diferencias.Vicente Risco, recoñecía en “Xocas” alá por 1962 que: “Es amigo de todos, discutidor de todo, organizador de todo”. Indubidablemente, coñecíao ben.

Agora, ós dez anos da morte de Xocas, vémolo desde esta curta distancia como un dos “bos e xenerosos” e como unha persoa fondamente humilde, eservada, agradecida e emotivae. Nunca dicía “isto é así” senón “Eu coido que debe ser así”. Dos seus asuntos persoais, endexamais falaba. Lembraba continuamente ós seus “mestres” e só coa lembranza, emocionábase. Ademais era un estoico absoluto:tiña domeadas as súas necesidades materiais e físicas ata case facelas desaparecer. Se tocaba comer, comía como o que máis, senón, pasaba absolutamente.

Como “bo” dicir que nunca falaba mal de ninguén, aínda que un soubese que lle tiñan feito malas pasadas. Como “xeneroso” non fai falta máis que reparar nas súas doazóns de fincas, de materiais ó Museo do Pobo, en que non reclamou as débedas...  Non era, ben seguro, nada bo administrador dos seus bens. Xeneroso foi sempre tamén con tódolos estudiosos da cultura galega: ós vellos, novos ou novísimos, que se achegaban a el, facilitáballes materiais, axuda e orientación. 

Cando moitas persoas teimen no amor,dedicación e xenerosidade que el lle profesou á Terra que o viu nacer, Galicia será máis culta e feliz.

Velaquí un bo exemplo a seguir. 



Ourense, 12 /10/1999.-

 

Logotipo Raigame

Revista Raigame       Escola Provincial de Danzas, Ourense, Galicia         Colectivo Castro Floxo       Deputación de Ourense