Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

XANTAR DE TRASNOS NO MAGOSTO - AVELAÍÑA

Xantar de trasnos no magosto

 por  

 

Avelaíña

 

Máis que unha fada é unha meniña con poderes de Dama que sempre anda remexendo nos libros da casa ou nas bibliotecas, un carrapuchiño fermoso e máxico, todo sorrisos e ledicia. Devece por lelo todo, dende a letra pequena das esquelas ata a publicidade da Internet, e pasa moito tempo escribindo contos e historias de tódolos demochiños que coñece, sempre na língua do Verbo Xido, no latín dos telleiros ou en galego, aínda que saiba avelaíñacalquera idioma. Avelaíña é portadora do libro Segredos e Sabeduría da Natureza, o cal lle permite aconsellar e inspirar a calquera de nós que lle mereza confianza ou que ela vexa que necesita axuda. Do tamaño dunha rula e con grandes ás de escornabois, só se nos aparece unha vez na vida, ata tres en casos moi extremos, para darnos a inspiración que necesitamos sinxelamente con ve-la súa transparencia. Noutras ocasións, cando quere comunicarnos a solución dun problema, colócase voando á altura da nosa taluga, prende unha especie de misto, a rafaleira, que leva nunha bolsa de fíos de liño con adobíos de ouro, e sopla forte para que a lumieira da sabeduría enchoupe o noso entendemento. De seguido, bota un sonriso, de velo sufriríamos dunha sobredose de felicidade, danos un pelisco na orella ou nos tira dos pelos para esvaecerse a continuación no espacio e no tempo deixando un arrecendo a xazmín alí por onde estivo. De ser quen non é gustaríalle converterse en contacontos, escritora e alfareira.

 

Goza comendo lambetadas como os ovos de chocolate cunha figuriña de puré de castaña dentro, co marron glacé, coas bolechas de fariña de castaña, dunha mousse de castañas, do biscoito enrolado con crema de tamarindo, dun queixo cremoso con cascos de guaiaba, ou dunhas filloas recheas de mel e tona con noces torradas. Non lle gosta cociñar, por iso cando ten fame achégase a unha casa onde ela sabe que hai alguén cociñando para explicarlle como ten que facelo. Logo de comer un anaco, deixa nun pergamiño escrita a receita e vai facer figuriñas co barro, a outra actividade que lle consume o tempo na eternidade. Tamén se aparece nas casas dos pobres e dilles onde poden atopar comida, dalles consuelo e consellos para mellorar, cartos ás veces.

 

Ela vive na Daordaria, a terra dos telleiros, oleiros e artesáns do barro en Galicia. Ten un xardín deseñado a semellanza dos do paraíso que ben puidera se-la envexa da raíña de Inglaterra. Cóidallo Abragán, xardiñeiro e trasno inocuo que recolle canta planta, árbore, froiteira, flor ou tipos de castaña atopa polo alén dos mundos, dalles nome e fai inxertos que sempre prenden

 

No Magosto do Souto de Demos Avelaíña encárgase de tomar nota de quenes foron, que traballos fixeron, que comeron, apunta as suxerencias para outros anos e reparte para todos unha folla na que escribeu o acontecer desa noite e o repertorio gastronómico do Xantar de Trasnos; é a cronista oficial do que acontece nesa noite máxica. Tamén selecciona o elenco culinario que se vai cociñar e dalle as receitas a Abundia e Verandia, sempre en pergamiño e no Verbo Xido. Houbo un ano, quén sabe cando, algún trasno descoidado esqueceu unha destas folias na que se podía ler:

 

¡Xidas rachas de ausea e rufieira, meus xumpinches, meus xamaríns! Imos arrifar o rufo para mariñar mouza e mariñar de ghizare, ghiche a ghiche. Se traedes galbrina e garulla teredes ghandileira, ghandimorio e xarandola. para chumar sen estafado estaduelas de Folla Redonda e cachoas de lacre da Dona Branca. Pro compango do gaimol, da mouga de ringueno e do coto albo ghamaredes burel, camoucho, llotos con mofra na cricalleira, xildro de maravallas con untexo e xacouzas, isca de areteiras, xabrea do mongelo, areteiro xabateado con cernilla, picoas na fustanga, gichodigarros de chapira enrabeolados, galapeira de ariona rufada con robiolos, murua de gruño con serafíns e balocas rufados na devoleira do ghito, marafullas con cotrozas, ariñoto e xumarros con saravia e curbelas arrufadas a moreas para estafar o deeitos, daxena de xatareliña e balochas de cernia de crubela. Rechouzo de Rechila con cerenia e buxán quente, grapa de gharulas e xanufés de cohiba para manquear. O xumpinche que faga a doca ghamará unha cachua de arañias. Quen aferraque murcideira, zuriqueiras, faquexos, fustas, banetas ou garfuños, e quen pille unha faxurda, achiscaranse na piltra chisa da cafua.

 

 

Traducido pro entendemento dun cristián ven sendo algo así:

 

¡Boas noites de lúa chea, amigos e compañeiros! Imos prende-lo lume para facer o pan e a comida, paseniño. Se traedes fame e máis fame teredes comida, comida e comida. para beber hai cuncas de viño tinto e botellas de branco que non son acedos. De compango coa broa, co pan de centeo e co pantrigo, comeredes touciño, xurelo, chourizos feitos con viño na tixola, caldo de grelos con unto e patacas, sopa de peixes de mar, año ó forno, peixe de río afumado con aceite, pombas ó espeto, fígados de cabuxa encebolados, língoa de vaca guisada con allos, cachucha de porco con chourizos e patacas asados no forno do pan, coello con mazás, bacallao e ovos con arroz e moitas castañas asadas para racha-lo bandullo, queixo de tetiña e biscoito de fariña de castaña. Café de América con zucre e caña, augardente de picotas e cigarros habanos para fumar. Quen non faga o seu traballo comerá unha lata de sardiñas. Quen roube comida, faltriqueiras dos cartos, coitelos, culleres, potas ou garfos, e quen se emborrache, acabarán deitados nun xergón de follato na cadea.

 

Cómpre ter moi en conta que Avelaíña sempre escribe cunha tinta fosforescente cos mesmos compoñentes que os da ardentía do vagalume, coa peculiaridade de que cando o  papel escrito con esta tinta non o temos nas mans as letras fanse invisibles.

 

Nese xantar pódeselle preguntar calquera incertidume que se queira despexar, ela colle o libro dos segredos e lenos a resposta, sempre e cando debamos sabelo realmente.

 

SEGUINTE

 

 

 

  Voltar ó "Xantar de trasnos no magosto" , INICIO

 

  Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro