Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

XANTAR DE TRASNOS NO MAGOSTO - O ESPARAPAPILLADO

Xantar de trasnos no magosto

 por  

 

O esparapapillado

 

 

A este trasno nada lle sae ó dereito: gatuña cara dentro do saco onde se fai a bulla das castañas e leva unha malleira de paus, claro que tamén é o primeiro en comelas pilongas. Por trosmo, que non por trasgo, cae nas cuncas cheas de viño e bébeo para non afogar nelas; sendo nun vaso cunha rodela de limón e vermú queda enriba do cítrico e chucha pola palliña.

 

Cando se xuntan varios destes trasnos para troulear na adega dunha casa, os esparapapillados súbense ó quenzo da lareira, tamén chamado galleiro, para quítarllela tamiza de bramante ós chourizos, sexan do choulán, chanfainos, esboleiros ou dos de chofre. Unha vez que teñen o fío atado no medio e medio do teito abanéanse entre as paredes, lamben a graxa de chourizos, androias e botelos, danlle un petisco ó touciño e convirten o interior das pipas con viño en piscinas onde toman un baño meigallo.

 

As filloas da pedra teñen imán para estes coitados que son capaces de queimarse para comer delas, aínda que só lles gosta a puntiña torrada que se levanta polos lindes. Sábese que ulen o touciño co que se enzoufa a lousa na que se cociñan a mil légoas e corren para subirse nela. A calquera que cociñase destas filloas sucedeulle que, oíndo un ruido semellante ó triscar da leña, cando mira para a lareira, xa lle desapareceu todo o borde da filloa. Na cociña supoñen outro perigo: métense no medio da masa da empanada e aínda que se lle pase o rulo por riba para estirala non se ven, e cando a quitamos do forno aparece chea de buratos sen poder distingui-la masa do almoado.

 

Por moito trasno que sexa ten algo de bo. Rube ós castiñeiros pola taloura (vara longa coa que se abanean para que pinguen os ourizos) e comeza a choutar nas pólas ata topar castañas maduras. Como non ve moi ben, pensa que aínda non caeu algunha e non para de derrucalas ó chan, aforrándolle á xornada ó dono do castiñeiro.

 

 

esparapillados

 

 

  SEGUINTE

 


  Voltar ó "Xantar de trasnos no magosto" , INICIO

 

  Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro