Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

XANTAR DE TRASNOS NO MAGOSTO - INZO

Xantar de trasnos no magosto

 por  

 

Inzo

 

O pequeniño Inzo transfórmase en abiñadoira, o endego, ese ovo que se deixa no niño do poleiro para que a plumífera siga poñendo. Aséntase debaixo da galiña, entre a palla do poñedoiro, e cando esta pon o ovo escáchallo nunha fenda cos seus aguilloantes chavellos, mételle a longa e viperina língoa deixándoo abalofado enseguidiña para despois recompoñer os anacos da casca co cuspe pegañento que linxe da lingua, tentando deste xeito enganar á poñedora e ao seu amo. Cando está farto vai descansar na bacía dos porcos por se pode apañar algún resto de castañas da ceba, os picois. Outras veces colle un capón pola gorxa e obrígalle a botar fóra a masa que lle deron para cebalo, sempre que lle arrecenda a castañas con coñac Soberano.

 

Cando se fai unha tortilla débese asegurar que non está ningún Inzo diante, porque logo de bater os ovos chúchaos, faino tan rápido que só nos decatamos ao ver que o garfo peta directamente no prato. Para escorrentalo por uns días cómpre deixar, no alzadeiro ou na fiestra da cociña, unha cunca cun ovo remexido de galiña negra posto en minguante, sal e unhas pingas de Quina Santa Catalina. Como larpeiro que é lápao nun santiamén, así vese na obriga de correr para beber no gorgullón dun regueiro porque o sal faille tanto dano como ás galiñas e cando enche o bandullo vomita. Non para de beber auga e vomitar en dous días, ponse a morrer, aborrece os ovos e para curarse busca un castiñeiro, cómelle os ourizos, as follas, e se non é o tempo roe nas pólas. Despois descansa un mes e busca outro galiñeiro. Tamén hai quen deixa no galiñeiro unha castaña na que cuspiu un rapaz que tiña un mal de aire dende fai pouco e deste xeito afastar ao Inzo. Para collelo hai que esperar a que teña forma de ovo, entrar no galiñeiro e dicirlle:

 

 

¡Adivíñama Inzo!

Cucurico ten casa encalada,

sen poxigo nen ventá.

Cucurico non ten ollos, cu nin bico,

e os fillos de Cucurico, teñen ollos, cu e bico.

¿Quen é? 

 

O pobre trasno non se decata que a resposta é o ovo, ponse a cavilar no asunto ata un ano, tempo dabondo para collelo e envialo nun paquete por correo ás Américas ou a calquera país onde non existan galiñas e teñan avestruces, posto que arrepía co medo. Algún valente ten collido un Inzo, péchao nunha gaiola de vimbios e aliméntao con caldo de nabizas, ovos de quiquirica e restos de castañas podres ou con verme. Cando o raposo anda cerca, ata unha corda na gorxa do Inzo e céibao polo galiñeiro despois de retirar os ovos dos poñedoiros. Se esta alimaña, ou unha donicela, morde ao Inzo transformado en abiñadoiro el tráballe no fociño, revírase axilmente cara atrás do animal e morde onde máis lle doe. O raposo lisca dalí co rabo entre as pernas.

 

SEGUINTE

 

 


 

  Voltar ó "Xantar de trasnos no magosto" , INICIO

 

  Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro