Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

XANTAR DE TRASNOS NO MAGOSTO - GAZAFELLO COMECASTAÑAS

Xantar de trasnos no magosto

 por  

 

Gazafello comecastañas

 

No Fogar do Carrapucho, na cuntiense Vila do Baño, é onde mellor coñecen o xeito de actuar para darlle caza a este demo que tanto incordia. Os Gazafellos teñen pinta de coelliños, pero non nos enganemos co aspecto porque son asasinos e depredadores non naturais dos coellos, atrevéndose a arrincarllos das fauces aos cans. Este trasno é capaz de correr perigos extremos, poñendo a súa vida en xogo con tal de acadar unhas boas castañas para comer cos coellos que devora con moita ledicia.

 

Como ben sabe calquera cazador distínguense dous tipos: o común e o de ollete. Diferéncianse na intelixencia que posúen e no xeito de pillalos, pero sempre hai que ir a por eles nunha noite de lúa chea. O común, máis abundante, cun hábitat localizado en soutos e piñeiros, é o menos perigoso. Para cazalo localízase un descampado onde sexa fácil moverse de noite e, traendo da casa un caixón de madeira ou un pipote valeiro de viño, faise un niño de pallas no que deixamos unhas poucas castañas. Poñémonos enriba do caixón e batemos nel ao tempo que berramos: ¡Gazafellos ó caixón! Como cren que se trata dunha tobeira con coellos, tamén axuda o arrecendo das castañas, van como unha centella para dentro. Despois pechábase o caixón para gardalos na adega da casa e, normalmente, desaparecían iles, o viño novo, os chourizos, o xamón...

 

O de ollete, máis burro pero máis listo co seu parente, facía vida nun contorno con menos vexetación, máis de montaña. Os trebellos e a técnica para cazalos eran os mesmos cos empregados no caso do vulgar, pero, evidentemente, era o máis perigoso polo xeito de cazalo. O cazador tiña que poñerse de costas á entrada da caixa empregada como trampa para que este Gazafello non lle vira os ollos. O valente acochábase sobre o trebello de madeira e batía coas mans xusto na entrada do caixón  mentres berraraba:

 

 

Gazafello,

vente ó rello,

que Alpabarda

por ti agarda.

 

Como este demo de animal non ten a intelixencia daqueloutro, ten pasado que en vez de entrar na caixa podíase meter polo ollete do cu do intrépido cazador. De aí que se lle coñecese con tal denominación: do ollete.

 

Para escorrentalos abondaba con nomearlles ao mellor cazador de gazafellos de todo os tempos. Con dicir en alto o seu nome fuxían a lume de carozo e non paraban ata chegar ao cumio do Picato. Hoxe en día, só van cazalos os bocaaberta que chegan por primeira vez á vila, cousa de agradecer polo empeño que poñen na tarefa, xa que algún iniciado pasou máis dunha noite no monte sobando a paos os piñeiros de Teaño, tamén os do piñeiral do Conde, na procura destas quimeras.

SEGUINTE

 


  Voltar ó "Xantar de trasnos no magosto" , INICIO

 

  Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro