Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

XANTAR DE TRASNOS NO MAGOSTO - CACHAFEIRO

Xantar de trasnos no magosto

 por  

 

Cachafeiro 

 

É pequeno, peludo como un rato e máis feo co demo cando sae espido do inferno. Non fala máis que o Verbo Xido dos Arxinas, pero cando bufa conxela todo canto hai no universo. Adoitaba recoller a neve dos montes do Candán para almacenala nas neveiras que tiñan nas rochas os monxes do mosteiro de Aciveiro, acochándose polo verán no frío máis fondo da terra. De mans pequenas, ollos de rato e orellas de esquío, unllas moi longas e duras como o aceiro, con dedos gordos, é tal a presión que fai sobre as folerpas que chegou a conseguir cristais de cachafeiroauga perfectos, case diamantes. Só bebe augardente, aloxa ou suor de égua e conxela as castañas co bafo para ir coméndoas nos meses que non vai frío. Para cazar un coello, ou calquera paxaro, tíralle frechas feitas con xeo ou conxélaos co alento. Cando remataba de remexer nas neveiras de pedra dedicábase a facer figuras cos carámbanos idénticas ás caras de monxes e veciños. Ten moita habilidade no manexo de unllas e dentes.

 

Dunha vez que ía moita calor fóra, meteuse na cociña do mosteiro e bebeu augardente dunha botella onde antes houbo auga bendicida. ¡Toleou, meu Deus! Pegou un berro que fixo eco na cambota e deixou xordo a todo aquel que estaba a menos de sesenta e nove pasos. Logo saíu disparado pola cheminea como se fose un nobelo de palla ardendo que iluminaba a noite cen metros por riba do tellado do mosteiro. Foi tal o rebumbio que armou que os frades pensaron que chegara o día do Xuízo Final, sobre todo cando viron ardendo a cociña para estenderse as chamas do refeitorio ao cenobio. Ao final a culpa levouna o cociñeiro, un veciño do lugar que non tiña moito reparo en trocar auga bendicida por aqua vitae da Ulla, xa fose branca, torrada ou de herbas. Doutra, entrou ao caladiño nunha casa de comidas de Forcarei na procura de castañas pilongas. Como estaban á remollo para cocer pola mañán coa richada, ao meter a man na pía con auga conxelouna. Nin facendo lume enriba deste remollo xeado foron quen de derretelo antes dunha semana, e iso que chamaron a uns canteiros para picalo.

 

Anos despois, os franceses invadiron Galicia e derrubaron parte deste Versalles galego. Os veciños aproveitaron a pedra que caeu para edificar as casas porque vivían en cachoupas moi pequenas. O Cachafeiro facía réplicas en xeo das pedras que ían coller os canteiros ao día seguinte, polo que decidiron prender fogueiras de noite onde as pedras para que este diaño non puidera facer o troque. De cando en vez, viña Cachafeiro ás agachadas e sopraba forte para volver a conxelar a falsa pedra medio derretida, pero os veciños ao ver unha casa coas paredes reviradas e pandeadas xa non a querían. Algunha vivenda estaba moi avanzada cando chegou a primavera e derreteuse.

 

Ó desaparecer as neves da Serra do Candán Cachafeiro emigrou. Uns din que se foi cara ó Antártico, como quen vai tomar as augas a un balneario nunha vila de repouso, e outras testemuñas aseguran telo visto cunha botella de xenebra e falando inglés co capitán dun barco chamado Titanic antes de afundirse. Se alguén ten a mala sorte de bater co Cachafeiro pode morrer conxelado no sitio ou, de seguro, non lle pasa o frío en cen anos nin con manta eléctrica. No Xantar de Trasnos do Souto de Demos é o encargado de apagar o lume ao remate para que non prenda ata o ano seguinte.

 

SEGUINTE

 

 

 

  Voltar ó "Xantar de trasnos no magosto" , INICIO

 

  Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro