Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

XANTAR DE TRASNOS NO MAGOSTO - OS PATACHICAS

Xantar de trasnos no magosto  por  

Os Patachicas

 

Dende Carcacía ata Lestrove, pasando por Herbón e Padrón, non hai trasnos que máis lle amolen a vida ós veciños. Os Patachicas son o triunviriato do mal: pai, nai e filla.  Chegado o tempo da colleita, adoitan amoxetar na puntiña os pementos, e se pican mellor. Polo seu físico confúndense con patacas grandes: achaparrados na distancia entre polos e amplos de sebo no ecuador, as pernas pequeniñas a xeito de rollas semellan os ollos que agroman das patacas vellas, e a cabeza miudiña, con poucos miolos dentro, como unha oliva.

 

Na última festa do San Antoniño de Herbón prendéronlle lume ós foguetes antes de tempo, asustaron tanto ós veciños que dubídase se terá continuidade esa celebración. Fan as súas necesidades diante da porta da casa de quen lles dá unha esmola ou de comer, apartan o becerro mamando de onde a vaca para roubarllelo leite, chuchan no aceite das lámpadas das igrexas para culpar á curuxa, contaminan acústicamente o espacio ó redor deles facendo chirria-lo eixo do seu carro de madeira de toxo para presumir, carro no que van gardando tódalas farangullas que collen nas cociñas onde entran na procura de restos de comida. No xantar, asentan a parte baixa do bandullo nun taburete para pousa-los pratos cheos de comida enriba, mastígana un pouco e cúspena.

 

Cando non se acochan na súa tobeira, que antes foi dunha serpe, entran na casa dun pobre onde só hai cativos durmindo e vellos que están a morrer, métenlles medo e péchanos nuha habitación, tirando de seguido a chave nun pozo para remexer na casa coa arela de topar xoias e ouro. Se aparece un anaco de touciño rancio son moi felices e fuxen dalí na procura doutras víctimas.

 

A nai Patachica é de pouco e mal pelo porque o queima cada vez que se achega ó pote a remexe-lo caldo ou botar leña ó lume, por iso teñen un bafo a corno queimado na cachoupa. Nunca vai de plañideira ós enterros sen unha perruca de pel de rato sarnoso e sempre quere comer do guiso do morto, xantar fúnebre con raigame na nosa terra. As Patachicas son as máis lurpias, burras, lerchas, ruíns, malparidas e malfeitas de cantas meigas haxa por alí, pertenecendo ó grupo das meigas antaruxas e chuchonas, as que lle bican o traseiro a Satanás en figura de castrón e que van chuchando no sangue dos inocentes. Na compaña do chuchumeco de papá Patachica adícanse a meter cizaña rexoubando coas mentiras e os disque-disque entre os bobos que lle fan caso. Antes de ser uns pobres demochiños déronlle moi mal trato á nai da Patachica, unha feiticeira que denantes de morrer fixo un conxuro para que outros parentes o leeran sobre o seu cadaleito e convertelos así en trasnos sen poderes.

 

 

 

** Este relato publicouse na revista A Taboada, nº 4, novembro de 2002, da Asociación Cultural "O Meigallo" de Cuntis, Pontevedra.

 


  Voltar ó "Xantar de trasnos no magosto" , INICIO

 

  Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro