Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

XANTAR DE TRASNOS NO MAGOSTO - POR XAVIER BARREIRO

Xantar de trasnos no magosto

 por  

 

No principio dos tempos todo era caos e escuridade. Da nada foise modelando un mundo que evolucionou ata conseguir o estado no que o coñecemos hoxe. Decidiuse entón repoboar a terra cuns entes cheos de vida, algúns deles con poderes que non tiñan os simples mortais, pero con erros no deseño para que non acadasen a perfección do creador, uns clónicos feitos á medida para encaixar na creación. Tamén se lles impuxeron unha serie de regras a seguir cara á unha convivencia en paz entre iles e coa natureza, pero algo fallou: non se tivo en conta que ao dotalos de vida e sentimentos, polo tanto envexa, cobiza, luxuria, vesania, preguiza, gula e soberbia, non sempre o ben ía dominar sobre o maligno. Entón, sucedeu que os numerosos seguidores do mal que tiñan poderes decidiron revelarse para amosar a súa forza converténdose en habitantes do sobrenatural mundo das tebras. De cando en vez, veñen a visitarnos trasnos, meigas e demochiños en lembranza destes feitos, sementando entre nós a superstición e a ignorancia coa que alimentan a súa existencia. Con moito tempo, decatámonos que non todos eran malignos e de que tamén estaban relacionados co gastronómico, para ben ou non da nosa mortal condición. Os habitantes das tebras seguirán a existir mentres pensemos neles, xa que a nosa imaxinación é o salouco vital que precisan.

 

Unha vez ao ano reúnense todos para xantar na noite da véspera de Defuntos. Xúntanse nun Magosto, coma nós, nunha lubre ó pé do castiñeiro máis vello de Galicia, disque alá entre O Courel (Lugo) e Riós (Ourense), no lugar chamado Souto de Demos durante esa noite e Chan de Santos o resto do ano. Cada trasno ou meiga leva algo de comer para compartir nesa celebración máxica e gastronómica na que non descubren o seu lado maligno. É o único momento no que os mortais podemos estar ao seu carón sen padecer as consecuencias, porque só durante esa noite actúan como humanos. Comunícanse no Verbo Xido dos Arxinas pero entenden e falan o galego, polo cal menciñeiros e cregos dominaban o latín dos canteiros para estudialos.

 

Nesa noite, calquera mortal que se achegue de boa fe pode descubrir remedios para o mal de ollo, aires de toda procedencia, posesión de espíritos, intervencións sobrenaturais, enfermidades varias e tradicionais, infeccións, dores, pero por riba de todo aprenderase canto se debe saber da castaña, do lume, do mundo sobrenatural —ou non tanto— e da cociña de Galicia. Os larpeiros que por alí foron con ánimo de aproveitarse dunha boa papada remataron en demochiños de último orde. Só os bos chapantes non deben temer nada esa noite se van ó Xantar de Trasnos.

 

No seu momento, arrechéganse os convidados case ó unísono, rodean o castiñeiro coñecido como Rusbel de Donai e unha feiticeira fai as veces de Samarín Queicoa, o mestre de cerimonias que invoca ao lume para prender a cacharela do Magosto recitando esta lenda entre o laiar dunha curuxa: 

 

O lume, polo tanto luz e calor, estaba no sol pero ninguén ousaba subir para traelo. Un paxariño con espíritu de sacrificio polos seus conxéneres, o paporrubio, ofreceuse a ir na procura destas fontes de vida. O sol advertiulle do perigo de se queimar e de morrer na viaxe, pero el emprendeu o camiño. Cando o paporrubio tornaba co fachico no seu peteiro ardéronlle as plumas do peito e da gorxa, por iso leva esa cor no papo: lume no peito. para reparar a perda das plumas os demais paxaros, solidarios coa luz, déronlle unha pluma. Por iso, eiquí e agora, nós, os seres non naturais deste mundo, pedímoslle ó lume que nos dea a luz para honralo nesta noite na que mortais, entes do sobrenatural e outros seres deste mundo xantaremos na súa honra. 

 

A curuxa, cómplice das tebras, non quiso darlle unha pluma ó paporrubio, entón, os demais paxaros negáronlle o dereito a voar de día e, cando o intenta, obrígana a se agochar. Xa escarmentada, non deixa de laiarse cando escoita este esconxuro.

 

Como por arte de encantamento, a carón deste castiñeiro aparécese prendida unha cacharela, grellas e potes sen gramalleira no lume pendurando do aire e unhas mesas ben adobiadas. De seguido ¡totum revolutum!, colle cada un o seu mollo de palla seca de centeo con cornecelo e préndenlle lume para, co fachico na man, percorrer o souto devolvéndolle así á terra parte da vida que lle quitan durante o resto do ano, purificándose eles asemade. ¡Corren e berran coma se tiveran realmente o demo no corpo! Reméxense e enlórdanse na lama, guíndanse ó peito os fachiños, restréganse o corpo cos ourizos e coas follas dos castiñeiros, fan o requeneo como se fosen lobos, peidean como lóstregos, amoxétanse no nariz e císpense. Entón faise o silencio, o lueiro semella un facho que ilumina a escuridade do universo, collen todos unha forma humana con sombra de diaños, temporal pero visiblemente material, e realizan esa noite o traballo que lles encomenda Abragán, o trasno que actúa como mordomo neste convite. A partir de entón, quen se atreva pode achegarse onde a eles, sen temor, sempre coa intención de ser bo chapante. Todos estes seres míticos devecen por unha comida en especial que os faga sentirse humanos por un intre, e quen os convide sempre estará a ben con eles; puidera ser porque o que come e non convida, ten o demo na barriga.

 

Meigas e trasnos levan gaiteiros, con máis medo que folgos, para tocar unhas gaitas con roncón de ouro, palleta de titanio recollido nun meteorito e fol de coiro de canguro. Cantan e bailan sen parar, con ritmo e non desentonan, canta peza existe no repertorio de muiñeiras, pasodobres e outras danzas do país; xa se sabe que o demo as tapa e o demo as destapa con tamboril e gaita. Mentres as meigas repenican pandeiros e panderetas treme a terra, e o aturuxo dos trasnos resoa doutro lado do Atlántico, pero así e todo nunca tan boa música se escoita na Galicia. Nos últimos anos, por mor da globalización que tamén lle afectou a estes seres sobrenaturais, comezan a escoitarse algunhas cancións con ritmo caribeño e sudamericano. Hai unha meiga, Eudivoria, que ten o poder de atraer os sons, pois estes percorren o aire durante séculos dende que se emiten. Nunha destas foliadas meigas foi capaz de recoller as palabras do rei Salomón nas que se crean as notas musicais. Dende esa noite, non hai músico que non saiba dos poderes desta bruxa e que non lle dedique unha gaiteirada en segredo, ou calquera peza a ritmo de birimbao, chifres e frautas de cana, charrascas ou cun vinco.

 

Desta cea-xantar foron testemuñas xente de toda condición e coñecemento, de aí que algún ilustre bardo dun castro veciño, tamén máis dun cego con zanfoña, lle dedicase unhas verbas: 

 

Do Courel saíndo, a seis días,

non menos por lixeiro que se ande,

e dende Riós as mesmas alegrías,

ao pé dunha sombra moi grande

do máis vello e máxico castiñeiro

achéganse trasgos do mundo enteiro.

 

A noite é de Defuntos

no Souto de Demos,

xúntanse meigas e trasgos,

fadas, enfeitizados e menciñeiros.

 

Ó achegarse fuxe o lusco,

a lúa empeza a triscar,

entón chega o fusco

con castañas para asar.    

A xantar veñen a este Magosto

algún máis vivo que morto.

Algún máis morto que vivo

a este Magosto veñen chapar,

con dúas feiticeiras cociñando

para ó bandullo abarroutar.

 

Dun pipote o viño corre á rangalleira

cando un trasno lle quita a espicha.

Moitos croucos reparte a meigalla

nunha ben baleira cesta bimbieira

 

Nesta festa non hai fame,

nin sebo que roer,

nin unto para comer…

A castaña se debulla, o touciño non se lambe...

Garfos, culleres e coitelos non precisas,

manteis e sabanos valen cen misas.

 

Trasnos, demos, diaños, demachiños... son todos o mesmo, só se diferencian nos poderes que teñen e no máis ou menos perigosos que poden chegar a ser. As meigas son fadas que teñen murcio e os enfeitizados mortais que perderon esa condición por un encantamento, ben de meiga ben de mortais cos mesmos poderes. Dos participantes nesta esmorga sabemos moito, pero é máis interesante a historia dos que están relacionados coa castaña, co magosto e coa gastronomía galega:                                            

                                      SEGUINTE

 


 

  Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro