Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A PATRIA DO LABREGO, DE ANTÓN VILLAR PONTE (1881-1936)

Antón Villar PonteEscrito durante a súa estadía como boticario en Foz e publicado en 1905 na imprenta Ramiro P. del Río de Luarca (Asturias), A patria do labrego é un drama nun acto en prosa (nesa altura predominaba aínda o uso do verso na dramaturxia) que resposta claramente á concepción estética do chamado “teatro de tese”, cultivado por aquel entón por dramaturgos como os escandinavos Ibsen e Strindberg, o ruso Máximo Gorki, os españois Dicenta e Pérez Galdós, os cataláns Ignaci Iglèsias e Guimerá ou o galego Lugrís Freire, figura esta última que con pezas como A ponte serve de modelo inmediato ao noso autor.

Villar Ponte, que fai parte nesta época do comité mindoniense da “Unión Republicana” de Salmerón, presidido por Leiras Pulpeiro, mantén no momento de redixir a súa peza un estreito contacto coa “Escola Rexional de Declamación” coruñesa, que impulsaban o citado Lugrís e o actor Bernardo B. Jambrina. Para ela tentou traducir para o galego algúns dramas cataláns como Els vells, El místic e Terra baixa, dos que achamos non poucos ecos na peza que nos ocupa.

Nun artigo publicado na Revista Gallega (nº 429, 7.6.1903), Villar Ponte postulaba claramente a necesidade de “llevar á la escena las fatigas y las privaciones, las miserias y las luchas del sufrido paria de los campos gallegos, con todo el colorido de la verdad y con todo el realismo de la exactitud”.

Esta orientación estética, temática e ideolóxica, que leva aparellada loxicamente o emprego do idioma en que vivía e padecía ese campesiñado obxecto de solidariedade (“nada tampoco más absurdo que escribir en castellano aquello que sólo en gallego puede expresarse fielmente”, escribe Villar Ponte), é a que alenta en A patria do labrego, unha peza teatral escrita, segundo palabras do seu autor, coa clara intención de “que se vexa n-as pobraciós o servilismo y-a escravitú á que leva ós labregos a praga do caciquismo”.

A peza constitúe, efectivamente, un duro alegato anti-caciquil e pró-migratorio, en que se mesturan unha crítica da docilidade e da resignación mansa dos labregos perante o sistema político-social imperante, unha denuncia das estrataxemas de opresión despregadas a nivel local pola clase política da Restauración na Galiza e unha afirmación da vía migratoria como única saída real de liberación para o campesiñado e para os individuos con sentido da dignidade. Ben é certo que esta visión favorábel á emigración modificaríase radicalmente, tempo andado, noutra das pezas teatrais do fundador das Irmandades da Fala: Almas Mortas (Ed. Céltiga, Ferrol, 1922).

A acción de A patria do labrego sitúase nunha mañá de inverno, no “tempo actual” (primeiros anos do século XX) e localízase na cociña dunha casa de aldea da Mariña luguesa. A peza respecta nas súas oito escenas as tres unidades aristotélicas (acción, tempo, espazo) e está protagonizada por catro personaxes: o labrego vello “Tío Xan”, a súa filla “Rosa”, un cacique que pretende abusar de ambos, “o Señorito”, e o “Vagamundo”, auténtico alter ego do propio autor e arquetipo da liberdade. A acción xira arredor do conflito e dilema desa familia labrega sobre a conveniencia ou non de emigrar e sobre o intento de chantaxe sexual que o Señorito leva a cabo valéndose da súa situación de forza e dominio económico-legal sobre esa familia, como vinganza porque non lle dera o voto nas eleccións. O final da obra, absolutamente climático, translada ao público receptor toda a intensidade do dilema “Submisión vs. Rebeldía” que latexa nela.

A patria do labrego non coñeceu representación até o 7 de decembro de 1919, data en que foi representada na Coruña polo cadro de actores e actrices do “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego” da Irmandade herculina, dirixido por Fernando Osorio Docampo. En 1928, xunto con Entre dous abismos e a citada Almas Mortas, faría parte do volume Tríptico teatral, editado pola “Nós” de Ánxel Casal Gosenxe.

É, en definitiva, unha das obras verdadeiramente fundamentais da etapa de surximento dunha dramaturxia galega digna de tal nome e, ao mesmo tempo, unha das mostras do talento literario e da ideoloxía solidaria, progresista e insubornábel do fundador do nacionalismo galego contemporáneo.

(*) [Profesor no IES de Vilanova de Arousa e autor da tese de doutoramento na USC Antón Villar Ponte. Vida, obra, traxectoria cívica e pensamento (2002)].