Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Perspectivas do teatro galego actual

Roberto Vidal Bolaño

Xénero: Ensaio

Observacións: Este texto foi publicado por vez primeira en 1998, nas Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa.

 


     Se a perspectiva, ademais da arte de representa-los obxectos nunha superficie plana, Roberto Vidal Bolañoé a capacidade para aprecia-lo aspecto que presenta un conxunto de feitos ou de cousas ó seren observados dende unha certa distancia, hei dicir que, a respecto do teatro galego actual e da complexa armazón de relacións que o fan posible hoxe e que con toda probabilidade han determina-lo seu futuro inmediato, carezo desa distancia mínima, tanto no temporal coma no material, sen a que dificilmente nos é permitido abarcar conxuntos de tal natureza na súa globalidade.


     Dunha, porque forma parte do meu propio presente e ese presente é cambiante, diverso, complexo, susceptible de ser contemplado dende moi diferentes ópticas ou posicionamentos. E doutra, porque a miña mirada non só se dirixe a unha paisaxe en permanente transformación, que muda a cada pouco, e case sempre baixo o influxo de leis azarosas e imprecisas, senón que o fai dende dentro, dende un curruncho sen perspectiva. Inmerso, pola miña condición de autor, director, actor, productor, iluminador, escenógrafo, figurinista e público, nesa mesma paisaxe á que me pretendo achegar.
     Engadamos ó antedito que, ó meu modo de ver, o teatro, entendido na súa forma plena, non é só unha póla máis da literatura senón o resultante da confluencia de polo menos tres xeitos de se relacionar creativamente con el. A saber: a que lle é propia ó autor dende todas e cada unha das formas nas que esa autoría pode darse e na que maiormente residen os seus valores literarios (o que hoxe en día entendemos como escrita dramática); a que lle é propia ó actor e ós demais axentes que de común interveñen na configuración do teatro como feito escénico (ou sexa, directores, escenógrafos, iluminadores, figurinistas, etc.; o que hoxe entendemos por escrita escénica); e a que lle é propia ó público, en canto obxecto do discurso, caixa de resonancia ou rego farturento no que tanto unha escrita coma a outra se han reflectir ou da que han ser reflexo para ser e saberse vivas. Entenderase que, á hora de me achegar ó que é ou deixa de ser un fenómeno da complexidade e amplitude do que nos ocupa -cal a contribución ou a responsabilidade de cada quen nel, e cal as súas perspectivas de futuro- teña forzosamente que sobrevoar por riba das causas máis que profundar nelas como quixera.

     Malia non ter, como logo se verá, ningunha sorte de propensión coñecida ó optimismo, vou comete-la ousadía de comezar afirmando algo do que ás veces eu mesmo dubido. A tal ousadía non é outra que a de aseverar que, nunca coma hoxe, Galicia dispuxo da posibilidade certa de se outorgar un teatro de seu. Un teatro que lle mostrar ó mundo sen soberbias, pero tamén sen complexos, de importancia cualitativa e cuantitativa en nada desmerecente da de todos e cada un dos demais xeitos de expresión dende os que veu manifestándose como cultura e como pobo ó longo da historia.

     Se ben a frialdade dos datos nin afirma nin nega máis cousa ca aquela que os propios datos mostran, unha simple e nada pormenorizada enumeración dalgúns deles axudaranos a comprender diante de qué panorama teatral estamos e cál é a orixe deste inhabitual optimismo.

     Cada ano, dende vai para uns dez, entre 30 e 40 empresas de producción e distribución teatral, o que entre nós se coñece como compañías, acollidas ás diferentes fórmulas que o réxime mercantil permite, e polo tanto con clara vocación de profesionalidade tanto no económico como no artístico ou no laboral, producen e distribúen unha media aproximada de 50 espectáculos por ano, nos que interveñen arredor duns 300 profesionais de diferentes especialidades: autores, actores, directores, productores, técnicos, deseñadores, escenógrafos... cunha facturación por exercicio fiscal que pode roldar entre os 400 e os 500 millóns de pesetas. Desas compañías, entre dez e quince, fan teatro infantil, maiormente de monicreques, mentres que as demais repártense, ou repartímonos, porque eu son cotitular dunha delas, un abano de, chamémoslle oferta, que vai dende o teatro experimental, alternativo, ou vangardista, ata o teatro máis convencional, pasando polo cabaré, o teatro danza, o teatro de rúa ou o teatro sen adxectivos.

     A súa actividade, xunto coa do Centro Dramático Galego (unidade de producción e distribución teatral de carácter institucional) tennos permitido, ós que así o quixemos facer, confrontar riba das táboas de máis ou menos cincuenta escenarios diferentes diseminados por todo o país, os textos de autores propios como Castelao, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ramón Otero Pedrayo, Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Manuel Lourenzo, Antón Reixa, Miguel Anxo Murado, Roberto Salgueiro, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Xavier Lama, Xesús Pisón, Miguel Anxo Fernán Vello, ou eu mesmo, entre outros. E de autores alleos, máis ou menos vertidos ó galego, como Shakespeare, Molière, Aristófanes, García Lorca, Koltés, Sam Shepar, David Mamet, Fernando Arrabal, Singer, Bertolt Brecht, Chejov, Ernesto Caballero, Maxi Rodríguez ou Alfonso Sastre, por poñer só algúns ilustres exemplos.

     Anque unha porcentaxe certamente considerable deses cincuenta espectáculos que se veñen producindo e exhibindo cada ano non teñen outro interese que o de existir, o que para ben ou para mal non é pouco, entre 10 ou 15 deles teñen unha dignidade máis ca respectable sempre, e 5 ou 6 son excelentes e pouco ou nada teñen que lle envexar ó común dos producidos nese mesmo intervalo de tempo no resto do estado español. Os máis deses espectáculos non chegan ás 10 ou 15 representacións, un tercio aproximadamente deles superan as 30 e algúns, certamente non moitos, un ou dous e non tódolos anos, alcanzan entre as l00 e as 150 e son confrontados na súa formulación escénica por uns 30.000 ou 40.000 espectadores.

     O número de representacións e o de espectadores, anque con altibaixos, vai en progresivo aumento. E a tendencia é a que siga así mentres non manden o contrario as diferentes administracións públicas (a autonómica, a provincial e a local) que son as que, ademais dun reducido sector do público que paga a súa entrada, constitúen a nosa clientela en réxime case de exclusividade. Cada ano son máis as compañías e os espectáculos que, previa versión ó español, acceden ós mercados exteriores, competindo nun plano de certa igualdade tanto no económico, como no infraestructural ou no artístico co teatro producido no resto do estado, ou mesmo co de Portugal.

     Os nosos actores, actrices e técnicos, ou polo menos un número cada vez máis importante deles, ademais de acreditar a cada pouco a súa valía co traballo entre nós, no teatro, no cine ou na televisión, están sendo reclamados cada vez con máis frecuencia polo cine, a televisión ou o teatro españois e mesmo alcanzando niveis de popularidade e de recoñecemento que dan conta do seu talento e alta cualificación. Permítaseme citar aquí, o Goya á mellor Maquillaxe obtido por Solange Aumet, profesional formada no teatro e no cine galegos malia ser filla de franceses. Ou as nominacións para o mesmo premio, o máis prestixioso que se conceden a si mesmos os profesionais do cine español, como actriz e actor revelación, de María Pujalte e Manuel Manquiña. Profesionais todos eles que xa eran así de bos mentres desempeñaban o seu traballo entre nós.

     O panorama da autoría dos escritores de teatro non é moi diferente. A nómina é cada vez non só máis extensa, senón de máis interese e de máis frecuente presencia e acollida do público nos nosos escenarios. AIgúns deles vimos sendo traducidos e estreados fóra con relativo éxito, ou mesmo recibindo recoñecementos equiparables ós que escritores doutros xéneros veñen obtendo nos últimos anos para sí e para as nosas letras.

     Se o recoñecemento público, e ás veces tamén crítico, que supoñen ou deberan supoñe-los premios é relevante, e así o parecen considera-los nosos analistas literarios ou os nosos historiadores, a respecto das demais pólas do sistema literario galego, a nosa actual dramaturxia, en especial a xurdida dos autores encadrables na chamada Xeración Abrente (non son os únicos), ten alcanzado abondo carta de natureza non só entre nós, senón tamén máis alá do Miño, de Pedrafita ou do Padornelo.

     Manuel Lourenzo vén de gañar este ano o Nacional de Literatura Dramática pola súa triloxía Veladas indecentes. Raúl Dans, o Premio Borne, un dos máis importantes do país para autores mozos, e Joan Guisán o Premio do Eixo Atlántico, premio ó que, como se sabe, concorrían autores galegos e portugueses. Eu mesmo, tras disputarlle honrosamente o Nacional de Literatura Dramática a Alfonso Sastre vai xa para cinco anos, e de que só logo dun empate na prórroga a seis votos este se desfixese ó seu favor ós penaltis, fun un dos cinco finalistas, cunha traducción ó castelán dunha obra orixinariamente escrita en galego, Réquiem, do Premio Tirso de Molina na súa edición de 1995, un dos premios de teatro máis prestixiosos do mundo de fala hispánica e ó que concorren autores dramáticos de toda América Latina. Se mal non recordo, naquel caso, o número de rexistro de entrada da miña obra era o 257, e mandeina cedo de máis para ó que en min é habitual.

     Moi recentemente un traballo de María José Ragué Arias publicado por Ariel na colección Literatura y Crítica, sitúa a tres dos nosos autores da chamada Xeración Abrente, tamén coñecida como Grupo de Ribadavia, en concreto a Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e a min, entre os renovadores da escrita teatral en España neste século, incluíndonos no por ela denominado "Novo Teatro" e facéndonos aparecer nun plano de igualdade, de par dos Luis Matilla, José Ruibal, Jerónimo López Mozo, Ramón Gil Novales ou Manuel Martínez Mediero.

     A certeza de que algúns destes datos, analizados polo miúdo e malia as súas aparentes magnitudes, máis ca signos de madureza son o síntoma de certos males endémicos dunha sociedade como a galega, non debera ensombrecer ou impedir que apreciaramos na súa xusta medida que no noso teatro están a agromar hoxe, como nunca antes o fixeran, moitos dos soños, dos esforzos e das tentativas máis fecundas a prol da consolidación dun teatro de nós, postas a andar polos que nos precederon. Ós pouquiños, certamente. Non sen atrancos e incertezas. Enturbado, ou mesmo oculto, por demasiadas presadas de palla alimentaria e comenenciuda e con máis dunha falsidade dentro. Pero un teatro ó fin que, malia todo, xa é quen de saír ó encontro de poéticas propias. De traducir en termos de universalidade o particular e de reafirma-las capacidades certas da nosa cultura e dos nosos creadores para se incorporar por méritos propios á dramaturxia e ó teatro universais. Un teatro, en suma, en nada ou en moi pouco desmerecente do que Galicia foi quen de achegar á cultura propia e á universal noutros eidos das artes tidas por maiores neste e noutros tempos.

     E sen embargo pouco ou nada funciona. Ou polo menos, pouco ou nada funciona como podería ou como debera. Anque a realidade sobrepasa con moito o máis cobizoso dos soños dos que nos antecederon, está aínda lonxe de satisfacer moitos dos nosos. E esa realidade teatral por tantas razóns estimulante, dista moito de ocupa-lo lugar que en xustiza lle correspondería na conformación do noso presente cultural e do noso ser e estar no mundo.

     As razóns son múltiples e difusas, como corresponde cunha arte diversa e complexa na que interveñen multiplicidade de axentes. E non todos artísticos, precisamente. Moitas das causas que ensombrecen este presente por tantas razóns esplendoroso, residen na relación que polas propias especificidades do teatro en canto a feito escénico temos por forza que manter coa realidade da que queremos formar parte ou na que queremos inscribi-Io noso discurso ou a nosa poética. Outras non. Outras, non menos determinantes, agroman en nós propios. Están no celme mesmo da orixe e a configuración do actual teatro galego.

     Sería imposible falar aquí de todas e cada unha das causas dunha e doutra procedencia, que ó meu modo de ver coutan hoxe unha relación máis fluída e natural entre o noso teatro e a sociedade na que nace e á que, polo menos unha parte del, pretende servir. Excedería os límites deste traballo. Así é que permitireime mencionar, anque só sexa de pasada, algunhas de entre aquelas que ó meu xuízo máis e mellor poden ilustra-lo que veño dicindo.

     O teatro galego actual, na súa configuración organizativa, productiva e infraestructural, ten unhas orixes certamente próximas no tempo. Os alentos dos que naceu a súa necesidade, os xeitos dende os que esa necesidade veu tentando satisfacerse, as correntes de pensamento que o rodearon e aínda o rodean, e o devir histórico no que se viu inmerso ou do que é protagonista hoxe, como non podería ser doutra maneira, encerran non poucas contradiccións, nas que se foron cocendo moitas das súas grandezas e as máis das súas miserias.

     A finais dos anos sesenta e como resposta a un panorama teatral esclerosado, ó servicio maiormente dos intereses do réxime e das clases que o sostiñan, xorde un movemento teatral presidido polo rexeitamento, dunha banda, das normas que regulaban o feito escénico no conxunto do Estado español e que reducían ó silencio as novas voces e as novas correntes estéticas. E doutra, poIa posta en cuestión dos métodos de creación e de producción dende os que ese teatro se viña facendo, do repertorio no que de común se asentaba e da función mesma do teatro a respecto da sociedade. Xorde así o que deu en chamarse teatro independente, corrente a que se sumaría, anque dende postulados ben diferentes, toda unha xeración de homes e mulleres do noso teatro esencialmente interesados polo seu desenvolvemento en canto a feito escénico.

     Ese impulso revitalizador da escena española terá entre nós, e en xeral en todas e cada unha das nacionalidades históricas, uns matices diferenciadores que retornaban o vello desexo de moitos dos nosos devanceiros, de dotar a Galicia dun teatro propio. Un teatro que, no artístico, fose expresión do seu ser, e no social non só unha posta en cuestión da dictadura, senón un argumento máis na defensa da nosa identidade cultural e dos nosos dereitos nacionais.
     Dese matiz nacerán as máis das diferencias e os conflictos entre o teatro independente español e o teatro chamado das nacionalidades, e mesmo os deste consigo propio. Diferencias e conflictos que no primeiro dos casos se puñan de manifesto, fundamentalmente, na distinta (por non dicir contraposta) concepción que cada quen tiña da chamada descentralización teatral; e no segundo, no diferente grao de compromiso coa lingua e coa razón de ser mesma dun teatro galego de seu.

     Moitas desas diferencias mantivéronse latentes ó longo do tempo, e mantéñense aínda hoxe. Algunhas delas agora xa de xeito evidente, como acredita o apoio co que conta por parte de determinado sector da chamada profesión teatral, o anuncio, e ó parecer irremediable posta en escena, de catro esperpentos de Don Ramón María del Valle Inclán, en español, por parte do CDG. E anque non impediron que agromara un movemento de dimensións artísticas e sociolóxicas impensable ben poucos anos antes, moi ben puideran ser unhas das causas que ensombrecen o noso presente e coutan a posibilidade certa de que o teatro que andamos a facer poida chegar a ser tido algún día como propio por esa parte da sociedade galega que o demanda e o quere. Hoxe non hai un teatro galego, senón moitos. E as diferencias non se dan tanto nas poéticas, cousa desexable e ricaz, como no entendemento que cada quen ten da razón de ser mesma dese teatro ó que non obstante ternos dereito. De par de quen segue a tirar da tradición, prolonga-lo xa feito, sen renunciar a posicionamentos críticos co pasado, pero sabéndose parte dun proxecto de futuro colectivo, conviven moitos dos que nunca tiveron ningunha fe nese proxecto, ou que mesmo se opuxeron a el, xunto con aqueloutros dos que nunca faltan nestas merendas, que nin viron nin verán no teatro máis cousa ca un medio no que tentar resolver precariedades laborais, busca-lo éxito ou satisfacer cativas vaidades persoais.
     Algo debía saber verbo disto García Lorca, cando afirmaba: "...o teatro que non atende á pulsación social, á pulsación histórica, ó drama do seu pobo e á xenuína cor da súa paisaxe e do seu espírito, a través do riso ou das bágoas, non ten dereito a se chamar teatro...". Con toda seguridade moito do teatro que estamos a facer hoxe é un teatro así. É un teatro que non merece levar tal nome. De que se queira e se saiba diferenciar cál é o un e cál o outro, depende en gran medida o noso futuro. Porque Lorca dicía máis cousas, dicía tamén que: "Un pobo que non axuda e non fomenta o seu teatro, se non morreu aínda, está moribundo". E no feito de que o noso presente non sexa todo o satisfactorio que podería, algunha outra responsabilidade hai, ademais das nosas, que apuntan a que a nosa sociedade, ou polo menos determinados estamentos políticos, administrativos e culturais dela, con claras responsabilidades nesta materia, senón están moribundos xa, mostran signos de padecer algunhas terribles doenzas.

     O noso discurso enúnciase no marco dunha cultura en cuestión, que despreza tanto como ama os seus valores propios, entre eles a lingua. O simple feito de que a palabra teatral sexa enunciada en galego, é causa de que un importante sector da nosa sociedade considere que non nos diriximos a ela ou que mesmo o facemos contra ela.
     Malia o recoñecemento do que son obxecto os nosos autores dentro da literatura dramática peninsular deste século, seguen a ser uns descoñecidos entre nós. Fóra dos libros do Centro Dramático Galego e da colección Teatro nas Aulas da ASPG, non existe ningunha editorial que manteña compromiso ningún co teatro. O ensino, de tanta importancia dinamizadora en canto á lectura e á existencia mesma doutros xéneros e ó coñecemento da obra dos nosos escritores, ignora case absolutamente o teatro en canto feito literario, e só tanxencialmente se achega a el en canto feito escénico. Non exisfen axudas á creación, nin estímulos para que cheguen ós escenarios con regularidade as obras dos nosos autores vivos. A mesma realidade que permite que sobrevivan con máis ou menos dignidade arredor de douscentos profesionais da interpretación, da dirección, da escenografía ou de oficios auxiliares como eléctricos, técnicos de escena, de son, etc., non permite que un só autor viva do seu traballo como tal, malia que estree con relativa frecuencia e exitosamente.

     Incriblemente, malia dispoñer de tres universidades que no seu conxunto superan as 100 licenciaturas, seguimos a carecer dun ensino regrado das artes escénicas nas tres especialidades nas que estas son contempladas polo sistema educativo actual: interpretación, dirección e escenografía. Só moi timidamente, a nosa obra comeza a ser obxecto de estudio nas universidades ou nas revistas literarias especializadas. Revistas como Grial, paradigma e referente no futuro do que importaba ou deixaba de importar na cultura galega do seu tempo, maiormente na oficial, a penas dedica atención á escrita dramática ou ó feito escénico. Un artigo de Fernán Vello e algunhas críticas puntuais de Dolores Vilavedra e de Damián Villalaín son toda a súa contribución ó tratamento dese aspecto do noso presente. Na Real Academia Galega só hai un escritor con vinculación clara e rotunda co teatro, Jenaro Marinhas del Valle. Outro tanto acontece co Consello da Cultura Galega, onde existen representantes de case tódalas áreas menos desta.
     As nosas institucións públicas, municipais, provinciais ou autonómicas, anque nos últimos anos foron quen de dotar a Galicia dun importante patrimonio infraestructural de carácter escénico, seguen a carecer dun proxecto no que o noso teatro ocupe outro lugar que non sexa o testemuñal. Conseguir máis de dous días de uso de moitos deses espacios públicos é hoxe un imposible ou unha excepción puntual irrelevante, malia que todo apunta a que determinados espectáculos poderían ter xustificada a súa presencia neles, dúas, tres ou máis semanas. A Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra e Ferrol, fixéronse ou están a piques de se facer con extraordinarios edificios teatrais de propiedade e xestión públicas. Nalgúns casos mesmo con dous ou máis por cidade. O Rosalía de Castro, o Teatro Colón, O Fórum do Parque Europa, o Palacio de Congresos e o Coliseum, na Coruña. O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio, o Pazo de Congresos, o Multiusos de Sar, o Cine Yago para monicreques, e o Capitol para Peter Brook, en Santiago, sen contar coa Sala Nasa e a Sala Galán. O Teatro Principal e o Auditorio en Pontevedra, etc. etc. Fronte ó que sería razoable, en ningún caso semellante infraestructura material e económica está posta, cando menos en parte, a disposición dunha mellora das condicións creativas das nosas xentes do teatro ou da relación entre a súa obra e os cidadáns, senón máis ben ó contrario. O seu uso prioritario é, de común, a exhibicións de productos foráneos, de éxito doado, nos máis dos casos sen o menor interese artístico ou teatral e nos que non se busca tanto unha rendibilidade cultural duradeira como unha rendibilidade política inmediata.

     Fóra de A Nosa Terra, da revista Tempos, da Revista Galega de Teatro, e ultimamente de La Voz de Galicia, (e máis de resultas do entusiasmo do escritor e crítico Camilo Franco que dunha clara vontade editorial) ningunha outra publicación periódica, xa sexa diaria, semanal ou mensual, mantén unha sección fixa de crítica ou de información teatral. Sección que si manteñen sen embargo publicacións de ámbito estatal como Primer Acto ou Escena, nas que con maior ou peor fortuna se dá conta puntual do acontecer do noso teatro. Outro tanto acontece con medios como a televisión ou a radio. A relativa presencia que na información cultural da nosa radio autonómica mantén o teatro, responde máis ó interese persoal dalgún dos redactores, no seu momento Antón de Santiago e hoxe o actor Carlos Blanco e a poeta Ana Romaní, que ó propio compromiso da emisora con este aspecto da cultura do país. E as gravacións e posterior emisión a horas de "miraquetevín" por parte da TVG, de montaxes teatrais do CDG ou de determinadas compañías privadas, ademais de carecer de criterio coñecido tanto na escolla como na realización mesma, veñen sistematicamente deixando á marxe moitos dos espectáculos fundamentais producidos polo noso teatro nos derradeiros anos. En especial aqueles que partían de textos de autores contemporáneos.

     Uns premios como os da Crítica, de Vigo, que manteñen seccións como Narrativa, Poesía, Ensaio, Música ou Iniciativas Culturais, relegan o teatro, xunto con tódalas artes plásticas, baixo o epígrafe de "Artes e ciencias da representación", onde convive e compite cada ano coa pintura, coa arquitectura, coa escultura, co cine, co deseño, coa moda ou co cómic.

     Non hai constancia, ou eu polo menos non a teño, de que algún dos responsables da programación teatral de Santiago como capitalidade cultural europea se teña achegado, nin sequera por casualidade, a ver en qué medida o noso teatro podería, en paridade con outras formas artísticas, dar conta da nosa riqueza cultural e da nosa condición de europeos máis alá do feito de mercar máis Audis ca ninguén, pagar en euros, ou mandar brigadas de paracas á antiga lugoslavia.

     A nómina de despropósitos podería non rematar aquí. Entre os mencionados e os que quedan no tinteiro, debuxan os perfís dun cadro sintomático que moi ben podería dar conta da comenencia, os prexuízos e o provincianismo co que as nosas administracións, as nosas institucións e o mundo da cultura en xeral se veñen relacionando co teatro galego de hoxe. Son os síntomas dunha relación irresponsable, incapaz de ve-lo que ten ó lado, incapaz de ser obxectiva e na que as vinculacións entre intereses económicos, políticos e culturais son démasiado mesquiñas como para apreciar non só a obra existente, senón a que sería necesaria, fronte á que é conveniente ou á que é rendible en termos inmediatos. O teatro non é contemplado como parte dun todo cultural que carecería de sentido, que medraría tolleito se carecese de teatro.

     Poida que sexa natural, ou cando menos explicable, que isto sexa así dende aqueles que lle negan á nosa cultura (e á nosa fala como máximo expoñente dela) a máis mínima posibilidade de ser e estar nun mundo como o de hoxe. Pero non o é, ou non o debera ser, entre os outros. Entre aqueles que abandeiran esa posibilidade certa dende o convencemento de que, de carecer dun teatro dende o que nos expresar, habería que inventalo, porque precisamos dun, temos dereito a un, témo-la obriga histórica de nos outorgar un.

     Para os primeiros folgan argumentacións. Non as escoitan. Están demasiado preocupados en se convencer de que a súa mediocridade ten por forza que se-la de todos, e de que o noso non é país dos de dar autores, directores ou actores de seu, senón dos de mercalos fóra ou dos de manter a prezo de ouro orquestras sinfónicas, teatros da ópera, exércitos de gaiteiros, corridas de touros, terras únicas ou luares vergoñentos, tortillas xigantes ou macroconcertos de rock. É para os outros para os que esas argumentacións poida que non resulten ermas. A escasa estima que teñen do noso teatro, de común, é o resultado dunha apreciación prexuizosa e desinformada, feita dende a ausencia dun coñecemento real de cál é a situación e tendente a valora-lo feito teatral máis en canto fenómeno literario ca en canto a fenómeno escénico, e ancorada no manexo case canónico dos valores e padróns do teatro burgués coma os do teatro mesmo.

     Esa apreciación, digamos pesimista ou escéptica, ten fondas raiceiras entre nós. Viuse manifestado en múltiples ocasións antes de hoxe e segue a facelo agora, verbo de cuestións como: a incapacidade da lingua galega como lingua vehicular de discursos, mundos ou asuntos que transcendan a suposta simplicidade da cultura agraria ou do noso mundo rural. Teno feito mesmo verbo de cuestións como a suposta e atávica incapacidade dos galegos para a expresión oral e corporal, e polo tanto para actuar, interpretar ou ser outros. E segue actuante hoxe, anque afortunadamente cada vez con menos forza, en canto ó escasamente dotados que estamos para contar historias ou poetizar mundos propios, a través da personaxe, do conflicto, da situación ou do diálogo. Ou sexa, da comedia, da traxectoria ou do drama. "Lo que falta -y faltando eso falta todo- es el sentido histriónico en el espíritu racial. El gallego no sabe ser cómico" dicía non hai tanto un ilustre gaceteiro local.

     A orixe destes prexuízos é case sempre a mesma. Uns, como xa quedou dito, agroman no autoodio e o asimilacionismo militante, e na consideración de que o galego é unha lingua simpática e residual que, se cadra, é interesante conservar como curiosidade folclórica, pero dende a que non é posible enunciar xa discursos inscribibles na contemporaneidade. E os outros, aqueles dende os que non se pon en dúbida a capacidade da nosa lingua para se axustar a tódalas métricas e adaptarse a tódolos asuntos, na nosa suposta carencia de tradición teatral recoñecible.

     Esta afirmación, certamente estendida, xustifica o distanciamento e a incredulidade de sectores moi representativos da nosa cultura verbo do seu propio teatro, por canto sen esa tradición, ó seu xuízo inexistente, pouco ou nada cabe agardar dos catro obstinados que seguimos na teima de demostra-lo contrario. Descubrir e acepta-los aspectos positivos do noso teatro que enumerei ó primeiro, como o posible. signo de que o teatro galego de hoxe, malia as súas contradiccións certas, é tamén inscribible no Renacemento ou no Século de Ouro que se di atravesan as nosas letras no seu conxunto, sería un xeito como outro calquera e asumir un erro de apreciación histórica que moi poucos se aveñen a aceptar. E iso si que carecemos de tradición. No teatro, non.

     Anque carecemos de fontes precisas en canto ó coñecemento da nosa historia teatral anterior ó século XIX, esa carencia non necesariamente é interpretable como que non existise. Resulta difícil crer que unha escola trobadoresca como a nosa, non fora herdeira, ou mesmo tivese parella unha bufonesca ou xograresca de semellante importancia e altura, anque de imposible perpetuación escrita por canto a súa condición teatral facíaa esencialmente perecedoira.

     Testemuñas quedan non obstante de que algo debeu haber, sen o que non sería posible explicar hoxe a pervivencia aínda de mostras dun teatro medieval ricaz e farturento, en formas como o teatro relixioso, a Semana Santa, os corpus, os maios, e sobre todo o entroido, un dos máis esplendorosos da península ibérica. Que non se queiran entender como formas teatrais puras non debera poñer en cuestión a súa existencia, senón a estreitura de miras dos nosos estudiosos, escravizados maiormente pola cativa consideración de que por teatro só é posible entender hoxe a súa forma culta, ou sexa a burguesa.

     A outra historia, a que está datada e contrastada polos documentos, correu sempre parella á nos a necesidade de nos reafirmar como cultura, país, pobo ou nación, cun xeito peculiar de ser e estar no mundo. Xerou xa a súa propia tradición. Arrinca dos Precursores, está nos Rexionalistas e chega ata hoxe a través das Irmandades da Fala, a Xeración Nós, o teatro da emigración e do exilio e o teatro da posguerra. É da busca da satisfacción desa mesma necesidade e dunha e doutra tradición, xunto con aqueloutras do patrimonio universal susceptibles de enriquece-lo noso, de onde xurdiu e segue a xurdir cada día o mellor teatro do presente. Aquel que máis e máis decididamente aposta polo futuro, por un teatro galego capaz de traducir en termos de universalidade o particular e de lles restituír ós cidadáns o dereito a un lugar de encontro no que se espallar, co que sentirse identificado e ó que ter como propio.

     Contaba Castelao, nunha conferencia arredor de Don Ramón María del Valle Inclán que impartiu en diversas tribunas logo da nosa guerra, que antes de que aparecera a súa partida bautismal, e polo tanto se soubera con certeza en qué lugar de Galicia viñera ó mundo, se en Vilanova ou no Caramiñal, aldeas ancoradas en partes contrarias do mesmo mar, o de Arousa, el creu obter proba fidedigna de que fora en Vilanova, mediante o uso dunha estrataxema entre poética e mariñeira que consistía no seguinte: debuxou a bandeira dun navío á que o vento mantiña erguida cara á dereita, púxolla diante a Don Ramón, e preguntoulle: "¿De onde sopra o vento que move esta bandeira?". Ó que o autor das Comedias Bárbaras, respondeu sen tan sequera o pensar: "iDo sur!". Polo que Castelao concluíu que tiña que ter nacido en Vilanova, xa que de telo feito no Caramiñal, a resposta forzosamente habería ser: "iDo norte!".

     De se utilizar unha fórmula semellante para nos preguntar ós que navegamos arrombados nas adegas dese espléndido navío á deriva que é hoxe o teatro galego de ónde sopra o vento que nos leva: a resposta dos máis sería diferente cada vez ou dun profundo, respectuoso e desconcertante silencio. Son moitos e moi diferentes, demasiado contradictorios as máis das veces, os ventos que nos moven como para saber a ónde levan. E a diferencia de Don Ramón, nós non estamos ancorados nin a un lado nin ó outro do mar, senón no mesmo corazón del, alí onde as augas son máis profundas, e no medio dunha persistente tormenta.