Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Trasnos de Compostela

Feira meigalla no Xacobeo

Debuxo de Besada de O Grove

Autor do debuxo : Besada, de O Grove  por

   

“¡Pócemas para o mal de amores, feitizos dun día, conxuros para meigas chuchonas, corno esfeilado de trasno, aturuxos de tronante, tempo de vivos medido nun reloxo con areas de ouro, flores de figueira, ovos de pita choca dun galo negro, cuspe de Satán en cunca de garabano, peidos cheirentos de Lucifer en pó, soños de tolo, pensamentos esquecidos dunha muller namorada, raiolas do Arco da Vella, cirios e candeas usados pola Santa Compaña, petiscos de xiria de demouchiños, ollos e aguillóns de serpe, coiro de sapo, bilis de neno nacido morto, acios de linguas de mouros e auténticos libros máxicos de druída!”

Berrando esta proclama é como os trasnos xacobeos en Compostela anuncian a súa mercadoría nunha feira meigalla, é o “business trasning”. Ninguén sabe dende cando, pero canto demo hai na Nosa Terra acoden á vila do Apóstolo unha vez na súa existencia, sempre en Ano Santo e bisiesto, ata o de hoxe. Nesta romaría, que tamén é feira, o tempo semella deterse e o espacio é paralelo ó noso. Os trasnos feirantes xúntanse nas rúas máxicas de Santiago, pero só os pelegríns, a xente de bo corazón, os nenos e todo aquel que queira algo deles poderá velos e tratalos, como rematen é outra leria.

Cada feira dos mortais humanos ten o seu intríngulis: uns van tomar o polbo e feirearse, outros mercan un carneiro, ás veces broa, bica de Trives, froitas do Ulla e queixo do Cebreiro. Acoden gaiteiros e pandereteiras, e hai quen non vai pero sábeo todo mellor que calquera de nós que estivese por alí. Os humanos imos a estoutra feira na procura das quimeras que non vemos, para atopar o xeito de facer dano a un veciño, por envexa,… Os trasnos van por amolarnos a existencia e aproveitar os nosos defectos ou a nosa cobiza, para demostar o seu poderío frente ós outros habitantes do Averno, por aprender novas mañas.

Meigas, enfeitizados, trasnos, mouras, donas, doncelas, lumias, caneiros, demouchiños e outros seres malignos con poderes supraterreos chegan alí percorrendo o Ollo de Sapo, que non é máis que un conxunto de tuneis con moitas curvas e saídas que atravesa toda Galicia, sen pagar peaxe, dende Estaca de Bares ata A Mezquita. Este feito aprovéitano para facer esmorgas e troulas en calquera vila desaparecendo nun intre. Unha das saídas está oculta na Quintana de Mortos, ben pechada, e só poden traspasala nesas datas revirando un poxigo de granito rosa con forma de cuncha de vieira.

Nubeiras e Tronantes veñen polo aire anunciando a súa chegada con lóstregos, sementan raiolas de tódalas cores e as nubes, ó ras do chan, corren como se quixesen caer enriba dun paraugas para anegar as rúas cunha brétema misteriosa. Ó remate da feira vanse co vento e agroma un silencio eterno no arredor do Compost Estela.

As tres meigas máis fermosas de Galicia, señoras do Reino das Augas, as Xacias ou Xanas, que tecen con fíos de ouro corozos, albeos, sabanos e chambras, chegan polo Sar e o Sarela dende mares e ríos lonxanos. Trocan os farrapos dourados, seguramente meigos, pola resposta a unha adiviña. De non lle acertar hailles que dar unha mazaroca de millo corvo, pois a quen se negue convírteno en lamprea. De atopar o corpo perfecto de home agasallan ó seu dono cunha prenda e tentan engaiolalo para casar con el. Cando liscan dalí esvaécense no gurgullón dun regueiro.

¿Qué poden facer uns entes sobrenaturais feireando ós pés do cabalo branco do Santo Apóstolo? Topamos co Xoitamia vendendo libros e pergameus de falsa maxia; o que máis lle solicitan é o De Corretione Rusticorum, disque do Santo Martiño de Dumio, unha colección de follas na que o santo explica como se desfacer do mal de ollo, de meigas e outra mala xente. O Lebor Gabala, libro que escribeu Breogán relatando as xestas dos nosos devanceiros, e o Ciprianillo, libro de esconxuros galegos, teñen moita venda.

O Forriolo oferta corcoños de Gundivós cos que se fai o mellor tinte de ardentía do vagalume. Con esta tinta só se poden escribir as verdades, coas mentiras faise invisible cando se le, por iso políticos, o demo, notarios, avogados e preiteantes andan na súa procura nesta feira, pero só xurde o efecto se usamos unha pluma con punta de diamante. Nas lousas da Rúa do Vilar ten a súa parada un bochinche.

Quen aprecie os cogomelos coñecidos como lingua de boi pode trocarllos ó Zarabeto por sons de verbas xeitosas ou frases enteiras, tendo en conta que despois nunca máis volverá a pronuncialas. Este trasno tatexa cando non fala o Verbo Xido, o latín de canteiros e Arxinas, pero entende moitos idiomas. Na feira, o Zarabeto instálase nunha cachoupa ó pé da fonte de Acibechería xunto co Zoa, un demouchiño que non fala, só barbulla os sons da natureza. Co Zoa non se pode iniciar unha parrafada, pois empeza co ruxe-ruxe para non rematar en días, agás cando rexouba a Berenguela; é como se os seus beizos fixesen de imán cos nosos tímpanos.

Calquera mortal pelegrín que goce na cociña e da boa mesa pode mercarlle ó demo Cenlumes uns coitelos que cortan sos sen collelos na man, sen esforzo, e non se cegan no fío, ou ben decantarse por unhas tixolas que cociñan sen graxa e sen lume. Se lle dicimos unha receita que este diaño non coñeza teremos un deses agasallos. Ó amosarlle un novo arrecendo, ou se lle damos a probar un sabor descoñecido para el, comeremos dabondo e ben toda a vida. Adoita establecerse na Praza do Toural, e como devece por comer ben vai xantar nas casas de comidas do Franco.

Outro demo, o Corrigatos, que farto de comer touciño con bolos do pote se meteu frade, percorre a vila na procura dalgún chapante para convidalo, pois deste xeito vaise liberando de canto comeu de máis. Antes de enche-la andorga bendice a mesa dicindo: “Bendícelo Dios, comámolo nós”. Cando non está chapando podemos atopalo no Pazo de Xelmírez, porque segundo conta a lenda, este demo acóchase nas adegas na procura de bo viño e abondosas viandas.

A churrusqueiriña  feiticeira Encarnoira dirixe as meigas pandereteiras, que bailan diante da fonte da Praza de Cervantes mentres enmeigallan ós bocaaberta que axexan e rexouban dos seus encantos. Os tronantes gaiteiros, co druída Picheleiro á fronte, engaratuxan a canta boa moza escoita o son da palleta e o roncón. Dende a Praza do Obradoiro ata O Milladoiro nenos e vellos, demos e santiños, gaiteiros e pandereteiras, todos xuntos gozamos dos sons que saen dende o fol da nosa raigame. Hai unha meiga, Eudivoria, que ten o poder de atraer os sons, pois estes percorren o aire durante séculos dende que se emiten. Nunha destas foliadas meigas foi quen de recoller as palabras do rei Salomón nas que se crean as notas musicais. Dende ese día, non hai músico que non saiba dos poderes desta bruxa e que non lle dedique unha muñeira en segredo, un alalá, ou calquera peza a ritmo de birimbao, chifres e frautas de cana, charrascas ou cun vinco.

O moinante trasno de Guimarei vende orballos e saraibas meigallas que só se deixan sentir enriba da leira do veciño ó que se quere mal. Coñécese onde fai a trasnada este demo porque atopamos grelos e castañas no verán, ás froiteiras agrómanlle ovos de galiña de dúas xemas, e as silvas, que invádeno todo, non teñen amorodos, senón tomates máis grandes que un cabazo que ó cociñalos arrecenden a azufre torrado.

A Cartafulleira adiviña o porvir, o pasado e calquera intimidade, propias e dos veciños. Un chisgarabís, un chuchumeco osmón, preguntoulle polo resultado dun partido de fútbol, Celta-Deportivo da Coruña, para rematar de cubrir unha quiniela. Como a meiga era celtarra e sabía que perdería o equipo de Balaídos, converteuno en chiflo de árbitro de Segunda Rexional por unha temporada. Máis sona tivo o caso dos compoñentes dunha tuna que quedaron sen voces, pero non mudos, por unha falcatruada que lle fixeron a esta meiga, sen esquecernos dos estudiantes que non puideron ler unha letra en dous anos por intentar averiguar as preguntas dun examen.

A Compostela, convertida na meigalla Compost Estela, vai algún ser que ten máis de trasno que de humano, aínda que o resto da súa existencia viva como un cristián vello. Un deles é o Zoclón, afamado bebedor de gorra e tróspiro larpeiro, un olláparo que por mor dos litros de viño da Tinta Femia que leva no bandullo vai escorándose perigosamente en tódalas direccións, ata que ó se derrubar escoitamos un rebumbio que semella o berro que fan dúas cuncas ó bater: “¡Clon, clon!”. Cando nos enterros faltan pranxideiras chámao a familia do defunto, requerimento que agradece moito por aquelo de asistir ó convite do morto, o xantar fúnebre co finado de corpo presente no que os parentes de quen pasou á outra vida(¿mellor?) invitan a xantar ós asistentes ó velorio, xa que enterro sen choros e romaría sen gaita, non teñen gracia.

O trasno Piás coida dun fato de cabuxas dun só corno pacendo na herba dos xardíns de Fonseca. Vende os sabanos brancos de la destes caprinos que se poñen enriba dun feixe de fentos ó amencer do San Xoán, único xeito de atrapa-los diaños pequenos que moran na adega da casa.

Gasterol é unha especie de menciñeiro e compostor de ósos, un boticario feiticeiro con boa fe que tenta axudar ós mortais facilitando remedios para o tirizollo, a erisipela, o tangaraño, o vitíligo, pócemas para picaduras de espiñas do Urco e remedios para as vexigas que collen os pés dos pelegríns ó completa-lo Camiño.

Chegada a hora do remate da Romaría-Feira de Compostela, Mirambel, o druída que entona ó Ultreia dos trasnos, despois de rachar unha figa de acibeche cun martelo con zutra de titanio recollido nun meteorito, e sempre enriba dunha pedra de granito gris onde cuspira un neno co tangaraño, volve a revira-lo poxigo pétreo de cuncha de vieira para pecha-las portas do Averno ata outro ano. As meigas, moi lurpias, teñen comentado o moito que tarda  Mirambel en abri-la saída por mor da intoxicación etílica que leva enriba. En realidade, o que acontece é que atópanse tan cansos de facer nun día o estrago que farían nun ano, que só desexan voltar ó inferno para relaxarse.

Coñecer ós trasnos de Compostela é cuestión de fe: creer no que non vemos, pero sabemos que existe. É o único xeito que temos os humanos para defendernos deles.

 

Baixar  "Trasnos de Compostela" en formato PDF

Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro