Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O santuario de San Andrés de Teixido

Mapa da costa da Coruña A ría de Cedeira é a máis pequena das Rías Altas. 

Ábrese ó norte da provincia da Coruña. Alí atópase o concello de Cedeira.

Está formado por 8 parroquias e ten aproximadamente 7.700 habitantes. 

A vila de Cedeira ocupa as dúas marxes do río Condomiñas na zona da súa desembocadura, quedando a parte antiga da vila na beira dereita.  

Entre os altos cantís que circundan este concello, e no fondo dun val, a 140 metros sobre o nivel do mar, atópamos na parroquia de Santa María de Régoa un santuario: é o de Santo André de Teixido, un dos máis coñecidos de Galicia.

O Apóstolo San Andrés

Nos primeiros anos da era cristiá, o apóstolo San Andrés (ou Santo André) levaba a mensaxe do Fillo de Deus polo mundo. Segundo di unha lenda, San Andrés , quen fora mariñeiro nos mares de Palestina, arribou a estas costas de Galicia coa súa barca, a cal deixou nos acantilados mentres el, xa en terra firme, percorría toda esa comarca. Pero non atopou a ninguén. 

San Andrés de Teixido Cando Andrés retornou á costa, a barca xa non estaba no seu sitio. Xa era de noite, e estaba moi cansado e angustiado, non tiña nada para comer nin beber.

Despois de moitas horas de angustia e desesperación, suplicou de xeonllos ó Ceo reclamando a axuda divina.

Xesús, acudiu no seu auxilio e díxolle que esa era a terra onde el debía permanecer para sempre, que non se preocupase porque non tería nunca mais fame nin sede, a auga e o pan non lle faltarían xamais. Tamén lle dixo que non estaría só, pois a súa romaría sería a máis importante da comarca.

Outra lenda conta que cando Noso Señor Xesús percorría o mundo, na compaña de San Pedro, unha vez chegou ata Teixido. Estaban moi cansados, con fame e sede, sen atopar ningunha fonte nin nada para comer,  

Xesús implorou ó Ceo, e Deus mandoulle unha mazá. Cando ía cortala en dúas partes para repartila con Pedro, no medio da mesma aparecéuselle San Andrés, quen estaba moi triste, e sentíase moi illado nese curruncho do mundo. Queixábase dicindo que ó seu santuario estaba sempre baleiro, e que ían moi poucas persoas, mentres que a Compostela acudían milleiros en peregrinación para chegar ata ós pes do sepulcro de Santiago, o que lle parecía moi inxusto posto que el era tan apóstolo e discípulo fiel de Xesús coma Santiago, que el tamén facía moitos milagres ós fieis que lle solicitaban a súa axuda e sandaba de moitas enfermidades.

Cristo, entón, ademais de facer nacer unha fonte nese lugar, fíxolle unha promesa a Andrés. Ninguén habería de entrar no Ceo sen antes ter visitado o santuario, xa sexa de vivo ou de morto.

- “Queda aquí, santo André, que de vivos ou de mortos todos te virán a ver."-díxolle Xesús. 

De aquí ven o refrán tan coñecido:

"A San Andrés de Teixido, vai de morto quen non foi de vivo".  

O santuario de San Andrés de Teixido

O santuario de San Andrés xa existía no século XII, segundo consta en documentos atopados. Neles aparece coma posesión da Orde de San Xoán de Malta ou Xerusalén, dependendo da Encomenda de Portomarín. Santuario de San Andrés de Teixido Santuario de San Andrés de Teixido Nun testamento dunha veciña de Viveiro, atopouse unha referencia a Teixido coma santuario.

Este data do ano 1391, e nel pódense le-las seguintes palabras textuais: “ mando ir por mi en romaría a Santo Andrés de Teixido, porque se lo tengo prometido, y que le pongan en su altar una vela del tamaño de una mujer de mi estado". 

É dicir ca tradición do santuario de San Andrés de Teixido coma centro de peregrinación ven, alomenos, dende o século XII. Pero a construcción da súa igrexa parroquial comezou no século XVI, e continuou no séculos XVII e XVIII.

Xa antes que houbera rutas o camiños, os peregrinos chegaban a este lugar, subindo montes, e vencendo moitas dificultades porque non era nada doado cumpri-lo desexo de ir ó santuario e levar despois auga da súa fonte.

Por este motivo, este lugar de tan difícil acceso era moi coñecido coma “San Andrés de lonxe” ou “San Andrés do Cabo do mundo”.

 

A romaría de San Andrés 

Ó longo dos séculos, campesiños e mariñeiros de toda Galicia foron en romaría a Santo André de Teixido, lugar que continúa ser na actualidade un potente imán espiritual. Aínda así, ó lado do culto ca Igrexa Católica lles dá ós seus santos, en Teixido perduraron outras crenzas e prácticas relixiosas alleas ó cristianismo, costumes intimamente relacionados con cultos pagáns. Coma noutros tantos santuarios de Galicia, é moi probable que Teixido teña sido un lugar de culto prerromano e que logo fora cristianizado.

San Andrés de Teixido Coma xa mencionáramos, segundo o refrán: "A san Andrés de Teixido, vai de morto que non foi de vivo", por iso din que ó longo do camiño pódense ver moitos animais camiñando, xa que segundo estas crenzas estes animais non son tales, senón que son as almas das persoas que en vida non puideron face-la romaxe, e entón para poder cumprila, toman esa forma para chegar ó santuario, porque, segundo á promesa de Xesús feita a San Andrés, non poden entrar no ceo antes de telo visitado unha vez. 

Por ese motivo, a tódolos animais -cobras, lagartos, paxaros, bolboretas, etc.- que se atopan no camiño non se lles pode facer mal ningún nin pisalos, para que poidan alcanza-lo santuario e o Ceo.

Pero non soamente poden cumprir esta obriga collendo a forma dun animal Outra maneira que poden te-las almas para face-la romaría a Teixido, é coa axuda dos seus parentes vivos. Antes de inicia-la peregrinación a San Andrés, os parentes van o cemiterio onde se atopa a tumba do defunto, para chamar e invitar ó espírito do morto a face-la viaxe xunto a eles.  Durante todo o traxecto, tratan ó espírito coma se a persoa morta estivera viva deixándolle un lugar no coche (se o viaxe é feito deste xeito) e falándolle tamén… se comen durante a viaxe, o morto terá un prato na mesa. Cando arriben ó santuario, a obrigación ficará cumprida e o espírito xa poderá entrar no Ceo. 

Antigamente, os romeiros acostumaban levar un hábito especial. Este consistía nunha especie de longa camisa branca con ondas de cores, formando listas ou ondas , algunhas veces cinguida pola cintura, outras veces solta. Algúns deles levaban tamén gaitas, pandeiros e outros instrumentos, e para face-lo camiño mais livián, ían tocando e cantando. Nalgúns lugares determinados deste puntos do camiño, depositaban pedras. Estas pedras ían facendo medrar "amilladoiros".

Os "amilladoiros" ou tamén chamados "milladoiros", son amoreamentos de pedras á beira dos camiños cós romeiros van construíndo co transcurso do tempo, ó deitar cada un deles unha pedra. Existe unha crenza popular que di que ese costume de erguer milladoiros ten por obxecto que, no día do Xuízo, as pedras falarán e darán testemuño do cumprimento da romaría por parte do romeiro; motivo polo cal, é moi importante para os peregrinos depositar unha pedra nestes milladoiros.

Na area do influxo do cristianismo ó culto pagán ás pedras, suponse cós milladoiros simbolizan as almas do purgatorio que se atopan alí por non cumpriren un ofrecemento feito en vida. Tamén se pensa ca súa orixe está en ritos funerarios prehistóricos que tal vez tentarían, ó feito de deita-las pedras, ancora-la alma do morto e non deixala mudar en perigo para a comunidade. De aí ven o costume que unha vez depositado un cadáver na sepultura, un familiar colla un puñado de terra e a bote sobre a caixa, e despois fagan o mesmo o resto dos asistentes.

En Teixido contan dun romeiro que morreu cando tornaba de San Andrés. Por ese motivo sería que despois foi crecendo ese milladoiro.

 

Ritos e traicións de San Andrés de Teixido

 

Son moitos os poderes que se lle atribúen a San Andrés de Teixido, tales como curar unha doenza, protexe-lo gando e as colleitas e tamén ó de consulta-lo porvir. Do mesmo xeito que sucede en tódolos demais santuarios, existe unha mestura de ritos pagáns co relixioso, ritos cós peregrinos deben cumprir.

San Andrés de Teixido Despois da chegada ó santuario, de escoita-la misa e de cumpri-las promesas, é preciso baixar á "Fonte do Santo”. Está situada a escasa distancia do santuario e algúns autores chámana coma “fonte da vida e da morte”, porque segundo din as crenzas populares desempeña funcións de adiviñación. Di a tradición que o seu caudal é sempre constante. 

Un peregrino non se pode ir do santuario sen antes beber auga dela e tamén levar un pouco para a súa casa.

Por medio desta fonte, fánselle consultas ó Santo, saber se concederá ou non o que se lle pide. Para iso, se bota unha migalla de pan, ó mesmo tempo que se pensa nun desexo e dese modo poderase saber se o pedido será concedido. Se o anaco de pan flota o desexo cumprirase, se o pan vai ó fondo significa que non,  polo que, entón,  deberá volver novamente a Teixido no vindeiro ano.

Da mesma maneira, a fonte era usada para informar sobre a vida da persoa, Se a migalla aboiaba o peregrino tiña a garantía que ía volver outra vez ó santuario mais se ía ó fondo, isto era considerado signo de que habería de morrer nese mesmo ano.

Os romeiros acostuman levar como recordo da visita algunhas ramas de teixo (árbore moi abundante que lle deu nome ó lugar). Nesta zona medra a chamada "herba namoradeira" ou "herba da namorar" (caravel mariño) á que lle atribúen propiedades “casamenteiras” . Xunto a esta herba, tamén medra o “xunco do bo parir”, nome que se lle dá a esta planta por ter propiedades benéficas nos partos. Logo de recolleitas estas herbas os peregrinos regresan ó santuario con elas, e logo son levadas ás súas casas coma axuda para obte-lo favor pedido ó santo. 

Nun recanto da igrexa pódense ver figuras de cera que representan mans, pés, cabezas, corpos enteiros, porcos ou vacas. Estas ofrendas en cera son testemuño da intercesión milagrosa do apóstolo na curación.
 
Os chamados “sanandreses” son figuriñas de pan sen fermentar, pintadas con moitos cores, traballo feito polas “santeiras” ( por este nome coñecese ás mulleres que os fan) . Elas modelan estas figuras e cócenas no forno dunha cociña de leña. Logo son vendidas por elas mesmas ós visitantes do santuario.

Estes “sanandreses”, están formados sempre polas mesmas figuriñas, que constitúen un grupiño atado por un cordel unha barca, unha sardiña, unha man, unha pomba, unha escaleira e o pensamento do desexo ó santo, figuras de San Andrés, a cruz, a medalla do amor, a coroa, a áncora e pequenos retablos. Representan símbolos que tiveron moito que ver coa chegada do apóstolo a Teixido. Procesión de san Andrés de Teixido

Os sanandreses feitos en pan, proveñen da promesa que Xesús fixo a Andrés, de que nunca lle faltaría o pan no seu santuario, así como tampouco lle ía faltar auga, o que está simbolizado na fonte do Santo.

Fronte a estas costas atópase unha pena chamada “A barca de Santo André”, que segundo di a lenda, era a barca na que chegou a esas terras e logo converteuse en pedra. 

Hoxe en día é unha das romarías mais populares de Galicia, de peregrinación en todo o ano. 

A romaría máis importante celébrase o día 8 de setembro. 

Tamén se festexa o día de San Andrés entre os días 27 ó 30 de novembro.

 

 

 

 

Mónica B. Suárez Groba

Fontes de información: "Lendas de Galicia e outros temas narrativos", Chao Espina; "Las leyendas tradicionales gallegas", Leandro Carré Alvarellos, "Conociendo a Galicia", Xosé María Manteiga.