Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Antón Avilés de Taramancos 

1935-1992 

Homenaxeado das Letras Galegas do ano 2003


Foi comerciante, domador de cabalos, contrabandista.... e rematou a súa vida poñendo chatos de viño na súa Taberna de Noia. Pero Avilés de Taramancos foi, ademais de todo isto, un dos grandes poetas. Deses que marcarán a historia da literatura galega coa súa obra. Un saber facer que se lle recoñeceu demasiado tarde, en parte polo seu carácter, e en parte porque o seu talante nacionalista obrigouno a emigrar a Colombia onde estivo vinte anos.

Antón Avilés Vinagre naceu en Taramancos, preto de Noia, dunha familia agraria e mariñeira. Imposible contar aqui sequera un resume da súa biografia de emigrante: nos paises andinos foi Antón Avilés de Taramancos labrador, contrabandista, cazador, traficante de cabezas reducidas, nunha vida de incrible novela. 

Baste dicir que antes da súa marcha tratou na Coruña cun grupo de xentes de esquerda e nacionalistas coas que traballou a reo pola recuperación do galego, e que os seus últimos anos volto das Américas, gañou a súa vida como taberneiro en Noia, e militou no nacionalismo cultural e político de esquerdas.

A súa obra poética iniciouse con As moradías do vento (1955), e A frauta y o garamelo (1959). Durante a súa estadía americana non tivo máis contacto co mundo literario galego ca algunha correspondencia con Salvador García-Bodaño, que fixo publicar en Gríal (1971) algúns seus novos poemas precedidos dunha noticia. Volto en 1980, publícase dous anos despois O tempo no espello, incluíndo os dous libros xa éditos e tres inéditos. En 1985 edítanse os Cantos caucanos, en 1989 As torres no ar, e -xa póstumo- "Última fuxida a Harar".

A súa volta a Galicia significou, ademais do seu renacer como figura literaria, como colaborador intenso en medios como Grial, Dorna ou Luzes de Galicia, mesmo chegou a ser elexido presidente da Asociación de Escritores en lingua Galega.

Poeta de verso férreo e cristalino, épico e elexíaco, Avilés de Taramancos constrúe unha poesía poderosísima, grandiosa e coral. O amor, a ira nacionalista, a nostalxia imposible do home de dous mundos, flúen cunha forza arrebatadora nos poemas dun home rabiosamente vital que amou sen mesura a vida, a patria, a liberdade, a materia. 

 

VER:  ESCOLMA POÉTICA 

         "VIVA GALICIA CEIBE"

       "O ULISES QUE PARTIU DE TARAMANCOS", por Manrique Fernández (A peneira, Ponteareas)

          ESCOLMA POÉTICA REALIZADA por Manrique Fernández

 

 

 

FONTES DE INFORMACIÓN:

 

REVISTA " A NOSA GALIZA", EDICIÓN DO ANO 1998.

http://membres.lycos.fr/ang/revista.htm

www.galiciadigital.com