Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Círculo por Suso de Toro


Suso de ToroAquela muller morreu unha tarde de inverno, chegara cansa de traballar, levaban un mes moi atafegado no despacho de avogados no que traballaba, e cando chegou a casa e viu o cuarto dos fillos todo revolto desesperouse primeiro e logo púxose a recoller todo un pouco, foi xusto cando se agachou a apañar uns tenis que saían de debaixo da cama cando lle deu unha embolia. Foi corno unha cegueira e un mareo e caeu xa sobre o leito que tiña ao lado, non soubo canto tempo estivera así sen sentir nada máis, ficou alí inmóbil porque estaba morta xa. Mais ocorreu que chamaron na porta do piso e movida polo costume, a rutina de facer andar as pernas cansadas e arrastrar os- pés ata a porta a ver quen era, ergueuse do leito e foi ata alí como suspendida no aire. Abriu e alí estaba unha muller con cara cansa, ollos encoveirados, cabelo graxo e sucio e roupa vella, alí de pé ollándoa con aquela cara de pena. Era a morte que vina por ela, mais como ela nunca antes vira a morte pois non a recoñeceu.

- ¡Non, non dou nada! -e cerroulle a porta nos fociños. Tiña por norma non dar esmola a quen viña a pedir polas portas e non mercar calendarios nin contestar enquisas nin subscribirse a nada. Deulle pena aquela muller que a ollara con cara de tristeza mais se se paraba a escoitar o que dicían, as súas súplicas aínda era peor, tería máis pena de dicirlle que non; e non podía ser que unha atendera tanta xente como viña polas portas.

De maneira que buscou forzas na propia teimuda persistencia de tantos anos insistindo en vivir e continuou a súa vida. Realmente ninguén se decatou de que morrera, no traballo continuou desempeñando os seus labores, iso si, na práctica renunciou a competir por calquera ascenso ou progreso da súa situación, mais seguiu alí insistindo un día e logo outro. Tampouco os seus fillos ou o seu home notaron nada. 0 home algunha vez referiuse a que a vía como desganada e, xa que era médico, deixoulle na mesa un frasquiño de vitaminas dos que recibía de mostra gratuíta. Os días seguiron pasando, os fillos seguían medrando, e aínda que o seu home se entendía con outra muller, e ela sabíao desde había anos, un día achegouse a ela e ela deixouno facer. Foi así como preñou.

Non tivo o entusiasmo ou as depresións que tivera cos anteriores embarazos, máis ben vivíuno na atonía. Informáronlle de que había ser nena mercé a unha ecografía que amosou aquel corpiño aboiando no liquido amniótico do seu interior, a meniña había ser unha novidade que a rexuvenecese. A pobre non sabía que xa levaba un ano morta.

A nena naceu mortiña, claro. Ela non sentiu nada, so estaba atordada e desconcertada. E así ficou logo de parir algo asustada ante unha nada moi grande alí soa no seu cuarto de hospital, o seu home tiña garda nun sanatorio privado nese momento.

E alí apareceu outra vez aquela muller pola porta. E entón comprendeu, recoñeceuna, era a morte. E lembrouna tamén, xa estivera unha vez na porta da súa casa.

-¿Entón acabou?
-Acabou. Xa acabara hai un ano, mais ti seguiches, es tan teimuda. E lenta.
-Sempre o fun, sempre tardei máis có resto da xente para decatarme das cousas. Por iso tiven que ser teimuda, supoño. Foi pena, se cadra coa meniña revivía...
-Non podía ser, faime caso. Non teimes máis.
-Xa. Así a todo a miña morte foiche ben imperceptíbel, nin me dei de conta.
-Foi.
-Tamén a miña vida foi imperceptíbel, case non me dei de conta de que estaba a vivir.
-Tamén.
E como seguía sentada no leito branco coas mans xuntas cos dedos cruzados e coa vista ida perdida nalgún lado, ou en ningún, pois a muller achegouse a ela e sacudiulle suavemente un ombro.
-Anda, veña. Vamos.
E ela ergueuse con disposición e unha expresión de dispoñibilidade como cando se erguía, sendo nena os domingos para almorzar. Era hora xa.


[Círculo. Vigo: Xerais, 1999 (2da. ed.)]

 

(*) A gravación deste conto na propia voz de  Suso de Toro formou parte do programa radial  "Con vós"  de Ramón Suárez "O Muxo" que cada domingo se transmite por Radio Splendid de Bos Aires de 12 a 13 hs. (hora local)


Ler:  Entrevista a Suso de Toro