Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Simboloxía da terra: os santuarios

OS SANTUARIOS

As manifestacións de fe en Galicia son numerosas e significativas, danse en catedrais suntuosas e en Crenzas relixiosas galegas humildes ermidas perdidas o resto do ano nun monte calquera; en cruceiros que presiden encrucilladas; nos petos de ánimas; en pontes e camiños; en rochas e árbores; en fontes e ríos, que se converten en soportes simbólicos, en lugares de "encontro entre o mundo oculto e o visible, entre os vivos e outros seres que viven tamén no mundo".

Son espacios-centros especiais que facilitan a circulación entre os dous aspectos do mundo.

No espacio habitado, o lar -lareira- é o centro da casa-mundo; o cruzamento de camiños -encrucillada-, da aldea-mundo; e o cemiterio é o centro da parroquia-mundo. No espacio non habitado están as pedras, as fontes, as árbores e as montañas, relacionados frecuentemente con algún santuario.

Estas manifestacións de fe son expresións dunha vivencia relixiosa, que non sempre coincide coa ortodoxa ou oficial, pois cada persoa interpreta a relixión segundo o filtro da súa maneira de ser e de pensar, e ademais combínase con antigos ritos de crenzas pagás. É case unánime a opinión de que en Galicia se adoraban as montañas, as fontes, as árbores e as pedras. Martín de Dumio en De correctione rusticorun e o mesmo Concilio de Braga dan fe destas prácticas e prohiben tales cultos no século VI. A relixión popular estaba, pois, impregnada de paganismo e é "natural" que así sexa, se concordamos con R. Bastide cando escribe que unha relixión ou é popular ou é un pensamento filosófico.

Hai en Galicia numerosos santuarios que atraen cada ano a miles de devotos. Antonio Fraguas cita e describe en "Romarías e santuarios",  71 santuarios de fama en Galicia. Adoitan estar situados en montañas e nas súas proximidades non falta unha fonte, unha pedra famosa ou unha árbore moi antiga, xeralmente carballo, obxectos-espacios utilizados para realizar ritos de curación, de fecundación ou de adiviñación.

O espacio interior do santuario prolóngase no exterior e aprovéitase para as procesións, para reunión de devotos ou cumprimento de promesas. Cada santuario está dedicado a un santo e cada santo ten o seu poder e está especializado na curación dalgunha enfermidade, de sorte que pode establecerse certa relación entre o espacio dos santuarios e a anatomía do corpo humano.

Os santuarios atraen a moitos devotos o día da festa ou romaría, termo que orixinariamente significaba "viaxe dos católicos a Roma" (romaría) e que ampliou o campo semántico a viaxe a calquera santuario. Están consagrados a Cristo, á Virxe coas súas numerosas advocacións ou a distintos santos: Santiago, santo André, santo Antón, san Bieito, santa Marta, san Brais…

 

A orixe das romarías

 

Remóntase a tempos antigos e explícase frecuentemente con lendas relacionadas con feitos sobrenaturais. Ó significado relixioso das romarías debemos sumarlle o profano-folclórico, manifestado na comida, na festa e no baile.

Santuario da FranqueiraÁ parte doutras intencións persoais, a visita ó santo e a participación na romaría é unha mostra de agradecemento polos favores concedidos. Calquera persoa pode ofrecerse polo enfermo a visita-lo santuario, pero é conveniente que sexa parente próximo, se non pode o doente en persoa.

Dentro do ciclo anual da vida, a devoción popular manifestada nas festas e romarías desenvolve unha rica cultura espiritual, sustentada nunha artesanía variada, como a de cera e a de migas de pan.

Ós santuarios lévanse velas e exvotos de cera virxe de abella, de parafina, de estearina, de sebo e mecha de algodón. As velas poden ser lisas, rizadas, labradas, coloreadas, pintadas e velas de promesa. Os exvotos son reproduccións completas ou parciais da parte do corpo humano que sofre a doenza: cabeza, brazo, tronco...ou reproduccións do animal enfermo: vaca, porco, ovella…

Os exvotos son portadores dunha simboloxía máxico-relixiosa coa reminiscencia primitiva de ofrecer sacrificios e sufraxios ás divindades como agradecemento, expiación ou promesa. Tales prácticas foron cristianizadas máis tarde. Non faltan nas festas e romarías os foguetes, feitos polos pirotécnicos ou fogueteiros, que traballan para lucir visualmente breves instantes no ceo ou para anunciar acusticamente o evento ás parroquias veciñas.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

- Bibliografía consultada:    "Galicia 2001: Etnografía Espiritual", Xunta de Galicia

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ