Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Simboloxía da terra na cultura galega: o círculo

O espacio circular é protector, segundo a crenza de moitos galegos

O círculo Circulares eran as vivendas dos castros celtas; similar tendencia apréciase nas insculturas rupestres ou petroglifos da época castrexa: espirais, círculos concéntricos e roscas. Tamén as pallozas das montañas orientais galaicas tenden ó círculo e circulares son os fornos de coce-lo pan.

O círculo úsase, así mesmo, en prácticas de medicina popular, unhas veces trázase o círculo sobre a parte doída e outras colócase o enfermo e o curandeiro dentro del. O círculo tamén defende das bruxas, das ánimas,do demo ou do lobo.

Para algúns estudiosos o círculo é a representación da serpe, para outros é o símbolo do Sol; para todos é un espacio ou centro que nos libra de perigos, íllanos e ponnos en comunicación co outro mundo, co descoñecido.

A árbore cósmica

Castros de plantas circularesA idea de centro adoita ir asociada á de árbore cósmica, representada nas casas moi antigas por un poste colocado no centro do lar ou lareira; por ela baixaban e subían as ánimas dos antepasados da familia cando as casas carecían de cheminea, que veu substituí-lo poste como elemento ou lugar de comunicación e cruzamento de niveis.

Ó lado da encrucillada adoita haber unha ou varias árbores de gran porte, frecuentemente carballos, que posiblemente sexan a árbore cósmica de Galicia. Numerosos ritos de medicina popular celébranse ó lado dun carballo, citado xa por autores clásicos como árbore sagrada.

O campanario da igrexa parroquial pode representa-la árbore cósmica do cemiterio circundante, que é un cruzamento cristianizado de significación máis ampla cá necrolóxica.

Arredor das igrexas adoita haber grandes árbores. Os santuarios, ademais, ocupan habitualmente lugares altos ou montañas, que se asocian con arborado. Incluso hai árbores sagradas ou do santo, como o carballo de Santa Margarida en Pontevedra ou o de Santa Mariña de Augas Santas na Limia.

As pedras que son obxecto de culto adoitan ser altas coma árbores, feito testemuñado por autores clásicos na Galicia antiga; veñen ser lugares de intercambio entre o coñecido e o descoñecido, entre o aspecto visible e o oculto do mundo.

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

- Bibliografía consultada:    "Galicia 2001: Etnografía Espiritual", Xunta de Galicia

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ