Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A emigración, o exilio, a morriña e o retorno

Sempre en Galiza - Libro Terceiro:  Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

 

CastelaoFragmento Ediciós Galiza do "Centro Gallego de Buenos Aires - Instituto Argentino de Cultura Gallega" 1976 - páxinas 252-253

 

 

    "Hai que reintegrarse â terra de ún, so pena de que nos sintamos embafados pol-a door do desterro; e hai que repousar, para sempre, no lugar onde se amasou a nosa carne e se modelou o noso esprito". Esto decía Nóvoa Santos, a cavilar no problema trascendente da morte, cando presinteu a proisimidade da súa rendición e acabamento, cando se decatou de que era un emigrado, que lle furtara gran parte dos seus pensamentos e dos eu traballo â terra que o dera, que o criara e que o formara. Nóvoa Santos atopouse no perigo de morrer lonxe do berce orixinal, e sinteu unha "especie de remordimento". E Nóvoa Santos, como Valle Inclán, foi morrer â terra nativa, para pagar, co seu nome grorioso e cos seus restos mortaes, unha deuda inmorrente, que endexamais será pagada. Pero eu non son un emigrante, porque non saín vontariamente de Galiza, mundo adiante, a cata de tesouros e de grandezas.

 

    A min abóndame un curruncho galego e a ledicia de ver a nosa paisaxe i escoitar o noso idioma. Eu creo, e repito con Heine, que dende a máis pequena fiestra pode contemplarse a inmensidade do ceo coma dende a máis pequena terra se pode comprender a grandeza do mundo. Endexamáis tiven vocación de emigrante. E despóis de ter percorrido moitos camiños estranos, en contra da miña vontade, declaro que o nascer, vivir e morrer n-unha mesma terra é a sorte máis grande que se lle pode desexar a unha criatura; pero a condición de que na terra nativa haxa liberdade e xusticia, pois sen estes dous bens tamén hai desterro na propia terra.

 

    A luz que agora entra pol-o ancho ventanal d-este apartamento (*) e que se emborca sobor da miña mesa de traballo, tráime unha sensación de paz e de benestar cáseque inconcebibles n-estes tempos de barbarie. E ainda que fose lícito gorentar esta pracidez, sabendo que están en chamas os centros vitaes da civilización, eu daría o caudal lumioso d-este ancho ventanal por un pequeno vidro, embafado de choiva galega. Teño morriña; pero a miña door non é, non, unha "especie de remordimento", porque nunca lle fuertei â miña Terra nin os meus pensamentos nin no meu traballo. Por eso quero retornar a Galiza; mais non para morrer senón para vivir. Eu non penso na morte nin creo que me ande rondando, porque apenas acabo de entrar na primaveira da vellez, que é cando un comenza a saber o que di; e non me sosteñen os recordos senón as espranzas, porque creo no retorno â miña Terra, que será un retorno â vida , e por ende, â loita. E se a vida se me acabase no desterro, sen poder devolvelle o meu corpo â terra que mo emprestou, ainda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento.

 

    Con todo é preciso confesar que hai un drama no meu desterro, semellante a una cruz, que abre os seus brazos aos catro ventos para abranguer a door do mundo, que gravita sobor da miña concencia, e é a concencia dos "bós e xenerosos" , esmagando as ilusións que podíamos fundar n-unha repatriación proisíma e vitoriosa. Ese drama que é, a miña pesada cruz, está enxendrado pol-a interceisión contradictoria de dous sentimentos terribles: un d-eles impídenos perdoar os asesiños e verdugos do noso povo, i empúrranos â venganza; o outro non-os permite acoller á ideia d-unha xustiza instintiva, exercida direitamente pol-o povo e inclínanos â resiñación, problema arrepiante porque seguirá sendo unha cruz para moitas xeneracións de galegos. Galiza non está no mesmo caso d-outras terras hespañolas, onde correu d-abondo o sangue dos dous bandos e pode xurdir unha reconciliación. Na nosa Terra sóio un miragre de bondade poderá restablecer a paz dos espritos, pois ainda que pensáramos únicamente n-unha xustiza estricta, recusable â luz dos Códigos, esta xustiza terá tales dimensións que sóio un perverso arelaría un posto de xuez o día do xuicio. Se todol-os galegos creésemos en Deus podíamos encomendarlle a Él o castigo dos crimes cometidos en Galiza; pero é que os sentimentos cristiáns están moi debilitados en toda Hespaña dendes que alí se invocou o nome de Deus para matar...

 

 

 

 

(*) Ver fotografías do departamento de Bos Aires onde Castelao viviu os seus últimos anos