Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A MORTE DE ROSALÍA

Murguía viñera destinado á xefatura do Arquivo Xeral de Galicia en 1870, tal e como o seu valedor en Madrid, don Celestino Vidal, lle prometera despois do altercado de Simancas.

A volta á terra tróuxolle anos de felicidade ó matrimonio, cando se instalou na coruñesa rúa do Príncipe, fronte ó arquivo onde el traballaba, en plena cidade vella. E aínda que mal sabía a feliz parella que a el só lle quedaban cinco anos no emprego, estes foron de benestar, que se manifestou co nacemento dos xemelgos Gala e Ovidio no ano 71, de Amara no 73 e Adriano no 75. Pero trala Restauración que pon a Alfonso XII no trono, trocou a boaventura, e no 75, sendo Cánovas o novo ministro da presidencia, o Patriarca queda cesante.

Rosalía de CastroEstaba Rosalía embarazada de Adriano Honorato Alexandre cando, de camiño para tomar as augas de Cuntis, fan unha parada familiar en Lestrove, e ela confesa o seu desexo de volver vivir na terra da súa infancia e dos seus antepasados, pero a inesperada cesantía faille demorar esta aspiración. 

No verán do ano 78, Murguía participa na publicación da revista La Ilustración de Galicia y Asturias, que pecha ó pouco de saír á rúa por non acadar o éxito agardado, pero moi axiña, xa no ano 79, Alexandre Chao, o inquieto amigo do Patriarca, encárgalle a dirección dunha nova cabeceira: “La Ilustración Gallega y Asturiana’’, que o obriga a trasladarse a Madrid, mentres Rosalía, que comeza a padecer un mortal cancro de útero, se instala cos fillos na casa natal dos seus parentes. Murguía deixará dito que ela xa padecía esta enfermidade antes da morte de dona Tareixa, pero, seguramente, esoutra fose outro tipo de doenza.

Nada impide que Murguía, como presentindo o tráxico final que se aveciñaba, prepare a edición da maior parte das obras da súa esposa: Follas Novas que sae en 1880, El primer loco no 1881 e En las orillas del Sar un ano antes da morte da poetisa. E el, entrementres, publica El Foro en 1882, un ensaio sobre este tipo de arrendamento, que será premiado nos Xogos Florais de Pontevedra de 1886.

Murguía xa acadara a fama de grande investigador, e a súa estadía de tres anos á fronte de ‘La Ilustración...’ serviulle de nexo de unión coas colonias galegas do exterior, e sobre todo co Centro Galego da Habana.

No 1884, cando publica El Arte en Santiago en el siglo XVIII, o matrimonio, rodeado de todos os fillos, con Murguía abranzando a Ovidio, Alexandra de pé e Aura, Gala e Amara sentadas coa nai a carón dunha frondosa árbore, sacan a coñecida fotografía de familia que chegou ata nós. E veu o 1885, coa súa mestura de luces e sombras, de penas e alegrías familiares.

Mentres se creaba a ‘Biblioteca Gallega’ por parte dos seus amigos Martínez Salazar e Fernández Latorre, onde se editará Los Precursores, recibirá o recoñecemento, dentro e fóra de Galicia, como o grande historiador que é, e será nomeado cronista xeral do Reino de Galica. Pero Rosalía cada día está peor, e a dor da maligna enfermidade reflíctese no seu rostro mirrado. 

No verán deste ano, nun acto de apego á vida, Rosalía solicitoulle ó seu esposo que a levase a ver o mar, a sentir a húmida salitre das praias, a contemplar esa imaxe que tanto botou de menos na súa estadía en Castela e que, como un presentimento, quería apresar nos seus ollos para a eternidade. Foron a Carril e ela xa volveu para a cama da súa casa da Matanza, onde agardou ata o mediodía do 15 de xullo para soltar o derradeiro suspiro.


Casa da Matanza, padrón, A Coruña. Hoxe museo.

CASA DA MATANZA, PADRÓN (A CORUÑA)  ONDE MORREU ROSALÍA E NA ACTUALIDADE CONVERTIDA EN MUSEO.

No libro En Prosa, Murguía lembra esa pasaxe baixo un abrasador sol de xullo, cando estaban xuntos, ela na cama, coa fiestra aberta, e el ó seu lado lendo uns versos dos que ela lle manda repetir e gardar un, “... siento que te amo’’, antes de expirar. A dor da morte pousouse sobre toda a familia, pero con dous protagonistas principais á hora de recibir os pésames: Alexandra e Murguía. Ela, como filla maior e nova muller da casa, recibe as cartas da familia animándoa a coidar do pai e dos irmáns pequenos; e el, como marido, o consolo dos amigos: “El luto que a Ud. embarga se extiende a todos los gallegos amantes de las letras’’, expresa nunha carta o médico e poeta santiagués Benito Losada, ou Alfredo Brañas, quen lle di noutra de sentidas palabras: “¡Galicia entera también llora con nosotros!’’ e o grande amigo Eduardo Chao invítao, “venga a pasar unos días con nosotros...’’. A lista de textos luctuosos que esta perda provocou podía facerse longuísima. Murguía non vai tardar moito en lembrarnos, en Los Precursores, cómo Rosalía nunca se encontraba ben fóra de Galicia, cómo sempre ansiaba estar na súa terra e mellor aínda en Padrón.

 A dor e a lembranza tamén a manifestará o Patriarca en grande cantidade de discursos, así como nas dedicatorias dos seus libros. A ela están dedicados moitos dos poemas de En Prosa, esa especie de memorias poéticas que tanta luz nos dan sobre as súas querencias.

Falouse dos conflictos entre o matrimonio, da vida pouco cómoda que o Patriarca lle prestou á súa esposa, das queixas dela: “...quieres que te escriba todos los días, ¿y tu?...’’, e quizabes dalgún enfado que acougou co tempo, ou dos moitos papeis e misivas que o Patriarca queimou pouco antes de morrer, como se quixese borrar algo, pero se nos atemos ás poucas cartas que quedaron, das cruzadas entre eles, debemos concluír que, se algunha sombra houbo nesta relación, esta podía ser debida a cuestións propias da vida matrimonial. Tamén no seu libro En Prosa, Murguía di: “Amada mía, dime; ¿cuál te agrada más, un corazón que es como dura roca, pero en el cual el nombre que en él se escribe dura para sempre, o el que es como blanda cera que deja, con la mayor facilidad, sustituir unas letras por otras?’’.

Rosalía foi enterrada en Santa María de Adina, en Padrón, pero logo, os seus restos foron trasladados ó Panteón de Galegos Ilustres, o 25 de maio de 1891, por iniciativa do Centro Galego da Habana, sen que Murguía interviñese directamente nos actos, sen embargo, nas honras fúnebres dese día, en San Domingos de Bonaval, o requiem da misa era unha obra da autoría de don Domingo Murguía, o avó materno do Patriarca.

volver a:  rosalía de castro



FONTES DE INFORMACIÓN:

"Follas Novas" , Rosalía de Castro, Edición de H. Monteagudo e Dolores Vilavedra, Editorial Galaxia, 1993.

Especial Letras Galegas Ano 2000, Manuel Murguía,  publicado polo xornal "O Correo Galego".

"Galicia 2001", editado pola Xunta de Galicia.

www.letrasgalegas.org