Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

ANXO SERAFÍN PORTO UCHA HOMENAXEADO NO ACTO "ROSAS POLA MEMORIA" 

 

Porto UchaNa quinta edición de "Rosas pola Memoria", Anxo Serafín Porto Ucha, mestre e profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, foi homenaxeado polo seu compromiso coa investigación sobre as orixes e o desenrolo da escola republicana e sobre o remate desta coa depuración dos mestres que realizou a dictadura franquista (como é recollido no seu libro editado no 2008 "Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo" ).

O noso amigo Anxo Serafín Porto Ucha quen naceu en Guláns e é actualmente profesor e vicedecano da Universidade de Santiago de Compostela, dedicou esta homenaxe á súa nai "porque ela foi quen me introduciu en todo isto".  Nunha reportaxe feita hai dous anos co motivo da edición do libro, Porto Ucha tiña contado:  "Miña nai en 1936 tiña 20 años, meu avó participaba das experiencias republicanas, tiña un primo, Josilito Castro, e entre ámbolos dous agocharon a varias persoas"


ANXO SERAFÍN PORTO UCHA (Guláns, Ponteareas, 1945) é profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou por libre os estudos de Bacharelato (1956-58), que despois continuaría por nocturno (1966-1970) nos Institutos "Santa Irene" (Vigo) e "Concepción Arenal" (Ferrol), e compaxinaría coa música, a ebanistaría e a carpintaría. Mestre de Primeira Ensinanza (1973) e licenciado en Filosofía e Letras (1979), doutorouse en 1985 pola UNED, baixo a dirección de Olegario Negrín Fajardo, cunha tese sobre as relacións de Galiza coa Institución Libre de Enseñanza, da que é produto o libro La Institución Libre de Enseñanza en Galicia (1986). Sobre esta temática vén de publicar La Institución Libre de Enseñanza y la renovación pedagógica en Galicia (2005). Dende 1985 é profesor titor no Centro Asociado da UNED en Pontevedra. En 2007, pola LOU, intégrase no corpo de Profesores Titulares de Universidade. Entre as súas liñas de investigación figura tamén a historia da formación do profesorado, publicacións sobre as Escolas Normais de Pontevedra e Santiago de Compostela. Últimamente presta a súa atención ao tema de depuración do maxisterio con traballos en Actas de Congresos, revistas especializadas e colaboracións en prensa. Como reconstrucción da vida dunha mostra do profesorado galego, publicou Historias de vida (2003). Membro de distintas sociedades e asociacións, pertence ao Consello de Redacción e ao Consello Asesor de Innovación Educativa, ao Consello Editor de Sarmiento, Anuario Galego de Historia da Educación, ao Conselho Consultivo das Revistas Intemacionais da Lusofonía O Ensino, Nós, Cadernos do Povo e Temas do Ensino de Lingüística, Sociolinguística e Literatura e ao Consello Editor de A Peneira-Condado. Dende 2002 é Vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

 

APUNTES PARA O ARQUIVO DA MEMORIA ESCOLAR  >>>

 

           Mónica B. Suárez Groba


Noraboa polo premio. Felicitacións de Galicia espallada

Estimado profesor don Anxo Porto Ucha

 

Mónica vai corrixir o meu galego, sempre medio castrapo, sempre coas súas fallas, aínda que algúns políticos nados en Galiza non teñen vergoña e escribeno coma min !

Felicitacións e noraboa polo máis que merecido agasallo, ben gañado premio: os do bando republicán non os reciben dabondo, pero os feixistas se premian entre eles, se bican e se aplauden, uns premios ocos para rir a cachón por parte dos que sabemos da moita fardantía dos paifocos.

Non é o seu caso. E quero dicirlle, para máis inri, que pode estar vostede fachendoso da súa nai e o seu avó ( contoume Mónica ). É unha mágoa que no mundo teña gañado o feixismo, que agora se deu en chamar imperialismo, porque senón tería de haber unha película ó xeito da "Lista de Schindler" coa súa nai e o seu avó, como de moitos máis galegos de grande cristiandade e grande corazón que salvaron xente da locura asasina franquista.

Non agoche entón a súa fachenda. Téñase pois por grande, pois é vostede polo menos o terceiro dunha estirpe e herdanza de homes e mulleres xustos. É carpinteiro como Xesús, o grande revolucionario, trocado en feixista pola Igrexa !

Aquí en Bos Aires, na rúa máis hespañola ( como diría Castelao ), na avenida de Maio, en tempos da guerra civil, botábanse de todo pola cachola, uns os franquistas nun bar enfrente, outros republicáns no bar Iberia, onde fun tomar café na honra deses antepasados, deses patriotas. Pero mire vostede amigo Anxo, o que é a xustiza do tempo, que vos alcanzará, familia de xustos: o bar Iberia segue en pé e onde estaba o bar feixista hai ¡ un banco ! ¡ Qué poesía de Deus na súa xustiza ! Os ladroeiros non tiveron endexamáis outra ideoloxía que os cartos, usando o nome de Deus para roubar e asasinar, e o que quedou da memoria deles foi... ¡ un banco !

Amigo Anxo ( o nome non é casualidade, a boa nai sabía a quen criaba ! ) temos un dito aquí, producto da memoria perdida deses días de loitas, de rifas entre unha beirarrúa e outra da avenida de Maio ( Maio, mes da liberdade arxentina, mes das Letras galegas, de Rosalía e Murguía , mes da festa dos Maios ¿ ten de ser, outra vez, casualidade ?  ) e ese dito é "hai que estar na beirarrúa correcta". E vostede o está, como vagalume na escuridade. Pois triste victoria a do millón de mortos nas cunetas, como dicía Luís Pimentel. Triste victoria a que denunciaba Castelao co seu arte. Prefiro, sen telo vivido, estar do lado dos derrotados, coma vostede.

Non crea na morte Anxo. Non pode coma cristián e non pode coma celta, pois os nosos devanceiros eran terribles guerreiros porque crian no máis alá, sen ser cristiáns, pregoando o que serían o Camiño e as nosas crenzas. Non crea que a vosa nai partiu: vostede quedou. Pense na sorte que tivo o fillo de Margaret Tatcher, a nai que tivo, e logo pense na nai que tivo vostede en sorte; pense no fillo que tivo a nai de Franco, e pense no orgullo de vosa nai de ter un fillo como vostede. Amigo, o imperialismo, o feixismo, están para roubar neste mundo, pero o producto do roubo non o poden levar ao outro mundo, e a culpa sí que a levan. Alí será a xustiza. Amigo, sintamos fachenda por estar na beirarrúa correcta, e que nas nosas alforxas levamos a derrota con honor, que é mellor que unha victoria vil. Nós estamos do lado de Castelao, ( Galiza ten agora un bo pasar pero non ten a Castelao, vendeu a súa alma por cartos ! ) de Ferreiro, de Rosalía, de Cabanillas, de Manuel María, da súa nai, do seu avó, dos mestres que vostede honra no seus libros e Castelao nos seus debuxos ¿ hai mellor honor ?

Por eso amigo Anxo, non crea na morte. É un alonxamento no máis longo que o que nos queda de vida, un intre no tempo. Deixe a morte para os mortos en vida, cargados de culpas, propiedades e crímenes. Para eles soan as badaladas contando o tempo que lles queda !  Os bos e xenerosos coma vostede, os que teñen a espranza celta que nunca se cansa, non teñen que crer na morte !

Se é certo que hai quen non nos entenden, non, tamén é certo que nós, nos entendemos sen coñecernos. Non coñecí a vosa nai, como calquera mortal, non podo ver o Ceo, pero adivino que ela está moi orgullosa de vostede, coma o estamos nós.

Seguramente no futuro, a súa obra terá de ser referencia para unha xeración xusta que quererá rescatar a memoria deses mestres de onte, como vostede hoxe. Mágoamente esa xeración non é esta.

Fago votos e brindo dende o pasado por esa xeración futura. Mentres tanto grazas por todo o que fai por facer xustiza a ese homes e mulleres, algúns dos cales estaban na súa familia. Que mellor honor ?

Unha aperta chea de admiración. Por homes coma vostede aínda teño unha espranza por Galiza.