Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

PONTEAREAS MÁXICA

Ponteareas máxica

Mitos, ritos e lendas

 MANRIQUE FERNÁNDEZ  

OS SETE SANTOS

 

 

Onde un grupo de rapaces descobre algúns dos mitos que existen arredor da Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira, e trata de explica-la curiosa orixe do seu nome segundo unha lenda popular.

 

 

 

I.- Unha ponte de pedra

 

 

Catro nenos camiñan pola beira do río,

un tras outro brincando entre bromas e risos.

Dun agosto abafante cae a tarde en Moreira;

no solpor, a frescura que esparexe á ribeira

ese río perpetuo, sinuoso e indeciso,

ese Tea tranquilo, revirado e impreciso.

Os rapaces, brincando entre flores e fentos

polos cómaros feitos polo paso do tempo,

arrincando estas follas, vixiando aquel niño,

o decurso do río van seguindo amodiño,

e ó virar dunha volta, sempre ó pé da ribeira,

entre as ponlas asoma unha ponte de pedra...

 

E os catro nenos fican absortos e abraiados,

mirando os catro ollos que nunca están pechados.

Un deles, o pequeno, falara deste xeito:

«¿Sabedes que esta ponte, segundo me dixeron,

foi feita polos mouros hai moitos, moitos anos?Arco da ponte das Partidas

¡E nunha soa noite se di que a levantaron...!»

Os outros tres amigos ollaban espantados

por ver se aparecía un mouro entre o empedrado;

ollábanse de esguello, medrosos e cohibidos,

no eco os corazóns e o ritmo dos latidos...

 

«¡Que mouros nin que mouros —dicía o máis baril—,

se os mouros non existen! Son contos que se din

para asustar ós parvos, ós nenos e ós coitados.»

O máis pequeno insiste: «E din que hai, agochados,

moreas de tesouros, de xoias e moedas

detrás dalgún feitizo para que non se vexan...»

E os catro nenos fican absortos e abraiados,

mirando os catro ollos que nunca están pechados.

 

 

 

 

II.- A ponte das Partidas

 

 

Revoaban no aire unha presa de sons

que no eco do ceo parecían cancións;

o chiar das lavercas e dalgún paspallás,

espallaban ó vento o rumor do verán.

Fronte á ponte de pedra, un remanso de paz

que se estende a modiño onda cada rapaz.

 

Entón, o máis lareto, que sempre algún se xunta

ó resto da cuadrilla, lanzou unha pregunta:

«¿Sabedes que a esta ponte lle chaman das Paridas,

e que provoca os partos nas femias que a visitan?»

Nubeiros de risadas e de incredulidade

asoman ós seus ollos. «¡Non debe ser verdade...!»

«De certo non o sei, máis xuro que algo oín

dun rito que facían para poder parir

as mozas de Moreira...» «¡Non sexas argalleiro,

que aquí, para falar, hai que saber primeiro!»

 

Quen dixo estas palabras foi o maior de todos,

un mozo rebuldeiro, viveza nos seus ollos.

Calaron os demais, sentáronse no chan

facendo unha rodela, e puñéronse a escoitar.

«A ponte que aquí vedes non é a das Paridas;

o seu nome correcto é Ponte das Partidas.»

 

Dun agosto abafante cae a tarde en Moreira,

no solpor, os reflexos estrelecen na herba.

Unha brisa de aire suspendida no tempo

acariña os rapaces a cada momento.

 

«¿Das Partidas?», pregunta o pequeno, curioso.

«¡Das Partidas!», responde o maior, fachendoso.

«¡Vaia nome!», replica o lerchán, falangueiro.

«¡Xa o sabía!», asegura o baril. «O primeiro

que lle deu ese nome foi, xa van moitos anos,

capitán de bandidos, de ladróns renegados

que asaltaban ós ricos de toda a comarca

nos camiños da zona ou entrando nas casas.

Reuníanse, din, coa chegada da lúa,

para dar conta ó xefe das súas falcatrúas.

E debaixo da ponte folgábanse e rían,

e partían de novo coas luces do día».

 

«¡Non era mala historia! —retrúcalle o máis vello.—

É mágoa que o que contas non sexa en todo certo.

Non eran asaltantes os que de aquí partían...»

«¡Pois non! ¡Eran guerreiros...! —o máis novo dicía.—

Xuntábanse na ponte e dende aquí marchaban

a cadansúa vila para reconquistala.

Ceibaron a comarca das mans dos sarracenos

loitando coma heroes dos que houbo neses tempos...»

 

«Tampouco é mala historia, hai que recoñecelo,

máis non é certa en todo», repetiu o máis vello.

Olláronse uns ós outros con incredulidade.

«¿Queredes que vos conte con rigurosidade

a orixe dese nome?» E ata o río calou...

E o neno, dando un chimpo, ergeuse e comezou...

 

 

III.- Os sete irmáns

 

 

Nin dos grilos da eira se escoitaba o cantar,

nin nas ponlas máis altas anda o vento a zoar,

nin murmurios, nin ecos, nin o máis triste son

se abre paso entre as rochas nesta leda ocasión.

Fronte á ponte de pedra, nun remanso de paz,

só se escoita a palabra que pronuncia un rapaz.

 

«Dixéronme que a ponte que tedes ante os ollos,

foi célebre nun tempo perdido entre mil soños

de néboas e nubeiros, de negras letanías,

de loitas entre os homes e inxentes agonías,

de mortes sen xustiza, traballos sen xornal,

de carne e de pecado, de vida sen moral...

 

Pois foi naqueles tempos, segundo me contaron,

que había sete irmáns de anguria asoballados

por tantas inxustizas, delitos e martirios,

pecados e podremia, matanzas e delirios.

E son os sete imáns Blas, Marta e Asunción

Cibrán, Lucía, Amaro e María de la O.

 

»Estes sete rapaces, todo amor e bonanza,

temerosos de Deus e da súa ensinanza,

decidiron un día predica-lo seu nome

para ver de salva-la alma impura dos homes.

Acordaron marchar a estende-la palabra

que aquel home da cruz unha vez pronunciara,

espallar polo mundo a mensaxe de amor,

de respecto e ledicia, de piedade e perdón.

 

»Una noite de lúa clara, doce e serena,

encontráronse os sete xunto á ponte de pedra.

Testemuñas do encontro son o río e os pastos,

o silencio, os camiños, os valados, os astros,

as estrelas que brillan, o rumor da corrente,

e unha ponte senlleira xa cansada e silente...

E na súa despedida os irmáns acordaron

que a pesar de que ían estar separados

manteríanse xuntos en cada momento,

vixiando un ó outro, ó irmán protexendo...

 

»Partiron dende a ponte en distintas direcións:

chegou ata A Picoña María de la O;

detívose en Ganade a súa irmá, Lucía;

dixéronme que Amaro botou raíz en Lira;

o monte atravesando disque partiu Cibrán,

e nun só día de marcha chegou ata Guláns;

ollando Ribarteme detivo Marta o paso;

entrou Blas en Areas e, caminiño manso,

chegou ata Pesqueiras a última, Asunción.

En todas estas vilas rezouse unha oración

na que pedían a Deus que alguén os alumara

naquela dura empresa e ós sete irmáns guiara...»

 

 

IV.- Os sete santos

A Ponte das Partidas

 

Dun agosto abafante, cara á fin do serán,

a rodela de nenos descansando no chan.

Nin a auga do río nin o vento sutil,

aquel mesto silencio foron quen de ferir.

Fronte á ponte de pedra, nun remanso de paz,

só se escoita a palabra que pronuncia un rapaz.

 

«Esporadicamente retornaban á ponte

da que un día partiran baixo os ecos da noite.

E naquela xuntanza de lealdade e lecer

unha vella promesa acordaban manter:

que a pesar da distancia e de estar separados

manteríanse xuntos, un ó outro coidando...

Toda a noite falaban entre contos e risas,

e partían de novo á luzada do día.

 

»E din que tanta alma puñeron nas súas obras,

que tanta luz acesa deixaron entre as sombras,

que tanto amor levaron a cadansúa vila,

que pouco a pouco, ós sete, murchóuselle-la vida...

 

»E seica quixo o ceo, segundo me dixeron,

deixar algún sinal alí onde morreron

e que nas sete vilas creceran sete montes,

mirándose uns ós outros, mirando cara á ponte

da que os irmáns partiran naquela noite clara

para espallar ós homes a divina palabra.

 

»E seica quixo o pobo, segundo me contaron,

brindarlle unha homenaxe a aqueles sete santos,

e que nos sete montes nacidos dos irmáns

ergueron sete ermidas para ir e venerar

a súa alma e obra, a súa santidade.

Segundo eu oín, esa é toda a verdade...

 

»Por iso, en Ribarteme, a Santa Marta rezan;

alaban a San Blas en case todo Areas;

Guláns, a San Cibrán; a San Amaro en Lira;

veneran en Ganade disque a Santa Lucía;

devota é A Picoña da Virxe de la O,

e róganlle en Pesqueiras á Virxe da Asunción.

Por iso é que esta ponte, porque de aquí partían,

coñécena no mundo por Ponte das Partidas.»

Anterior                                              

Seguinte

  

 

FOTOS: Ponte das Partidas, parroquia de Moreira, Ponteareas, Fotografía: Xan Rodríguez Puentes