Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

PONTEAREAS MÁXICA

Ponteareas máxica

Mitos, ritos e lendas

 MANRIQUE FERNÁNDEZ  

MIRAGRE NA PICARAÑA

 

 

De como un nobre fidalgo consegue escapar, dende o alto da Picaraña e de forma máis que prodixiosa, dun grupo de soldados sarracenos que o perseguía cando se dirixía ó castelo do Sobroso.

 

A picaraña

«¡Corre, cabaliño, que aí vén o Demo!

¡Corre, meu amigo, que lles teño medo

a eses malnacidos saídos do Inferno!

¡Que o meu Deus me libre destes sarracenos!

 

¡Corre cabaliño! Sube polo monte;

podemos chegar a xunto do Conde.

Sei que no castelo nos espera a sorte.

¡Que Deus me libere desta mala morte!»

 

Así lle dicía á súa montura

un nobre fidalgo de casta e bravura

fuxindo daquela derrota segura.

¡Que o seu Deus o esconda de tanta amargura!

 

Catorce soldados lle seguen os pasos

ó lombo dos seus catorce cabalos.

Pretenden facer do nobre un escravo.

¡Que Deus o libere de ter tan mal fado!

 

O nobre fuxía por entre as sobreiras,

pero o seu cabalo foi diana certeira

dun dardo perdido naquela carreira.

¡Que o seu Deus lle axude dalgunha maneira!

 

Nesa galopada por gaña-la vida,

trocou o camiño a besta ferida...

No cumio do monte non topa saída.

¡Que o seu Deus o guíe naquela subida!

 

Animal e besta forman un centauro

no pico do oeste, no punto máis alto

que hai na Picaraña, cumio dun barranco.

¡Que Deus lle permita sair dese atranco!

 

Agarrou as bridas da besta salvaxe

e tirou do freo con forza e carraxe.

Parou o centauro no cabo da laxe.

¡Que Deus o conduza naquela viaxe!

 

No alto da pena sentiu o profundo

baleiro do abismo en que acaba o mundo

do nobre fidalgo. E berrou rotundo:

«¡Que o meu Deus me axude neste mal segundo!

 

¡Pola Santa Face! ¡Pola fe de Cristo!

¡Polo Santo Nome daquel no que existo...!»

Escoitan as penas un trote furtivo.

¡Que o seu Deus non deixe que caia cautivo!

 

Catorce soldados chegaron á pena,

e catorce mouros ó nobre rodean.

Sen unha esperanza, aquel home reza.

«¡Que Deus me socorra na súa grandeza!

 

En mans sarracenas non quero caer.

¡Maldigo o seu nome e maldigo a suá fe!

Pero antes que escravo... ¡Prefiro morrer!

¡Que Deus me recolla e me leve con El!»

 

E díxolle a Deus mirando ó barranco:

«¡Se loitei por ti e se te amei tanto,

merezo unha axuda neste duro atranco!

¡Que Deus me protexa baixo do seu manto!»

 

Namentres falaba aquel Santo Varón,

cravou as esporas no seu corredor.

Un «¡Vállame Deus!» no aire soou.

¡Que o seu Deus lle axude nesta situación!

 

A besta esporeada comeza a carreira

ata dar un chimpo no cabo da pedra

e tirarse, firme, á sima baleira.

¡Que Deus non permita que o home se perda!

 

Pero naquel intre, conforme dixeron,

o centauro foi, caso milagreiro,

izado no ar case que ata o ceo.

¡O seu Deus, devoto, pagoulle os desvelos!

 

No alto da pena fican abraiados,

en catorce bestas, catorce soldados,

mirando voar no aire ó centauro.

¡O seu Deus, devoto, ben soubo axudalo!

 

E din os veciños que naquela pena

quedou a pegada do salto da besta

por que o mundo saiba que a historia foi certa.

¡Que Deus me perdoe se non é a maneira!

Anterior                                        

Seguinte

   

 

FOTO: A PICARAÑA

Parroquia de Arcos,  Ponteareas

Fotografía: Xan Rodríguez Puentes