Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

PONTEAREAS MÁXICA

Ponteareas máxica 

Mitos, ritos e lendas

 MANRIQUE FERNÁNDEZ  

 

A SERPE DO CASTRO DE TROÑA

 

 

Onde se conta como os veciños de Pías decidiron acabar coa descomunal serpe que se agochaba no fondo do Castro de Troña e que lles comía o gando.

 

I.- O conto

 

 

«Papá, cóntame unha historia

desas que contas a feito,

mergullada na memoria

do tempo e dos devanceiros

(¡que Deus os teña na gloria!);

de damas e cabaleiros,

de bruxas, demos e meigos...

Papá, cóntame unha historia.

 

Papá, cóntame ese conto

que a min me gusta escoitar,

de Aldina que vai ó encontro

do infortunado Tristán;

cóntame outra vez o conto

do cego que vai cantar,

da marcha dos sete irmáns...

Papá, cóntame ese conto...»

 

«Ven, neno, xunto á lareira,

senta aquí, ó meu carón

neste escano de madeira,

e presta moita atención.

Cerra a porta, pecha a fiestra,

que non escape a calor,

porque a túa petición

cumprirei desta maneira:

 

Érase que disque se era

nalgún tempo moi lonxano,

que aquí mesmo, nesta terra,

segundo a min me contaron,

ó pé dunha fonte fresca

algúns homes asentaron,

e en pouco tempo argallaron

a vida entre as súas pedras.

 

¡Que o sol por sempre se poña

se non ergueron un pobo

no tempo en que a mente soña!

E ó rematar, xa que logo,

houbo no adro tal xolda

que o lene orballo atopounos

exhaustos ó pé do fogo...

No alto, o castro de Troña.

 

E dise que naquel castro

resoaba tanto a festa,

que abofé que espertaron

a unha serpe xigantesca

que habitaba entre o empedrado.

Máis que unha serpe, unha besta

brutal, ruín e grotesca,

que deu en move-lo rabo...

 

Longa coma unha condena,Castro de Troña

tan grosa coma un carballo,

liviá coma unha alma en pena

e forte coma un valado;

por ollos, dúas lanternas,

por cabeiros, dous arados...

Unha sombra vai baixando

pola empinada ladeira...

 

E contan aínda os máis vellos

que cando a viron chegar,

saíron todos correndo

e correron sen parar

pensando mira-lo demo

dentro daquel animal

que serpea no lugar,

asubía e cospe arreo.

 

Presas dun forte arrepío

que penetraba nos ósos,

agochábanse os veciños

nas casas, tobos e foxos

que atopaban no camiño.

E a serpe, andar sinuoso,

torturaba ó máis fogoso

botando os seus asubíos.

 

Nin unha alma na aldea

quedaba sen se agochar,

só se atopaba unha ovella

atada cun adival

nunha pequena sobreira,

esquecida, sen gardar.

A serpe viu o xantar

e dun bocado, comeuna...

 

Despois viróulle-las costas

e perdeuse entre a follaxe.

Abriron algúns as portas

con medo, ansia e carraxe,

lívidas facianas mortas

víctima daquela aldraxe,

daquela besta salvaxe

da que non botaran contas...

 

 

 

 

II.- O tributo

 

 

E disque o medo foi tal

entre as xentes desta aldea,

que decidiron pagar

ign="center">con tal que a serpe non veña

a profana-lo lugar.

 

Xuntábanse cada día

cando chegaba o solpor,

no adro que ten a ermida.

Primeiro, unha oración.

Logo, a sorte decidía

o que naquela ocasión

faría unha doazón

á serpe, bicha temida...

 

O labrego infortunado

a súa ofrenda levaba

ata moi preto do castro,

por temor a que baixara

ata o pobo amedrentado

esa besta encabuxada,

esa serpe endemoñada

deixando un fétido rastro.

 

E así pasaban os días,

un tras do outro, en ringleira.

Cada noite, alguén subía,

ataba nunha sobreira

algunha ovella, e fuxía.

E a serpe baixaba á eira,

devoraba aquela peza

e ó seu buraco volvía.

 

Máis pouco tempo tardaron

os máis dos homes da vila

en considerar un cargo

que o pobo non merecía

aquela entrega do gando.

Xuraron que estudiarían

o caso e decidirían

o xeito de rematalo.

 

E disque foi que acordaron

que os animais a entregar,

irían sempre tosquiados

e gardarían a la.

E cada noite raparon

a pel daquel animal

que a serpe ía devorar

nos arredores do castro.

 

Reuniron, pasado o tempo,

la para encher varios carros

que ás tecedeiras lle deronCastro de Troña

para que a foran fiando.

Traballan o día enteiro,

coa roca van enrolando,

co fuso van revirando

e cantan no fiadeiro...

 

Desta maneira fixeron

unha grosa e forte corda

longa coma un día de inverno,

tan recia coma unha roca,

que enlearon nun novelo

traballando a tarde toda.

A xente daquela roga

mirábao con certo medo.

Imaxe da Serpe

Cando estivo rematado

volveron a sortear

quen sería o infortunado

que o tería que levar

ós arredores do castro.

Foille tocar a un rapaz

baril, garrido e sagaz,

polos veciños gabado.

 

 

 

 

III.- O novelo

 

 

Aquel novelo, arrastrando,

ó monte, o rapaz gateou

tal e como lle ordearon.

No cabo que alí quedou,

un axóuxere colgaron,

e outro home esperou

a que se escoitase o son

do cascabel agochado.

 

Mais non pasou moito tempo

sen que se achegase a cobra

uliscando o alimento.

Dende o exterior da súa cova

cheira buscando o sustento:

a ovella que agarda fóra.

Confiada e cumpridora,

dese axóuxere arrastrado,

detense a respiración

e o medo invade o poboado.

Con fungueiros e fachóns,

estacas, fouces e sachos,

os homes, amedrentados,

comezan a procesión.

 

Ían perseguindo o fío

por entre rochas e veigas.

Nin un triste rechouchío

alerta de que se achegan

a aquel recanto campío

no que está agochada a besta.

A entrada, unha fenda aberta.

Recórreos un calafrío.

 

Sería o máis animoso

o que empezara a tirar

daquel fío longo e groso

arrastrando ó animal.

Logo puxaron os outros

e entre todos, sen tardar,

conseguírono sacar

dende o fondo do seu tobo.

 

Cando a serpe estivo fóra

e vencendo o seu temor,

zoupan arreo na cobra

contendo a respiración.

¡Nin un só dos paos lle sobra!

E a serpe, á fin do solpor,

deu o último estertor.

¡Meigas fóra! ¡Meigas fóra!

 

Logo que á besta mataron

quixeron leva-la á vila

para que a xente, pensaron,

puidese durmir tranquila.

¡Dez mozos necesitaron

arreo arrastrando a bicha!

Na aldea todo era dicha

cando os homes regresaron.

 

Enterraron os seus restos

no mesmo adro da ermida,

e encargaron a un canteiro

que instalase, xusto enriba,

aquel fermoso cruceiro

que aínda hoxe se mira.

E a paz retornou á vila,

e a ovella xunto ó carneiro.

 

Os nenos, xoga que xoga,

á billarda, ó bailarete;

e a vella, roña que roña

por quitarlle-los xoguetes...

¡E non lle dará vergoña...!

E colorín colorete,

polo aire vai un foguete

camiño ó castro de Troña.

Anterior                                             

Seguinte

FOTOS:

Castro de Troña

parroquia de Pías, Ponteareas

Fotografía: Xan Rodríguez Puentes

 

IMAXE DA SERPE

Castro de Troña

parroquia de Pías, Ponteareas

Fotografía: Xan Rodríguez Puentes

 

Castro de Troña

parroquia de Pías, Ponteareas

Fotografía: Xan Rodríguez Puentes