Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

PONTEAREAS MÁXICA

Ponteareas máxica 

Mitos, ritos e lendas

 MANRIQUE FERNÁNDEZ  

BAUTIZO NA PONTE DAS PARTIDAS

 

 

De como unha avoa lle explica á súa neta en que consiste o rito do «bautizo prenatal» tal e como se fai na Ponte das Partidas, en Moreira, para salva-la vida dun neno en perigo de non nacer.

 

 

«¡Xa non sei que facer, miña avoa!

¡Eu non sei o que podo facer!

Teño medo que o fillo que levo

no meu ventre non chegue a nacer.

Hai tres anos quedara preñada

e perdino, non souben por que;

hai un ano pasoume outro tanto

e hoxe tremo de medo por ver

se o neniño que levo aquí dentro

foi tamén condenado a morrer.

Mais... ¡Por Deus...! ¡Pola Virxe María...!

¿Non hai algo que poida facer?»

 

«¡Si que hai, miña pobre ruliña!

Un segredo que che contarei

e que a min me ensinou miña tía...

¡que a túa nai tamén puido morrer!

Vai á ponte que din “das Partidas”

co teu home e con xente de ben.

Levaredes comida a fartura:

porco, figos, coellos e mel...

Levaredes garrafas con viño,

vasos, garfos, coitelo e mantel.

E unha corda. E tamén un caldeiro...

¡E o teu peito enchido de fe!

Chegarás antes da medianoite

e este rito terás que facer:

entrarás ata o medio da ponte,

ficarás no arco grande, de pé;

a túa xente estará a cada lado

vixiando non cruce ninguén.

¡Nin un home, nin can, nin ovella,

ou o neno non nacerá ben!

Á primeira persoa que pase

tentarala, por ben, convencer

que bautice ó pequeno non-nado

cunhas verbas que aquí che direi:

            “¡Home de boa ventura,

            bautízame esta criatura!”

El terá que acepta-lo teu trato

se o camiño desexa facer;

se se nega, os que foron contigo

alí mesmo o terán que deter.

¡Que non cruce ninguén pola ponte

ou o neno non nacerá ben!

Cando atopes a alguén que che acepte,

que apadriñe ó que ha de nacer,

subirá canda ti, ó arco grande,

a face-lo bautizo daquel.

Dende alí, co caldeiro e coa corda,

auga clara terás que coller;

e o padriño, vertendo o caldeiro,

deixará algunhas gotas correr

polo ventre que agocha ó neniño,

o neniño que está por nacer...

E dirá as mesmas verbas que os curas

cando están bautizando a un recén:

            “Polo nome do Pai, e do Fillo,

            e do Espírito Santo.”

                                              ¡Ninguén

dos que foron á ponte contigo

vai dici-la palabra “Amén”!

¡Só na igrexa, cando o neno naza,

e cristián o vaiades facer!

¡Non ousedes, por Deus, pronunciala

ou o neno non nacerá ben!

Vista da Ponte das Partidas

 

Ponte das Partidas, parroquia de Moreira, Ponteareas

Fotografía: Xan Rodríguez Puentes

 

 

»E despois de facer este rito

xuntarédesvos para comer

a fartura á beira do río

festexando ó que ha de nacer.

Cearedes co pan que levaches,

co touciño, coa froita e co mel,

e tamén beberéde-lo viño

como en festas e feiras se ve.

Ó remate subides á ponte

co que sobre despois de comer,

e tirades por riba do ombro

o coitelo, o mantel, a culler,

tirarás a garrafa do viño

e a comida que sobre tamén.

¡Nada volte da cea á túa casa:

do banquete non vai quedar ren!

¡Levarao a corrente do río

ou o neno non nacerá ben!

Tal será a vosa ofrenda ó río Tea;

tal é o rito que tes que facer.

 

»Cando chegue o teu fillo a este mundo

non esquezas que lle has de poñer

como nome o que ten aquel home

que na ponte mollou a túa pel.

E se quere ser el o padriño,

o padriño do neno recén,

pode ser que sorría a Fortuna

ó neniño que está por nacer.»

 

 

Anterior                                             Seguinte