Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Plácido Ramón Castro del Río


O humanista liberal e cosmopolita que mellor simboliza a universalidade do nacionalismo galego


 Fonte da información:   IGADI , Instituto Galego de Documentación e Análise                  

 

 

Plácido Castro, un exilio na Gran Bretaña 
       

Por Xulio Ríos (*), Pontevedra, 26 de xaneiro de 2001 

       

Plácido Castro, nos estudios da BBC ( Fonte: IGADI ) O primeiro que cómpre dicir a propósito de Plácido Castro é que estamos a falar dun gran descoñecido en Galicia, incluso para moitas persoas que, en boa lóxica, deberían coñecelo por estar próximas ao seu ideario; mesmo entre a súa propia familia directa, algúns aspectos destacables da súa vida permaneceron ocultos durante moitos anos e unicamente chegaron a ser descubertos despois do seu falecemento. Ese descoñecemento global obedece, ao meu modo de ver, a varias causas: 

En primeiro lugar, a ese feito, bastante xeral aínda, de ignorancia colectiva da nosa propia Historia, tanto pasada como recente, e de moitos dos seus protagonistas principais, como consecuencia das décadas de ocultamento que tardarán aínda un tempo en esclarecerse.

En segundo lugar, a que despois da guerra civil, a actividade de Plácido ou ben diminúe ou desenvólvese lonxe de Galicia e faise un silencio de anos na súa actividade xornalística, que pasa a ser máis ocasional e foránea, e, dende logo, silénciase para sempre a actividade política na que el tanta paixón puxera. Hai unha merma notable da intensidade do seu traballo intelectual, quizáis como dixera Ramón Piñeiro, porque interiorizara un fondo pesimismo ou simplemente porque se lle impón a evidencia dunha inevitable reorientación da súa vida e precisa adicar boa parte do seu tempo a atender tamén as propias necesidades familiares. Cómpre lembrar que casou en 1944, en Cambados, con Jesusa Sineiro e tivo oito fillos, e que cando recibiu o duro golpe que supuxo a guerra civil, a liquidación das súas maiores esperanzas, e comenzaron as súas dificultades políticas e económicas contaba con trinta e catro anos.

En terceiro lugar, o seu propio carácter. Na segunda etapa da súa vida era unha persoa pouco dada a significarse, mais ben reservada e discreta, sen especial preocupación por destacar publicamente, moi humilde. Plácido andaba sempre nas súas cousas, pensando, traballando, animando, ilustrando, pero sen afanarse por significar. Aquel amplo sorriso das reunións galeguistas desapareceu da súa cara e tentará protexer á súa familia ocultándolle os detalles do seu compromiso político anterior.

Por último, era, por así dicilo, un minoritario. Despois da guerra civil e da segunda volta de Londres, abordaba temas daquela pioneiros, marxinais pode dicirse, nun tempo que en moitos aspectos non estaba preparado para el. 

 

Cómpre pois, primeiro que nada, reivindicar a súa figura, a divulgación da súa obra e do seu pensamento, pois ademais do seu valor en por si, a actualidade do seu discurso vai ser cada vez maior. Por iso xornadas como estas revisten unha gran importancia e contribúen para unha maior eficacia do esforzo conxunto que se está a facer tamén dende outras instancias para acadar un maior coñecemento e recoñecemento de Plácido Ramón Castro del Río.

Como sabedes, Plácido Castro pasou longas etapas no exterior, fóra de Galicia, en Londres, fundamentalmente, con viaxes ocasionais polas illas, por Irlanda, ademais dalgunha outra breve estadía en Lisboa e outra de gran significado político en Berna. A súa relación co Reino Unido foi sempre intensa e a través dela podemos identificar algún elemento clave do seu pensamento político. A diferencia do que acontece hoxe con algún persoeiro público que se gaba do seu pro-britanismo, en Plácido, que sempre faría gala da súa admiración por Inglaterra, en Plácido, digo, nunca sería obstáculo para identificarse coas máis fondas raíces do seu país, fala incluída por suposto.

Desa relación co Reino Unido cabe falar de dous momentos:

Hai unha primeira etapa formativa, esencial como en todo individuo, desenvolvida no colexio Scarborough primeiro e na Universidade de Glasgow despois, na que Plácido dispón dunha oportunidade moi excepcional para a súa época -naceu en 1902 e fálase de que marchou con 6 ou 8 anos de idade- para efectuar unha aproximación ó idioma, pero sobre todo á cultura británica e ao seu modus vivendi, cuestións que abordaría logo en moitos traballos e sobre todo nas súas Crónicas desde Londres para o diario “El Pueblo Gallego” que dirixía Portela Valladares, nas que, entre outras cousas, demolerá meticulosamente todos aqueles tópicos aos que aínda estamos habituados (que se son flemáticos, etc) e que, segundo el, nada tiñan que ver coa realidade.

Este é un periodo decisivo. É aquí onde se forma primeiramente o humanista Plácido, unha persoa dunha gran avidez cultural. Teatro, pintura, poesía -sempre a poesía-, xornalismo, política, etc, todo lle interesa e en todo se recrea e disfruta. Durante esta etapa desenvolve algúns contactos e experiencias que o deixan profundamente impresionado. Sempre gardará no recordo -e rememorará a miúdo- a conferencia impartida por Gilbert Keith Chesterton, a quen o neomarxista Bloch, como lembraba hai uns meses Miret Magdalena nun diario madrileño, proclama como o pensador máis intelixente do século XX. Impresionado, en máis dunha ocasión, Plácido confesará a súa profunda admiración por este personaxe e como xa dixen en mais dunha ocasión tamén, todo indica que nel deixou a súa pegada desprendida e encendida á vez. Se releemos as crónicas de Plácido na BBC a propósito deste asunto e comparamos coa semblanza que fai del Francisco Pablos ó pouco de falecer, podemos atopar interesantes paralelismos.

No ámbito político, é aquí donde Plácido desenvolve as súas ideas básicas e a súa concepción do nacionalismo, ao que chegará dando un pequeno rodeo pero dunha maneira moi peculiar, persoal e razoada. Aínda que diferenciaba o nacionalismo galego dos outros existentes no Estado en función da elevada influencia nel do factor sentimental -e non o exclusivamente económico- non quer dicir que sexa irracional, pouco reflexivo, intuitivo, ou que non dea importancia ó feito da dependencia. Nin moito menos. Nalgunha colaboración dos anos vinte afirma no propio titular a situación colonial de Galicia.

Da observación da vida británica, da enorme proxección e peso internacional deste país, a Plácido preocúpalle o por qué e o cómo chegou a esa situación ¿Como un país tan pequeno pode ter tanta influencia no mundo? Esa é unha pregunta central na ordenación das súas ideas. Plácido chega a unha conclusión: o Reino Unido é un país a ter en conta no concerto das nacións porque, sen renegar da modernidade, soubo conservar como ninguén a súa propia identidade, unha identidade plural, diversa, e exaltada esa diversidade como riqueza colectiva.

De volta a Galicia, no seu permanente contacto con Antón Vilar Ponte, Plácido reafirma e reclama a recuperación da identidade, a súa posta en valor, e busca aquelo que nos pode definir, identificar, diferenciar, algo do que sentirnos orgullosos, e afonda en aspectos como a saudade ou o celtismo, sinais de identidade do ser galego e nos que a nosa Terra debería apoiarse para saír do atraso e a dependencia, afirma. A recuperación, a defensa e proxección da identidade colectiva é unha constante na súa preocupación e no seu discurso vital. Pero donde mama todo isto non é aquí, senón no Reino Unido.

Viaxou por Irlanda e escribiu unhas fermosísimas crónicas publicadas en El Pueblo Gallego, con reportaxe fotográfica incluída, que constitúen unha peza incrible, un magnífico testemuño dun tempo, que algún día haberá que publicar. Irlanda exercerá unha gran influencia na súa maneira de enfocar as actividades políticas e culturais en Galicia, serviralle de gran experiencia e como referencia. Cara aí, por exemplo, dicía que debía orientarse o noso teatro, afirmación expresada na versión de dous dramas populares do nobel Yeats, en 1935, traducidos ó galego con autorización do autor e coa axuda dos irmáns Vilar Ponte; e nesas fontes bebería tamén á hora de debater a política de alianzas do Partido Galeguista, por exemplo.

Plácido chega á convicción de que a admiración que o mundo sinte por Inglaterra débese a que “ten gardado como poucas o amor á tradición e ó pasado”, e por iso Galicia, para volver a ser, debe recuperar a súa identidade e desenvolvela. Recuperala ademais esixe unha formulación positiva, unha expresión das potencialidades, unha reivindicación da autoconfianza no noso ser. Cando Plácido fala da saudade é para falar non da depresión ou do pesimismo, senón do “instinto da vida”; na saudade reside a nosa forza, non a nosa debilidade. Fala ademais con autoridade, tanta como para que Castelao dea conta dos seus estudios neste campo no “Sempre en Galiza”.

Inseparable da saudade é o celtismo, fio de unión da razón céltica. Aposta polo celtismo como unha clave de identidade pero tamén de relación, para aproximar a eses pobos celtas que comparten un tronco común que debe ser potenciado, e como un pilar esencial para construír Europa, capaz de equilibrar a influencia eslava, mediterránea ou xermana.

Plácido lee, traduce, viaxa, fala, escoita, indaga, pensa e conclúe. É unha persoa aberta, receptiva, sen complexos e con clara conciencia do propio. Unha actitude que deberían imitar moitos hoxe para chegar logo a opinar de tantas cousas que pasan polo mundo adiante sen enferruxar o seu pensamento.

En “La saudade y el arte en los pueblos célticos”, ensaio publicado en 1928 na imprenta de El Pueblo Gallego, resume boa parte destas ideas, rupturistas aínda hoxe, coa percepción que delas temos, dentro e fóra de Galicia.

Esa defensa da identidade é quen de conxugala co vangardismo noutras materias como a innovación tecnolóxica e outros elementos de progreso que sen embargo nunca entenderá como varredores do pasado. Anos adiante levarao a configurar esa idea de progreso con identidade que resume boa parte da súa maneira de ver as cousas e de entender o mundo.

Foi asi como Plácido se achegou ó nacionalismo, a un nacionalismo galego que debe ser renacente, que debe beber nas fontes da nosa identidade para que Galicia poida rexurdir. Desconfía daqueles signos de modernidade que poden varrer a nosa identidade (polemiza con Eloy Luis André sobre o papel das cidades). Ponnos en garda contra ese mimetismo que aniña nun extendido complexo de inferioridade que nos leva a facer borrón e conta nova do propio para adoptar o alleo, case sempre de pior condición e calidade. O cal non quer dicir que non se deba producir modernización, senón que esta debe asentar nos sectores tradicionais: non destruír a agricultura, modernizala; non destruír a nosa arquitectura, modernizala...

Plácido fala da identidade como conservación, pero non no sentido ecolóxico, como algo a preservar nun recinto, aberto ou pechado, inmóbil, senón para vivila e desenvolvela; non algo morto, digno dun museo, senón parte da nosa vida cotidiana e que se actualiza con ela.

Outro aspecto importante que sempre destacaba e que observou en Inglaterra, moi importante hoxendía, é a riqueza inmensa que supón a pluralidade e a diversidade nacional, a afirmación da convivencia, daquel patriotismo especificamente británico que convivía cos nacionalismos galés ou escocés. “A lealdade do pobo galés asegúrase exaltando o seu nacionalismo”, dicía nunha das súas Crónicas desde Londres, destacando a presencia da Coroa na inauguración do Museo Nacional de Gales. Nada de inimigos a morte, nada de antinacionalismo visceral desde Londres. E concedía enorme importancia ó exercicio de identificación das figuras públicas de relevancia dunha determinada nacionalidade co seu pobo, mesmo aínda cando desempeñaban cargos británicos. Lloyd George, o exprimeiro ministro británico, liberal, exercía de galés. E compara con aquí, co autoodio, coa deixación de funcións daqueles galegos que unha vez pasaban á capital, gobernaban de costas a Galicia. E cos temores e as desconfianzas do centralismo español respecto ás demandas das nacionalidades.

Dende un punto de vista ideolóxico-político, Plácido Castro manterase fiel ás raíces que vertebra nestes primeiros anos mozos, se acaso con lixeiras inclinacións cara a esquerda nos anos trinta. Identificase co movemento liberal e admira o réxime parlamentario, as formas democráticas, e repudia os autoritarismos e as intolerancias. É un liberal-demócrata, antitotalitario e progresista. Incialmente toma distancias dos laboristas, a quen considera socialmente inmaduros, se ben amosa en temas concretos, especialmente nos sindicais, certa proximidade; pero nada quer saber de loita de clases ou de sovietismos, como tampouco de conservadurismos. Na súa opinión, a consecución da xustiza social non pode esixir como prezo o sacrificio das liberdades.

Plácido confórmase como un demócrata convencido que vai pasar duras probas en anos nos que as liberdades públicas como valores indispensables para falar dunha sociedade civilizada pasarán serios apuros tanto en España como en Europa. Poida que tamén, seguramente, influíra nesta inclinación o ambiente familiar, de adscripción liberal, e a súa propia orixe de clase, manifestamente acomodada. Con todo, unha vez en Galicia, chegará a colaborar con Ser, o semanario galego de esquerdas, como o autodefinía Suárez Picallo, e progresivamente alonxase dos sectores de dereita do galeguismo. É importante destacar tamén neste sentido a identificación co cooperativismo, que chegou a defender como fórmula económica e social idónea para conciliar intereses a priori contrapostos.

O universalismo é outra constante que se afirma no seu pensamento, traducido nun respecto escrupuloso por todos, na exaltación permanente do valor da convivencia, nesa afirmación da colaboración que podemos atopar na súa proxección xornalística (dende o Informaciones de Madrid a El Pueblo Gallego, ou La Nación de Buenos Aires ou o Jornal de Noticias de Porto), un universalismo que partía dunha concepción de defensa dese nacionalismo que arranca das pequenas nacións (nas súas crónicas sempre haberá espacio para informar da evolución do nacionalismo en Escocia, Gales ou Irlanda). Aínda que tamén tiña as súas contradiccións, como cando amosaba certa comprensión coas actitudes imperialistas do Reino Unido nas súas colonias (a propósito da penetración británica na China, por exemplo), comprensión máis próxima ó paternalismo cultural que ó imperialismo económico.

Un último elemento que me gustaría salientar como eixe definidor das súas conviccións é o pacifismo. Plácido vivirá episodios convulsos (primeira e segunda guerra mundiais, a guerra civil, os conflictos con Irlanda, etc). O aborrecemento da guerra, estaba aínda fresca a de 1914 e as súas secuelas, lévao a preconizar dende as súas tribunas xornalísticas, a esixencia de responsabilidades aos políticos que desatan conflictos armados ou a instar a fiscalización da política exterior por parte dos cidadáns como unha prolongación máis da política interior, e a salientar a importancia de que sexan os individuos e non os Estados os suxeitos da paz. Desconfiaba enormemente da diplomacia, “unha cousa tan delicada que non resiste a presencia da verdade”, chegou a dicir.

Con todos estes mimbres en avanzado estado de configuración, a comezos dos anos trinta volve a Galicia con toda esa bagaxe que tamén Antón Vilar Ponte axuda a conformar durante as longas conversas das breves estadías de verán. Ata 1936 vivirá anos dunha intensa paixón e compromiso co ideario galeguista. En 1931 pronuncia a súa conferencia “O nacionalismo, credo moderno”, organizada polas Irmandades da Fala de A Coruña, da que emerxe como membro directivo. Nada de tribalismo, nada de reaccionario, son as nacións pequenas as máis idóneas para afortalar o ideal de democracia, onde mellor se pode exercitar o debate e a participación, a maior garantía para evitar as tentacións militaristas e expansionistas. Cómpre matizar sempre á hora de falar de nacionalismo e Plácido aposta por el como medio para a dignificación do país, a nivel económico, político, social e cultural, e como vía para instrumentar unha cooperación internacional respectuosa cos demáis pobos do mundo.

Nesa etapa completa esas elaboracións intelectuais, remata a súa arquitectura conceptual básica e ten a oportunidade de confrontar as súas ideas na política práctica. Dende as Irmandades da Fala da Coruña pasa ao Partido Galeguista. Participa na Asemblea fundacional de Pontevedra e integrase na súa dirección. Na II Asemblea pasa á Executiva, substituíndo a Boveda en organización, e na III asume xa a secretaría de relacións internacionais. Participa como un máis nas homenaxes e actos reivindicativos da época; cunha gran ilusión, participa nas campañas políticas, toma partido nos debates, é, en suma, un membro activo, integrante dese núcleo duro de dirección do Partido Galeguista.

A súa fonda preparación e o dominio de idiomas levaronno á representación de Galicia e do Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933, un fito que aínda hoxe non superou o nacionalismo galego e sobre o que, ademáis, pasa, incomprensiblemente, con pes de lá. Plácido desempeña un papel clave na proxección exterior do galeguismo. Entón, case coma hoxe, unicamente os cataláns e vascos eran alguén. Plácido chegou alí coa súa Memoria, redactada por Vicente Risco, para explicar quen eran os galegos. E Galicia foi proclamada e aceptada como unha nación europea. Plácido entrevistouse co presidente do Parlamento suizo e do Consello da Sociedade de Nacións.

É un feito capital na nosa historia contemporánea. No propio Sempre en Galiza, Castelao, cando comeza a explicar porqué Galicia é unha nación, o primeiro que afirma é que esa condición goza do recoñecemento exterior, non é algo opinable por catro galeguistas, algo que debamos demostrar ante ninguén. Aquela participación, aquel recoñecemento, transformou a condición nacional de Galicia en algo obvio e indiscutible. Logo, as derivas da difícil política europea do momento, as contradiccións daquel organismo, as propias prioridades da política galega, etc, levaron ó abismo a aquela organización coa que a partir de 1935 o Partido Galeguista reduce a súa relación, pero a participación foi sonada e tivo a súa repercusión tanto en Galicia como en Europa. Plácido, que sempre recoñeceu a necesidade de difundir o ideario galeguista entre os propios galegos como imperativo para avanzar socialmente, comprendía tamén a importancia de estar fóra. En 1934, na III Asemblea do Partido Galeguista, decídese a creación da Secretaría de Relacións Internacionais que el pasará a desempeñar como recoñecemento ó seu labor. Nesa Asemblea, Plácido é o máis votado polos delegados, por diante incluso do propio Castelao.

Plácido esboza a armazón do que podía ser a política exterior de Galicia, apuntando en 1931 os seus eixes básicos: fraternidade ibérica con bascos e cataláns (participou nos encontros do Galeuzka), intensificación das relacións cos pobos de cultura portuguesa de ambos os dous lados do Atlántico, estreitamento dos lazos que nos unen ás terras célticas de Europa. Non houbo tempo histórico para levala á práctica.

A segunda etapa británica vai de 1949 a 1955 e iniciase cunha fuxida de Vigo pola presión da Brigada Político Social. Fernández del Riego conta, coido que en “O río do tempo”, como a policía secreta do réxime franquista sigue os pasos de George Hills en Galicia. Hills era o responsable dos programas en español da BBC e reúnese aquí con varios galeguistas, entres eles Plácido, para ver de colaborar desde o interior cos programas da BBC, daquela orientadamente antifranquistas.

Cómpre lembrar que a Plácido a guerra pillouno en A Coruña. Agochado na Costa da Morte, foi detido, procesado, e condenado a oito anos de desterro a máis de 100 km de Muxía, ao pago dunha multa de 25.000 pesetas (dos anos trinta) e a 15 anos de inhabilitación. Probablemente salvouno dunha condena maior ou quizáis da propia morte, algunha influencia familiar, dada a posición do seu pai, quen ademais de empresario de minas fora en tempos deputado liberal. En Vigo, cidade que elixe para cumprir coa pena de desterro, mantén o contacto cos galeguistas, Paco del Riego, Xaime Illa (con quen fundará a editorial Sept), os Alvarez Blázquez, se ben acusa o desánimo polo enorme revés sufrido. É o tempo da pintura, das acuarelas, dos paseos polas praias de Coruxo, é o tempo de reorientar a súa vida persoal, de imaxinarse outra existencia.

Os seis anos que pasa en Londres exercerá de locutor na BBC, cun programa en castelán, en inglés e outro tamén en galego. Sería o primeiro programa no noso idioma no mundo da radiodifusión, e nas súas colaboracións volve sobre os seus temas habituais e lembranzas. Unha ollada a estas colaboracións, tamén por publicar, descubrennos claramente como a vertebración das grandes liñas do seu pensamento, as súas preocupacións e pareceres collen forza na primeira etapa. Existe unha interesante, aínda que incompleta, recompilación feita por Antonio Raúl de Toro en “Galicia desde Londres”. Plácido volve ás súas teimas e segue a traducir a e a publicar, colaborando en medios como La Nación de Buenos Aires ou o Jornal de Noticias de Porto.

En 1956 volve a Galicia e comeza a dar clases de inglés en Vilagarcía, no Instituto Laboral. Regresa á prensa (Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, La Noche, El Pueblo Gallego) e aborda fundamentalmente temas de naturaleza social e cultural, algúns deles pioneiros: o desenvolvemento do turismo, o Camiño de Santiago, a importancia da formación, e sigue a darlle voltas á recuperación da nosa historia e da nosa identidade (romaría de Catoira) dentro dos límites do sistema, claro está, participa nas tertulias literarias (Ateneo del Ullán). A posta en valor das nosas riquezas de todo tipo estará sempre presente no seu facer. De cando en vez aporta a súa erudición en temas que van da literatura á zooloxía ou aproveita para evidenciar o seu dominio na arte da traducción, que sempre fará directamente ó galego, aínda que os artigos estén en castelán.

Amén do xornalismo, como digo, hai outro gran campo, a traducción, na que merece un gran recoñecemento. En 1946 recibe o premio da Federación de Sociedades Galegas polas suas traduccións ó galego de poesía inglesa, xunto con Lois Tobío, outro gran universalista, e Delgado Gurriarán. Plácido verque ao galego a Christina Rossetti, Yeats, Thomas Hardy, etc, traduccións que foron publicadas en 1949 en Bós Aires pola editorial Alborada. E por suposto a versión de As Rubáyiát de Omar Khayyám, a partir da versión inglesa de Fitzgerald, publicada por primeira vez en Grial no 1965, no número 8 desta publicación, e que foi reeditada por Espiral Maior en 1996, nun formato bilingüe, da man de Antonio Raúl de Toro.

Agora, a Fundación Plácido Castro, a proposta da Asociación de Traductores Galegos, anda a procurar o seu nome para un Premio de Traducción. Daquela, eran moi poucos, os que, con tanta profesionalidade, compromiso, interese e perseverancia, se adicaban a un labor que hoxe forma parte esencial do panorama das nosas letras.

Plácido foi, polo tanto, ó longo da súa vida, moitas cousas. Un home inmensamente prometedor, dunha gran formación, comprometido con Galicia, coa democracia e a liberdade, un gran valedor da nosa identidade e un universalista consciente de que para ser cidadáns do mundo hai que exercer de galegos. Por iso, de quedar con algo que resuma a súa proxección vital, a súa experiencia e pensamento, eu quedaría con esa idea de progreso con identidade que hoxe, ao meu ver, en tempos de globalización, segue a estar no cerne do futuro dos pobos pequenos como o noso que deben esforzarse moito aínda por ter un futuro propio.



* Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e autor da biografía de Plácido Castro publicada na colección Galegos na Historia, de Ir Indo edicións.


 

Biografía de Plácido Castro

Cronoloxía

Poemas inéditos de Placido Castro