Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O CAMIÑO DE SANTIAGO E AS PEREGRINACIÓNS

A Orixe 

Os primeiros datos biográficos do Apóstolo Santiago proceden fundamentalmente dos Evanxeos. Sabemos que era fillo Imaxe de Santiago do Zebedeo e de Salomé e irmán de Xoán o Evanxelista. Respecto ó seu lugar de nacemento, son varios os autores que o sitúan na localidade de Xaffa, preto de Nazaret, na beira do lago de Xesenareth. O oficio familiar era a pesca, tarefa na que estaban asociados ós irmáns Simón (San Pedro) e Andrés. Deste grupo de pescadores Xesús elixiu os seus catro primeiros discípulos: Pedro, Andrés, Santiago e Xoán, que o seguiron de forma enérxica e inmediata.

De entre tódolos discípulos que acompañaron a Xesús, este constituíu un grupo de doce. Santiago, xunto co seu irmán Xoán, e máis Pedro, convértese nun dos discípulos predilectos de Cristo; pertence ó grupo dos íntimos. Nos acontecementos clave tómao como testemuña excepcional. 

Santiago amósasenos como un home de carácter vehemente, apaixonado e impulsivo. O ardor do fillo do Zebedeo é merecente de fortes reprimendas por parte de Cristo, que lle pon o sobrenome de Bonaerge, "fillo do trono". A súa vehemencia e perseverancia na predicación quedan recollidas no Códice Calixtino (século XII), libro fundamental da tradición xacobea, que o cualifica de "santo de admirable valor, benaventurado pola súa vida, asombroso polas súas virtudes, de enxeño esclarecido, de brillante facundia".


PREDICACIÓN NA PENÍNSULA IBÉRICA 

Santiago o Maior, trala crucifixión de Xesús, totalmente identificado coa súa doutrina, converteuse no principal animador da comunidade de crentes en Xerusalén, admirado polo fervor e a sinceridade das súas palabras. Crese que o Apóstolo realizaría a viaxe de Palestina a España nalgunha destas embarcacións, arribando na costa de Andalucía, terra na que comezou a súa predicación. Continuou a súa misión evanxelizadora en Coímbra e Braga, e, segundo a tradición, pasaría logo a Iria Flavia, na Fisterra hispánica, onde principiaría a evanxelización, frecuentando lugares de culto pagán.

É no Breviario dos Apóstolos (fins do século VI) onde se lle atribúe por primeira vez a Santiago a predicación en Hispania e nas rexións occidentais así como o seu enterramento en Arca Marmórea, converténdose en instrumento extraordinario de difusión da tradición apostólica. Posteriormente, xa na segunda metade do século VII, un erudito monxe inglés chamado Beda o Venerable constata de novo este feito na súa obra, e concreta, sorprendentemente, a localización exacta do corpo do Apóstolo en Galicia.

As lendas populares recórdanno-la presencia de Santiago en cumes próximos o val de Padrón, onde existía o culto ás augas. Ambrosio de Morales no século XVI, no seu Viaxe Santo , di: "Subindo a montaña, na metade da ladeira, hai unha igrexa na que din que oraba o Apóstolo e dicía misa, e debaixo do altar maior sae cara a fóra da igrexa unha fonte con gran golpe de auga, a máis fría e delicada que eu vin en Galicia". Ese lugar existe na actualidade e recibiu o cariñoso nome de "O Santiaguiño do Monte". Un dos autores dos sermóns recollidos no Códice Calixtino, aludindo á predicación de Santiago en Galicia, menciona "ó que van venerar as xentes, Santiago, fillo do Zebedeo, da terra de Galicia envíao ó ceo estrelado".

Santiago De volta a Terra Santa, sería a vía romana de Lugo o mellor camiño para cruza-la Península, seguir por Astorga e Zaragoza, onde, abatido, Santiago recibe o consolo e alento da Virxe, que se lle apareceu na beira do río Ebro, sobre un piar romano de cuarzo, indicándolle que construíse unha igrexa naquel lugar.

Xa en Palestina, Santiago é parte integradora do conxunto básico da Igrexa Primitiva de Xerusalén, co grupo dos "Doce", desempeñando un papel relevante dentro da comunidade cristiá da Cidade Santa. Nun clima de gran inquietude relixiosa, onde aumenta cada día o desexo de erradica-lo incipiente cristianismo, temos noticia sobre como se lles prohibira ós apóstolos predicar ós xudeus, pero Santiago, desestimando tal limitación, anunciaba a súa mensaxe evanxelizadora a todo o pobo, entrando nas sinagogas e argumentando todo o anunciado polos profetas. A súa gran locuacidade, a súa capacidade dialéctica e o atractivo da súa personalidade sitúano como un dos apóstolos máis seguidos na súa misión evanxelizadora.

Herodes Agripa, rei de Xudea, para cala-las protestas das autoridades relixiosas, comprace-los xudeus e darlle un escarmento á comunidade cristiá, escólleo como figura representativa e condénao a morte por decapitación no ano 44.

A TRASLACIÓN A GALICIA 


Conta a tradición que dous dos discípulos de Santiago, Atanasio e Teodoro, recolleron o seu corpo e a súa cabeza e trasladáronos nunha nave dende Xerusalén ata Galicia. Logo de sete días de navegación arribaron nas costas galegas de Iria Flavia, preto da actual vila de Padrón.

No relato do enterramento dos restos de Santiago, tinxido pola lenda, aparece Lupa, unha dama pagá, rica e influente, que vivía daquela no castro Lupario ou castro de Francos, a pouca distancia de Santiago. Os discípulos, que non tiñan un terreo no que poder deposita-los restos do seu mestre, pídenlle permiso a esta nobre matrona para enterralo no seu feudo, pero ela remíteos ó legado romano Filotro, que residía en Dugium, preto de Fisterra. Sen atende-las súas peticións, o gobernador romano ordena o seu encarceramento.

Segundo a lenda, os discípulos foron liberados, milagrosamente, por un anxo, e emprenderon inmediatamente a súa fuga perseguidos polos soldados romanos. " chegaren á Ponte de Ons ou Ponte Pías, sobre o río Tambre, unha vez atravesada, esta afundiuse providencialmente e os fuxidos conseguiron escapar.

A chamada raíña Lupa, simulando un cambio de actitude, levounos ó Monte Iliciano, hoxe coñecido como Pico Sacro, e ofreceulles bois salvaxes que vivían alí en plena liberdade e mais un carro para transporta-los restos do Apóstolo Santiago dende Padrón ata Santiago. Os discípulos achegáronse ós animais, que, ante o asombro de Lupa, se deixaron poñe-lo xugo mansamente. Ante esta escena, Lupa decide abandona-las súas crenzas e converterse ó cristianismo.

Cóntano-la tradición que os bois comezaron o seu camiño, sen ningún tipo de guía, e instintivamente, movidos pola sede, pararon nun lugar no que, ó escarvaren, lograron que abrollase a auga. É a actual fonte do Franco, xunto do Colexio de Fonseca, lugar no que posteriormente se levantaría, como recordo, a pequena capela do Apóstolo, na rúa santiaguesa do Franco. Os animais continuaron o seu camiño ata chegar a un terreo, propiedade de Lupa, que o doou para a construcción do monumento funerario, onde séculos máis tarde se levantaría a catedral, centro espiritual que preside a cidade de Santiago.

UNHA PEREGRINACIÓN MILENARIA 


Xa antes do descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago, multitude de homes fixeron a ruta que vai ó Finis Terre, e sentiron aquel "relixioso horror" ó ver apagarse o sol nas augas do Océano, como lle aconteceu ó lexionario romano Décimo Xunio Bruto, quen aseguraba que, ó se producir este feito, oíase un renxido coma o do ferro cando o temperan na fragua.

Algúns aseguran que face-la Ruta ó Finis Terre formaba parte dos ritos da "Antiga Relixión".

Pero a "chegada milagrosa" do corpo do Apóstolo Santiago, decapitado en Palestina no ano 42, é a causa da peregrinación que hoxe coñecemos a terras galegas. Conta a lenda que os seus discípulos roubaron o corpo do seu Mestre e que despois o embarcaron nunha nave, anque sen tripulación, ou mellor dito, con tripulación anxélica, e sete días despois da súa partida arribaron á desembocadura do río Ulla, xa en terras galegas. Unha vez alí, os discípulos tiveron serios problemas para enterra-lo seu Mestre por causa da Raíña Lupa e, sobre todo, polo Rei Duio, declarado inimigo do cristianismo. Despois dunha serie de feitos milagrosos, o Apóstolo quedou soterrado no que logo sería Santiago e a Raíña Lupa convertida ó cristianismo.

A ORIXE DUNHA TRADICION 

As continuas guerras, as incursións dos pobos suevos, godos, visigodos e posteriormente a feroz conquista islámica do século VIII obrigaron ós cristiáns a manter agochadas as reliquias de Santiago, protexidas e custodiadas, ó parecer, polos ermitáns do lugar. Co paso dos anos vaise debilitando a memoria do culto apostólico.

Vieira Logo destes tempos escuros, a conversión ó cristianismo do rei Recaredo, na segunda metade do século VI, profundizou de novo no recordo da predicación xacobea.

Durante o reinado de Afonso II o Casto (791-842), xa desaparecida a monarquía visigoda, avanza a conquista dos musulmáns, que nunca dominaron a totalidade do territorio peninsular. O seu labor político de islamización alternábase coa loita por neutralizar algún núcleo independente. Nun principio, o Noroeste peninsular, protexido pola sa abrupta xeografía así como por unha climatoloxía nada agradable para as forzas islámicas, non lles debeu parecer ós conquistadores árabes unha zona preocupante agás polo nacente culto a Santiago. Aínda así, o pobo astur-galaico tivo que se enfrontar en numerosas ocasións cos exércitos do emirato.

A comezos do século IX, nun contexto socio-político ateigado de necesidades espirituais, intolerancia relixiosa e presións militares, ten lugar o descubrimento do sepulcro apostólico, que podemos situar ó redor do ano 820.

Conta a tradición que un ermitán, de nome Paio, que vivía no lugar de Solovio -onde está situada a igrexa de San Fiz de Solovio, na Compostela actual-, no bosque Libredón, observou durante varias noites sucesivas uns resplandores ou luminarias misteriosas que semellaban unha chuvia de estrelas sobre un montículo do bosque.

Esta luz ou estrela reveladora da existencia da tumba apostólica convértese noutro dos símbolos relacionados con Santiago e o culto xacobeo. Pero non é tan só unha estrela; a pegada do Camiño de Santiago está marcada dende sempre na Vía Láctea porque a sa dirección indica tamén a do camiñante cara a Compostela, o que levou a referirse a esta ruta como o CAMIÑO DAS ESTRELAS.

Paio, abraiado por estas visións, presentouse perante o bispo diocesano Teodomiro, que daquela rexía a sé de Iria Flavia, para comunicarlle o feito. O bispo, ante a insistencia do ermitán, reuniu un pequeno séquito e dirixiuse inmediatamente a Libredón. No medio do bosque, el mesmo puido contempla-lo fenómeno relatado. Un forte resplandor iluminaba o lugar onde, entre a mesta vexetación, atoparían un sepulcro de pedra no que repousaban tres corpos, identificados como o de Santiago o Maior e os seus discípulos Teodoro e Atanasio. O primeiro relato pormenorizado que se conserva sobre o descubrimento é a Concordia de Antealtares, de 1077.

Teodemiro puxo de inmediato o feito en coñecemento do rei Afonso II, que acudiu rapidamente dende Oviedo para visita-lo lugar e constata-la milagrosa revelación. O rei Casto consideraba o cristianismo como un elemento catalizador e unificador contra o Islam. O achado das reliquias do Apóstolo dentro dos límites do seu reino constituía un poderoso instrumento político-relixioso que fortalecía a igrexa astur-galaica fronte dos ataques islámicos e o expansionismo carolinxio.

UNHA FIGURA CARISMÁTICA 

O rei Afonso dá conta inmediatamente do descubrimento a Carlomagno, que se presenta en Santiago co seu séquito. Isto é bastante improbable, dado que Carlomagno morre no 814, pero forma parte da lenda. O feito é que a noticia se estende por Europa con bastante rapidez e empezan os primeiros peregrinos a chegar a este Locus Sanctus, o Campo da Estrela (Campus Stellae Compostela), a traducción máis popularmente aceptada, onde os monxes gardaban algo moi Sartego Xacobeo prezado, un corpo apostólico, que colocaba aquel lugar á altura de Antioquía, Éfeso e a mesma Roma.

 No primeiro tercio do século IX, cando a invasión musulmana está practicamente consolidada e unicamente os reinos do norte se resisten á súa dominación, facía falta unha figura que unificase a loita contra o inimigo común e que, á súa vez, servise de apoio moral a esa importante acción histórica: Nas batallas, se os mouros invocaban a Mahoma, os cristiáns a Santiago, e, así, aquel Santiago humilde, amigo dos pobres, confiado no poder da palabra, converteuse nun guerreiro -Santiago matamouros- que toma por primeira vez a espada o 23 de maio do 844 para axudar a Ramiro I de Asturias na batalla de Clavijo, contra Abderramán II.

Desde entón presidirá as máis importantes batallas da Reconquista e pouco a pouco os cristiáns van recuperando os seus dominios e converten Compostela no principal foco de atracción espiritual do reino astur-leonés. Un fenómeno que, co tempo, rivalizará con Roma e Xerusalén en poder de atracción, sendo o maior centro de peregrinacións de toda a cristiandade.

BREVE HISTORIA DAS PEREGRINACIÓNS 

Foron os monxes da poderosa orde de Cluny os principais promotores das peregrinacións na Idade Media, peregrinacións que partían de tódolos lugares de Europa e incluso de Oriente. Pero foi a partir do século XI, despois de que os reis Sancho o Maior de Navarra e Afonso VI de León establecesen a traza do Camiño Francés, cando o fenómeno das peregrinacións cobrou especial relevancia.

Europa O camiño quedou definido daquela percorrendo basicamente ás numerosas vías romanas que unían diferentes puntos da península. Pero ante o impresionante fluxo humano, había que dota-lo Camiño da infraestructura necesaria para a atención dos peregrinos, e fundáronse hospedaxes, creáronse hospitais e cemiterios, erguéronse pontes, construíronse igrexas, instaláronse mosteiros e abadías e, o máis importante, fundáronse infinidade de núcleos de poboación en torno á ruta, constituíndo un legado histórico e artístico tan importante que aínda hoxe é imposible valorar.

Neste mesmo século, un crego francés, Aymeric Picaud, presentou un libro coñecido como Códex Calixtinus (que el fose o autor é máis que discutible), no que xa describe o camiño francés e dá multitude de consellos para percorrelo; é, sen dúbida, a primeira guía turística da humanidade.

A institución, polo Papa Calixto II, do Ano Santo Xacobeo, e polo seu sucesor, Alexandre III (1159-1181), por medio da Bula Regis terna, do outorgamento da gracia do Xubileo (Indulxencia plenaria) ós que visiten o templo compostelán nos anos nos que o 25 de xullo (día de Santiago) coincidise en domingo, impulsaron definitivamente as peregrinacións a Santiago durante a Idade Media.

No século XIV comeza un profundo declive, provocado tanto polas catástrofes que asolaron a centuria (sobre todo a peste negra) como polas numerosas guerras nas que se viu envolto o continente. Esta decadencia acrecentouse no século XVI: a irrupción do protestantismo e as guerras de relixión foron a causa, así como a ocultación dos restos do Apóstolo durante case 300 anos para evitar que caesen nas mans dos piratas ingleses. Este proceso culminou no século XIX coa práctica desaparición das peregrinacións. Comentan as crónicas que o 25 de xullo de 1867 a penas había corenta peregrinos na cidade de Compostela.

En 1878 o Papa León XIII expide unha Bula confirmando a autenticidade dos restos reencontrados do Apóstolo, feito que fai rexurdi-las peregrinacións paulatinamente ata chegar a 1993, último Ano Santo.

Actualmente, á marxe das motivacións relixiosas que lle deron vida, o interese do Camiño céntrase nos seus aspectos artísticos e turísticos: no arquitectónico (polo chamado estilo de peregrinación), na importantísima escultura románica (a súa evolución pode seguirse ó longo da ruta ata desembocar no Pórtico da Gloria), na pintura (plasmada no panteón de Santo Isidoro de León), e, en fin, nos destacados alicientes turísticos: paisaxes, gastronomía, cultura, que ofrece a milenaria ruta pola que pasaron personaxes tan notables como Fernán González, O Cid, Luís VII de Francia, Eduardo I de Inglaterra, Xoán de Brienne (Rei de Xerusalén), a Princesa sueca Ingrid, Isabel de Portugal, San Francisco de Asís, o pintor flamengo Jan Van Eyck, Domingos de Guzmán, Reimundo Lulio, San Vicente Ferrer e millóns anónimos que, sufrindo as innumerables dificultades do Camiño, chegaron a Compostela simplemente para rezar e redimi-las penas.

Outros, como o X duque de Aquitania e conde de Poitou, viñeron morrer diante da tumba do Apóstolo, como recolle o romance popular que inmortalizou a este nobre francés co nome de Don Gaiferos.

A PRIMEIRA CONCIENCIA COMÚN DE EUROPA 

A multisecular peregrinación xacobea a Compostela, a través do camiño de Santiago, xerou desde o principio unha extraordinaria vitalidade espiritual, cultural e económica; creou literatura, música, arte e historia, e pola súa causa naceron cidades e vilas, edificáronse hospitais e albergues, xurdiron vías comerciais e mercados, trazáronse camiños e pontes e alzáronse catedrais e igrexas que elevaron a arte románica a un esplendor non acadado por outros estilos.

Santiago de Compostela O camiño foi crisol de culturas, transmisor de correntes e ideas por todo o continente, encontro de pobos e linguas e eixo vertebrador da primeira conciencia común de Europa.

Dixo Goethe que "Europa se fixo peregrinando a Compostela". Nos nosos días, o Consello de Europa definiu o Camiño de Santiago como o Primeiro Itinerario Cultural Europeo e a UNESCO declarou a cidade de Santiago de Compostela Patrimonio Cultural da Humanidade.

O fenómeno xacobeo irradiou a súa influencia a todo o mundo. Baixo a advocación de Santiago encóntranse infinidade de igrexas por toda a Terra e especialmente a carón dos Camiños da Peregrinación. Denomínanse Santiago multitude de cidades e vilas de Europa e doutros continentes; en América, o nome de Santiago designa numerosas poboacións desde Estados Unidos ata Chile. Moitos Centros de Estudios se dedican ó tema xacobeo, e, só no século XX, publicáronse máis de 600 traballos de especialistas en España, Francia, Italia, Alemaña, Reino Unido, Bélxica, Portugal, Estados Unidos, Luxemburgo, Países Baixos, Suíza, ... e incluso no Xapón.

OS CAMIÑOS

Camiño Francés 

INTRODUCCIÓN HISTÓRICA 

O Camiño Francés é o Camiño de Santiago con maior tradición histórica e o más recoñecido internacionalmente. O  trazado desta vía en España e Francia está declarado pola UNESCO como Ben Patrimonio da Humanidade.

Mosteiro de Samos O itinerario desta rota a través do norte da Península Ibérica quedou fixado a finais do s. XI, gracias ó labor constructivo e promocional de Sancho III o Maior e Sancho Ramírez de Navarra e Aragón, así como de Afonso VI e os seus sucesores en Castela, León e Galicia. 

As principais vías deste itinerario en Francia e España foron descritas, cara o 1135, no Libro V do chamado "Codex Calixtinus", un texto fundamental da tradición xacobea.

Das catro rotas coas que este itinerario conta en Francia, tres delas (París - Tours, Vézelay - Limoges e Le Puy - Conques) cruzan os Pirineos por Roncesvalles -Navarra-, mentres que o cuarto (Arlés - Toulouse) o fai por Somport e continúa deica Jaca, por terras de Aragón. O itinerario de Roncesvalles, que cruza a cidade de Pamplona, únese co aragonés en Puente la Reina (Navarra). A partir de aquí, Estella, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, Castrojeriz, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Astorga, Ponferrada, Villafranca del Bierzo, xunto con outras moitas localidades menores, convértense en lugares de renome deste itinerario xacobeo. O porto e a aldea do Cebreiro abren a entrada a Galicia, a súa paisaxe e a súa cultura, que tanto lle debe á tumba do Apóstolo e á peregrinación xacobea, que transformaron o bosque Libredón na actual Compostela e os camiños de Galicia en rotas de espiritualidade, arte e dinamismo cultural.

O Itinerario Galego de Aymeric Picaud

As referencias históricas máis precisas e antigas relativas ó Camiño Francés en Galicia encóntranse, como se dicía,  nunha das xoias bibliográficas da Idade Media europea, conservada no Arquivo da Catedral de Santiago: o "Liber Sancti Jacobi", popularmente coñecido como Códice Calixtino, composto por cinco libros e varios documentos soltos. O Libro V constitúe unha auténtica guía medieval da peregrinación a Santiago. Nela indícanse os treitos de Camiño que se deben seguir e infórmase detalladamente sobre os santuarios da rota, a hospitalidade, as xentes, a comida, as fontes e os costumes locais.

Portomarín Todo está escrito coa síntese e claridade que necesita unha resposta práctica a unha demanda concreta: a peregrinación a Santiago. Esta "guía" atribúese a Aymerid Picaud, crego de Le Puy (Francia) familiarizado cos santuarios franceses da rota e que tamén iría como peregrino a Compostela. 

O traballo deste xeneroso xacobita por detalla-lo itinerario da peregrinación, xeira tras xeira, ofrecéndo datos prácticos sobre cada lugar, responde á política de promoción das peregrinacións xacobeas de Diego Xelmírez (1100-1140), primeiro arcebispo de Compostela, e ó interese de moitas xentes letradas de Europa que querían orienta-lo seu devoto camiñar cara ás afastadas terras onde se lle rendía culto ó corpo do apóstolo que evanxelizou Occidente.

O relato de Aymeric Picaud detalla con máis precisión o Camiño Francés en Galicia ca en ningunha outra parte. Referíndose a esta terra e ás súas xentes di:

«Despois, pasada a terra de León e os portos do monte Irago e do monte Cebreiro, atópase a terra dos galegos. Abunda en bosques, é agradable polos seus ríos, polos seus prados e polas riquísimas maceiras, as súas boas froitas e as súas clarísimas fontes; é rara en cidades, vilas e labradíos. Escasea en pan de trigo e viño, abunda en pan de centeo e sidra, en gandos e cabalerías, en leite e mel e en grandísimos e pequenos peixes de mar; é rica en ouro e prata, e en tecidos e peles silvestres, e noutras riquezas, e sobre todo en tesouros sarracenos. Os galegos, pois, acomódanse máis perfectamente ó noso pobo galo cás demais poboacións españolas de atrasados costumes, pero son iracundos e moi litixiosos.»

Camiño Norte 
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA 

A orixe da peregrinación a Compostela polo Camiño do Norte, no límite astur-galaico, remóntase ós momentos inmediatamente posteriores ó descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago (s. IX). Os camiños astur-galaicos foron Camiño norde pioneiros en encarreirar peregrinos cara a Santiago. Esta ruta gozaba dunha vitalidade semellante á dos demais camiños xacobeos "primitivos" antes de que, nos séculos XI-XII, os monarcas hispanos potenciasen o Camiño Francés como itinerario xacobeo privilexiado. Pero a promoción do Camiño Francés non produciu a decadencia dos camiños de peregrinación astur-galaicos, xa que o treito León - Oviedo potenciouse desde finais do s. XI.

En xeral, os peregrinos viñan por terra desde Francia, ou por mar, e recalaban nos portos vascos, cántabros e galegos, procedentes de países europeos do norte. Despois camiñaban ó encontro de San Salvador de Oviedo e do xubileo compostelán.

Para a entrada en Galicia había diferentes alternativas. Podíase cruzar en barca desde Castropol ata Ribadeo -que recibía outros peregrinos por mar e contaba con hospital- ou ben bordea-lo río Eo, que dispoñía de varias pontes, unha delas a de Santiago de Abres. Estes pasos xeraban diferentes itinerarios en dirección a Lourenzá, Mondoñedo e Lugo.

Hospitalidade e Peregrinación no Camiño do Norte

No barrio da Ponte, en Ribadeo, onde está a capela da Nosa Señora das Virtudes, situábase o primeiro hospital galego da rota. Denominábase Hospital da Nosa Señora da Ponte e foi fundado en 1543 para atende-los peregrinos chegados do Reino de León e do Principado de Asturias. Iniciábase así, no Camiño do Norte, a singular experiencia da acollida hospitalaria, mestura sensible de caridade cristiá e asistencia filantrópica.

No mosteiro de Vilanova de Lourenzá recibían boa atención os peregrinos, pois os benedictinos foron pioneiros neste tipo de atencións e caridades. O capítulo LIII da Regra da Orde sintetiza magnificamente este sentimento: "Que tódolos hóspedes que cheguen ó mosteiro sexan recibidos coma se fosen o mesmo Cristo". O conde don Osorio Gutiérrez, fundador do cenobio, dedicou parte do seu testamento á dotación de camas para a hospedería de pobres e peregrinos. Foi no ano 969, o que acredita a vitalidade do Camiño Norte xa a mediados do s. X.

En Mondoñedo está documentada, desde 1602, a existencia do Hospital de San Paulo para peregrinos que van a Camiño inglés Compostela. Nese ano, o bispo González de Samaniego infórmalle da súa existencia ó Papa, advertindo que o centro de asistencia estaba ben dotado e que por el pasaban moitos romeiros galegos e estranxeiros. O outro gran centro monástico da rota é o de Sobrado dos Monxes. Trala súa refundación e incorporación ó Císter, en 1142, converteuse nun dos cenobios máis importantes de Galicia en un dos máis coñecidos polos peregrinos, ó que mesmo propiciou desvíos desde outros itinerarios.

Entre os miles de xacobitas que peregrinaron a Santiago polo Camiño Norte, ó longo dos séculos, destaca a figura de San Francisco de Asís. Segundo a tradición, peregrinou a San Salvador de Oviedo e a Santiago de Compostela en 1214. A finais do s. XV o bispo armenio Mártir de Azerdjan, que sintetizou coma ninguén o significado do Pórtico da Gloria no seu relato da peregrinación, viaxou a Roma e Santiago. Tanto para a ida coma para a volta elixiu o Camiño Norte, pasando polo País Vasco, Cantabria e Asturias. Do s. XVI existen dous relatos de peregrinos que seguiron esa rota: Antonio Lalaing, señor de Montigny (1502), e o italiano Bartolomeu Fontana (1539).

Durante o barroco tamén hai peregrinos que escribiron as súas experiencias. Xacobe Sobieski (1611), pai do rei Xoán III de Polonia, peregrinou polo Camiño Francés ata León, tomou o desvío a Oviedo e dirixiuse polo camiño da costa deica Ribadeo, para seguir ata Santiago polo Camiño Norte. O italiano Sebastián Gatti chegou en 1698 a Ribadeo por mar e continuou a pé ata Santiago.

O francés Guillerme Manier e os seus compañeiros de peregrinación (1726) elixiron o Camiño Norte como itinerario de regreso a ultraportos. Por último, o seu compatriota Jean Pierre Racq (1790), deixará un relato polo miúdo da súa peregrinación a San Salvador de Oviedo e a Santiago de Compostela polo Camiño Norte.

Camiño Inglés 
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA 

Tódalas civilizacións posúen lugares considerados santos cara ós que dirixiron e seguen a dirixi-los seus pasos millóns de persoas. Moitos destes peregrinos emprenden camiño coa esperanza de acadar unha recompensa, tanto terreal coma espiritual, mentres que outros abandonan a súa terra para cumprir unha promesa ou saldar unha penitencia, pero o certo é que a devoción mantén vivas estas correntes de peregrinación dende tempos inmemoriais.

Santiago de Compostela é, xunto con Xerusalén e Roma, un dos tres grandes santuarios da cristiandade. Dende as Igrexa no Camiño orixes do culto xacobeo, Galicia converteuse en meta de peregrinos procedentes de tódolos puntos do mundo ata entón coñecido que, á procura do alento espiritual do Apóstolo, poñían rumbo cara a aquel Finisterrae onde foran atopados os restos de Santiago o Maior.

A corrente de peregrinación cara a Compostela abriu sendas de espiritualidade e de cultura. Por terra ou por mar, as peregrinacións sucedéronse, aínda que con altibaixos, dende a aparición do sepulcro apostólico no século IX ata os nosos días. O trazado dos primeiros itinerarios respondía ás pouco precisas e, na maioría das ocasións, inexactas informacións doutros camiñantes. 

No caso dos que seguían as rutas marítimas, a escaseza de medios materiais e as adversidades meteorolóxicas adoitaban complica-la relativamente curta travesía dos barcos que arribaban ó norte da Península con peregrinos británicos, escandinavos ou bretóns a bordo. Unha vez en terra, a última parte do seu traxecto consistía en avanzar polos camiños reais que conducían a Santiago dende a costa.

Nun principio, as igrexas e ermidas servíanlles de refuxio ós camiñantes, xa que ata o Concilio de Trento non se ía impoñe-lo respecto sacral nestes recintos. Ademais, o relato doutros peregrinos permitíalles saber qué mosteiros, hospedarías e casas ofrecían os mellores alimentos e atencións, así coma os lugares máis fatigosos do itinerario.

No seu aventurado e longo camiñar, que podía durar varios meses, o peregrino padecía innumerables privacións, ademais de facerlles fronte ós ataques de feras e bestas. Por se isto fose pouco, en moitas ocasións víase en mans de salteadores preocupados en exceso por alixeira-lo peso das esportelas e faldriqueiras nas que normalmente gardaban os cartos os viaxeiros que emprendían tan penosa, aínda que sempre reconfortante empresa. Tampouco quedaban atrás aqueles mesoneiros e mercadores sen conciencia que lles esixían tarifas abusivas ou que minguaban a capacidade do azume sen o menor reparo.

Durante o apoxeo das peregrinacións a Compostela no século XII, aplicáronse unha serie de disposicións reais de protección ó camiñante, ata ese momento moi vulnerable. As duras penas por incumprimento destas bulas, salvoconductos e provisións reais, que mesmo podían levar algúns condenados á forca, xeneralizaron a esixencia de certificados para distingui-los peregrinos dos que non o eran.

A hostilidade entre os diferentes Estados provocou, ademais, que os camiñantes tivesen que se decantar por vías alternativas máis tranquilas naquelas épocas nas que estes enfrontamentos aumentaban a inseguridade das rutas habituais cara a Compostela. Este é o principal motivo da gran fluctuación das peregrinacións marítimas, que aumentaban ou diminuían en función dos pactos e alianzas entre os reinos de Castela, Inglaterra e Francia.

Entre as opcións elixidas polos peregrinos europeos que viaxaban en barco ata as costas do norte peninsular, encóntrase a realidade da ruta xacobea que discorre ben dende A Coruña, ben dende Ferrol-Neda ata Compostela. Neste último caso, o camiño enriquecíase ó coincidir co que seguían os romeiros que visitaban San Andrés de Teixido, así coma ó confluír en Betanzos cun dos itinerarios do Camiño do Norte que, procedente de Oviedo, pasaba por Ribadeo, Mondoñedo e Vilalba, punto no que algúns camiñantes se decidían por unha ruta alternativa que os levaba ata o Santuario da Nosa Señora do Camiño, en Betanzos. Nesta vila unían os seus pasos ós dos peregrinos que seguían o Camiño Real dende Pontedeume.

ESBOZOS

Os peregrinos que desembarcaban nas costas galegas víanse embargados pola necesidade imperiosa de chegaren a Compostela. A primeira impresión que recibían de Galicia adoitaba ser grata, coa suavidade das rías, os areais e unhas augas máis sosegadas cás que os acompañaran durante a travesía do Gran Sol. As caricias do Gulf Stream anunciábanlles, ademais, un clima oceánico temperado e benigno con choivas abundantes.

Dende Ferrol, cun dos portos máis estratéxicos de Occidente e un deseño urbanístico segundo os canons da máis culta Ilustración, ata a cidade da Coruña, sempre ben defendida, o mar abríalle-las súas portas ós enclaves porteños dende onde iniciaban a ruta terrestre os peregrinos que desembarcaban de navíos ingleses, islandeses, daneses, noruegueses, flamengos, franceses...

Tratábase de embarcacións todoterreo, cocas e barcos de pouco calado que accedían doadamente a calquera recanto, destinadas ó transporte de mercancías, peregrinos e tropas. As noticias destas ancoraxes remóntanse ó século XI. As vellas crónicas recollen, por exemplo, a travesía que o 15 de maio de 1189 emprenderon sesenta naves danesas dende Inglaterra ata o litoral coruñés. Os cruzados que viaxaban a bordo fixeron escala en Galicia para visita-la tumba do Apóstolo Santiago antes de poñer rumbo a Xerusalén. Unha das primeiras licencias para transportar peregrinos ingleses ata as costas galegas está documentada pola profesora británica Constance Mary Storrs e corresponde ó ano 1235.

Algúns dos viaxeiros do norte de Europa recalaban no porto de Ribadeo, onde se unían ós peregrinos procedentes de Oviedo. Con frecuencia, ó chegaren a Vilalba, seguían unha ruta alternativa cara a Betanzos para continuar dende alí a súa peregrinación a Santiago. Estes camiños saben do paso de Robert Langton, nos primeiros anos do século XV; de Mártir, bispo de Arzendjan (1491); de Antonio de Lalaing, señor de Montigny, de Carlos de Lannoy e de Antonio de Quievarnts (1502); do astrónomo Bartolomeo Fontana (1539), que sinala, no seu itinerario,o seu paso por Ribadeo, Vilalba e Betanzos, vila á que se refire como “bittanza cittá é porto di mare”; de Jacques Sobieski (1609), pai do rei Xoán III de Polonia; e de Frei Martín Sarmiento (1745-1754), entre outros moitos peregrinos de sona.

Camiño francés Dende calquera dos seus dous principais puntos de partida, o Camiño Inglés conduce por lombas erosionadas ou montañas vellas cubertas de foresta, en xeral a medio outeiro, esquivando os castros que coroan as alturas. O discorrer das augas, que acompañan co seu rumor ó camiñante solitario, anuncia mananciais naturais que brotan entre as rochas. Noutras ocasións, trátase de fontes con frisos e caprichosas formas labradas en cantería.

A confluencia de vértices en Cabeza de Lobo (Ordes) alivia as dificultades do ascenso, para dar paso a terras máis altas e chas nas que o camiño se amplía entre soutos e carballeiras, que abeiran baixo a súa sombra ó peregrino na primavera e no verán. Os casais, muíños, hórreos, oratorios, cruceiros, igrexas e capelas acompañan o peregrino na súa viaxe: o bordón sérvelle de axuda para continua-lo seu camiño coa esportela ó lombo, a faldriqueira ó cinto, a cuncha no sombreiro e unha única meta: Santiago.

Entre o verde dos campos, con toda a súa amálgama de matices, ábrense carreiros de terra e calzadas que salvan as correntes atravesando pontes empedradas de seixo ou de pórfiro vermello, pedras axustadas a ámbolos dous lados por ringleiras de pelouros, entre perpiaños graníticos erosionados polo paso dos camiñantes. A medida que o camiño deixa as sosegadas terras baixas para penetrar na montaña, a paisaxe enriquécese con amplos horizontes e grandiosas perspectivas, como os que perfilou o poeta Robert Southey (1795) ante o espectacular panorama do Portus Magnum Artabrorum, denominación xenérica coa que os romanos agrupaban as rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol. Malia a ironía e mordacidade coas que Southey relatou o seu paso pola Coruña e Galicia, compuxo o seguinte poema inspirado na paisaxe destas rías:

Oh! What a sweep of landscape lies beneath me! hills on hills, And rock-pil’d plains, and vallies bosom’d deep, And ocean’s dim inmensity, that fills The ample gaze.

Ó seu paso polas Mariñas dos Condes e dos Frades, a ruta sublímase nas palabras de Ziegler: “Un camiño de deuses”. Tampouco queda atrás a descrición de Antonio de la Iglesia: “Verxel encantado ó que Deus lle concedeu a amenidade do Xordán e a fertilidade do Hebrón”. O padre Sarmiento refírese ó tramo entre Ponte Baxoi e A Ponte do Porco cando afirma que “este territorio intermedio é o máis divertido á vista que se pode desexar”.

Os peregrinos que avanzaban por estas terras encontraban refuxio e amparo en mosteiros e hospitais. Xa na fundación destes últimos quedaba determinada cál era a súa principal función: “Refuxio, amparo, consolo e conveniencia... dos peregrinos que pasaren por ela a logra-la devoción do Santo Apóstolo e dos seus xubileos”.

Dende Ferrol ou dende A Coruña, o camiño facíase máis levadío gracias ó establecemento da orde hospitalaria do Sancti Spiritus. A partir do século XIV, os camiñantes atopaban ó seu paso por Pontedeume e Betanzos as fundacións, baixo responsabilidade franciscana, de Fernán Pérez de Andrade “O Bo”. Tamén os acompañaban na súa viaxe cara a Compostela varios hospitais e hospedarías do Espírito Santo: os de Ferrol e Neda, outros menores en Miño, o de Guende en Paderne, o da Anunciata e San Antonio en Betanzos, e o de San Lorenzo en Bruma, todos eles no tramo que parte do porto de Ferrol. Os peregrinos que desembarcaban na Coruña contaban nesa cidade cos hospitais dos Ángeles, Santa Catalina e San Andrés, e cos de Sigrás e Poulo a medida que avanzaban na súa ruta.

Algunhas destas edificacións dispoñían, ademais, de capela e cemiterio. Os seus arquivos dan conta de natalicios, pero sobre todo de defuncións de peregrinos ingleses, nórdicos, alemáns, franceses e italianos.

Nos lugares máis estratéxicos desta zona eleváronse torres de defensa que, aínda hoxe, conservan a esencia das vilas e cidades señoriais polas que transcorre a viaxe cara a Compostela dende o noroeste de Galicia.

Á riqueza espiritual, histórica e artística do Camiño Inglés, haille que engadir tamén a súa variedade gastronómica: o pan de Neda e Carral; o polbo á miñense, a tortilla de Betanzos, o cocido con repolo de Souto, o lacón con grelos de Ordes, a troita de Sigüeiro, o queixo de tetilla de Mesía... Unha cociña sen artificios, baseada na excelente calidade das súas materias primas.

Camiño Portugués 
NOTAS HISTÓRICAS 

1.1.- Predicación e translación do Apóstolo

Os vínculos do Camiño Portugués con Santiago o Maior comezan pola súa predicación na Península Ibérica. Diversoshistoriadores tudenses reflicten a tradición inmemorial que sitúa aSantiago como evanxelizador de Tui, punto de entrada desta rota xacobea en Galicia. Santiago incluso designaría a un dos seus discípulos, San Epitafio, como o primeiro prelado tudense.

Pero é Padrón, nesta mesma rota, o principal teatro da predicación do Apóstolo no nordeste peninsular. Así se evidencia, sobre todo, no promontorio de Santiaguiño do Monte, lugar no que o peregrino pode atopar pegadas que -sempre según a tradición- lembra os seus milagres e pisadas.

peregrino Pero máis importante aínda cá estancia de Santiago en vida nestas terras é a viaxe que realizou despois de morto, coñecida pola tradición como a "Traslatio". A translación do corpo de Santiago o Maior -desde Palestina a Galicia cara o ano 44 d.C.- está contida no "Codex Calixtinus" (Libro III, Capítulo I) e na "Historia Compostelana", dos textos fundamentais do acervo xacobeo.

Según estes textos, a nave transporta o corpo do Apóstolo Santiago, tras navegar polo Mediterráneo e costa portuguesa, desembarca en Padrón. Desde aquí, despois de suxeita-la barca a un pedrón que se conserva baixo o altar da igrexa padronesa de Santiago, os dos discípulos que custodian o corpo sofren toda clase de persecucións e axexos, particularmente da pagá raíña Lupa, que ten un pazo que a lenda sitúa no Castro Lupario, moi preto do actual Camiño e da propia cidade de Santigo.

Finalmente, os discípulos conseguirán continua-lo seu camiño, vía romana adiante, ata chegar ó bosque de Libredón e dar sepultura ó corpo do Apóstolo, no que é actualmente a cidade de Santiago.

1.2.- Portugal e o Camiño

Exemplo temperanísimo do culto a Santiago na Península Ibérica sería o famoso (e controvertido) epígrafe (s. IX) da igrexa portuguesa de Castelo de Neiva, cunha dedicatoria ó Apóstolo feita polo bispo Nausto de Coímbra.

A reconquista portuguesa deu lugar a que, como en Castela, as mesnadas de don Afonso Henriques invocaran a Santiago antes e durante o combate. Santiago cabaleiro tamén realiza os seus milagres na vella Lusitania contribuíndo á toma de Coímbra (s. XI) e, como en Clavijo, pelexando como un guerreiro máis na batalla de Ourique.

A influencia inglesa en Portugal vai substituíndo o culto a Santiago, a finais do s. XIV, polo de San Xorxe. Pero no norte do país nunca desapareceu a devoción xacobea. O Cancioneiro da Ajuda dá boa mostra diso. E tamén os máis de cen albergues (Misericordias) sitos ó norte de Coímbra, que sempre reflectiron o paso de peregrinos. E, por suposto, as máis de duascentas parroquias postas baixo a advocación de Santiago en todo o país.

Reis e raíñas lusitanos mostraron o interese xacobeo da corte lusa ó emprenderen en persoa a peregrinación. Así o fixeron don Manuel o Afortunado e a Raína Santa, Isabel de Portugal, que peregrinou a Compostela en dúas ocasións, unha delas (1335), segundo conta a tradición, de incógnito.

Santa Isabel, unha aragonesa filla de Pedro III de Aragón e Constanza de Sicilia e neta de Xaime o Conquistador, casada ós doce anos co monarca Dinís, o célebre rei-poeta de múltiples cantigas de amigo, é unha das mulleres máis singulares da época (ss.XIII-XIV), especialmente pola súa capacidade negociadora e pacificadora. Está enterrada no convento de Santa Clara de Coímbra, por ela fundado, e a súa devoción xacobea quedou ben patente ó querer ser enterrada con indumentaria xacobeo e bordón de peregrino.

1.3.- A hospitalidade

O Camiño Portugués, como auténtico río que a través dos séculos contemplou un continuo fluír de peregrinos, sobre todo de peregrinos humildes, non podía deixar de dispor dunha rede hospitalaria tanto no territorio portugués coma ó longo do percorrido galego.

Ímonos deter nos hospitais situados na rota principal, Tui-Compostela, pero sen esquecer que noutras rotas, consideradas como secundarias, tamén se lle daba acollida ó peregrino.

En Tui, o antigo hospital situábase no casarón do actual Museo Diocesano, con fachada á praza da catedral. Ávila y la Cueva destaca que “é tanta a súa antigüidade que non garda memoria ningunha da súa fundación”.

A importante encrucillada de camiños que foi e é Porriño contaba xa en 1569 cun pequeno hospital, situado preto do Concello. Dos seus avatares temos noticias por unha manda testamentaria outorgada por Alonso Arias de Saavedra.

Ruta Xubilea A máis antiga lembranza da existencia dun hospital en Redondela é de 1502, situándoo nas inmediacións da Igrexa de Santiago. Confirma a ausencia de hospital anterior a esta data o relato do peregrino alemán Xerónimo Münzer, que chega en 1494 a Redondela e ten que se albergar na casa dun compatriota ó non atopar ningún albergue. As actas das visitas pastorais fálannos da humildísima dotación deste hospital.

Por manda de Tareixa Pérez Fiota (16 de xullo de 1439) fúndase o hospital pontevedrés de Corpo de Deus, logo de Corpus Christi. En 1597 será totalmente reconstruído por fundación do tenente de alcalde Alonso Maza, encargándose da súa administración os irmáns de San Juan de Dios.

Caldas de Reis tivo hospital propiedade da Mitra. O peregrino Xoán Bautista Confalonieri relátanos que se hospedou nun bo albergue, con moitos cuartos, engadindo que existía, ademais, un lazareto.

A Leprosería de San Lázaro de Regueiro ocupaba en Pontecesures un lugar onde hoxe se sitúa a nova parroquia. Pero é Padrón, coas continuas idas e vidas de romeiros, o que impulsou ó prelado Rodrigo de Luna a doar un terreo, o 22 de abril de 1456, para construír un hospital.

Xoán de Vigo, franciscano de Herbón, estaba xa en 1458 como capelán, nunha tradición de atención ó peregrino que os monxes de Herbón seguirán practicando de xeito admirable ata os nosos días.


Vía da Prata 
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA 

O Camiño do Sudleste-Vía da Plata é a ruta xacobea galega de maior percorrido. Pasa por terras das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, de gran diversidade e riqueza xeográfica e ecolóxica e cun cuantioso patrimonio histórico-artístico. Polo seu dilatado trazado presenta algunhas alternativas e diversos accesos a Galicia desde o nordeste de Portugal e a través da cunca do Sil, entrada tradicional a Galicia desde a Antigüidade.

Este Camiño é unha prolongación da calzada romana denominada Vía da Prata, que comunicaba as cidades de Emerita Camiño Francés Augusta (Mérida) con Asturica Augusta (Astorga) cruzando de sur a norte o oeste peninsular e salvando os cauces dos ríos Texo e Douro. A vía romana trazaríase entre estas dúas importantes cidades hispanas do Imperio, aproveitando camiños máis antigos. Na alta idade media este camiño mantívose vivo, primeiro durante o período hispanovisigodo e despois baixo a dominación islámica andalusí.

A denominación “Vía da Prata” deriva, precisamente, do sentido etimolóxico do orixinal árabe "Bal’latta", termo co que os musulmáns do al-Andalus designaron aquela ancha vía pública, empedrada e de sólido trazado que se encamiñaba cara ó norte cristián. Esta ruta foi empregada, en parte, como camiño para a infantería cordobesa na aceifa que Almanzor dirixiu contra Santiago de Compostela no verán de 997. "Vía da Prata" non fai referencia, xa que logo, a nada que teña que ver coa explotación ou comercio do metal precioso.

Na Baixa Idade Media este camiño foi cristianizado de novo polos mozárabes do al-Andalus, que puideron viaxar e peregrinar a Compostela con maiores facilidades trala conquista de Sevilla e de Córdoba polo rei Fernando III o Santo. O episodio da devolución das campás de Santiago á cidade compostelán, despois de que foran roubadas por Almanzor en Compostela (997) e trasladadas a Córdoba, relaciónase, como se pode imaxinar, coa Vía da Prata. O camiño Córdoba - Compostela iniciaba con esta devolución -un acto simbólico de singular significado- un novo período.

A partir de mediados do s. XIII, esta vía sur-norte foi reutilizada espontaneamente polos peregrinos xacobeos procedentes de Andalucía e de Estremadura. Uns continuaban ata Astorga, enlazando co Camiño Francés. Outros, sen embargo, tomaban a Compostela pola desviación de Puebla de Sanabria - A Gudiña - Laza / Verín - Ourense - Santiago, que facía o camiño máis curto e rectilíneo, mentres que algúns atravesaban o nordeste de Portugal, cara a Bragança ou Chaves, entrando polo sur da provincia de Ourense cara a Verín, para seguir ata Ourense por Laza ou por Xinzo de Limia. O treito A Gudiña - A Serra Seca - Santiago de Campo Becerros - Laza - Ourense (A Verea Sur) mantivo tamén a súa vitalidade en sentido contrario, camiño de Castela, polos galegos que marchaban a traballar ás segas da meseta.

Deste modo foise consolidando unha corrente peregrinatoria procedente do recristianizado sur peninsular, conducida por unha pequena rede de itinerarios xacobeos. Na provincia de Ourense conformouse o Camiño de Santiago do Sueste, un camiño no que conflúen dous itinerarios: a continuación da Vía da Prata e os Camiños Portugueses de Bragança e Chaves. Desde a capital auriense o Camiño de Santiago continúa cara a San Cristovo de Cea. Habería peregrinos que buscarían a hospitalidade monástica da abadía de Oseira, mentres que outros se apresurarían para chegaren a Dozón. Desde alí o Camiño segue cara a Lalín, Silleda e Ponte Ulla, aproximándose a Santiago case á sombra do Pico Sacro.

Hospitalidade e Peregrinación na Rota do Sueste - Vía da Prata

A hospitalidade no Camiño de Santiago é unha das características máis notables da sensibilidade espertada polas peregrinacións xacobeas. Unha vez remataban a peregrinación ó santuario compostelán, os peregrinos regresaban ó seu lugar de orixe e reuníanse en confrarías que tiñan por obxecto coidar do Camiño, facilitar información e axudarlles a prepara-la viaxe ós futuros xacobitas. Entre os viaxeiros máis famosos que empregaron esta rota para chegar a Santiago destacan o Gran Capitán, don Gonzalo Fernández de Córdoba, que peregrinou devotamente a Compostela cumprindo unha promesa, e Santo Toribio de Mogroviejo, licenciado en cánones pola Universidade de Santiago en 1568 e futuro arcebispo de Lima.

A testemuña solidaria das confrarías de peregrinos, común a toda Europa, tamén se viviu arredor da Vía da Prata. Trátase da Irmandade da Nosa Señora da Carballeda, tamén chamada “Hermandad de los Falifos”, establecida na localidade zamorana de Rionegro el Puente. A documentación pontificia do s. XVI referida a esta confraría cita, de xeito concluínte, as dedicacións dos seus devotos compoñentes: os confrades “falifos” reparaban as pontes, limpaban os malos camiños e atendían os hospitais da rota onde se hospedaban os peregrinos que se dirixían a Compostela.

Os principais hospitais de peregrinos da provincia de Ourense atópanse en Xunqueira de Ambía, Verín, Monterrei, Allariz e Ourense. O primeiro coñécese por documentación dos anos 1520-1540, gardada no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, na que se cita a don Alonso de Piña como fundador do hospital de peregrinos de Xunqueira de Ambía. Situado nas inmediacións do centro monástico, este hospital tiña capacidade para acoller e atender cen peregrinos nacionais e estranxeiros. En Verín estaba o hospital de San Lázaro. O de Monterrei aínda conserva a súa portada coa data de fundación (1429), aínda que se sabe que a hospitalidade da alberguería condal existía desde 1320.

Do hospital de Allariz, situado no casco histórico e fundado entre os ss. XIII-XIV, aínda se conserva o vello edificio con emblemas xacobeos gravados no rexo perpiaño da súa fachada. Un documento de 1678 afirma que lles ofrecía cama e comida durante dous días ós peregrinos xacobeos procedentes de León, Castela e Portugal. Na cidade de Ourense era o hospital de San Roque, situado no predio da actual Alameda do Concello, o centro asistencial que atendía enfermos, pobres e peregrinos. A súa elegante portada renacentista aínda se conserva na Praza da Trindade. O seu frontón clasicista atesoura unha imaxe de Santiago Peregrino. Máis ó norte, na provincia de Pontevedra, destaca a capela do Espírito Santo e o hospitaliño da Estrada, onde en 1589 o veciño estradense don Juan González de Figueroa doou no seu testamento unha casa para que lles servira de hospicio ós peregrinos que se dirixían a visitar ó Apóstolo.

Tamén hai que ter en conta a hospitalidade monástica desenvolvida nesta rota xacobea, especialmente na abadía de Santa María de Oseira. Nos seus claustros e no seu hospital, a orixe das cales remóntase a finais do s. XII, atenderon os monxes cistercienses de Oseira a numerosos peregrinos que se dirixían a Compostela. En canto ás ordes militares que coidaban do Camiño do Sueste, hai que falar da Orde de Santiago no itinerario de Laza - Xunqueira - Ourense.

A encomenda santiaguista de Barra protexía o camiño de peregrinación no treito que vai desde Codesedo, ó pé do Monte Talariño, ata Vilar de Gumareites, en termos dos actuais municipios de Sarreaus e Vilar de Barrio. A Orde de San Xoán de Xerusalén (posteriormente, de Malta) tivo un priorado en Allariz desde 1170 para coida-la ponte de Vilanova. Consérvase a súa fermosa igrexa románica de finais do s. XII, formando un conxunto monumental coa ponte medieval. Os cabaleiros da Orde do Temple situáronse en Santa Mariña de Augas Santas e comezaron a levanta-la súa igrexa sobre o “forno da santa”.

Fisterra - Muxía 
O CULTO XACOBEO NA ÁREA DA ANTIGA “FINISTERRAE” 

A relación da área xeográfica da antiga Finisterrae co culto xacobeo quedou establecida pouco despois do descubrimento da tumba apostólica. Tradicións locais, se cadra xa de época sueva (ss. V-VI), apuntan cara a relación do Apóstolo Santiago con esta zona. No s. XI aparecen novas versións sobre o sentido desa presencia e a mediados da seguinte centuria quedará fixada a versión definitiva no "Códice Calixtino" (Libro III). Deste xeito, Fisterra permanece integrada de forma sólida no circuíto europeo da peregrinación xacobea.

Finisterre As diversas versións do traslado do corpo de Santiago a Galicia mencionan a cidade pagá de Dugium (Duio), que tivo asento no istmo de Fisterra e da que desapareceron diversos vestixios. 

Segundo o Calixtino, unha vez desembarcados os discípulos do Zebedeo en Padrón, Lupa, raíña daquela terra, envíaos a Duio para que o legado romano lles conceda o permiso para enterrar ó Apóstolo. Este, con intención de matalos, encarcéraos, pero son liberados por un anxo e foxen. Cando están a punto de ser alcanzados polos soldados que os perseguen, cruzan a ponte de Nicraria (identificada coa ponte romana de Ons, hoxe baixo as augas do encoro Barrié de la Maza), que se derruba, providencialmente, ó pasa-la tropa.

Na veciña Muxía ocorre algo semellante, pero aquí a tradición engade un elemento novo: unha aparición en carne mortal da Virxe (na cruz, Cristo encomendoulla a Xoán, o irmán de Santiago). A tradición integra tamén elementos pagás característicos da zona, en particular os relacionados coas pedras, que quedan así cristianizados e dan testemuña dos prodixios. Pero en ámbolos casos a devoción dos romeiros concéntrase en dúas imaxes do culto chegadas do mar: o Cristo de Fisterra, dun patetismo case humano, e unha pequena imaxe da Virxe, en Muxía.

A Nosa Señora da Barca e o Santo Cristo de Fisterra

Na Punta da Barca (Muxía), alomenos tres santuarios se sucederon ó longo da historia. O último, iniciado en 1716 polos condes de Frigilana e Aguilar e concluído polos condes de Maceda, que foron sepultados no seu interior, segue enmarcado por un contorno de bravía e impresionante beleza e conserva as pedras (de Abalar, dos Cadrís, cos seus poderes curativos do reuma, e do Temón) que a tradición asocia co casco, a vela e o temón da barca de pedra que trouxo á Virxe a esta terra para, do mesmo xeito ca en Zaragoza, darlle folgos ó Apóstolo na súa tarefa evanxelizadora.

O feito devocional e a propia peregrinación compleméntanse cunha gran romaría no mes de setembro (primeiro domingo despois do día 8). A coroación canónica de agosto de 1947 contribuíu, sen dúbida, a realza-lo culto. O templo, moi sobrio e rematado na presente centuria con dúas torres, amosa no seu interior un soberbio retablo barroco de Miguel de Romay, presidido polo camarín da Virxe. A talla gótica está colocada nunha barca guiada por dous anxos, na que tamén figura un Santiago orante.

Do Santo Cristo de Fisterra, do que se di que chegou por mar despois de ser arrebolado por un barco durante unha treboada, cabe indicar que é unha valiosa talla gótica do s. XIV, equivalente á de Ourense, que é unha copia mandada facer polo bispo Vasco Pérez Mariño, natural de Fisterra. Como a aquel, aplicáronselle determinados atributos humanos: sudoración e crecemento do pelo e das unllas. O licenciado Molina cualificaba o Cristo de "tan maravilloso y de tan gran devoción que se dize no hacerle ventaja el de Ourense", e engade que a el "acuden los más romeros que vienen al Apóstol", pois este era un dos motivos para se achegar "á fin do mundo".

Pero a igrexa de Santa María das Areas, ademais da capela barroca do Santo Cristo (1695), cun retablo de Miguel de Romay, e a renacentista da Virxe do Carme, con retablo tamén barroco, conserva un importante patrimonio gótico. A capela maior (s. XIV) garda a imaxe pétrea da Virxe, unha interesante peza do s. XVI e, na entrada, un precioso Santiago Peregrino, algo posterior. A capela da Quinta Angustia e de San Miguel, de finais do s. XV, está adosada ó muro da Epístola e a de Santa Lucía, do s. XIII, flanquea, xunto coa do Carme, unha interesante porta exterior de estilo gótico tardío. Aínda que a portada principal é románica, no exterior predomina o gótico mariñeiro. A torre das campás é do s. XVI. A capela do actual cemiterio, moi reformada, pertenceu ó antigo hospital de peregrinos, fundado no s. XV. Da mesma época é o precioso cruceiro gótico levantado ó pé da estrada.

A festa do Santo Cristo, declarada de Interese Turístico Nacional, celébrase en Semana Santa. Desde o xoves teñen lugar as escenificacións da Paixón (lavatorio de pés, procesión do Nazareno, Desencravado e Santo Enterro), pero alcanza a súa apoteose o domingo de Pascua coa Resurrección, bailándose, como colofón, a antiga Danza das Areas. Nas representacións interveñen veciños de Fisterra e algunha delas é seguida por miles de fieis.

Diarios de Peregrinación

A prolongación a Fisterra e Muxía é, tralo Camiño Francés, o itinerario con máis referencias na literatura odepórica. A Xorxe Grissaphan, cabaleiro maxiar do século XIV, debémoslle o relato máis temperán desta rota nas súas "Visiones Georgii". Tras chegar a Compostela como peregrino, desexoso de permanecer en Galicia como eremita foi informado dun "lugar moi solitario, deserto e afastado notablemente dos homes e das súas vivendas, situado entre montes Ruta Finisterre altísimos que case ninguén frecuentaba". Trátase do Monte de San Guillerme, no cabo Fisterra. Sen embargo, e despois de cinco meses, tivo que marchar por seren moitos os que o visitaban -algúns, con seguridade, peregrinos-.

A finais da idade media abundan as relacións, como por exemplo a de Nompar II, o señor de Caumont (1417), que pasou por Morañas e fala de San Guillerme "do deserto". Outro tanto cabe dicir de Sebastián Ilsung, de Augsburg, en 1446, o primeiro que menciona Muxía. Un anónimo alemán (mediados do s. XV), que en Fisterra contemplou "a cadeira de pedra desde a que Santiago, Pedro e Xoán ollaban o mar", proporciónanos un curioso debuxo da ermida e das pedras de Muxía. A finais do s. XV, o polaco Nicolás Popielovo, que parte sen dilación de Compostela a Muxía, describe o "barco esnaquizado, feito de pura pedra" no que navegou a Virxe, que a pesar do tamaño do seu mastro podía moverse cunha man. De aquí foi a Fisterra, onde na súa igrexa se ganaba entón a indulxencia plenaria. Tamén é do s. XV o relato de Martir, bispo de Armenia, que atopa aquí ó "vakner", un estraño animal selvático, grande e moi maligno.

Entrado o s. XVI, o veneciano Bartolomeu Fontana visita Muxía e Fisterra, seguindo de forma inusual, desde A Coruña, a Costa da Morte (1539). Indica que os libres de pecado mortal poderán mover cun dedo a pedra do navío de Muxía, como o fixo el mesmo, e que todos deben pasar baixo o casco (pedra dos Cadrís) e darlle tres voltas á ermida. En Fisterra recorda o hospital e fala dos guías que conducían ós peregrinos ata a ermida de San Guillerme. Doménico Laffi, o erudito clérigo boloñés catro veces peregrino, en 1673 achegouse tamén a Fisterra, onde menciona a igrexa de Santa María e o fanal con lume para orienta-los navegantes. O seu compatriota, o franciscano Bonafede Vanti, foi a Fisterra e Muxía, copiando no santuario mariano unha relación dos milagres da Nosa Señora da Barca.

Nestes relatos son frecuentes as referencias ó Monte de San Guillerme e á súa ermida, hoxe desaparecida e con restos ós que se asociaba a fecundidade. En 1745 o Padre Sarmiento escribe : "No hace mucho tiempo, había una pila o cama de piedra en la que se echaban marido y mujer que, por estériles, recurrían al Santo y a aquella ermita".


Ruta Marítima 
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA 

A rota marítimo-fluvial pola ría da Arousa e o río Ulla conmemora a chegada a Galicia, por mar, según a tradición, do corpo do Apóstolo Santiago o Maior, tralo seu martirio en Xerusalén no ano 44. Santiago foi mariñeiro e pescador de Galilea, apóstolo de Cristo, evanxelizador de Occidente e mártir. O episodio da súa morte, ordenada por Herodes Agripa, recóllese en "Os feitos dos Apóstolos", de San Lucas.

Antigas tradicións cristiás, reforzadas por varios textos medievais, aseguran que varios dos seus discípulos recolleron o corpo de Santiago, amortallárono e trasladárono ata a costa palestina. No porto de Jaffa, un barco posiblemente mercante (unha interesante hipótese expón o caso dunha "Barca ou Barco de Pedra" destinado ó comercio regular de mineral de estaño con Oriente) trasladouno, a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica, ata os confíns de Occidente: un dos lugares onde predicara o Evanxeo.

Santiago Os restos do Apóstolo entraron en Galicia pola ría de Arousa e remontaron o río Ulla, arribando á cidade romana de Iria Flavia (Padrón). O texto máis importante que narra a Translatio do corpo apostólico, desde Jaffa a Iria e desde alí ó seu lugar de enterramento, en Compostela, é o célebre Liber Sancti Jacobi, "Códice Calixtino", Libro III, capítulo 1.

Polas tradicións orais e os textos medievais que recolleron o acontecemento, sabemos que, despois dunha longa viaxe, iniciada no extremo oriental do Mediterráneo e concluída no Occidente do mundo coñecido, Santiago reencontrábase definitivamente coa terra onde difundira o seu legado evanxélico. Parece significativo que a representación máis antiga da barca apostólica co corpo de Santiago apareza nunha moeda do século XII achada en Adro Vello (O Grove, ría de Arousa).

Os discípulos que acompañaron o corpo de Santiago ata Galicia, Teodoro e Anastasio, tiveron que usa-lo seu enxeño ó se enfrontaren coa teima da raíña Lupa e coa furia dos romanos acantonados na cidade de Dugium, próxima a Fisterra. Pero ó final venceron os perigos e lograron un lugar digno que servise de enterramento ó seu mestre. O lugar elixido para situa-lo Sepulcro xacobeo, nas inmediacións dunha encrucillada de camiños, quedou cuberto durante séculos pola maleza do bosque Libredón. Este silencio quedou roto no século IX, cando o monxe eremita Paio e o bispo de Iria Teodomiro descobre a preciada tumba e, coa axuda do rei Alfonso II o Casto, reorganizaran e relanzan o culto a Santiago o Maior.

A "traslatio", ó longo da ruta marítima do Apóstolo, sege sendo un acontecemento vivo que as xentes de Arousa e Ulla rememoran anualmente. A finais de xullo ou principios de agosto de cada ano, o Comité de Alcaldes desta rota xacobea (hoxe "Fundación Rota Xacobea do Mar de Arousa e Ulla") en colaboración con Autoridades da Mariña, a igrexa de Santiago de Padrón e armadores e pescadores da zona, organizan tódolos anos unha procesión marítimo-fluvial que arriba a Pontecesures e Padrón (varias deceas de barcos cheos de público), onde ten lugar un acto relixioso.

Camiño Primitivo 
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA 

O denominado Camiño Primitivo de peregrinación a Compostela foi utilizado polos primeiros devotos procedentes de Oviedo, a capital do Asturorum Regnum, e das terras máis orientais do territorio astur-galaico. Trátase, en rigor, do primeiro camiño xacobeo que, posiblemente, conduciu ó propio Afonso II o Casto ata a tumba do Apóstolo, no primeiro tercio do s. IX. Este monarca peregrino auspiciou a fundación da primeira basílica xacobea compostelá e organizou o culto apostólilco, coa axuda do bispo Teodomiro de Iria, outorgando doazóns e incentivando o establecemento dunha comunidade monástica (Antealtares) que atendese as demandas do culto no altar de Santiago.

Outro rei astur, Afonso III, reemprazará esta primeira basílica compostelá por outra de pedra de perpiaño e peregrinará varias veces ata a tumba do Apóstolo facendo grandes doazóns, entre elas a célebre cruz votiva, desaparecida en 1907.

Esta rota de Oviedo a Santiago foi itinerario seguro e frecuentado ata ben entrado o s. X, en que se consolida o actual Camiño Francés desde León, a nova capital do Reino. Pero, aínda despois, seguiu a ser unha importante alternativa, especialmente polo valor espiritual que se outorgaba á extraordinaria colección de reliquias da Cámara Santa de San Salvador de Oviedo, así como ás peculiaridades da Catedral de Lugo, coa súa exposición permanente do Santísimo.

Da importancia deste Camiño dan fe os numerosos hospitais da cidade de Lugo, e os seis ,algúns moi vencellados ó Camiño, do municipio de Burón, hoxe A Fonsagrada.


FONTE DA INFORMACIÓN:  Web do Xacobeo, www.xacobeo.es

Estes textos están publicados coa autorización expresa da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia. 

   Volver a:   Compostela e o Camiño de Santiago