Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE

de Alfonso Rodriguez Castelao

LANCE TERCEIRO

   

Pimpinela de Os vellos non deben de namorarse PERSOAXES

PIMPINELA Rapaza bonita que tolea cos panos de coores.

A NAI Vella lagarteira, que non se avén coa probeza.

O PAI Velloucán con cara de testigo falso.

O MOZO Rapaz novo, na edade de sentirse galo do mundo.

O VELLO Carcamán namorado, no seu derradeiro esforzo.

MULLERES Dez almas chuchadas pola marmuración.

A MORTE Figuración do máis poderoso señor do mundo.

CORO Rapaces e rapazas que saben cantar.

 

ESCEA I        

Fondo negro e chan negro. Aparece Pimpinela sentada, coa nai á súa dereita e o pai á súa esquerda. A NAI ¡Anda Pimpinela! ¡Anda miña variña de abelao! PIMPINELA ¡Non! A NAI ¿Non reparas na que che espera se te casas con ese cuspe? Vivires nunha terroeira como esta, andares coma min. Chegares do traballo feita un esterco, sen roupa que mudar, sen frescuriña para botares no xergón de casulo... PIMPINELA ¡Non! A NAI ¡Ai, meu caravel de cera! ¡Ai, como te deixaches rular por un pito cairo! ¡Ai de ti, se non te coutas! Andarás sempre co corazón enloitado, sen pan no forno, sen lume na lareira, sen estrume na corte. Mirrada de frío e chuchada de fame. O PAI ¡Faille caso a túa nai, Pimpinela! PIMPINELA ¡Non! A NAI Esvaeranse as coores que che pintou Noso Señor a mantenta. Deixarás de ser mazán e cereixa. Trocaraste nun figo merado. Coberta de remendos, torrada pola raxeira, a fuxires dos espellos para non verte. En troques... O PAI En troques, se lle pos cara ao señor Fuco... PIMPINELA ¡¡Non!! A NAI ¡Ti que dis, toliña! ¿Quen che cegou para non veres a regalía do mundo? ¿Quen che botou terra nos ollos? ¡Desperta! PIMPINELA ¡Non! O PAI ¿Qués ser un baldreu coma moitas? A NAI ¡Quérenche poñer brincos de ouro e ti qués piollos de miseria! ¡Quérenche dar onzas recortadas e ti prefires lixos do ar! ¡Ai, miña flor da gala, abre os ollos! ¡Xa quixeran as fillas dos máis principales! O PAI ¡Xa quixeran elas! PIMPINELA ¡Non! A NAI Terías unha casa de vinte fiestras e unha solaina; terías criadas e criados ao teu servizo; terías fartura de pan, de viño e de todo canto pode dar a terra. O PAI Dúas xuntas de bois e sete vacas. A NAI Arderían carballos enteiros para que a túa parrumeira botase fume e o señor Fuco cegaría coa túa fermosura. O PAI E todos sairíamos desta probeza. A NAI Arcas acuguladas de lenzo, almarios cheos de roupa, e ti a rir sempre coma se foses unha fidalga. ¡Anda meu luceiro! O PAI ¡E que diaño! O señor Fuco é un vello e cando lle chegue a súa hora, xa verás ti como chaman na túa porta os mellores mozos da parroquia. A NAI O señor Fuco é un home de ben e anda ceguiño por ti, ¡E valo desprezar, meu corazón! O pai volve a tusir para impor respeto. A NAI ¿Serás quen de desbotares a consello de teus pais? PIMPINELA ¡Unha filla tan boa coma ti...! ¡Deixa ese mozo, Pimpinela! A NAI ¡Non! O PAI Boeno, miña filliña, boeno. Xa o pensarás mellor. A NAI ¡Xa o creio que o pensarás! Compara, miña filla, e cavila no que che espera con un e co outro. Dunha banda, o rir, e da ostra, o chorar. O PAI O día e a noite. O pan e a fame. ¡Escolle! Vaise a nai por un lado e o pai polo outro. 

Pimpinela fica sentada.