Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O MOSTEIRO DE CARBOEIRO E A SÚA LENDA

Escudo SilledaO concello de SILLEDA, provincia de PONTEVEDRA, ocupa uns 160 quilómetros cadrados e está formado por 33 parroquias, cunha poboación de 10.000 habitantes. Forma parte da comarca de Deza e a súa capital é Silleda.

O sur e o sudoeste deste concello está percorrido por alienacións montañosas nas que se rexistran as maiores altitudes. Nelas nacen os ríos Casela e Escuadro-Toxa, que descenden e orixinan pequenos vales. O oeste está bañado polos ríos Asneiro e Deza, o máis importante da rede fluvial.

É moi importante a súa producción agrícola, (millo, forraxe, centeo, pataca, gandería e unha grande variedade de Silleda froiteiras) e a gandería (producción de leite e carne).

Unha ducia de castros espallados por todo o concello remiten ós primeiros poboadores dun municipio que foi camiño de paso na época romana e importante punto de encontro da Idade Media galega. 

A abadía de Carboeiro (s. X), o castelo de Cira (s. XI) -que serviu a dona Urraca para facer fronte ó ataque do arcebispo Xelmírez- ou as igrexas románicas de Breixa, Ansemil (s. XII) e Taboada falan da importancia dunha zona que tamén tería un papel destacado na invasión francesa de 1809. Tras sufrir roubos, saqueos e incendios, os habitantes de Terra de Montes conseguiron que os galos se batesen en retirada en Pontesampaio. Importante foi o apoio de moitos dos seus veciños a Gorístidi na primeira guerra carlista (1833-1838), apoio que desartellaría a denuncia de aldeas próximas a Silleda.

O Mosteiro de Carboeiro

Nunha das súas parroquias, Carboeiro, atópase un dos mosteiros de máis sona de Galicia. Foi fundado no ano 936 -nun O Mosteiro de Carboeiro precioso contorno xunto ó río Deza e preto da fervenza do Toxa- polos condes de Deza e arrasado por Almanzor no 997. Dous anos despois comezou a súa reconstrucción por orde de San Pedro de Mezonzo, arcebispo de Compostela. 

A igrexa, unha das mellores mostras do románico oxival galego, construíuse na segunda metade do século XII, e hai cinco capelas. A portada é de estilo compostelán.

Na época da exclaustración foi abandonado polos monxes e co tempo foise quedando en ruínas. Recentemente foron concluídas as obras de restauración.

Pero existe unha lenda en torno á construcción deste mosteiro.


O MOSTEIRO DE CARBOEIRO E A LENDA DO DEMO 

A trama desta lenda está espallada por toda Europa, particularmente con respecto a pontes tendidas por riba de barrancos e de precipicios impresionantes. Na Bretaña cóntase unha historia semellante referida á catedral de Tréguier. 

Pero, na maioría dos relatos deste xénero, a astucia do celebrante que encadea a misa maior e as vésperas é substituída pola solta dun gato ou dun animal ó demo, a modo de pagamento. Daquela o demo trata de destruí-la súa obra e só consegue tirar unhas pedras, o que explica o inacabado ou a alteración de determinados monumentos, pontes ou igrexas...

SilledaA lenda conta que o Mosteiro de Carboeiro, foi antigamente un dos máis ricos de Galicia, aínda que non sempre fora dese xeito. Cóntase que cando os monxes quixeron establecerse neste emprazamento, tiñan moitas dificultades para construír un edificio que fose digno de devir un gran lugar de oración e de meditación. 

Era moi difícil atopa-los obreiros que soubesen traballa-la pedra, e o outro problema era que faltaban os cartos. Por iso, os monxes tiñan que se conformar con vivir en cabanas de pólas e celebra-los oficios en minúsculas capelas que non chegaban para acoller a todos.

Por máis que o abade pedía axuda ós habitantes do país, estes eran moi pobres e vivían mal. O bispo tampouco lles daba axuda e os monxes tiñan que pasa-los invernos nas súas cabanas, expostos ó frío e ós grandes temporais do mes de novembro.

Un día, nunha das súas xuntanzas, o abade dirixiuse ós monxes nestes termos:

-Irmáns, esta situación non pode continuar. Como non atopámo-los medios de construí-lo noso mosteiro, é preferible separarnos e irmos, un a un, integrarnos noutras abadías. Éche ben triste ter que chegar a iso, pero xa non hai outra solución.

Entón, un dos monxes levantouse e solicitou humildemente a palabra.
-Fala, irmán Ramón, dixo o abade. ¿Tes algo que nos propor?
-Certamente, -dixo o irmán Ramón- pero teño moito medo de que vos pareza mal, e non me perdoaría ser obxecto de escándalo.
-No punto no que estamos, -dixo o abade- podemos oír de todo sen quedar ofuscados. Fala pois sen medo
-Pois ben, velaí. Non somos ricos, pero posuímos algo que non ten prezo. É o salterio de san Cibrán.
-Efectivamente, respondeu o abade, témo-lo salterio de san Cibrán. ¿Pero ónde queres chegar? ¿Desexarías vendelo? Non creo que atopemos un comprador suficientemente rico como para que nolo pague ben.
-Non se trata de vendelo, -respondeu o irmán Ramón- Ese salterio ten unha grande virtude, sabédelo todos, porque quen o leva consigo está seguro de escorrenta-lo demo se este se presenta para atormentalo.
-Exactamente, pero non vexo en que podería axudarnos ese salterio. A Deus gracias, o demo déixanos en paz e non ten que facer coa nosa pobreza.
-Por iso, dixo o irmán Ramón, non está interesado en que continuemos a ser pobres. Preferiría que sexamos ricos e que descoidémo-los nosos deberes coa opulencia e a ociosidade. Entón, como o diabo ten sona de ser un bo constructor, ¿por qué non pedirlle que nos constrúa unha abadía de pedra sólida, coma as que hai por todo o país? Será tentado a facelo, e cando veña reclama-lo debido, sempre poderemos facelo fuxir gracias ó salterio de San Cibrán.

Carboeiro : entradaHoubo, entre os monxes, un grande murmurio.

-¡Silencio! - exclamou o abade- A proposta do irmán Ramón non é absurda, ben ó contrario, sería xusto que o inimigo de Deus contribuíse a face-la morada do Noso Señor. E xa que o demo é constructor, fagámoslle construí-lo noso mosteiro. Amañarémonos para non pagarlle nada. Paréceme que ben debe iso ós pobres cristiáns.

Despois de ter deliberado, os monxes puxéronse todos de acordo en dicir que era, nas presentes circunstancias, a única saída ós seus problemas.

-¡Moi ben! - concluíu o abade- E posto que es ti, irmán Ramón, quen tivo a idea, encargámosche negocia-lo asunto.

Naquel serán mesmo, cando escureceu, o irmán Ramón foi a un sitio onde sabía que podía acha-lo demo. Na súa xuventude, vira frecuentemente ás bruxas da súa aldea invoca-lo Inimigo para enfeitizar a aqueles a quen elas xuraran estragar. Sabía o que conviña facer. Foi pois directamente a un cruce de camiños pedregoso onde o Demo tiña por costume apostarse cando prevía que un home estaba disposto a concluír un pacto con el. Foi pois a ese cruce. Colleu unha póla de acebro e fixo unha cruz que plantou ó revés no chan. Non tivo que esperar moito, o Demo presentóuselle baixo a forma dun home fraco vestido de negro e de roxo.

-¿Qué queres?, preguntou o Demo cunha voz fungona que se esforzaba en tornar amable.
-Que nos constrúas un mosteiro digno de nós. No país non falta a pedra, e a túa habilidade é ben coñecida. Fáino-las obras que chas habemos pagar ben.
-¡Ah!, ¡desde logo!, -exclamou o diabo escachando cunha risa que lle provocou un calafrío polo lombo ó bo do irmán Ramón. - ¿E ti qué me darás a cambio?
-Pon o prezo - respondeu o monxe.
-¿Tómasme por parvo? -díxolle o demo- Seiche moi ben que vós, os monxes de Carboeiro, posuídes o salterio de san Cibrán. Se hai algo que aborrezo, é precisamente ese salterio. Imaxino que, se fago un trato contigo, vós todos trataredes de me escorrentar brandindo ese libro. Non me deixarei agarrar na trampa, asegúrocho.
-Ponlle prezo - repetiu o irmán Ramón
-Pois ben, acepto a túa proposta, pero coa condición de que xa non teña que volver a verte, nin a ti, nin a ningún dos teus, porque estou seguro de que me fariades fuxir con ese salterio que execro. Fagamos un arranxo, monxe, un arranxo que non se refira á vosa confraría. Hoxe é venres. Comprométome a construí-lo voso mosteiro de aquí a domingo pola mañá, palabra de demo, pero esixo en contrapartida tódalas almas dos que morran domingo, entre a misa maior e vésperas que non ides deixar de celebrar na vosa igrexa noviña.

O demo sabíache ben o que facía. Sabía ben que naquela estación eran moitos os que morrían de frío e de vellez o domingo, mentres os fillos estaban na igrexa a segui-los oficios.

-Trato concluído - respondeu o monxe.
-Non é suficiente - proseguiu o Demo. -Tes que asinar.
Sacou un rolo de papel no que estaban escritas cousas terribles. O irmán Ramón leuno atentamente e asinou o documento co seu sangue.
-Perfecto - dixo o diabo, moi contento.- Desexo que todos vós esteades tan contentos de min coma o estarei eu de vós.
E desapareceu na noite en medio dun remuíño de vento.

Carboeiro: interiorO irmán Ramón regresou ó mosteiro, ou polo menos ó que facía as veces del. Foi onda o padre abade e mantivo con el unha conversa secreta. Despois marchou a durmir tranquilamente no seu xergón, nunha cabana na que entraban por todas partes as correntes de aire.

Na noite seguinte, produciuse unha grande axitación no país. As xentes dos arredores oíron uns ruídos que lles parecían estrañísimos, pero non ousaron saír das casas de tan enxordecedor que era o alboroto. Éche ben certo que o Demo gastaba sen conta. Fixera vir do inferno a toda unha lexión de demiños que se ocupaban en carrexar pedras e en labralas. Logo, baixo a dirección do Demo en persoa, os demos máis experimentados puxéronse a ergue-los muros e as bóvedas da igrexa abacial e os edificios conventuais. Nunha palabra, traballaron todos tan ben que, a mañá do domingo, alí onde só había unha aldea de choupanas, erguíase un mosteiro de pedra esculpida e de aspecto magnífico.

Os monxes ficaron admirados ó ver tal esplendor e non podían crer en tanta felicidade. Pero cal non sería a sorpresa dos habitantes do país cando viron levantarse así sobre o horizonte un santuario tan bonito e tan perfecto. Pois o diabo traballa ben cando se empeña. Pero estaban lonxe de pensar que era obra do Demo, e todos pregoaban o milagre. Axiña precipitáronse na igrexa para asistir á misa maior que celebraba o padre abade.

Nun recanto, nas pendentes da montaña, o diabo moi contento, entusiasmado coa idea de que ía facer unha boa colleita de almas. Aproveitaría para repoboa-lo inferno que, daquela, tiña a tendencia de quedar bastante deserto, por culpa dos predicadores que andaban a espalla-la boa palabra por toda a terra.

Tan pronto como rematou a misa maior, despois de ter pronunciado o "ite missa est", o padre abade entoou con voz forte o canto das vésperas. Os fieis quedaron ben sorprendidos, pero seguíronas con tanto fervor como antes tiñan seguido a misa. E cando todo rematou, regresaron ás súas casas bendicindo ó Señor. En canto ós monxes, tiveron o privilexio dunha comida de festa onde o viño correu en abundancia, o que non era de desprezar.

Nembargantes, había un que non andaba demasiado contento, era o Demo. Coa rabia, rompeu as zarpas na rocha na que se apoiaba, e aínda hoxe vémo-las súas marcas. Comprendeu que fora enganado e pasou o seu tempo a espreita-los monxes de Carboeiro. Encantaríalle destruí-lo mosteiro, pero, por unha parte, as obras do demo son difíciles de destruír polo sólidas que son, e, pola outra, tíñalle tanto medo ó salterio de san Cibrán que se mantiña prudentemente afastado, non querendo acometer nada que puidese prexudicalo máis.

Pero cando, séculos máis tarde, o salterio de San Cibrán foi transferido a Toledo, o demo tomou a súa vinganza. Soprou unha pavorosa tempestade sobre o mosteiro de Carboeiro e quedou en ruínas. Hai pouco tempo foi restaurado