Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O gaiteiro tradicional

por Juanjo Fernández

A gaita do fol é un símbolo tradicional europeo dende a idade media, que perdura nalgunhas zonas ata hoxe pero, tal vez, máis que en ningún sitio en Galicia (noroeste peninsular). A iconografía gaiteira en Europa dende o século X confirma un protagonismo grande deste instrumento na vida social. A ela vai unida a figura do gaiteiro, imprescindible no entorno galego tradicional que, pola longa historia que ten detrás, resulta ser un persoaxe rancio de características moi marcadas en xeral, tanto sociais coma musicais. Cachafeiro. Debuxo de Castelao

 

 

IMAXE: Cachafeiro.  Debuxo de Castelao, 1924

A "sociedade tradicional galega" é unha especie de utopía, válida coma un punto de referencia para ilustra-lo conxunto de tradicións galegas máis estimadas, máis coñecidas, máis xenuinas que, por lóxica, tense que situar nun escenario rural. 

O gaiteiro é un dos persoaxes desta sociedade, igual que o ferreiro, o zoqueiro, o xastre, o cura. 

Quixera, antes que dun xeito bucólico, romántico ou novelesco, falar del partindo de referencias máis ou menos reais, observacións personais, transcripción de certos textos e tamén relatos escoitados a veciños e ós propios gaiteiros, a quenes lles gusta falar de tempos pasados aínda que, todo hai que dicilo, carguen casi sempre algo máis da conta os feitos, levados pola nostalxia por unha parte e, por outra, conscientes de que o seu valor como informantes medra co tamaño das súas historias.

Había que ter máis referencias da sociedade galega e dos gaiteiros de séculos anteriores, para ilustrar como se foi forxando e desenvolvendo este oficio aínda vixente, pero estas referencias son escasas e case que só podemos botar man da intuición, senso sempre perigoso e susceptible de interpretacións enganosas. Si cabe aquí a reflexión de que o gaiteiro é un dos primeiros músicos instrumentais de cortexo, de comitiva, de procesión, tal vez o máis exitoso coa súa mini orquestra portátil que é a gaita, que lamentablemente perdeu o seu peso específico, nesta sociedade actual de decibelios e impacto musical.

Datos sobre a actividade dos gaiteiros en séculos pasados temos gracias ó traballo de Pablo Pérez Constante nas súas Notas viejas galicianas (1.925-1.926), onde inclue citas de contratos a gaiteiros, conservados en arquivos eclesiásticos: 

- Noia. 1571, a cofradía de San Nicolás contrata de por vida a Juan Rivas do Mar, gaiteiro, para tocar en Corpus Christi e San Nicolás e as súas vísperas, no 1579 contrata tamén a Juan de Requerei para acompañalo ás ferreñas e no 1585 a Jácome Vidal co tamborín.

- Ourense. 1597, a cofradía de Santa María a Nai contrata de por vida a Antonio González, tamborileiro para servir durante os días da súa vida no Corpus Christi e Pascua de Flores. No 1661 volve contratar a Pedro González tamborileiro para o mesmo.

- Vigo. 1692, a cofradía de Xastres contrata de por vida a Domingo Quintá para toca-la gaita nas festas de Corpus Christi e Santa Catalina segundo uso e antigos costumes. No 1698, a da Nosa Señora da Concepción da Colexiata contrata a Diego Conde para ser gaiteiro dela mentres viva no Corpus Christi e na festa da patrona da cofradía. A de Mareantes contrata a Pedro Fernández persoa que usa e exerce o oficio e a arte de gaiteiro para que tocara durante nove anos nas festas do Corpus Christi e varias outras máis e traer criado que sirva de tamboriteiro.

- Semellantes contratos en arquivos de Lugo, Lalín e Corcubión.

A estes datos hai que sumar que no padrón de Vigo de 1.639 consta un veciño inscrito co oficio de gaiteiro, nun total de 519 veciños e 143 profesións e que na catedral de Santiago, no século pasado había un gaiteiro oficial, cuia fotografía aparece no Cancioneiro de Casto Sampedro.


É no século XIX cando a figura do gaiteiro amósasenos con algo de definición, tal vez rodeada de romanticismo pero con trazos de fiabilidade, sobre todo a finais, co apoio da fotografía, a literatura e a prensa. Aplicando o cálculo da lenta evolución da sociedade galega, sobre todo tecnolóxica, pódese dicir que a vida do gaiteiro do século XIX non debía ser moi diferente da do gaiteiro nos séculos XV-XVIII, no que ó oficio se refiere, tipo de instrumento, entornos festivos, etc.  

Ilustración de A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos ( 1853 )

 

lustración de "A gaita gallega" de Xoan Manuel Pintos, 1.853  


Gaiteiros hainos de moitos tipos, máis ou menos especializados, maís ou menos centrados no oficio pero, en xeral, a súa vida está marcada pola festa, a foliada e o baile. Tal vez demasiado tráxico-romántica é a visión que ofrece Campoamor no Gaitero de Gijón. Pola contra, José Inzenga, autor de Cantos y bailes populares de España publicado en 1.888, no apartado adicado a Galicia da unha descripción interesante do gaiteiro:

El gaitero de Galicia es un personaje sui generis, verdadero Deus ex macula y alma, por decirlo así, de todas las fiestas y romerías de tan pintoresca provincia. 

(...)

Es el gaitero, según el referido Neira, un tipo marcado, genuíno, independiente y hombre de buen humor, ciertamente algo presumidillo pero galante como el primero.

Es el símbolo de la alegría y de la devoción, el hijo mimado de las fiestas y de las procesiones, el compañero inseparable de la Iglesia o de la taberna y el resorte principal de variadas sensaciones, en las que se confunden lo místico y lo profano. Es el testigo ocular de lo maravilloso, el rival más temible de la oportunidad satírica del sacristán de la aldea, el chismosísimo trovador de amorosas aventuras, el mayor enemigo del silencio, el más recio mantenedor en las curiosas tensiones político-morales de la casa del señor Abad, el Píndaro picaresco de la comarca y el O´Connell filarmónico de ocho leguas a la redonda. Va siempre acompañado de un muchacho que toca el tamboril. 

Su traje favorito es una laical montera de pluma y relicario, buena chaqueta, flojo y campanudo pantalón, un chaleco de grana que le viene siempre de perlas y negro botín.

D. Fernando Fulgosio refiriéndose exclusivamente al gaitero de las mariñas, dice que tiene un perfil de camafeo antiguo, aumentando la semejanza el rizado cabello, que no sin gracia cubre su frente espaciosa hasta la mitad.

Ésta é unha visión exterior do gaiteiro, non exenta de agudeza, na que lle se sitúa no entramado social e na que se lle atribuen certas cualidades inherentes ó seu oficio e condición, aínda que o gaiteiro ten outra dimensión máis específica coma músico tradicional que busca o son, que furga na palleta, que memoriza as melodías, que crea música, que é solicitado para os eventos, que toca unha noite enteira, que está sempre disposto.

O gaiteiro tradicional é un ser autodidacta, formado de oído a base de esforzo e tesón. O normal é que a afición escomence sendo nenos, tal vez despois de ficar fascinado tras escoitar a outro, xa feito, nunha festa ou romaría. Pola falta de medios, a máis parte dos gaiteiros escomenzaron tocando pipas de centeo, gaitas de ferraña, de castiñeiro, de biouterio ou cousas semellantes. Lembremos que a fabricación de todo tipo de instrumentos de vento rústicos coma os xa mencionados, e moitos outros que non veñen ó caso, é unha tradición moi antiga nos nenos do rural galego sendo raro o rapaz de aldea que non xogara con eles algunha vez, remataran ou non por aficionarse á gaita. Despois dalgunha temporada tocando estes instrumentos rústicos chega o día en que poden botar nunha gaita do fol e reafirma-lo gaiteiro que levan dentro, principiando a súa carreira. A posesión dunha gaita é algo inestimable para un "gaiteiro soñador" e moitos son os que, con esforzo, botaron nunha e a conservaron durante décadas -coma o benquerido e recentemente desaparecido Antonio Novo "O Moreno" de Barbeitos, A Fonsagrada- aínda que o destino nos lles dera as cualidades precisas para seren apreciados coma gaiteiros.

Na aprendizaxe, son escasos os que tiveron a sorte de contar cun mestre, a non ser que fora da propia familia, os afortunados que son fillos (sobriños, etc.) de gaiteiros teñen moito camiño xa andado, José Remís Ovalle, un dos gaiteiros máis grandes de cantos houbera en España, era fillo de José Remís Vega, outro prestixioso gaiteiro asturiano, de quen aprendeu os valiosísimos recursos interpretativos que exhibía, que el soubo conxugar cunha intuición e imaxinación inusitadas para parti-la historia da gaita asturiana en dous: antes e despois del. Outro persoaxe único, Avelino Cachafeiro, gaiteiro de Soutelo, era tamén fillo e neto de gaiteiro, sólida base enxebre á que engadiu á súa personalidade temén intuitiva e disciplinada para dar como resultado un tamaño tal de gaiteiro, que provocou outro punto de inflexión na historia da gaita galega. É preciso incluir tamén, nesta élite de grandes gaiteiros con herencia, a Emilio Fernández de Os vilares, Ribeira de Piquín, residente en Madrid, menos célebre que os anteriores pero igualmente xenial, que recibiu a tradición dos seus irmáns maiores ó que el aportou a súa cualidade de grande observador dos mellores gaiteiros coñecidos no seu tempo e entorno para configura-la talla de intérprete e compositor que todos os que o poideron escoitar recoñecen.

A principal barreira que ten que supera-lo gaiteiro que o pretende ser é a interpretativa; ten que dicir algo coa gaita, ten que conectar coa audiencia. Na súa formación tódolos gaiteiros aprenden de outros, polo xeral teñen a visión principal dun gaiteiro que sendo nenos lles maravillou e cuias melodías e características sonoras buscarán e lembraran para sempre. Ricardo Portela, sendo neno, escoitara ó Gaiteiro de Campañó, Xan Tilve Castro e cando falaba del era quen de dar unha descripción con todo luxo de detalles sobre das súas melodías e xeito interpretativo. O traballo vai encamiñado a soluciona-los problemas que presenta a gaita, respecto do seu maneixo -dedos, tempero- e do empalletado, cuestión fundamental para tocar con éxito.

No tocante á interpretación coa gaita é curioso observar con que fidelidade se conservou a técnica de dixitación propia do pechado. Observemos que a definición de pechado fana os que tocan aberto -ou, sinxelamente, non tocan- unha vez que este vello xeito interpretativo escomenza a escasear, é dicir, non hai moito. En tempos pasados (sempre é difícil precisar estas cousas) esta denominación da vella maneira de tocar non tiña razón de ser porque todos seguían (coas lóxicas variacións) a mesma liña. En concreto, o pechado, ten miles de anos de historia, tantos que foi a primeira maneira de interpretar instrumentos do tipo clarinete (anterior) e oboe (posterior).

Na linguaxe tradicional gaiteira manéixanse certas expresións referidas á interpretación entre as cales teñen moita relevancia: tempero, capacidade do gaiteiro de manter no fol a presión ideal para que a gaita de a afinación xusta; tranquillas, efecto de poñer posturas pouco habituais nos dedos para dar notas alteradas ou especiais, polo xeral con dedos que tapan furados que normalmente fican destapados; picados, recursos de repetición ou de resaltado das notas que se poden facer de varias maneiras.

Existen estereotipos negativos nas pautas de comportamento dos gaiteiros. Poseen certas virtudes, como se desprende do dito anteriormente pero tamén certos defectos, dos que tamén hai que falar, porque entre outras cousas o gaiteiro típico é alguén celoso dos outros gaiteiros, que garda os trucos e recursos musicais para si, temeroso da competencia polo prestixio e a fama pero disposto a copiar ós que tocan ben, ós que destacan, algo, por outra parte extrapolable a outros colectivos, outros oficios. O gaiteiro que encaixa con este tópico toca nervioso diante de outros e cando asiste como espectador, máis ou menos de incógnito, mira de reollo e fai que non escoita. Pode que non fora exactamente nestes términos pero famosa foi a enemistade entre Antonio Castiñeira "O Fresco" e Juan Mínguez "O Ventosela", da que trascenderon unhas palabras do primeiro: Ventosela, Ventosela, moita chavería na canaveira.

Outro dos tópicos negativos do gaiteiro tradicional é a súa afición á bebida, defecto que pasaría algo máis desapercibido de non se-lo gaiteiro destino das miradas e centro de atención. Tal vez por esta circunstancia é moi popular a expresión molla-la palleta.

Aparte do traballo puramente interpretativo, o gaiteiro mantén unha loita permanente coa gaita. Por unha parte tiña que conseguir un instrumento de calidade para o que tiña que facer un esforzo económico, mercándoa ou tiña que facela, cousa moi común entre os gaiteiros rurais. O torno de ballesta, tamén chamado de pedal, era unha ferramenta moi común nas casas; a habilidade e a autosuficiencia unha cualidade típica do galego de aldea.

  O empalletado é a trastenda da gaita, o que non se ve pero que ten unha importancia crucial. Na actualidade, coas gaitas temperadas que tocamos e as palletas e pallóns que podemos atopar nos comercios, resulta moi doado te-la gaita a punto pero un gaiteiro rural de hai cen anos, por exemplo, tiña por forza que dominar ese proceso. Unha boa palleta é imprescindible e, aínda que sempre debeu haber palleteiros por moi atrás que recuemos no tempo, tiñaa que face-lo propio gaiteiro. Cada gaita era diferente e só o propio gaiteiro podía saber con exactitude, no caso de ser quen, como tiña que se-la palleta. Referido a esto, Adelino Pichel, gaiteiro de Forcarei desaparecido hai anos, contaba que os gaiteiros de Soutelo se tiraban unha semana afinando cando tiñan que ir tocar a algún sitio.


Gaiteiro de Soutelo

FOTO: Gaiteiros de Soutelo


A cana, materia insustituíble da palleta, de calidade, acadábase dos mangos das basoiras. Esto, que pode parecer algo moderno non o é tanto porque basoiras sempre as houbo, utensilios que se fabricaban dende tempos inmemoriais en zonas mediterráneas como Valencia, de recoñecido clima propicio para a cana.

O resto dos materiais para as palletas non tiñan nada de especial; o xugo antigamente era de cana, dúas tiriñas atadas nos extremos coma as palletas asturianas de hoxe que é a tipoloxía medieval única na Galicia antiga (e resto de zonas do noroeste español); o fío, sen comentarios; e o tudel, que se reciclaba por necesidade cando era de chapa, ou que se facía de pluma de galo se facía falta.

Os pallóns podían ser de máis tipos. A cana galega, de baixa calidade, daba pallóns tamén de baixa calidade, cando era posible atopar algún canaval, cousa pouco frecuente na Galicia interior de antes. Como remedio se usaban as varas dos cohetes das festas e tamén as polas do biouteiro ou sabugueiro (sambucus nigra), cuio interior se valeira con facilidade. 

A vida dos gaiteiros tradicionais, omnipresentes en Galicia, non nos resulta descoñecida na actualidade e podemos botar man de innumerables datos dun pasado recente, ou mesmo dun presente, para satisface-la curiosidade dos máis novos. Tamén, se pode ser, deixar algo para xeneracións futuras que o terán, sen dúbida, algo máis difícil.

 



(Este traballo é unha actualización do que eu fixera no 2.001 para o proxecto de Boa sobre da gaita galega)

Juanjo Fernández
Lugo, 14/5/03


Fonte : Damos as gracias á web www.agaitadofol.com e a Juanjo Fernández pola publicación dos seus artigos.

Artigos relacionados: A gaita do fol