Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Diccionario de diccionarios

O DICCIONARIO DE DICCIONARIOS

en CD Rom

A máxima obra de recompilación en lingua galega de toda a súa historia

Rematou de saír a terceira edición do "Diccionarios de diccionarios", traballo de recompilación de Antón Santamarina, director do Instituto da Lingua Galega ( ILG ) e editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Esta nova edición contén máis de 300.000 verbas e é froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Instituto da Lingua Galega. A Consellería de Educación contribuíu durante catro anos cos fondos necesarios; ó Instituto correspondeulle desenvolve-la idea e realiza-la parte material do traballo. 

Esta publicación electrónica permite consultar simultaneamente os diccionarios galegos históricos, incluíndo algúns desaparecidos do mercado hai tempo e outros nunca publicados, así coma tamén recolle palabras de textos que non  foron parte de diccionarios como é o caso das obras do Frei Sarmiento.  

En suma, esta marabillosa obra é unha recompilación de verbas dende o século XVIII ata hoxe, indispensable para a nosa biblioteca  e unha ferramenta invalorable de consulta que amosa, rescata e preserva a enorme riqueza do noso idioma. Un traballo colosal de Antón Santamarina coa colaboración de moitas outras persoas, que merece o máis grande dos recoñecementos.

Finalidade desta obra

Existen hoxe no mercado galego moitos diccionarios e de tipoloxía moi variada. Hai os clásicos diccionarios de lingua, con entradas e definición en galego; diccionarios bilingües (máis abundantes do galego para o castelán que á inversa), de sinónimos, ideolóxicos, de dúbidas etc.; ás veces recollen só o vocabulario dunha comarca; outras veces recollen a nomenclatura dun campo específico do vocabulario (os tecidos, os peixes de mar etc.); outras son propostas de modernización do léxico galego (a informática, os deportes...). Todo isto fixo que algúns diccionarios xa históricos desaparecesen do mercado; algúns deses diccionarios só chegaron a editarse unha única vez; outros lograron un éxito editorial algo maior pero aínda así (mesmo os editados polos anos sesenta) están xa fóra de circulación a non ser nas librerías de anticuario. Algúns non chegaron mesmo a editarse nunca.

Con todo, a proliferación de diccionarios que hai nestes dous últimos decenios non converteu  en inútiles aqueles vellos diccionarios. Entre outras razóns porque os diccionarios que agora se fabrican (excepto as nomenclaturas e repertorios terminolóxicos) teñen todos como fonte principal a vella lexicografía galega. Está claro que cada diccionario que aparece ten algo de orixinal: algunha palabra específica recollida polo redactor ou equipo de redactores ou ben algunha precisión semántica non tomada en consideración antes. Pero no esencial os grandes carrexadores de palabras foron os diccionaristas galegos anteriores a D. Eladio ou, despois del, as contadas fabas que como Aníbal Otero ou Elixio Rivas achegaron o que modestamente chamaron “contribucións” ou “frampas” porque conteñen principalmente materiais non incluídos nos chamados “diccionarios”. A partir deles o que se fixo foi reescribilos, agora cuns criterios puristas máis refinados e cunha técnica lexicográfica máis depurada. Pero a materia lexicográfica esencial está neles. Nestas reescrituras escolmadas (e ás veces non tan escolmadas) desapareceron entradas que un lector de clásicos da literatura galega acha de menos. Esta é unha das razóns polas que nos pareceu útil facer este diccionario de diccionarios.

Obras incluídas

1. Frei Martín Sarmiento. O bieito non escribiu ningún texto que se chamase diccionario galego nin que tivese forma canónica de diccionario. Pero hai varias obras que conteñen material lexicográfico e aquí están recollidas. 

2. Frei Juan Sobreira Salgado. Deixou, como Sarmiento varias obras inéditas e incompletas. Ó contrario das obras de Sarmiento as de Sobreira están redactadas en forma de papeletas de diccionario ou en forma de vocabulario castelán-galego, polo tanto non necesitan case manipulación. Incluímos, con todo o vocabulario dos “Documentos justificativos” (ou sexa: textos que aboan voces, que son unhas poucas cantigas e refráns).

3. E. R. (=Eugenio Reguera y Pardiñas?). Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano, segundo a transcrición de J. L. Pensado (Cadernos de Lingua, RAG, 1995) do ms. conservado no AHN. O mesmo foi redactado entre 1840 e 1858.

4. Francisco Javier Rodríguez: [Diccionario gallego castellano]. O texto non ten título (ou falta a folla do título). Transcribímolo dos manuscritos de FJR conservados na Real Academia Galega entre os fondos do legado de la Iglesia.

5. Francisco Javier Rodríguez: Diccionario gallego castellano, conforme á edición preparada por Antonio de la Iglesia González, A Coruña, 1863.

6.Juan Manuel Pintos, Vocabulario gallego-castellano, inédito. (A copia que se conserva debe ser de arredor de 1865; hai noticias de que en 1853 Pintos estaba recollendo os materiais). A copia manuscrita consérvase na biblioteca da Real Academia Galega. A transcrición do texto que damos débese a Margarita Neira López e Xesús Riveiro Costas. 

7. Juan Cuveiro Piñol, Diccionario gallego. O Establecimiento Tipografico de N. Ramirez y C.ª de Barcelona fixo unha tiraxe que distribuíu el mesmo como editorial, e fixo tamén unha tiraxe que se distribuíu a editorial de Carlos Bailly Bailliere de Madrid. O ano de publicación en ambos casos é 1876.  

8. Marcial Valladares Núñez, Diccionario castellano-gallego, Santiago 1884. Hai dúas tiraxes diferentes da mesma edición: unha que leva no frontispicio “Biblioteca de El Libredón”, e outra O texto que aquí ofrecemos é o de “El Libredón”; só despois de telo mecanografado e depurado descubrímo-la existencia da segunda tiraxe e xa non daba tempo a facer un cotexo liña a liña.  

9. Marcial Valladares Núñez, Nuevo suplemento al Diccionario gallego-castellano publicado en 1884 por D. M. Valladares Núñez. Reunimos baixo este título varios “suplementos” inéditos (ata seis), que o autor foi colixindo seguramente con vistas a unha segunda edición do diccionario. O primeiro deles (que é o que leva o título arriba indicado) está asinado cando Valladares era de idade de 72 anos, ou sexa, no ano de 1896; o derradeiro é de 1902, un ano antes da morte do autor. O manuscrito de Valladares foi herdado por D. Carlos Ferreirós Espinosa (fillo dunha sobriñaneta de Valladares).  

10. Francisco Porto Rey, Diccionario gallego-castellano, Real Academia Galega, 2000. Comezou a publicarse no semanario Villagarcía Carril en 1900 e ese mesmo ano, no fasc. 6, interrompeuse. O autor entregou á RAG o manuscrito en 1908; sobre ese texto fixeron a edición impresa María Xesús Bugarín e Begoña González Rei; con levísimas correccións das mesmas autoras inclúese agora aquí. 

11. Manuel Leiras Pulpeiro, Vocabulario. Procede dun manuscrito conservado na Fundación Penzol de Vigo (outro, con leves variantes, está na Real Academia Galega). Aínda que hai dúas transcricións previas releuse de novo o manuscrito a partir (de fotocopias do) do orixinal. O manuscrito da Academia foi entregado á institución en 1906 como resposta a un chamamento ós académicos para que achegasen papeletas para o futuro diccionario. O da Penzol non sabemos qué cronoloxía ten pero á vista das semellanzas entre os dous, debe de ser da mesma época (seguramente un é copia do outro).  

12. Real Academia Galega, Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.  

13. X. F. Filgueira Valverde, L. Tobío Fernandes, A. Magariños Negreira e Cordal Carús, Vocabulario popular castelán-galego, 1926. Foi publicado por entregas recortables en “El Pueblo Gallego” e auspiciado polo Seminario de Estudos Galegos, como se desprende do selo debuxado por Castelao que exhibe na portada. Publicábase en entregas de catro follas e chegaron a saír 52, ata a voz treva. A partir de aí interrompeuse a pesar de que o manuscrito xa estaba enteiro. De mans de D. X. Filgueira recibímo-lo que quedaba por publicar (desde trevo ata zuzar) 

14. Leandro Carré Alvarellos, Diccionario galego-castelán. É un diccionario que coñeceu 5 edicións, a última póstuma: a 1ª en dous vols. (1928-1931) e as seguintes nun volume único: 1933, 1951 (Diccionario galego-castelán e vocabulario castelán-galego), 1972, 1979.

15. Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández, Vocabulario del bable de occidente, Madrid, 1932. É un texto preparado postumamente no Centro de Estudios Históricos cos materiais dos dous autores. Contén voces dos concellos asturianos de entre Navia e Eo, principalmente dos de Boal [terra de Acevedo] Navia, Coaña, El Franco [terra de Fernández], Tapia, Castropol, A Veiga, Taramundi, Eilao, Pesoz e Grandas. Máis raramente achegan entradas de concellos de falas non galegas (Valdés, Tineo, Cangas, Grado, Salas...); neste caso os lemas transcríbense en cor vermella. As voces recollidas por Acevedo discrimínanse cun A ó remate de entrada; as de Fernández cun F; cando foron recollidas polos dous autores, con A F. 

16. Aníbal Otero Álvarez

17. José Ibáñez Fernández, Diccionario galego da rima e galego-castelán, Madrid, 1950; 2ª ed. 1956 ( (que reproduce a 1ª). É un diccionario no que as palabras se alfabetizan pola antepenúltima sílaba se son esdrúxulas, e pola penúltima se son graves ou agudas; se hai varias voces debaixo dunha mesma rima, agrúpanse alfabeticamente.

18. José María Pereda Álvarez. Este autor, natural de Verín e mestre (en Viveiro e seguramente noutros lugares), foi estudioso das tradicións populares, sobre as que fixo algunha recolla, e do vocabulario galego. En 1953 publicou en Douro Litoral (5ª série, VII-VIII, pp. 19-52) unhas “Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega”.

19. Eladio Rodríguez González, Diccionario enciclopédico gallego-castellano, I (1958), II (1960), III (1961). Tivo unha reimpresión en 1980 e outra no 2001. A obra de D. Eladio é póstuma (o autor morrera nove anos antes de aparece-lo primeiro volume). Non sabemos en qué data comezou a recoller materiais para a obra (posiblemente arredor de 1905), nin cando comezou a redacción do texto (seguramente no ano 1919). Non sabemos tampouco en qué ano rematou; a primeiros dos anos trinta debía de estar feita unha redacción que non chegou a imprentarse.
Durante os anos da Guerra e das posguerra, impublicable por razóns de censura un diccionario galego, D Eladio seguiu traballando no seu (refacendo, tollendo e engadindo datos) ata polo menos 1944.

20. Apéndice ó Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González. Figura ó final do vol. 3 e débese á iniciativa dos editores (Galaxia). Son voces procedentes das publicacións de Aníbal Otero, ou de colaboradores de Láncara, Castroverde, Lemos, o Incio, Cangas, o Rosal etc.

21. Xosé Luís Franco Grande, Diccionario galego-castelán e vocabulario castelán-galego, 1ª ed. 1968, 2ª de 1972; as seguintes, ata a oitava, en 1983, reproducen a segunda. O texto que reproducimos nós é o da segunda edición.

22. M. do Carme Ríos Panisse, Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces (1977), II. Mamíferos, aves y algas (1983).

23. Elixio Rivas Quintas. Este estudioso leva desde a década dos 60 recollendo voces galegas nas distintas terras onde residiu, ou por onde pasou, ou das terras das que tivo alumnos. Froito desta colleitas son:

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, Editorial CEME, Salamanca, 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, Alvarellos editora técnica, Lugo, 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego (inédito, cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios).

24. Constantino García González, Glosario de voces galegas de hoxe, Secretariado de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, (Verba anexo 27), 1985.

25. E Losada Cortiñas, J. Castro González e E. Niño Ricoi, Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, 1992. A recolleita baséase en fontes escritas; segundo declaran os autores, en “Sarmiento, Cornide, Valladares ou Planellas, Merino e Bellot ata os actuais botánicos galegos e autores das modernas enciclopedias e diccionarios”. A estructura orixinal do libro dividía a materia por tipos e familias; para cada familia enuméranse alfabeticamete polo nome cientifico cada unha das especies e a seguir veñen os nomes vulgares (un ou varias ducias).

Créditos

Esta obra, Diccionario de diccionarios, é froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Instituto da Lingua Galega. A Consellería de Educación contribuíu durante catro anos cos fondos necesarios; ó Instituto correspondeulle desenvolve-la idea e realiza-la parte material do traballo. 

Nesta terceira edición está comprendida tamén a anterior, por iso os créditos que se recoñeceron pola preparación dos diccionarios continúan tendo vigor. Son:

Raquel Aira González, Moisés Barreiro Comedeiro, Mª Xesús Bugarín López, Mª do Carme Fernández Rodríguez, Antonio Fernández Salgado, Maricarme García Ares, Mª do Carme González Bueno, Xosé Antonio Leis Ferreira, Fátima Miguéns Horta, Margarita Neira López, Xosé Manuel Otero Fernández Rosa Salgueiro Salgueiro, Xosé Manuel Pérez Sardiña, Mª dos Anxos Sobriño Pérez, Balbino Testa Fernández, Alfonso Toimil Castro, Begoña Varela Vázquez, Valentina Veiga Alonso, Ana Vidal Meixón, Silvia Viso Pérez, Florentina Xoubanova Montero. 

Participaron no tratamento dos textos engadidos na terceira edición do Diccionario de diccionarios:
Mª Xesús Bugarín López, Mª do Carme González Bueno,  Fátima Miguéns Horta, Mª dos Anxos Sobriño Pérez, Balbino Testa Fernández, Rut Vázquez González, Ana Vidal Meixón, Silvia Viso Pérez.

Foi esencial o auxilio de Xosé Manuel Pérez Sardiña para o tratamento informático dos textos.

Ver:  O Tesouro Informatizado da Lingua Galega