Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A NOITE NA CULTURA GALEGA

Para o home do rural a noite  é o ámbito poboado de espíritos benéficos ou malévolos, ós que ama e respecta e teme e anoxa, concedéndolles influxo favorable ou adverso sobre a vida e os destinos. As sombras da noite, coa súa escuridade, contribúen a enche-lo maxín aldeán de acontecementos misteriosos, de aparicións fantásticas, de visións terroríficas e de supersticiosas crenzas. 

lúa na noitePola noite realizan as súas excursións e aventuras pola terra o tardo e o canouro; xorden polas corredoiras o trasno, a pantasma, a Estadea e a Santa Compaña; abandonan os escondedoiros os negrumantes e as lumias, todo o que constitúe, en fin, o mundo sobrenatural da mitoloxía popular.

A falta de luz poboa de misterio as fragas, os lagos, o aire e os camiños. Así se explica o culto á lúa, considerada benfeitora, porque cos seus reflexos esvaece un tanto as tebras e os terrores. Por iso, nalgunhas partes aínda as nosas xentes cren que a noite é para os mortos, como o día o é para os que viven; e, por iso, sen dúbida, segue a ser a noite o símbolo da morte. 

Na cultura galega hai unha noite na que parecen realizarse tódalas marabillas: a noite de San Xoán. Nesta noite acéndense nas cidades, vilas e aldeas as tradicionais lumeiradas, arredor das cales canta a mocidade, baila e brinca por riba das chamas; pasan logo os gandos para que reciban o orballo de San Xoán, cando xa as fogueiras esmoreceron, facendo que as redes reciban o remol aínda fumegante; póñense ó relento herbas e plantas recendentes, mergulladas en auga, e nesta auga sanadoira lávase á mañá seguinte toda a familia, na crenza de ver curadas as erupcións do cute que padecen; tómanse ás doce da noite as nove ondas do mar polos que viven preto; non poucas persoas acoden á praia máis próxima , malia teren que percorrer unha distancia de dúas a tres légoas para recibi-las salutíferas ondas; chimpándose nove veces ó río os ribeiráns do Miño ó dálas doce da noite, cren que esas ablucións lles serán beneficiosas. 

As mozas solteiras botan a clara e a xema dun ovo nun vaso con auga, que poñen ó relento para observar ó saí-lo sol as formas caprichosas que adoptou o contido e deducir diso a profesión ou oficio que terá o desexado noivo ou o futuro esposo; hai quen cre que as meigas aproveitan a noite de San Xoán para dirixirse polos aires ós seus conciliábulos de Sevilla ou do noso areal de Coiro; e tales virtudes salutíferas e purificadoras teñen as augas nesta noite única, que tamén posúen facultades prolíficas para a moza que acade collela flor da auga fría. 

En non poucas aldeas galegas moitas persoas adoitan madrugar para ver por un cristal afumado como o sol nace bailando na madrugada dese día vizoso en prodixios. A mocidade das aldeas, aproveitando as sombras, dedícase a cambiar de sitio e saca-las cancelas dos seus gonzos, os carros, os apeiros de labranza e tódalas ferramentas que poden levar duns sitios a outros máis ou menos afastados; deste xeito aparecen pola mañá na eira dun veciño o que estaba recollido no alpendre doutro; e así trasladaban á Veiga vella os efectos dun veciño da Veiga nova; e aínda atrancan as portas de moitas casas para que os moradores non poidan saír doadamente delas. 

Nas poesías dos trobadores medievais fanse referencias adoito a estes costumes que xa entón eran propios de noite e de día tan sinalados.

 

 

Mónica B. Suárez Groba

Fonte consultada: "Breviario Enciclopédico" de Eladio Rodríguez Gónzalez.

 


VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ