Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O Nadal en Galicia

Galicia; pintura ao pastel de Arturo Souto Feijoo

"GALICIA" (pintura ó pastel)

por Arturo Souto Feijoo
(Pontevedra 1902 - México 1964)

 

En decembro a meirande parte das culturas do mundo antigo celebraban a chegada do solsticio do inverno (día 21)  dende o cal a luz do sol medraba e os días máis longos serían os que revitalizarían  o campo e as colleitas

 

As orixes celtas da festa do nadal

Costumes e tradicións do Nadal 

O Nadal na Galicia tradicional

O Nadal na actualidade

Panxoliña de Nadal (Luís Amado Carballo)

 

As orixes celtas da festa do Nadal 

O 21 de decembro, coa chegada do solsticio do inverno celebrase a antiga festa celta do "Alban Arthuan".O cristianismo marcou o día 25 de Nadal para lembra-lo nacemento de Cristo coincidindo coas celebracións profanas e  desa maneira capitalizou a festa. Unha das razóns da rápida propagación da cristiandade por toda Europa durante o primeiro milenio débese precisamente á incorporación dos ritos, crenzas e costumes doutras relixións e culturas , tal e como xa fixeran os romanos na súa conquista.

lume

O "Alban Arthuan" era un dos antigos festivais celtas do lume. Tiña lugar durante a noite que ía do 21 ó 22 de decembro (segundo o método que usaban os druídas para medi-lo tempo), e coincidía co solsticio de inverno. "Alban Arthuan"  - en galego "A Lumeira de Artur" - facía referencia ás lendas artúricas que afirmaban que o mítico rei naceu no solsticio de inverno.

O Alban Arthuan marcaba a celebración tanto do día máis curto do ano coma do renacemento do sol. Cóidase que o Alban Arthuan era tamén un tempo de fertilidade acrecentada, coma eran tamén os outros festivais do lume, coma o Samaín e a festa de Beltane. O primitivos calendarios celtas medían os meses segundo as voltas da lúa ó redor da terra, o que difería do arbitrario sistema do calendario xuliano, que se basaba máis nas crenzas dos papas que nos ciclos naturais da lúa e do sol.

 

Costumes e tradicións do Nadal

Nos celtas existía o costume chamado "das Velas do Nadal". Esta era unha tradición que  consistía en manter unha vela acesa en honor á deusa Nai Terra durante o solsticio de inverno, usando os restos da vela do ano candea anterior. 

Debía arder durante doce horas para traer boa sorte. Coma orixe desa tradición xurdiu unha das tradicións máis antigas e de maior raigame en Galicia: o chamado "Cepo do Nadal".

Esta tradición foi moi común especialmente en Lugo y Pontevedra. 

O "Cepo do Nadal" era unha cepa grande de madeira boa, de carballo xeralmente, que se botaba no lume da lareira para que ardese durante toda a noite. Nalgunhas comarcas tamén se usaba o chamado "Lume novo" (as brasas deste lume, facíanse nas lareiras das casas queimando toxo ou leña miúda, logo eran benditas o Sábado Santo no adro da igrexa. Gardábanse porque daba boa sorte á familia e acendíanse na noite de Nadal).

Á calor e á luz deste lume xuntábase a xente e cantaban panxoliñas, contaban historias da Santa Compaña, da Estadea, de mouros,  serpes, encantos, contos de rir, etc mentres os nenos xogaban. Pensábase que ás animas da familia estaban presentes esa noite arredor do lume.

Este cepo do Nadal era moito máis que o alimento do lume dunha noite do ano. Os carbóns que facía non se guindaban, gardábanse nun curruncho da casa por teren propiedades máxicas. Cando tronaba, tanto nas treboadas de verán como no anaco de inverno que aínda quedaba por vir, collíase borralla do cepo de Nadal e botábase de novo á lareira, para que se fixesen ascuas novas e espantasen os tronos. 

Ramón Otero Pedraio escribiu sobre o cepo de Nadal chamándoo "tizón de Nadal"

Decora-la árbore de Nadal era tamén orixinalmente un costume pagán; adoitaban poñerse decoracións con moitas cores colgando da árbore, normalmente un piñeiro, para simboliza-los diferentes obxectos estelares que tiñan relevancia entre os celtas: o sol, a lúa e as estrelas, e tamén para representa-las almas dos que morreran durante o ano anterior.

A moderna práctica de facer regalos é unha evolución da tradición pagá de colgar galanos nas árbores de Nadal como ofrecemento ós deuses celtas.  Algunhas das actuais tradicións ó redor do "Pai Nadal" ou Santa Claus tamén teñen orixes celtas. Os seus "elfos" son a modernización das fadas da natureza da relixión celta.

Ata hai escasos anos nas aldeas e vilas galegas podíanse escoita-los cantos propios que había para cada día ou para cada festa: o día de Nadal cantábanse nadais, panxoliñas, cantos de nacemento e vilancicos; as xaneiras, aninovos e manueles, no día de fin de ano e Aninovo; e os reis, aguinaldos e vilancico na noite de Reis.

Estes cantos estaban inducidos dende as propias parroquias e polos seus rexentes; facíanse de cotío nas igrexas ou nos adros e complementaban unha ofrenda ou unha procesión. Pero tras deles había igualmente un compoñente folclórico, popular, de xuntanza e alegría, tanto que ás veces algúns grupos percorrían os lugares cantando vilancicos para xuntar diñeiro co que organizar as festas do patrón noutras épocas do ano.  Nos séculos XVII e XVIII tamén se interpretaban os cantos de Nadal galego nos templos de Castela e Portugal, feito suscitado, de seguro, pola influencia relixiosa de Santiago.

Era costume que na Noite de Nadal, a mesa quedase sen limpar, porque esa comida era para as ánimas dos defuntos da familia, e a cociña non se varría para que non entrasen as meigas.

 

O Nadal na Galicia tradicional 

O Nadal galego tradicional forma parte da tradición cristiá desenrolada dende o fin da antigüidade e seméllase ás doutras terras da Europa Occidental.

Este ciclo comeza coa celebración da Noiteboa para continuar cos Santos Inocentes e o Aninovo, rematando nos Santos Reis. Todas estas celebracións foron difundidas pola Igrexa a partir do século IV da nosa era.

A celebración do Nadal é , en primeiro lugar, un tempo relixioso relacionado co cristianismo que asignou estas datas para conmemorar universalmente certos feitos de especial transcendencia relixiosa.  Mais en ancestral coincidencia co devandito, podemos atopar no Nadal un tempo agrario, vencellado ó ciclo productivo anual, e un tempo de inversión, momentánea, da estructura social. Este ciclo estacional do ano sinalouse dende a Idade Media con datas que coincidían co ritmo da natureza. Desta maneira,  o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do chamado "solsticio de inverno".

No mundo rural tradicional estamos nunha época na que, xa feita a sementeira, e en agarda da futura colleita, o labrego concentra o seu esforzo en traballos artesanais dentro da casa ou en labores como a matanza do porco.

Por ser festa universal  (e non específica dunha comunidade determinada) o Nadal celébrase en familia, ou  no entorno da aldea e da parroquia. É  un tempo propicio para afirmar certos símbolos familiares que amosan a continuidade desa unidade económica, social e cultural que é a casa habitada moitas veces por unha familia de avós, fillos e netos, todos eles agrupados arredor da tradición representada polo fogar. 

Por iso, no Nadal acendíase na lareira un tronco, ou tizón, chamado "lume novo", e que logo permanecía gardado  todo o ano. Esto tamén representababa a quentura do fogar  en contraposición coa fría natureza exterior.
 
Nas comunidades labregas galegas, era moi común, a invocación dos antepasados xa mortos. Por iso existía a crenza de que a Noiteboa viñan as ánimas dos antepasados a xantar e quentarse na lareira.  Coa súa presencia afirmaban a continuidade do pasado co presente; eran, en definitiva, garantes de que, no ano que ía comezar, a casa mantería os principios de supervivencia que a fixeron xurdir.
 
árbore de Nadal No Nadal atopamos as chamadas "inversións" da orde social en forma de bromas gastadas na Misa do Galo, como era a de coser a saia de dúas mulleres, que se atopaban xunguidas polo fío cando se erguían. A mesma Igrexa permitiu dende a Idade Medida, inversións deste tipo documentadas en Galicia. 

Así, na festa "dos Santos Inocentes", un rapaz de coro, chamado "O Obispillo" , secundado polos seus compañeiros, asumía nesa data o papel de bispo, mandando como tal. Un grupo de idade, o da infancia, sempre supeditado á autoridade dos adultos en tempo normal, adquiría así temporalmente dereitos que lle están vedados na vida cotiá sen que isto prexudicase a boa marcha da sociedade, pois, unha vez concluída a festa, as relacións sociais e de sexo recuperaban o nivel xerárquico comunmente admitido.
 
Hai outro aspecto da festa de Nadal que revelaba a potenciación da infancia e da xuventude. Grupos de mozas e de mozos percorrían as aldeas ou parroquias cantando panxoliñas en Nadal, Xaneiras ou Manueles en Aninovo e todas elas eran de literatura popular transmitidas oralmente. A cambio do seu cantar, a mocidade solicitaba un donativo xeralmente en especie (chourizos, torradas, roscas, etc.), que despois consumían en foliada propia da idade. Velaquí, unha oportunidade festiva aproveitada polos rapaces,  que podían conseguir algúns bens que en tempo non festivo controlaban os adultos. A obriga destes últimos era entrega-lo donativo, arriscándose, en caso de non facelo, a sufrir o ataque verbal da rapazada, en uso dos dereitos que exercía. Por iso o cantar podía ser de loanza, en caso de obte-lo desexado, pero tornábase ferinte, e mesmo insultante, no caso contrario.

Por exemplo, este era un cantar de Reis que nos amosa a reacción ante a segunda das actitudes citadas, e dicir ó non recibir ningún donativo.


 
    Cantámosche os Reises,
    canela de cabra,
    fuciño do cocho,
    orella queimada;
    cantámosche os Reises,
    non nos deches nada.

 

Nas festas de Nadal, Reises ou Ano Novo, os mozos formaban coros que recorrian as casas nas aldeas festexando con cantos o dia, unhas veces sen acompañamento, outras con pandeiretas, cunchas, ferros e gaitas.

 

O Nadal na actualidade

Por riba das evocacións relixiosas, o Nadal foi sempre, é aínda, un tempo reservado para o reencontro familiar e a reflexión, para vivirmos con intensidade as noites máis longas e iluminarmos con luces, fitas de prata e panxoliñas a escuridade do inverno. A casa convértese no espacio protagonista e por iso decorámola como o salón dunha verbena que dura ata a entrada do novo ano. Este divertido "rito dos adornos" inclúe a preparación da Árbore, unha actividade que resulta especialmente atractiva para a xente máis nova.

A inclusión da árbore de Nadal dentro dos costumes destas datas é relativamente moderna pois trátase dunha tradición importada dos países nórdicos e centroeuropeos que, ata practicamente mediados deste século, non vela de Nadal se coñecía en Galicia. 

Hai uns cincuenta anos os e as emigrantes galegas na Suíza, a Alemaña e outras zonas interiores do continente, trouxeron canda si esta nova maneira de festexar o Nadal. Mais, aínda que o costume veña de fora, non resulta estraño que un país como o noso o asimilase tan ben. A veneración polas árbores, como fonte natural de riqueza, sempre estivo ben presente na nosa cultura; así os Maios, que antano foron populares en toda Galicia, son precisamente un recoñecemento ao renacer da natureza, coas árbores como protagonistas.

O piñeiro  e mais modernamente o abeto, representan, coas súas follas perennes, o triunfo da vida na estación do inverno. A árbore, a pesar da neve e da xiada, continúa a traernos os seus agasallos cando máis falta nos fan: piñas, troncos e garabullos axúdannos a manter aceso o lume, que nos dá luz e calor na invernía. Estes presentes transfórmanse durante o Nadal en xoguetes, larpeiradas, libros, discos e outras cousiñas, que "aparecen" maxicamente ao pé da árbore para encher de ilusión a Noiteboa... Nuns lugares o encargado de traer os presentes é San Nicolau, noutras o Meniño Xesús, Euskadi conta co seu Lentzero e Cataluña co Tió...

 

PANXOLIÑA DE NADAL (Luís Amado Carballo)

Fariña levián da lúa
aboiando polo ar.
Neve de estreliñas mozas
que se chapuzan no mar.

Que viva, que viva,
que reine, que reine,
o Verbo encarnado
que é o rei de reises.

Bailan as verdes cantigas,
con estreliñas nas mans,
unha nova muiñeira,
vestidiñas de luar.

Que viva, que viva,
que reine, que reine,
o noso meniño,
que é o rei dos reises.

A gaita deita pingotas
como chuvia estrelecida,
envoltas nos seus salaios
voan ao ceo as cantigas.

Que viva, que viva,
que reine, que reine,
o Deus feito carne
que é o rei dos reises.

Encol das nubens vagantes,
van as copras polo val,
adormecidas no berce
da donda paz aldeán.

Que viva, que viva,
que reine, que reine,
o señor dos ceos
que é o rei dos reises.

O tambor riza o silenzo,
as cunchas, rañan as tebras,
o bombo maza no coiro
da noitiña rebuldeira.

Que viva, que viva,
que reine, que reine,
o fillo da vida,
que é o rei dos reises.

Esta noite é Noite-Boa,
de alalás e de ruada.
Brinca a lúa polo ceo
tecendo unha ribeirana.

Que viva, que viva,
que reine, que reine,
o fermoso neno,
que é o rei dos reis

 


Ler máis: "O tizón de Nadal" por don Ramón Otero Pedraio.

 

Fontes de información consultadas: "Breviario Enciclopédico" de Eladio Rodríguez Gónzalez;

www.vieiros.com