Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O TRAXE TRADICIONAL GALEGO

Os primeiros testemuños gráficos e tamén literarios dun traxe tradicional galego, poden remontarse ó principios do século XVIII, aínda que algunhas pezas teñan maior antigüidade pero estas son máis sobrias e escuras. Alcanzou o seu maior esplendor no primeiro tercio do século XIX , e pódese tamén dicir que a súa desaparición foi a final deste mesmo século. O traxe galego é o máis europeo de España, e ten paralelos, quizais ancestrais nas costas de Normandía, Escocia e Irlanda.

O traxe, ó longo da xeografía de Galicia, está formado sempre polas mesmas pezas, aínda que non é uniforme e presenta moitas variedades comarcais, especialmente entre a costa e a parte montañosa, pero ten unha certa unidade.

Hai traxes de festa, máis luxosos, que hoxe  son os máis conservados, e os de traballo, máis sobrios e máis usados, por iso foi  máis difícil a súa conservación ó longo do tempo.

As materias primas das teas máis usadas foron o liño e a la, aínda que tamén se utilizou o coiro, a seda, a palla e o xunco. Os escritores romanos xa falaban  dos tecidos de liño galego nos seus escritos, e na Idade Media son moi abundantes as súas referencias literarias.O uso da la é moi antiga, xa que  nos castros encontráronse elementos que proban o seu emprego.

O traxe da muller

A roupa interior era a camisa , unha peza longa usada de día e de noite, é dicir coma camisa e coma camisón. Tiña O traxe galego de muller dúas partes: a superior chamada cós que era de mellor tea, e a inferior chamada faldra, de tea máis corrente. A enauga,  mais moderna, era unha saia especial de tea branca xeralmente, con colo moi grande e adornada con encaixes e puntillas de cinta de cor, que  indicaban o estado da portadora: vermella para as solteiras, branca para as casadas, negra para as viúvas. Na cintura estaba suxeita cunha cinta.
As medias eran de liño ou la, tamén podían ser de algodón ou seda. As máis estimadas eran as caladas e de cor azul, estas eran usadas polas mozas nas romarías.

O pantalón ou calza interior era branco, dende a cintura ata debaixo dos xeonllos.

Por riba da camisa poñíase o xustillo, que era unha especie de axustador que cubría dende os ombros ata a cintura. Cerrábase cun cordón cruzado en diagonal.

A muller galega podía vestir dúas saias: unha interior , zagal e por riba desta , a vasquiña. Debaixo  da cinturilla da saia escondíase a faldriqueira , que era unha bolsa de liño destinada a garda-los cartos e outras cousas que foran de gran estima.

Como peza de abrigo, por riba da roupa interior, usábase o refaixo, especie de saia de cor vermella ou amarela. A peza esencial do traxe era o mantelo, amplo mandil,  ou saia aberta por detrás en forma de capa. Era unha peza de luxo, para saír, podía ser de pano negro ou de galas, e cubría as saias e o refaixo.

O dengue, peza tipicamente galega, é a capa que cobre as costas ata a cintura e que se prolonga por diante, cruzada sobre o peito, para abrocharse por detrás con broche de prata ou metal. Tamén era unha peza de gala.
A cofia, que podía ser de liño moi fino, muselina, tule ou encaixe,  cubría a cabeza, e recollía o pelo , tamén era de gala. O peiteado era sinxelo, raia a medio e facíase unha trenza, as mulleres casadas facían dúas trenzas que unían ó final nunha. Crica era o lazo que suxeitaba as trenzas.

Traxe galego ( detalle ) Para cubri-la cabeza durante a misa usábase a mantela ou mantilla, a peza máis común e primitiva de toda España.

De abrigo tamén era a manteleta ou capiña (unha peza moi antiga e luxosa) , que se levaba sobre os ombros e caía máis abaixo da cintura, ás veces remataba coa parte superior nun capucho ou capeirote.

Outra peza moi usada era o pano. Podía ser de cabeza ( feito en liño, algodón, la ou seda) con debuxos florais, e negro ou de loito, tamén o pano de pescozo (usado en lugar do antigo dengue como peza de abrigo).

O mantón, contrariamente ó pano, nunca se ata. O de festa era o mantón de Manila, de seda natural , bordado, con flocos. Había un de moita estima que tiña oito puntas, e o máis voluminoso, era o de la con flocos, e o mais pequeno.era o de man feito de liño e con encaixes.
Calzado: usábase zapato baixo, tamén botas de cana de pano ou pel, e as zocas de madeira dunha zoa peza  eran o calzado de traballo.

Usábanse pendentes, era moi común un adorno colgante sobre o peito chamado sapo, colares de prata, cristais, tamén cruces e medallas. Tamén se utilizou o sombreiro de diferentes materiais.   Traxe de home
A primeira peza de roupa interior era a camisa, xeralmente de lenzo caseiro de la, e tiña dúas partes: a peiteira e a faldra, as mangas folgadas e apertadas ó pulso. A de gala tiña a peiteira de diferente tea, con bordados e adornos.
Traxe galego de home O calzón interior ou calza, era máis longo có calzón exterior, ata  máis abaixo dos xeonllos e mostrábase por debaixo do calzón exterior. Por riba, o calzón exterior que era un pantalón curto, que ía dende a cintura ata un pouco máis abaixo dos xeonllos, levaba unha apertura lateral no interior da perna pola que se mostraba o calzón interior. A tea xeralmente era de pano.

As pernas estaban cubertas con medias de la ou de liño,  usábanse todo o ano, soas ou por debaixo das polainas, que eran unha especie de calzas, para abrigo, e que chegaban dende os xeonllos ós pes, xeralmente de cor negra.
O chaleco ou colete era de tecido, case sempre amarelo ou vermello, pode levar colo, e adoita ter botóns de prata. A parte traseira, de liño, adornada con debuxos xeométricos, de flores, ou con recortes de veludo.

A chaqueta do traxe, era curta e entallada, non pasaba da cintura, confeccionada xeralmente de pano verde, azul , castaño, amarelo, tiña mangas estreitas e curtas e dous petos horizontais.

A faixa rodeaba á cintura por riba do calzón, larga e remataba en flocos, da dúas voltas arredor, podía ser de distintas cores e ás veces con bordados.
A monteira era a peza da cabeza máis común, xa se usaba no século XV. O seu material era de la ou veludo, de cor castaña, verde ou negra. A súa forma máis sinxela era a de bóveda cunha dobra arredor, tamén podía levar varios picos e adornarse con borlas de la ou plumas. Tamén había unha que tiña orelleiras, recollidas enriba da cabeza e que tapaban as orellas nos días de frío, atando as tiras.
A capa era longa, xeralmente negra, castaña ou azul, e forrada coas bandas, e levaba broches de varios metais, coma ouro , prata ou outros.

Calzado masculino

Eran as zocas de madeira e os zocos de coiro e piso de madeira, que tamén se chamaban chancas, moi antigas, quizais de orixe xermánica ou sueva. Tamén se usaban botas ou zapatóns de pel de xato, e con traxe de festa, zapato baixo.

Para protexerse da chuvia usábase unha capa de xunco ou palla, chamada coroza ou palloza, que tamén tiña polainas tecidas con xuncos.
 
Na actualidade o traxe tradicional é utilizado polos grupos folclóricos de gaiteiros e de danzas tradicionais galegas

 

Mónica Beatriz Suárez Groba 

bibliografía: "galicia 2000: cultura popular", XUNTA DE GALICIA.

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ