Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Gaitas e bailes

por :  Xosé Luís Foxo (*)


Gaitas e bailes

Un dos xeitos máis salientables que temos actualmente de diferenciar os pobos son sen dúbida as manifestacións folclóricas.

Xa dende tempos ben remotos os historiadores dannos referencia dos costumes dos pobos; así observadores dos primeiros séculos do imperio romano fan referencia ás xentes do Noroeste da Iberia, deixándonos testemuñas de grande interés; recordándonos incluso algúns pasos da muiñeira, tal sería a cita de Estrabón referida ó saltar e caer de xeonllos, sinalando unha especie de frauta que acompañaría ditos bailes.

En ningún caso podemos afirmar que ningún historiador da época clásica fixera referencia explícita, ao menos coa morfoloxía que debe conformar ó instrumento como tal, sendo esencial o fol como elemento diferenciador. Pero será a partires da perdida da hexemonía da cultura latina cando as subculturas do Imperio empezan a dicir algo. As linguas romances florecen de xeito imperioso. Cada pobo ou etnia recomeza valorar o seu, especialmente o que a lingua se refire. En calquera caso ata as civilizacións nas que o imperio romano non tivo acceso directo, tal e o caso das culturas nórdicas, a impronta do latín como lingua culta deixou perennes vestixios.

Coa chegada do Rei Sabio a Castela, Galicia exercía unha gran influencia cultural sobre boa parte de España. Somentes temos que observar a influencia do Galaico - Portugués en toda a península. 

A partires do século XII escomézase a matizar e deslindar as que hoxe chamamos Autonomías. A personalidade cultural de cada pobo peninsular, empregaría como bandeira a súa propia lingua e os seus costumes folclóricos.

Co paso do tempo, a música culta iría arrombando os costumes menos refinados  deixando paso os grandes clasicismos procedentes do corazón de Europa. Andando o tempo, os pobos máis ó Finisterre serían os menos relacionados, e polo tanto serían os que conservaron a súa personalidade cultural de forma máis xenuína. Por exemplo: sabemos que a cornamusa ou gaita, foi o instrumento mais popular en Europa, durante os séculos XIV, XV, XVI e XVII, de esto temos abundantísimos testimonios literarios, pictóricos, iconográficos, e un longo etc.

Entón cabe a pregunta: ¿Por qué nos quedou ós galegos como instrumento practicamente exclusivo a gaita, toda vez que sabemos que a Galicia chegou tardiamente?

O mesmo aconteceu en Escocia. Resulta curioso escoitar afirmacións dogmáticas no senso de que a nosa gaita xa nos foi transmitida polos Celtas. Ou ler en libros de relativo prestixio que xa se empregaban en Galicia 400 anos antes de C.

Coincidindo co rexurdimento cultural, a partires do século XVIII, a gaita foi o instrumento empregado como símbolo de Galicia. Os poetas da Fala e a maioría das plumas eminentes de Galicia, tiveron referencia fermosas ó papel da figura do gaiteiro, especialmente os poetas románticos. 

Podemos afirmar, incluso, que en Galicia existiu a cultura da gaita; pero lamentablemente esa forma cultural andivo da man das clases menos preparadas; por iso ata finais do século pasado practicamente ninguén se preocupou de intentar darlle forma a esta tradición de forma ordenada.  Por tanto esta tradición, e especialmente os grandes saberes individuais, quedaron esquecidos para sempre. Outras culturas da gaita, sen embargo tiveron máis sorte.

Xa está case pasado de moda a labor de campo. Certamente resulta moi curioso escoitar as músicas populares recolleitas por distintas persoas mesmos informantes (isto mesmo podémosllo aplicar aos nosos bailes); en moitos casos somentes se asemellan no título do tema. Precisamente por iso son populares, xa que cada quen engádelle algo da súa colleita, xustamente o contrario ao que din os especialistas no tema.

As gaitas e mailos bailes de Galicia tiveron as súas formas diferenciadas en cada parte da mesma. Así coñecemos a Muiñeira Ribeirana, a Muiñeira Montañesa, e un longo etc, o que nos amosa a personalidade diferencial dentro da mesma xeografía galega. Pero estas diferencias déixanse notar hoxe en día máis que en ningún tempo pasado. 

Como simple observador, podo constatar a influencia que se deixa sentir nos bailes levados ós escenarios por certos grupos, sendo o resto dos demais grupos meros imitadores, todo elo en detrimento de formas locais. 

No mundo da gaita estas interferencias tamén se deixaron notar, existindo en todo o tempo as tendencias da época e gustos por un tipo de música concreta. Pero estas tendencias e transformacións tamén afectaron á morfoloxía do instrumento, vexan senón as gaitas que tanxían os gaiteiros que tocaban para os bailaríns en sendas estampas que lles amosamos.


gaitas

(*) XOSÉ LUÍS FOXO

Nace en Romeor do Caurel, Lugo, o 12 de outubro de 1950.
Cursa estudos de Humanidades, Filosofia e Teoloxía. Trasládase a Barcelona, onde realiza a carreira de traductor-intérprete de alemán e inglés na Universidade Autónoma, así como estudos de filoloxía xermánica e galaico-portuguesa. Recebe a súa primeira formación musical directamete do mestre Xosé Castiñeira, que proseguirá durante a súa permanencia na cidade condal. Paralelamente aos devanditos estudos, adícase profundamente á investigación e perfeccionamento dos recursos naturais da gaita, conquerindo grandes logros. 
Con todo, o labor fundamental de Xosé Luís Foxo é ter conquerido un plan de estudos pedagoxicamente ordeado, até agora non experimentado, a fin de conquerir a formación artística do gaiteiro, dun xeito progresivo e escalonado. 
No ano 1960 (1)  formou en Lugo o grupo “Toxos e Xestas”, co que se deu a coñecer a música galega en numerosos paises do mundo. No 1975 crea en Barcelona a Escola de Gaitas e Danzas Galegas “Toxos e Xestas”, pionera e modelo para outras semellantes. No 1979 funda en Sabiñánigo (Huesca) unha gran banda de gaiteiros, que conqueriu unha grande sona na alta montaña pirenaica.
Actualmente é director da Escola Provincial de Gaitas da Excma. Deputación Provincial de Ourense. 
Ten feito un fecundo labor como compositor de melodías para gaita, sendo nomeado por ise motivo Cabaleiro da Serenísima Orden da Alquitara de Portomarín. As súas publicacións encol da música galega en periódicos e revistas especializadas son abondosos. Ultimamente a súa labor céntrase quer na investigación, quer na docencia da música galega, a cuxa laboura se adica exclusivamente.

 (1)  O ano correcto é 1969. (Información obtenida da web da Real Banda de Gaitas de Ourense e corrixida grazas á colaboración de José Filgueira dende Castellón, España, quen nos fixo notar o erro).

 

Artigo publicado na revista  "RAIGAME",  Nro. 0  (Maio 1995) 

editada pola Asoc. Castro Floxo de Ourense e impresa pola Dep. de Ourense