Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

FARINELLI NO CONTEXTO DA CAÍDA DO BARROCO

por César del Caño (*) 

Vívese a comezos do S. XVIII unha época de grandes cambios, e os axentes imprescindibles que posibilitan en España a transformación dos estilos, toman corpo simbólico coa familia de Felipe V e as súas donas italianas.

Musicalmente falando, a influencia italianizante das raíñas estende en España as maneiras típicas do estilo operístico.

A ópera experimenta o seu esplendor en todo Europa. Nunca foron compostas tantas óperas, nin foi a arte operística  obxecto de tan fortes discusións. Tamén foi a época dourada dos cantantes, ante todo dos castrati. Caffarelli, Senesino, Ranuzzini, e outros eran venerados pola clase alta. Foron as grandes estrelas do século XVIII. Pero, entre todos eles, o que se pode considerar o Rei, o Paganini da arte do canto, foi Farinelli. Arruinou a Händel en Londres, xa que pertenceu a un grupo de ópera rival. 

 É a época na que se crea a intendencia de Galicia  no contexto da nova política administrativa implantada polos Borbóns, que a través da figura do Comisario Rexio ou Intendente coloca baixo a supervisión directa do rei un amplo abano de materias que van dende o control militar, pasando polo reparto dos tributos e percepción das rendas reais, deica o mesmo control policial e censal.

Neste contexto chega á corte de Madrid, Carlo Broschi, máis coñecido por Farinelli, chamado por Isabel de Farnesio, segunda dona do rei, e precedido polo eco dos seus triunfos en Londres. Corre o verán do ano 1737. A chegada do gran castrado provoca non poucos líos na vida artística de media Europa; empezando polos empresarios ingleses cos que Farinelli tiña compromisos e que poñen o berro no ceo ó ver que o negocio se lles vén abaixo. Pero Felipe, que tolea polos malabarismos vocais do artista, sábeo reter con tantos agasallos en metálico, ouro moído, brillantes, reloxos, cabalos, carrozas, apousentos e todo o que un rei podía ofrecer ós seus favoritos, que Farinelli agárrase á cadeira real coma unha donicela e fica definitivamente en Madrid.

É o intre no que a ilustración en Galicia acada o seu gran apoxeo con Frei Benito Feijoo, e sobre todo co P. Sarmiento, gran erudito, defensor do idioma galego e precursor do futuro galeguismo.

No que se refire á música galega, ésta redúcese ás composicións dos mestres de capela das catedrais (José de Baquedano, Diego Muelas, etc.) carecendo a música profana de nomes propios que avalen unha producción melódico-harmónica seria, sobre todo por mor da falla de núcleos urbáns de importancia. Non así na corte de Madrid onde viviron e traballaron músicos da talla de D. Escarlatti, L. Bocherini e outros.

Morto Felipe V, o seu fillo Fernando VI herda as súas taras mentais e os seus gostos filarmónicos. Sábese que Farinelli foi mesmo amigo e conselleiro seu. Cada noite tranquilizaba o insomnio e as depresións reais co seu esquisito canto. Cumpriu unha auténtica función de terapeuta musical. 

Sobre a figura deste histórico cantante cóntanse centos de anécdotas. A súa sona tiña acadado o cumio do éxito deica tal ponto que o decir da época expresábase nunha frase moi popular: “Non hai máis ca un deus e un Farinelli”. Os meirandes mestres do Bel Canto téñeno citado nos seus libros como exemplo de virtudes non só canoras senón persoais. En Inglaterra a devoción do público polo seu ídolo acadou proporcións incribles. Á saída dos teatros a xente esmagábase por podelo ver de cerca. O gran Giambattista Mancini, tamén célebre cantante e contemporáneo seu, fálanos del do seguinte xeito:

   “A súa voz era perfecta, cálida, sonora, rica en extensión, de timbre docísimo en tódolos rexistros, non se ouviu xamais cousa semellante. Estivo dotado de natural inspiración, ordeada con tanta sabenza que se percibían no seu canto cousas peregrinas e tan particulares que non deixaban eido a que ninguén as poidese imitar. A arte de saber conservar e rete-lo alento con pureza suma, sen que ninguén o notara, principiou e rematou con el. A entoación, o xeito de modular e reforza-la voz, a unión dos rexistros, a axilidade sorprendente, os seus trinos perfectísimos en seis modos distintos, foron cualidades nel de equilibrio e igualdade tales que ningunha deixou de acada-lo grao de sublime. A pesar dos seus memorables triunfos, este magno cantor non deixou nunca de estudiar”

Cando sobe ó trono Carlos III, opéranse no país unha serie de reformas (peche de tódolos teatros, reforma de Esquilache, etc.), e parece ser que Isabel, nai do rei, despide a Farinelli resentida por se ter pasado éste ó bando do seu fillastro, o anterior monarca Fernando VI.

Neste momento, 1760, a ola afrancesada invádeo todo, así que Farinelli, cargado de riquezas acumuladas durante vintetrés anos, retírase a Bologna onde, a dicir dalgúns, se fixo construír un suntuoso palacete no que morrería  no 1782.

Neste mesmo ano morre o mestre de capela da catedral de Santiago, Buono Chiodi, tamén italiano, solicitando a vacante Melchor López, gran renovador da capela de música que reorienta esta dun barroco serodio cara un clasicismo pleno.

Farinelli

 

 

 

 

Carlo Broschi (Farinelli)


Litografía de J.Wagner, segundo un cadro
de Jacopo Amiconi


A divinizada estrela situada nun ambiente grego clásico(¿no Parnaso?), non toma en consideración a presencia de súa musa semiespida

 

 

 

 

 


(*) CÉSAR DEL CAÑO

Músico de profesión, compositor, director e fundador de diversos grupos corais en Barcelona. Ten editados os discos Expreso Estrella (C.D., Sons Galiza, 1994), acompañado por unha formación de vinte músicos. Porgaleuzca (C.D., Master Records, 1996), integrado por versións corais inéditas sobre cancións do colectivo "Voces Ceibes", co Coro Universitario Galego de Barcelona. 

Profesor de técnica vocal, especialidade na que se formou con Francisco Kraus e Liza Bakerkina. 

Foi membro, entre outros, do Coro do Gran Teatre del Liceu de Barcelona, recomendado por Ghena Dimitrova, do Orfeó Català, da Capella de Música Sta. Mª del Pi (Barcelona) e do octeto de jazz vocal A Capel.la. Subdirector do coro de cámara I Vocalisti, especializado en música litúrxica rusa.

Fundador e director de diversas formacións, entre as que cabe salienta-lo Coro Universitario Galego de Barcelona, o cuarteto de música sacra Ad Líbitum e impulsor da refundación do coro Lonxe da Terra do Centro Galego de Barcelona, do que é actual director. 

Fundador da Coordinadora Coral Galega de Catalunya.

Membro da FAT (Furafollas Asociación Teatral) coa que niste intre se atopa representando "Estrema", de Raúl Dans.

Comentarista musical de diversos medios de comunicación galegos na emigración.

Foi presidente do grupo de investigación folklórico-musical Marexada en Fisterra.

Cofundador da coordinadora ERGAC (Espacios Radiofónicos Galegos en Catalunya).

ESTUDIOS EXTRAMUSICAIS:

Técnica de dobraxe de películas, coa mítica Elsa Fàbregas.
Profesor de E.X.B. pola Escola Universitaria de Ourense.