Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A morte e as ánimas nas crenzas galegas

Segundo dicía Murguía, "a morte é o vencello misterioso e invisible das almas, unidas polos íntimos afectos que aquí no mundo as xuntaron. É o limiar dunha nova vida, que representa a vida eterna, sen medo á morte que non virá endexamais". 

A esta vella crenza débese, sen dúbida, o fondo arraigamento que na cultura galega posúe o culto ós devanceiros, o respecto ós mortos e as fúnebres cerimonias que rodean o paso á outra vida, como a mortalla, o velorio, o pranto, o pan do defunto e outras moitas manifestacións que son, ou foron, tradicionais. Adoitábase colocar unha cruz pintada de negro como lembranza no lugar onde ocorría unha morte violenta ou fatal; e os que pasaban polo sitio persignábanse e rezaban un Pai Noso pola alma do morto, en sinal de piadosa ofrenda.  

Peto de ánimasA conmemoración dos mortos no «país das benditas ánimas» celebrouse sempre con usos e costumes especiais, dos que aínda se conservan reminiscencias.  

Ó culto que se consagra ós defuntos ten trazos de piedade e supón a pervivencia do vello patriarcalismo que dignifica e ennobrece a familia, pois no fogar, arredor da lareira, é onde se rende o máis fondo e íntimo respecto ós mortos queridos. Ó impresionante culto dos mortos ou dos devanceiros únese en Galicia a crenza das almas en pena, da ánimas peregrinas, que integran a Santa Compaña; por iso en moitas encrucilladas dos camiños se erguen os cruceiros e os petos de ánimas, onde se depositan as ofrendas piadosas en tributo ós que xa están na eternidade.  

Existía un antigo costume popular, moi coñecido en varias comarcas galegas, no cal estaba vinculado o vello culto ós mortos coa tradición que consideraba á abella como personificación da alma inmortal. Antes de enterrar unha persoa, os familiares e amigos do finado entraban no cuarto onde xacía o corpo do defunto  e collidos das mans daban voltas arredor do morto, imitando ó mesmo tempo coa boca o zumbido do abellón. O que participaba nesta danza fúnebre e deixaba antes de tempo de dar voltas ou de simula-lo monótono son do tal insecto críase que estaba chamado a morrer de contado.  

Moitos crían cas almas das persoas que morreron volvían por veces a este mundo. Foi moi común en Galicia a crenza na aparición das ánimas xa sexa con feitío de bolboretas ou de aves comúns, xa de animais e réptiles.  

Segundo a doutrina dos druídas ("metempsicose"), as almas non finan senón que pasan de uns a outros; e hai escritores que afirman ca Vía Láctea chámase no noso idioma "Camiño de Santiago" porque é, en realidade, o camiño que levan as almas dos mortos cara á rexión das sombras, unha procesión de estrelas ou multitude de almas.  

Na vida afectiva do labrego galego desempeñaban as almas en pena un gran rol. Elas roldaban pola noite arredor da casa; penetraban no interior; falaban cos da familia; lembrábanlle o deber de cumpri-la súa última vontade, se aínda non o fixeran; aconsellábanlles que sigan o bo camiño e se afastasen da mala vida; pero sobre todo coidábanse das restitucións e dos sufraxios que se ían facer no seu favor.  

Santa CompañaEntre os ecos da treboada crían oír as xentes do rural os ais queixosos e os laios suplicantes das almas atormentadas, as que conxuraban para sabe-la causa da peregrinaxe polo mundo dos vivos. Os aerólitos que polas noites deixaban ronsel luminoso no firmamento, eran considerados polos nosos labregos como almas en pena que pasaban e por iso acompañábaos dicindo: "Deus te guíe con ben". 

As almas dos mortos que saían do purgatorio, segundo as xentes sinxelas, ou ben se presentaban na terra co feitío de pedras que se colocaban nos camiños, laiándose ó ser pisadas; ben aparecían en visións e en soños, en feitíos fantásticos e imaxinativos; ou ben se convertían en bechos que lles saían ó paso ós transeúntes.

Segundo as nosas vellas tradicións, as almas viñan á terra con moi diversas fins. Por iso nuns lugares púñanlles de comer, para que non pasasen fame; noutros botaban o día de defuntos un gran pao ó lume, para que quentasen no caso de teren frío; noutros era considerado pecado varrer pola noite a cociña porque se lles daba para atrás, empecéndolles que se acaroen á lareira; e noutros, por fin, tense por acción inhumana pechar de golpe as cancelas ou portelos, porque se mancaban.  

Todas estas crenzas populares veñen directamente do culto ós nosos devanceiros, culto que no noso país tivo, e aínda segue a ter, fondo influxo social.  

O respecto que os campesiños lle profesan ós defuntos mantense tan vivo ó longo dos tempos que cando pasan por diante dunha cruz de madeira que á beira dun camiño sinala o lugar onde ocorreu unha morte violenta, persígnanse e rezan un Pai Noso pola alma da víctima. Cando se falaba dunha persoa coñecida que xa falecese adoitan empregar formas respectuosas e mesmo pedirlle a Deus que lle perdoase as culpas, se algunha tivese; por exemplo: na vida de Deus perdoe a túa nai...; o teu fillo seméllase moito a Deus perdoe o seu pai; ou Deus perdoe o teu home.  

O primeiro coidado das nosas xentes aldeás era o de pecharlle os ollos en quente ó defunto, porque crían que se lle quedaban abertos o morto chamaría por outra persoa da familia. Tamén lle poñían o babadeiro e atábanlle un pano dende o queixo á cabeza, co gallo de lle pechar a boca. Lavábano antes de amortallalo; e se non levaba hábito adoitaban vestilo co traxe que o finado usaba os días de festa. Nalgunhas comarcas había o costume de retira-los gandos que houbese  na corte da casa, para que non estivesen nela cando sacasen o defunto para o cemiterio pois sería prexudicial para as reses non ter esta precaución.  

A conducción dos defuntos á derradeira morada adoitaba facerse acompañada do tanxido fúnebre das campás da parroquia e os cantos e responsos dos cregos. Noutros tempos participaban na comitiva as choradeiras que ían facendo o pranto dende a casa mortuoria; e aínda que ese costume desapareceu, pódese dicir que a súa lembranza queda na coñecida frase o pranto sobre o defunto. Non hai moito tempo, os ósos dos defuntos foron considerados eficaces para a fortuna en amores e namoramentos.

A morte nas crenzas galegasOs enterros en Galicia deron orixe a costumes curiosos, como o do pranto, que vén de moi antigo no noso país. Non só eran as pranxideiras as que ían ó enterro entoando laios detrás do cadáver, senón que eran os mesmos descendentes e deudos do defunto os que participaban nesta fúnebre cerimonia, concorrendo á igrexa cando as exequias se facían de corpo presente, prorrompendo alí en berros e ais de dor que se confundían cos cantos litúrxicos. O pranto, costume antiquísimo que case foi xeral en Galicia, practicouse na maior parte das nosas aldeas como rito fúnebre.

A categoría social do defunto e a posición económica da familia estaba en relación directa co número de pranxideiras pagadas que participaban nas lamentacións dos cregos e facendo ademais demostracións descompostas, como se quixesen enterrarse co defunto. Noutros lugares ían varias mulleres diante do cortexo mortuorio  levando cestas con viandas e viño e nas encrucilladas do traxecto, mentres o clero entoaba un "requiescat" poñíase nun banquiño o cadaleito e noutro as cestas de vianda, que eran consumidas polas choradeiras; e así, logo de verificada a inhumación, daban conta da manduca sentadas en corro no adro que, ata hai pouco, era asemade cemiterio en moitas parroquias rurais.  

En Cesures, segundo conta  Álvarez Limeses (Geografía de Galicia. Provincia de Pontevedra) ían á cabeza do enterro de unha a seis mulleres, cada unha cun saco branco, que contiña  un ferrado de millo, como dereitos do párroco. O número de mulleres estaba relacionado coas posibilidades económicas da familia do morto. Noutros lugares, momentos antes de saír da casa mortuoria o cadáver e de se poñer en marcha o enterro, saía unha muller cunha cesta con comida e viño, para agasalla-los concorrentes que fixesen ofrendas de responsos pola alma do morto.

En non poucas comarcas, os familiares máis achegados (pais, fillos, esposos e outros parentes) tamén participaban no enterro; e cando a caixa estaba xa na foxa, e antes de que o sepultureiro botase as primeiras pas de terra, collían terróns a presadas, bicábanos con devota emoción e deixábanos caer encol do féretro, sendo nalgúns lugares comezada esta piadosa cerimonia polo fillo maior ou o parente máis achegado, e estando noutros lugares reservado a este exclusivamente tal dereito. 

 Outro costume que estivo moi estendido nas aldeas, cando se trataba de persoas podentes, consistía en agasallar cunha apetitosa comida ós cregos e demais persoas que concorrían a tódolos actos rituais da inhumación.  Nos enterros de persoas de alta posición, que tiñan e cobraban foros e censos, adoitaba darse un corte de pano a tódolos caseiros e rendeiros que concorrían ó enterro. Naqueles de menor rango, pero tamén dalgunha significación, o pano regalábase soamente ós que levaban o cadáver dende a casa mortuoria ó cemiterio. Era case obrigado que os que recibían o agasallo o levasen dobrado sobre dun dos ombreiros durante o traxecto. 

candea acesaAta finais do século XIX os enterros realizábanse en Santiago de Compostela nas primeiras horas da noite, entre silandeira comitiva que rendía homenaxe funeraria ó defunto alumeando o paso con fachos de cera. Esta tétrica procesión foi suprimida polo Concello compostelán despois do ano 1886. Tamén na Coruña ían ata finais da primeira metade do século XIX os enterros acompañados polos acollidos nos establecementos da beneficencia oficial, vestidos de acólitos con roquete, bonete e unha especie de hábito negro, levando en alto  farois con velas de cera acendidas e formando dúas longas fileiras diante do cortexo mortuorio. Canta máis lonxitude tiñan as fileiras, maior importancia e magnificencia revestía o enterro para a opinión popular. É corrente, cando pasaba un enterro, que cantos o atopaban se descubrían respectuosamente ó seu paso, vindo a constituír esta silandeira manifestación como o póstumo homenaxe de despedida ó morto.

Entre as vellas supersticións dalgunhas das nosas xentes aldeás figuraba a de crer que na casa onde había un cadáver ningún neno debía estar durmido nos intres de leva-lo morto dun cuarto a outro, ou de sacalo para levalo ó cemiterio, pois críase que podía perigar a vida ou saúde do neno.  

O convite fúnebre consistía nunha comida que o día de defuntos se poñía para os mortos en moitas das nosas aldeas. Era un costume popular que viña transmitíndose de pais a fillos e que obedecía á antiga crenza de que os que morren tamén precisaban dos auxilios corporais dos seus descendentes. Foi desaparecendo pouco e pouco, mantendo de modo que o convite fúnebre non faltase en ningunha casa acomodada, celebrándose na mesma casa do defunto, logo de recibir sepultura.

Había quen aseguraba que esta comida tivo por base nos primeiros tempos a necesidade de evitar que os cregos e os amigos que acudían ó enterramento dende aldeas afastadas marchasen de volta sen comer, logo de rematados os funerais e o enterro, entre a unha ou dúas da tarde. Sabendo que a hora do xantar das xentes do rural era xeralmente a de mediodía, era unha falta de consideración ca familia do morto deixase marchar con fame os amigos que viñeran ofrecerlle unha proba de agarimo e de condolencia, tendo que percorrer a pé, e sen comer, unha ou máis leguas de malos camiños e corredoiras. Sen dúbida por iso, o vello costume veu conservándose ó longo de centurias, malia as prohibicións de que foi obxecto polos concilios e sinodais dos séculos XI ó XVI; pois xa no ano 1050 se ordena "que los clérigos y legos que asistieron a los convites que se dan después de las exequias, coman el pan del difunto, de modo que ofrezcan algún bien por su alma"; aínda en 1576 o arcebispo de Santiago prohibe "además de los convites fúnebres, los que llaman clamores", que son, sen dúbida, os prantos das pranxideiras. Nun testamento feito en Ourense a comezos do século XVIII rexístrase a curiosa cláusula: "Item mando... y poner sobre mi sepultura con cuatro blandones, cuatro velas, pan, vino y baeta sobre mi sepultura, durante el año y día de mi fallecimiento...".  

O convite fúnebre, o mesmo que o banquete fúnebre, non son privativos de Galicia, pois tamén existiron en Irlanda, en Asturias e noutros países. En opinión de Murguía eran unha especie de holocausto que viña directamente dos ritos funerarios célticos e obedecían ó precepto popular de considerar sagradas as almas dos devanceiros.

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez