Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Meu Buenos Aires querido ( Autor: Xosé Neira Vilas )  

Artigo extraído do xornal "O Correo Galego" publicado o domingo 10 de marzo de 2002.-  (fragmento) 

 

Bos Aires, ArxentinaO nome da gran cidade sudamericana repítese unha e outra vez no mundo enteiro dende hai varias semanas debido á crise que vive toda a Arxentina. Buenos Aires, esa 'cabeza de Goliat', tal a denominación acuñada por Martínez Estrada, foi unha referencia entrañable para min dende meniño, dende que comecei a ollar o mundo a través dos palitroques do berce. Unha referencia familiar. Porque a emigración marca todo en Galicia, este país-maleta. Os primeiros emigrantes chegaron a aquelas terras o século XVIII. Eran colonos que arribaron coas súas familias na época do virrei Vértiz. A riada foi a máis, e en 1960 había catrocentos mil galegos nativos só na Capital Federal. De Buenos Aires viñeron a este país escolas, ideas de progreso, estatutos para sindicatos, e o diñeiro, peso a peso aforrado, para erguer casas novas, redimir foros, desempeñar leiras e moitas cousas máis. 

En Buenos Aires editáronse libros na nosa lingua que aquí estaban prohibidos pola censura, patrocináronse concursos literarios e musicais, mantívose a dignidade e a acción cultural galega en tempos difíciles para a Galicia territorial. Foi o destino de exiliados como Castelao, Luis Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Suárez Picallo e moitos outros nomes claves das nosas letras e das nosas artes. Na década dos cincuenta, os nosos emigrantes crearon alí máis dun cento de asociación, dezaoito coros, bandas de música e sesenta e cinco grupos de gaiteiros. Dictáronse clases de lingua, literatura, xeografía e historia de Galicia, creáronse grupos teatrais, emisións de radio e centros culturais de primeiro orde. 

Cadroume de vivir a demagoxia de Perón, as 'vacas gordas' derivadas das vendas de trigo e carne vacún ós países de Europa desfeitos pola Segunda Guerra. Tamén vivín a desmesura do 'culto á personalidade', nas estatuas, nos himnos e nos nomes de provincias e de centos de avenidas nas máis importantes cidades do país, que se chamaron Perón ou Evita. E outras aberracións que sería longo enumerar, como os días de salario que nos obrigaban a doar con destino a unha fundación caritativa. E enriba tivemos que lamentar que aquel réxime populista fose derrocado por uns militares (encabezados por Pedro Aramburo e Isaac Rojas) de signo reaccionario que barreron gradualmente con certas melloras sociais que acadara a clase traballadora.  

Buenos aires foi a primeira e querida cidade de milleiros de galegos chegados das nosas aldeas; foi a posibilidade de desenvolver potencialidades latentes en moitos de nós; foi o novo horizonte, a porta aberta ó mundo. Máis alá dalgunha anécdota recente, nunca os galegos fomos alí discriminados. Incorporámonos sen reservas e acabamos tomando mate e bailando tangos.  

¿Cando comezou a deteriorarse a Arxentina? Teño para min que foi co cuartelazo de Uriburu, en 1930 (*) , que derrocou ó presidente radical Hipólito Yrigoyen. Dende entón houbo só breves períodos de gobernos civís estables. O demais foron dictaduras militares que tiveron a súa culminación na etapa que comezou en 1976, con milleiros de asasinatos e de desaparecidos.  

A corrupción instalouse no país hai moitos anos e acabou con el. A alarmante fuga de capitais e de cerebros, amén doutras eivas, derivou no que está ocorrendo.  

Os números contan e cantan. Arxentina produce cada ano, entre cereais e oleaxinosas, 66 millóns de toneladas, 850.000 toneladas de pescado, 75 millóns de toneladas de petróleo, por poñer só algúns exemplos. Aplicouse un neoliberalismo salvaxe e estes son os resultados. Venderon todo e non se sabe a onde foron dar os cartos. A débeda externa arxentina era, en 1990, de 62.000 millóns de dólares e agora é de 145.000. Multiplicouse 2.3 veces en dez anos.  

Os que amamos aquel país doinos moito esta situación. Pensamos nos nosos emigrantes. Neses moitos que, coma min, sinten no corazón ó Buenos Aires querido.

 

(*) En el libro Yrigoyen, el historiador Félix Luna testimonia que el golpe "olía a petróleo" ya que estaba detrás la empresa norteamericana Standard Oil.