Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Manuel María 

Escolma poética


Entre a arxila e a luz - Texto íntegro



paisaxe

A ti, Saleta, que fixeche
florecer, pra sempre, a miña arxila. 



TESTIMUÑA

Estou entre a néboa, eiquí en Galicia.
Non teño dornas pra navegar o mar
que peta en mín, mouro e terribel.
Profesei de galego dende neno
na miña Terra Chá senlleira e longa.
Por sucos teño as miñas veas,
unha soidade fonda por semente
e por terra cativa este meu corpo
feito de arxila feble e pecadora.
Dos meus escuros beizos estas verbas
que anceian voar como paxaros
polo ceio pequeno de min mesmo.
Agardo, ano tras ano, pola rosa
que ten que agromar, fermosa e branca,
pra xustificar así a miña vida
escura e caladiña baixo o vento
sotil e misterioso de saudade.
E falo decote nesta música
na que canta Galicia dende sempre.



NOTICIA DUN AMOR

I

Denantes a miña vida era unha moura soedade choída
e tódalas flores que agromaban en mín
eran desfolladas polo vento con un soplo levián.
O meu corazón desfalecía na noite tristemente
agardando un mencer de anceios e paxaros
que fixeran xurdir en mín un carabel de amor,
unha sede nova prós meus beizos nuos de degaros.
Eu andaba de tumbo en tumbo, sin saber
onde estaba a luz milagreira que tiña de alumar
os meus degaros tolos, os meus vieiros sin termo:
esa sede escura que no meu ser fondamente aniñaba
facéndofme tremer coma a un neno pequeno
que tivese medo de atopar a noite no seu berce.
O tempo non era un gozo longamente desfollado.
O tempo compúñase de intres desartellados
que asesinaban a miña vida impunemente
e a mín quedábanme un cadavre de horas tristes.
Un día o meu corazón abriuse como unha flor noviña:
as miñas maus non poideron, entón, con tanta luz.
A vida voltouse unha ledicia, un alto gozo,
unha marea de anceios puros a queimarme
todo o que denantes era mouro e noxento.
O tempo xa era lumioso: unha impacencia
pra ter o espíritu limpo de cinzas e morrallas
con que denantes luxaba a miña vida pobre.
O vento era unha sotileza de azas novas,
a luz voou dende o meu corazón como un paxaro,
o meu ser estremeceuse con tremor de aza
e agardei a gracia do amor con humildade.


2

Non sei como decir agora o meu degaro.
As verbas eran unha confesión sinceira
e tiñan un lonzano brilo de luceiros.
As verbas ficaron na tarde como un ave.
As verbas foron purificadas polo lume
no mais puro e coutado de nós mesmos.
Despois ollámonos. A nosa ollada
era un amor limpísimo: un darse
con toda lealtade, fidelmente.
O teu mundo, amiga, puro como a auga
cun recendo a terra e a mazás
e unha esperanza de luas e de ventos.
Eu dinche, amiga, a miña sede
e desfollei a rosa dos teus beizos.
Tremaba a nosa alma tenramente
como unha cana movida polo vento.
Nos teus ollos toda a maravilla:
un mundo de soños e silveiras
no que eu enguerellei o corazón,
no que deixei prendida a miña vida
pra que florecera así o carabel
mais nidio e fondo que nós temos.
Hastra o vento tiña as tuas maneiras,
tenras e lenes como un bico
maduro de aglaios e de chíos
que viñan verdadeiros pra arrolarnos.
E a nosa carne, ardendo de degaros,
era un fume azul de trasparencias
como un canto de cuco nas mañás
cando o mundo desperta do seu soño.
Sentimos en nós un día clarísimo:
enchéronse de luz os nosos nomes
e naceron ó amor as nosas vidas.
Era todo belido. E nós como duas rosas
traspasadas de amor. Nosa roseira.


3

Ainda non todo está choído en nós.
¡Qué enorme sorpresa cada día
ó recoñocer, cos ollos alcendidos,
o regato de luz que traen as mañás!
O amor é un gozo decote mais metido
na descoñocida escuridade do meu ser.
Nas miñas ponlas cantan os paxaros.
Unha sorrisa abonda pra sosterme
e un sol maino mainiño brila en mín
como na noite centilan os luceiros.
¡Qué ledicia, pois, ir atopando
regueiros de auga clara dentro dun
e unha música leda que me canta e arrola!
Un presinte, na fonte do seu sangue,
como un chirlo de anduriña axota ó ar
e unha ledicia calada aniña en mín.
Agora eiquí me tés. E non me importa
derramar na tua mau a miña luz
con tal que ti sorrías complacida.
Pra pouco quero a vida si ti non a desfollas
cos teus dedos delgados e amorosos
a tecer unha tea de imposibeles
pra que teñan complimento os teus afás:
eses soños sagredos que tí soñas.
Tí daslle un senso eterno a miña cinza
e un doce amor ó desamparo
calado do que fun e do que son.
Estén sempre en mín, e ven salvarme
de tanta incertidume que me vence,
de tanta fraxilidade que me afoga,
de tanto lume que me queima,
de tanto sentimento que eu derramo.
Agora eiquí me tes. E tesme sempre.
Perdona a miña lama. Por veces eu non sei
que poden magoarte as miñas verbas
e que pode luxarte a miña lama.
Eu son home tan só. E debes comprender
a escuridade que leva a miña arxila
e as paixós que agacha a miña carne
impura e fleve. Cecais eu non estou
en estado de gracia pra tocarche.
As miñas maus cecais ainda non teñen
pureza dabondo pra recibir os teus soños,
pra agarimar, amiga, os teus cabelos.
Agora eiquí me tes. Estou eternamente
agardando a tua brasa pra queimarme.


5

¿Non ollas a Primaveira? ¿Non ollas, amiga,
como relumbra a estrela? ¿Non sintes
este lume que nos queima e traspasa?
É o tempo. O tempo loita en contra nosa
mais temos de vencelo. O noso amor
ten que loitar co tempo e co destiño
das cousas que usamos acotío.
Só o amor é puro. Só é verdade o amor.
¿Qué senso tería o mundo sin amor?
¿Qué senso teríamos nós sin o amor?
¿Pra qué ollamos, amiga, prás estrelas
si non fan brilar mais o noso amor?
¿Pra qué as nosas verbas, os noso ollos
si non estiveran abertos ó amor?
¿Pra qué queremos, amada, a nosa vida
si non agroma néla o noso amor?
Tan só o noso amor. O noso mundo
mais noso e persoal que nos rodea.
O noso amor, amiga. Este amor
que nace en nós tan só e en nós remata.


6

Dín noticia de mín. Son un home sinceiro
que percura pureza na canción.
Sei que a verdadeira canción é a do xílgaro:
o amor canta na sua voz. E cando a escoito
a ese do teu nome, amiga, en mín se enreda.



ESCURA NÉBOA

Perdona a miña néboa, o meu desorde
e este vento tan forte que me ten
xunguido a unha chamada misteriosa.

Abrín as miñas portas e tí entrache
senlleira e caladiña no meu ser
e choerónseme, entón, tódolos medos.

Xa en min, pra sempre, é Primaveira.
Agroman as tuas verbas no meu peito
como agroman as rosas: docemente.

As tuas maus mainamente pousadas
sobor da miña frente sin garimo
pra aloumiñar, amante, os meus anceios.

¡Qué gozo, meu amor, ver nos teus ollos
toda a luz da mañá, todo o orballo
co que ún ven soñando dende sempre!

¡Ven, amiga, matar a miña sede
e ouvirás cantar en tí ese paxaro
ó que eu chamo corazón sinxelamente!



DEGARO

Quero, pra alumarme, a tua sorrisa:
esa luz maina e tépeda
que me agarima como veludo o corazón.

Xa ves, amiga miña: eu estou só
e na noite escentilan as estrelas.
E os meus soños percuran os teus soños.

Teño un sabor a fel na miña língoa
namentras non escoito as tuas palabras
que caen en mín como unha choiva tépeda.

Esquence, amante, a tua soidade.
Date a mín
que eu te cinguirei como unha hedra.

Sinto agallopar por min salvaxes poltros:
é a miña vida madura esligando
por agarimarte toda como un vento.

Recorre a miña alma enteiramente
e que os teus beizos
me veñan xa matar esta impaciencia.



ETERNIDADE

Tí estás sempre eiquí, na miña vida.
Síntote latexar no meu aceso pulso.
Enches a miña terra
e o meu sangue é un desbordado río
no que se vai sulagado
o meu silencio de home.
Tí enches o meu tempo e xustificas
este amor xubiloso que arde en mín
deica voltar chama o corazón
pra alumar a tua soidade de muller
que me vencella
a un xeito de amor apaixoado.
Pra pouco me valen as palabras:
abóndame só unha, clara e fonda,
pra decir o teu nome mainamente.
Todo o mundo é pequeno
pra conter este amor que me encadea
enchendo tódalas cousas co seu lume.
Eu tiven que tirar o meu pasado
e tí esquenciche intres tristeiros
que pesaban na tua lembranza amargamente.
Agora todo é sinxelo: estás na miña vida,
eres como unha terra de meu
na que semento amor pra namorarte
esgotando as posibilidades que en mín teño
pra cumplirme tal e como son.
¡Si ollaras a miña fondura de home
velando a tua sorrisa mais pequena!
Por tí vou intre a intre, día a día,
inventando os meus merlos
pra que canten o gozo de quererte.
E cuido con amor estes meus ollos
pra que teñan pureza pra ollarte.
E luio as miñas toscas maus
coa dozura purísima do vento
pra que non manquen as tuas maus
sotiles como o nacemente da luzada
na tenra pureza do mencer.
E este meu corazón, sempre sedento,
que denantes se prendía en cada cousa,
latexa só pra tí, amiga miña,
ánfora de luz na que eu derramo
o vinagre de toda a miña dor.
Tí estás eternamente enraízada
na terra humana da miña vida.
Sementa a miña pobre arxila
pra que floreza a ledicia de acotío.
Cuida a ave azul do meu sentir
pra valeirar o pozo do meu peito.
Que os teus dedos amorosos tezan
o fío sotil dos meus receios.
Anceio dormirme no teu colo
e que a tua man se pouse nos meus ollos
pra aloumiñarme os soños mais amados
e reter así
a posesión que tomache do meu ser.



CANCIÓN

No fondo dos teus ollos
dorme un vento
con recendo a cervos
e a carqueixas.

No fondo dos teus ollos
unha paisaxe
na que agroma a tenrura
docemente.

No fondo dos teus ollos
a miña presencia
pra borrar
esa sombra fleve de soidade.



TRISTURA

Hai intres tristeiros e terribeles
nos que estamos sin nós e sin ninguén.

Algo morreu nún sin decatarnos:
a chama da nosa pouca vida
é un salouco só que non latexa.

E o amor que nos feriu tan fondo
é unha lembranza
que traguemos cansos baixo o brazo.

Semella o corazón un ermo triste
e é a alma como unha fonte seca.

Cando volta a vida a relumbrar
o amor é deslumbramento
na escura intimidade de nós mesmos.

E non me importa ren morrer de amor,
amiga miña,
xa que morrer é so perder a vida.



CINCO POEMAS BREVES

1

A tua presencia enche canto son:
a cunca dos meus soños
e ese frío invisibel que vencella
a miña sede mortal e o teu amor.
En tí a miña luz.
E en tí enraizada
a árbore misteriosa do meu ser.


2

Vermello é o meu soño como o lume
que arde en mín pra sulagarme
baixo as ardentes chamas do desexo.
So os teus garimos tan sotiles
como o canto do cuco na mañá
que amañece limpísima en nós mesmos.
E a flor da tua sorrisa é como o chío
desa escura anduriña que se vai.


3

Ti estás no meu tremore eu no teu anceio
e douche unha estrela namorada
pra que relumbre en tí a miña sombra.
Non sei si canta a árbore ou o paxaro.
Só sei dese misterio
antigo como o mundo que nos ten
ó mesmo destiño encadeados.
Polas nosas veas
sube unha música docísima:
é como si un milagreiro violín
nos enchese de azul o corazón.


4

Toda a mágoa do mundo
vive en mín.
A amiga está lonxe
e xa non sei
pra que quero este tempo
que é un triste oco inconsolábel.




Amiga: tes tremando nas tuas maus
esta vida miña tan pequena
enredada a tua vida
como si unha hedra
viñera ennovelarnos o sentir.
Enches os meus ocos
habitados denantes por un vento
zoupado de soidades e negruras.
Dame os teus beizos
pra matar dunha vez a miña sede.
Dame os teus peitos soaves
pra deitar neles as quimeiras
de tanta noite incerta e tanto medo.
Dame os teus muslos perfeitísimos
que eu os tanxerei cunha música
antiga e tentadora como un viño
gardado somentes pra un deus.
Date a mín, amiga,
do xeito mais puro e mais sinxelo
e teremos os dous eternidade.



DESAMPARO

Hai vegadas que ún é tan pobriño
que non ten unha verba
pra decir este amor
que leva tan metido no seu sangue
como o latexo mais íntimo do ser.
Un ten o seu amor e pouco mais:
o cigarro que agora estou fumando
e a paisaxe doce e simple
que un ama totalmente dende neno.
Mais tí dasme todo aquelo
que ún non pode atopar
por moito que busque e que rebusque
no corazón dos homes, meus irmaus,
nas follas dos libros,
no senso do mundo que me cingue
a miña talla de home xustamente.
E no teu cosmos pequeno, tenro e doce,
está a inmensidade
do mundo que eu percuro dende sempre.



TEMPO

O tempo, non sei como, foi enredando
a tua presencia nidia no meu ser
como a hedra se enreda na parede.
Sinto no corazón as tuas raíces
e corre por tí o celme meu
mentras un gozo purísimo me enche
poñendo regueiros de luz nas miñas veas
denantes queimadas de soidades.
Xa non voltará a ser o meu compañeiro
o vento que achaiaba a miña terra
cunha longa música tristeira.
Son un home ceibe: a rosa medra
na choída soleira do meu eido.
O tempo é un silencio que me afonda
amansando as maruxías do meu mar
neste anaco de paz que eu degoraba
pra alcender puras as lembranzas
de outro tempo calado que vivín
cos soños imposibeles proxetados
cara ó tremor incerto do iñoto.
O tempo veu ferirme e ollei caer,
como caen as follas, canto amei.
Entón eu decateime
do meu maduro Outono esmacelado
e merquei co seu ouro nova vida:
en mín agromou a esperanza novamente
e naceume no corazón un tempo novo
e foi posibel así a sementeira
deste amor total que me encadea
a un destiño limpo como a neve
que viste de pureza ós outos cumes.
En mín é todo amor: o ceo, a luz,
e esta carraxe lixeira que rebule
querendo murchar as miñas rosas.
O tempo foi madurando a miña carne
e enchéndome a sorrisa de infinido.



NOITE

Cando na noite me ten a escuridade
ollo xurdir clarísima a tua imaxe
que ven esborrallar
a tebra que me cingue e arrodea
e pon no meu corazón tremor e medo.

Ainda que brilen e rebrilen as estrelas
a noite é un oco longo, interminabel
que só o amor da amiga pode encher
coa sua presencia plena e amorosa.

A noite é un enemigo e ven ferirme
co afiado coitelo da sua sombra.
E só o teu amor, amiga miña,
ten forza dabondo pra pechar
esa ferida que a noite fai en mín.



CERTIDUME

Un vai pola vida a cegas, sin saber
con que cousas quedarse
pra poder cumplir o noso destiño
escuro como unha noite sin estrelas.
Na miña incertidume
estou só certo dunha cousa:
do teu amor que me posee
como nunca me poseeu cousa ningunha.
E tamén sei que nada pode alumar
a miña escuridade de home
se non é
a luz sobrenatural do teu amor.



PLENITUDE

Eu agora vou decir que o noso amor
era un pasmo calado, un silencio
que estaba enraízado en nós os dous.
¡Qué cárcere anguriosa, qué agonía
aquelo que vivían en soedade
coutado como un mundo inacesibel
que ún non podía descobrir doadamente!
A nosa voz era pouca e non chegaba
pra encher dunha vez aquel silencio.
Somentes algo máxico -tí ben sabes-
fixo xurdir en nós un gozo novo.
E todo foi sinxelo: nós, a tarde
e a canción que cantou aquel paxaro.



PREGO

E doloroso o ir ollando
como as cousas
e os homes
nos van deixando sós,
en desamparo.

Sería terribel comprobar
que estaba sin resposta
o noso amor.

Eu dou gracias,
porque a amiga
aluma coa sua luz
á miña arxila.



AFIRMACIÓN

Esa voz, tan tua, que xa é miña
ábreme na intimidade claridades
cara ó gozo infindo do saberte
comenzo e remate de mín mesmo.

Dígoche quen son pra que olles
a miña carne chea de tremores
e a alma ateigada de incertezas
que só de tí agarda salvación.

É hora de decirche que son fleve,
unha sombra, unha folla pequena
a que fai tremar o vento mais sotil,
e a que pode matar o vo dun merlo.

É hora de decirche que o amor
é a razón de ser da miña vida:
ese soplo levián que vive en tí
agardando tan só pola tua vida.

Xa é hora de decirche pra sempre
que é o amor como un penedo:
unha árbore plantada no meu sangue
que non pode arrincarse sin matarme.


1956-57 

Fonte  : Biblioteca Virtual Galega

Volver a:   Manuel María