Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Manuel María

Escolma poética


ACUSO Á CLASE MEDIA (do libro "Remol")



Manuel MaríaPra Carmina e Basilio Losada Castro.



Acuso á clase media —grandes e pequenos burgueses—
porque eles foron e son os que traicionan
o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galicia.
Pertenzo ao povo e falo no seu nome.
Falo en nome dos mariñeiros, dos labregos,
dos ferreiros, dos criados de servir,
dos zoqueiros, dos muiñeiros e arrieiros;
dos humildes carpinteiros de ribeira,
dos alugados que ian a Castela;
dos caseiros que non teñen terra de seu;
dos que se ven obrigados a emigrar;
dos pobres de espírito e dos pobres de pedir;
do coitado xornaleiro que de sol a sol
ainda anda virando a terra co arado romano.
Falo en nome de todos aqueles que,
anque teñen razón, non llela dan.
Acuso á clase media de egoísmo,
de non ser solidaria co seu povo,
de brutalidade e de ignorancia,
de lle bicar os pés aos poderosos,
de traficar coa fame e coa miseria,
de vivir na súa terra despreciándoa,
intentando borrar o seu ser idioma,
asasinando o seu ser diferenciado.
Acuso á clase media de servil,
de axionallarse diante dos que mandan,
traicionando aos seus, á xente súa,
ao povo indefenso e aldraxado.
Acuso á clase media de imitar
as modas que impoñen en Madrid
e de pechar cobardemente os ollos
ás realidades que teñen diante si.
Clase media, grandes e pequenos burgueses,
comerciantes enriquecidos co estraperlo,
viñateiros, aceiteiros, contratistas,
abogados sen lei e sen conciencia,
propietarios de casas e de contas correntes,
burócratas que adulades ao amo
e que esquecedes ao povo do que vides;
xentes que comerciades coa emigración,
coa fame, coa inxustiza e coa miseria;
ladróns que procurades títulos nobiliarios,
asasinos que mercades indulxencias e autos
derradeiro modelo que vos leven ao ceo,
no nome do povo, eu vos acuso! 




Fonte  : Biblioteca Virtual Galega

 

Volver a:   Manuel María