Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

MANUEL LUGRÍS FREIRE: 

O HOMENAXEADO DAS LETRAS GALEGAS 2006

 

BIOGRAFÍA

ESCOLMA DA SÚA OBRA

      

Manuel Lugrís Freire,  o elixido das Letras Galegas 2006A Real Academia Galega confirma que o día das 'Letras Galegas de 2006' estará dedicado a Manuel Lugrís Freire 

Publicado en Galicia Hoxe, sábado 2 de xullo de 2005

 

A CORUÑA. E.P. 

O plenario da Real Academia Galega, reunido hoxe na Coruña en sesión ordinaria, acordou dedicar o 'Día das Letras Galegas de 2006' a Manuel Lugrís Freire (Sada,1863-A Coruña, 1940), pola súa contribución en defensa do idioma galego.

Segundo salientou a Real Academia Galega, a biografía e a obra de Lugrís mostran "unha vida de total entrega á dignificación e á normalización da lingua galega, sempre unida á defensa de Galicia, para o que participou na creación de moi diversas entidades políticas e culturais".

Entre os datos biográficos máis salientables está o feito de que Manuel Lugrís fundou en Cuba o primeiro xornal escrito integramente en galego (A Gaita Gallega, 1885-89); foi un dos membros fundadores da Academia Galega e o seu presidente entre o 28 de abril do 1934 e o 20 de agosto do 1935 e foi o primeiro en usar en público o galego nun mitin, en 1907 en Betanzos nun acto do Sindicato Solidaridad Gallega do que fora fundador.

Asemade en 1916 participou na constitución da Irmandade da Fala da Coruña; en 1922 publicou Gramática do idioma galego, a primeira escrita no noso idioma; en 1923 ingresou como correspondente no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Pondal; e en 1932 participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía (e logo do proxecto), en representación do Partido Galeguista. 

PRODUCIÓN LITERARIA

No que respecta á produción literaria, tratou practicamente todos os temas, pero salienta sobre todo a súa obra teatral, coa que inaugurou o teatro galego en prosa. En 1894 publicou o primeiro libro de versos, 'Soidades'; en 1901, 'Noitebras', tamén un libro de versos. En 1903 publicou 'A Ponte', unha peza teatral que se estreou no Teatro Principal da Coruña ese mesmo ano; en 1904, o drama 'Minia', que se estreou no Teatro Jofre de Ferrol, e 'Mareiras', drama estreado no Teatro principal da Coruña. 

En 1906, Manuel Lugrís deu a coñecer o drama 'Esclavitú', que sería estreado en 1910; publicou 'Contos de Asieumedre' en 1909; dez anos despois, 'Versos de Loita' e a comedia 'Estadeíña'; en 1927, o libro de poemas 'Ardencias', e, ao ano seguinte, outro poemario que titulou 'As mariñas de Sada'. 

Ademais da súa extensa produción literaria tamén hai que destacar as súas colaboracións na prensa da época, da que dan boa mostra os artigos publicados en 'Revista Gallega', 'A Nosa Terra', 'A Gaita Gallega' e 'El Eco de Galicia', entre outros xornais.

 

 

Fonte: Biblioteca Virtual Galega